SANTOS, DEFUNTOS, MAGOSTO, SAMAÍN E HALLOWEEN: ENTRE A CONFUSIÓN DAS TRADICIÓNS E OS MITOS DO ALÉN GALEGO.
Co gallo das
celebracións de Santos e Defuntos, desde o Museo da Terra de Melide propoñemos
un achegamento ás orixes, aos significados e ás diferenzas entre o Samaín, o
magosto e o Halloween, tres celebracións que, malia presentaren determinados
elementos en común, responden a contextos históricos e tradicións culturais
diferentes.
Ao longo deste
artigo abordaremos tamén o rico universo de crenzas, rituais e manifestacións
populares relacionadas coa morte e co mundo do alén en Galicia, prestando
especial atención á Santa Compaña, unha das expresións máis singulares e
representativas do noso patrimonio inmaterial.
O obxectivo é ofrecer unha visión divulgativa, pero fundamentada no coñecemento histórico e etnográfico, que permita comprender mellor estas celebracións, aclarar algunhas confusións frecuentes e, sobre todo, poñer en valor as tradicións propias de Galicia, os seus significados e a memoria colectiva que as mantivo vivas ao longo das xeracións.






