martes, 15 de outubro de 2024

NA PROCURA DA MARCA “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (1ª parte)

Fotografía publicada no "Terra de Melide" do Seminario de Estudos Galegos, ano 1933


Na arelada procura da marca “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA/ CRUCES DE PEDRA, presumiblemente anteriores á Contrarreforma, dende o Museo estamos a facer un percorrido por todos e cada un dos cruceiros galegos que se consideran seren producidos nos séculos XIV, XV e comezos do XVI, é dicir en datas previas ás teses contrarreformistas derivadas de Trento.

Nese senso estamos traballando por conseguir crear unha “marca” que distinga e protexa de xeito particular aos Cruceiros Góticos galegos. Sabendo que os cruceiros en xeral deben ser considerados como un elemento de singular valor dentro do patrimonio galego, tanto a nivel do patrimonio material como do inmaterial, compre valorizar de xeito particular á escaseza de Cruceiros Góticos dentro do amplo repertorio de cruceiros do noso país (máis de 10.000), sendo escasamente 18 os que podemos considerar como de estilo Gótico (dos séculos XIV e XV). Dentro desta premisa, consideramos que estes bens erixidos antes da Contrarreforma xurdida no Concilio de Trento, e que se manteñen na actualidade, deberían gozar dunha maior protección individualizada como “marca” e conseguir unha protección ampla e unha valorización como pezas de indubidable valor histórico.

O CRUCEIRO GÓTICO DA RÚA DE FRANCOS, CALO-TEO

Comezamos cun dos Cruceiros incluídos nesta categoría tratándose dunha das cruces góticas máis singulares e sorprendentes da nosa xeografía: O Cruceiro da Rúa de Francos.
O artigo, que se pode ler a continuación, foi elaborado polo noso amigo e colaborador Pablo Sanmartín López, arquiveiro do Concello de Teo e membro do Colectivo A Rula que traballa pola difusión e protección dos petróglifos galegos. Perfectamente explicado, xustifica o valor histórico, artístico, etnográfico, arqueolóxico e cultural deste Cruceiro polo que milleiros de peregrinos do Camiño Portugués pasan a cotío:
“O Cruceiro de Rúa de Francos non só é un dos máis antigos de Galicia senón tamén un dos máis singulares por esa aparente inxenuidade na súa labra, que chama a atención entre os máis dez mil cruceiros que se erguen nos adros, camposantos e encrucilladas na nosa terra. Hai moitas teorías sobre a súa orixe, porén os investigadores concordan na súa interpretación como unha imitación popular das cruces góticas que podemos datar a finais do s. XIV ou comezos do XV. Como sinala Castelao, “non se trata dun cruceiro, senón dunha cruz pousada nun ancho esteo de pedra, e os nosos ollos xulgaríana como moi antiga se non reparásemos nos detalles dramáticos do crucifixo”.
Destaca esa imaxe principal do Cristo Crucificado de formas arcaicas e deformadas coa tradicional coroa de espiñas baixo un pequeno dosel, mans abertas cos cravos nas palmas, longo pano de pureza cinguido á cintura e a rotación dos pés montados un sobre o outro. Situado sobre unha cruz de sección rectangular e remates potenzados decorados e botón central. Acompañan ó cristo catro rudimentarias figuriñas moi desgastadas pola erosión de difícil interpretación situadas no arrinque da cruz. Podería tratarse dunha representación do calvario coa Virxe e San Xoán ó pe de Cristo e nos laterais semellan dous peregrinos cos seus báculos, o que reforzaría a súa vinculación co Camiño Portugués que pasa ó seu carón.
Non esquezamos tampouco que o “cruceiro” carece de capitel e a cruz apoiase directamente sobre unha Pedrafita de arestas biseladas cunha cruz gravada na parte central e no lateral orientado ó camiño.
Outra curiosidade é que a laxe, en dúas alturas, que serve de pedestal e plataforma presenta unha ducia de coviñas, sendo recentemente catalogado como un dos petróglifos da parroquia de Calo (GA15082108). Por tanto, non só é un relevante ben do patrimonio relixioso e etnolóxico senón tamén como un xacemento arqueolóxico cunha importante mostra de arte rupestre. Malia todo, carece da protección expresa e específica que debería ter un ben de interese cultural destas características.
O seu deseño chamou a atención doutros artistas e santeiros, como foi o caso do autor do cruceiro do camposanto da parroquia de Santa María de Caleiro (Vilanova de Arousa), inspirado claramente nas formas do crucificado de Rúa de Francos.
Por último, tamén é un importante elemento do patrimonio inmaterial. Segundo recolle a tradición popular foi lugar de soterramentos de nenos non bautizados ou prematuros, os que ían para o “limbo” segundo sinalan algúns historiadores.
Para rematar esta pequena descrición, déixovos o deseño de Castelao que, sen dúbida, contribuíu de xeito significativo o seu coñecemento.”

Debuxo de Castelao do Cruceiro de Francos


O CRUCEIRO DE SANTA MARÍA DO CAMPO, A CORUÑA. O MÁIS ALTO DE GALICIA

Tamén coñecida como a Colexiata, sita na praza que leva o nome da igrexa na cidade vella da Coruña. Igrexa que na súa orixe estaba situada extramuros da Coruña medieval de aí o apelativo de “campo”. O templo data de finais do século XIII edificado baixo os patróns do estilo tardorrománico ou protogótico. E tempo despois (século XV) erixiuse no adro o cruceiro, catalogado como o máis alto de Galicia, en estilo gótico.
Identifican este estilo diversos aspectos artísticos, estilísticos e conceptuais como a Virxe co Neno no colo baixo dosel no seu reverso, un elemento común e constante nos cruceiros erguidos nese século XV. No anverso, como constante en todos os cruceiros figurados, amósanos unha imaxe da crucifixión ou calvario. Vemos a Xesús cos brazos e pernas flexionados e a cabeza inclinada cara a súa dereita, nunha postura en todo semellante á do Cruceiro de Melide. Igualmente aparece flanqueado por dúas figuras (San Xoán e a Virxe), nun claro concepto estilístico e dogmático destes cruceiros góticos.
Destaca a cruz de sección octogonal e ornamenta, presenta remates laterais a modo de bolas. Algo que no cruceiro de Melide non podemos apreciar, a pesar de ter os brazos decorados na súa parte inferior, o que nos está a indicar que con toda probabilidade foron repicados, mutilados e reformados nalgún momento.

O que fai destacar ao Cruceiro de Santa María do Campo é a altura do seu varal, superando os catro metros (pode verse nunha das fotos o xalón de 2 metros, que nos está a indicar a altura deste cruceiro).
Consideramos que estes elementos artísticos (outrora erixidos cun claro concepto dogmáticos e relixioso) datados nos século XIV, XV e XVI, deben ser considerados como un “elemento patrimonial” en si mesmo pois foron erixidos nun momento anterior á proliferación que posteriormente tiveron os cruceiros, motivada polas teses de Trento e a loita da igrexa por combater ó protestantismo. Por iso, estes cruceiros góticos deben gozar dunha consideración especial por riba do resto de cruceiros (aínda que en conxunto se trate de manifestacións artísticas que deben gozar de respecto e valoración en todo o seu conxunto).
Apenas quedan unha vintena de cruceiros góticos en Galicia. Loitemos porque se reivindique o seu valor e se acade un recoñecemento especial destes elementos.


O CRUCEIRO DO BARRIO DO POLVORÍN (OURENSE), ¿QUE TEN EN COMÚN CO DE MELIDE?.

Así pois, nunha recente visita ata Ourense fóronse visitar o musealizado “Cruceiro do Humilladoiro de San Francisco”, na Escolma de escultura do Museo Arqueolóxico de Ourense; o plateresco Cruceiro da Igrexa da Trinidade; e o escasamente coñecido e recoñecido Cruceiro do Polvorín (situado nunha praza do barrio do mesmo nome).

O Cruceiro do Polvorín foi retratado por Castelao, sendo unha das láminas do libro “As Cruces de Pedra na Galiza” (na que reproduce o anverso e o reverso da cruz).
Certamente se trata dun Cruceiro bastante esquecido, pouco valorado, non sinalizado, e carente de panel explicativo, aínda tratándose dun cruceiro bastante singular.
En realidade este cruceiro non garda analoxías co Cruceiro de Melide, do que difire moito, mais presenta algunha similitude no esquema compositivo, xa que o varal está asentado nun pedestal improvisado (tratándose dunha pedra dun lagar do mesmo xeito no que estaba fixado o Cruceiro de Melide, ata o seu derradeiro cambio de ubicación, a comezos da década dos anos 80). Compre indicar que dende o Museo lle temos demandado á Dirección Xeral de Patrimonio a conseguinte posta en valor, e mesmo a restitución do mesmo.
O varal do Cruceiro do Polvorín tamén se asemella ó de Melide na súa sección ochavada, por ter as arestas achafranadas (sesgadas en bisel). No caso do fuste de Melide é ben sabido que é posterior á cruz, probablemente tratándose doutro elemento reaproveitado, ó igual co vello basamento.
Na composición tamén hai coincidencia, ó estar asentada a cruz directamente sobre o varal, sen existir un capitel de tránsito entre fuste e cruz.
E aí rematan as concordancias entre ambos exemplos, que son meramente compositivas.
No que se refire á cruz do Cruceiro do Polvorín, chama a atención os remates dos paus a xeito flordelisado, con certa analoxía á cruz de Santiago, a quen Clodio González Pérez define: “cos brazos da cruz en forma de áncora”. A cruz é figurada, representándose ó Crucificado por unha das súas caras e á Virxe co Neno no colo na outra; ambas figuras aparecen baixo dosel.
A cronoloxía deste cruceiro é descoñecida, pero podería encadrarse na segunda metade do século XV/comezos do XVI, sempre coas debidas reservas.
Dende o Museo de Melide recoméndase a visita á cidade das Burgas, para coñecer o seu inmenso patrimonio monumental, e tamén estes tres cruceiros mencionados, ademais doutros destacados existentes na fermosa zona histórica.



Artigo elaborado por Crtistina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

NA PROCURA DA MARCA “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (1ª parte) Fotografía publicada no "Terra de Melide" do Seminario de Estudos ...