mércores, 2 de outubro de 2024

PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS DE GALICIA (2ª entrada):
MUSEO MUNICIPAL DE PONTEAREAS


A mediados do mes de decembro do 2023 iniciamos un percorrido polos museos de ámbito comarcal espallados pola xeografía de Galicia. Ben é certo que a idea inicial era ir un pouco máis áxiles con estas entregas, pero por circunstancias de programación non resultou posible poder ir agregando contidos a este respecto, mais a intencionalidade é que a cadencia non sexa tan espaciada.
Nesta segunda entrega queremos amosar unha visión do Museo Municipal de Ponteareas que, centrado no eido arqueolóxico e histórico, amosa unha visión do pasado local así como dos restantes concellos das comarcas do Condado (da cal Ponteareas é a súa capital) e das veciñas comarcas da Paradanta e do Baixo Miño, das que hai mostras do seu pasado arqueolóxico.
Trátase dun Museo inaugurado no ano 1993, nunhas modernas instalacións, acondicionadas ao efecto, que manteñen unha parte significativa dun notable complexo fabril do século XIX dedicado ó curtido das peles. As instalacións rehabilitadas (da antiga curtiduría GARRA) ó efecto de acoller á Biblioteca Municipal e o Museo, resultan acolledoras e dignas para a función cultural que desenvolven.
Na ala esquerda do conxunto construído sitúanse as instalacións do Museo, pechadas polo muro de pedra que no seu momento abrangueu a zona dos píos de curtir, dos que se amosa musealizado un deles, de bo tamaño e de planta circular, enriquecendo dese xeito o valor expositivo.
As dependencias do Museo asócianse cun amplo espazo diáfano, no que non existen vertebracións espaciais, nin diferencias de altura en plano, o que contribúe a que a visita resulte confortable, cómoda e moi visual . Así, imos ser quen de enxergar, nunha primeira ollada, a dimensión da instalación do museo e tamén a súa concepción espacial.
Na primeira parte do Museo faise unha profunda análise sobre a realidade arqueolóxica local e zonal, iniciando o percorrido polas industrias talladas dos estadios paleolíticos e rematando no período medieval. Por medio están presentes, e ben representados, o Neolítico, o Calcolítico, a Idade do Bronce, a Cultura Castrexa (asociada á Idade do Ferro), a Romanización dos castros e, por último as esferas do poder do Mundo Romano (tanto no Alto coma no Baixo Imperio).
O percorrido pola realidade arqueolóxica comarcal vai da man dun bo número de paneis explicativos, con ampla información complementada por un suxestivo apartado gráfico, a xeito de fotografías, ilustracións e recreacións. Dese xeito pode entenderse o modo de vida nos tempos prehistóricos, protohistóricos e históricos, tanto a nivel xeral como, concretamente, a nivel máis específico.
A visita tal e como se dixo, resulta amena, toda vez que a distribución das vitrinas e dos paneis explicativos se desenvolven de xeito lineal e temporal nun espazo nada opresivo e fundamentalmente cómodo para un itinerario cultural.
Entre as pezas da colección arqueolóxica hai moitas que chaman a atención ó espectador ou visitante. Así, dese xeito, podemos ver unha moi boa colección de industria tallada ou lascada dos tempos paleolíticos; mostras da industria das primeiras metalurxias; unha rocha de soporte dun petróglifo de temática simbólica procedente do Chan da Gándara (Mondariz); e unha amplísima colección de obxectos asociados ó fenómeno castrexo (procedentes fundamentalmente das escavacións do Castro de Troña) entre as que podemos ver unha ampla mostra de cerámica indíxena e de importación, ademais de obxectos líticos, metálicos, numismáticos e vidros. Entre as pezas podemos admirar un gran dolium (recipiente de almacenaxe de gran tamaño), fragmentos de ánfora, cerámicas decoradas de produción local; bracarenses; Terra Sigillata; cerámica fina de Melgar de Tera; campanienses... Tamén se pode apreciar unha figuriña togada realizada en bronce e mesmo algunha mostra da plástica xeométrica decorativa castrexa, procedente das escavacións de Troña e doutros xacementos da contorna.
No eido da arqueoloxía medieval podemos atoparnos cunha lauda gremial con representación dun par de pes (se cadra evocadora do oficio do zapateiro), tres espectaculares pías bautismais, proxectís (bolaños) de pedra para uso de bombardas ou unha representación figurada dun canzorro da igrexa románica de San Pedro de Angoares.
Na sección de Historia asistimos a un completo repaso pola historia local ponteareá na que se incide na importancia da capital do Condado no século XIX; de como pasa a ser Concello despois de estar integrado na xurisdición de Sobroso; e tamén, como non, da importancia da festividade do Corpus Christi e da elaboración das afamadas alfombras de flores.

Ademais de atoparnos con obxectos curiosos como un carro motobomba antiincendios antigo ou dun uniforme militar, tamén se fai unha semblanza ós notables locais, destacados tanto no eido político como da cultura (músicos, literatos e pintores, dos que se amosa unha mostra da súa creación artística). Entre os eruditos locais, compre reseñar a inmensa figura intelectual de Fermín Bouza-Brey, destacado no mundo da xurisprudencia pero por riba de todo no eido literario e no da investigación arqueolóxica.
Xa finalmente, destacar tres aspectos a maiores:
- En primeiro lugar lamentar que, aínda tratándose dunha das mellores mostras da arqueoloxía comarcal de Galicia, a súa relevancia non fora recollida no Boletín do Museo Arqueológico Nacional (MAN) nº 35 do ano 2017, no que se fai un percorrido polas principais coleccións de arqueoloxía do Estado. Esa ausencia tamén lle foi transmitida por parte do Museo da Terra de Melide ó propio MAN no seu momento.
- Destacar, a maiores, que ademais de contar o Museo de Ponteareas cunha excelente panelería informativa, tamén se complementa a información cunha interesante guía informativa de man na que se da conta das principais pezas e contidos da exposición permanente.
- E por último, reseñar o excelente trato dispensado polo persoal da Biblioteca Pública Municipal, que comparte instalacións co Museo, durante a nosa recente visita, o cal sempre resulta reconfortante e proclive a unha visita moito máis distendida e relaxada.
Xa dirixido aos veciños da Terra de Melide que queiran visitar a capital do Condado, recomendarlles a visita á Ponte medieval dos Remedios (tamén coñecida como Ponte Vella ou Ponte de San Roque) sobre o río Tea, cunha estrutura semellante á da Ponte de Furelos pero na que, afortunadamente, non tivo lugar unha actuación “rehabilitadora”? que atentaría contra a súa dignidade.























Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

NA PROCURA DA MARCA “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (1ª parte) Fotografía publicada no "Terra de Melide" do Seminario de Estudos ...