ESTAMPAS DE MELIDE
Actuaron ata finais da década de 1960. Acadaron moita calidade, porque os ensaios eran contínuos, e era moi frecuente escoitar o son da filarmónica polas rúas de Melide.
Aquel día, os
máis vellos tocaron a música da película "Solo ante el peligro".
(Textos e foto extraídos do Boletín nº 10 do CEM-MTM).
A RÚA NOVA (DÉCADA DE 1950)
Esta rúa comunica na actualidade a rúa de Ovedo coa encrucillada da rúa da Moa con San Pedro e Principal, pero non foi ata o ano 1866 cando se abriu esta comunicación. Polo tanto ata ese momento para ir dende a rúa de Ovedo á Principal había que atravesar a Praza das Coles.
A continuación
deixamos un extrato publicado no Boletín nº 10 onde se recollen varias
impresións sobre esta rúa:
"Ó fondo
vemos a casa de Veiga e a de Secundino do Chocolateiro - nela fíxose moito e bo
chocolate de onza-. Nesa casa, onde logo foi xastrería do seu fillo, traballou
como chocolateiro ata a guerra do 36.
Secundino
Cordido, foi chocolateiro artesán, facía todo a man. Tamén o facían Antonio
Souto de Bastián e Ricardo Fernández, pero eses xa emplearon máquina.
Nesta tenda
reuníanse varios mozos destas rúas, e alí parolaban, cantaban e foi berce onde
naceu o Coro "Aires de Melide", aló polo ano 1953.
Na pequena
casa da esquina vivía Emilio Mejuto, quen foi director do coro "aires de
Melide". Ademais de cantar representaban obras de teatro en galego, que
facían a ledicia do Melide dos anos 50 e 60. O señor Emilio tiña alí o su
taller de latoneiro. A carón estaba a barbería de Siberio, que logo foi do seu
xenro Louzao.
A casa da
esquina esquerda era de Louzao e a da dereita de Primitivo".
Imaxes dun
Melide irrepetible e irrecuperable.
EXCURSIÓN POLO RECHINOL
Esta fotografía dos anos 20 retrata a un grupo de excursionistas de rolda polas inmediacións da central eléctrica do Rechinol.
Entre eles cabe destacar a presenza de Juana Teresa Juega, destacada poetisa e defensora dos dereitos e liberdades da muller, sobre todo no eido creativo, e do seu home Emilio Pereiro Quiroga, tamén escritor e que por esa época exercía de Secretario do Concello de Arzúa, do que tamén foi Alcalde nesa década e baixo o seu mandato soou por primeira vez o Himno Galego na veciña vila.Dúas grandes personalidades culturais e comprometidas das que deberíamos
sentirnos gratamente congratulados. E aínda que a meirande parte das súas obras
literarias están escritas en castelán, tamén utilizaron a nosa lingua, o
galego, para transmitir as súas inquedanzas e sentimentos.
Na foto podemos velos xuntos, ó lado do neno, á esquerda da foto. Un
sentado diante do outro, o home sentado detrás da muller. Ironías que reflexan
a realidade, de como ese dito popular que tras un home hai sempre unha gran
muller, a maioría das veces habería que darlle a volta, ou cando menos
igualalos.
MELIDE DÉCADA DE 1950
Nesta
fotografía tomada dende o alto da torre do Convento podemos ver unha estampa de
Melide hoxe irrecoñecible.
En primeiro
termo, abaixo de todo, asoma a cheminea do pazo da Obra Pía (Casa do Concello),
e á
súa esquerda intúese o patio interior, a xeito de claustro, que tiña ata os
anos 60.
Destaca por
riba de todo a "alhóndiga", o antigo curro do pazo que foi utilizado
como mercado de gran ata a década dos 70, cando se transformou ese espazo no
que agora coñecemos (a traseira do concello).
A rúa San Antonio, sen os edificios modernos de hoxe, amósase como unha rúa antiga, case medieval, cos recintos cos píos (hoxe un deles desaparecido e o outro transformado, aínda que conserva o muro de peche).
Ó fondo, á
dereita vemos a Casa de Sierra, lucindo en todo o seu esplendor. E por riba dos
tellados, como desafiando á altura do fotógrafo, a Capela do Carme no alto do
Castelo.
As fotografías
contan moitas historias, narran a historia e a plasman nunha instantanea
inesquecible. Dise que unha imaxe vale máis que mil palabras, non é exactamente
así, pero sí contribúen a axudar a comprensión histórica e amosan o que as
palabras non poden dicir, nin os recordos lembrar.
PASADO RECENTE
Imaxe da rúa Mateo Segade Bugueiro vista dende o Cruceiro. A foto é anterior ós
anos ´40 (posiblemente da década de 1930).
Con ela poderíamos xogar a atopar as sete diferenzas: Comezando pola propia fonte co deseño orixinal, que foi mudado nos anos ´50 e posteriormente a finais dos ´80. As casas do lado dereito, das que aínda se conservan as tres primeiras das galerías, onde podemos ver tamén o vello cuartel da Garda Civil en pe. Curiosamente as casas que existen hoxe en día despois do desvío cara á Rúa México aínda están sen edificar. E polo lado esquerdo vemos a gran transformación exceptuando a casa-fonda do Aceiteiro. Chama a atención o hórreo que formaba parte da propiedade da casa do “Dulceiro”, que tiña a súa entrada pola Ronda da Coruña. O valado en primeiro plano impídenos ver con claridade o cruce de estradas, pero estanos a aportar unha valiosa información, xa que nos conta que a casa de Don Eladio aínda estaba sen edificar, posto que a foto foi tomada dende o solar que agora ocupa o inmoble.
Esta imaxe da
rúa sen asfaltar, case semella a estampa que podemos contemplar na actualidade
coas obras que se están a levar a cabo nela, xa que nos permite ver a amplitude
da mesma e a ausencia de tráfico rodado e coches aparcados (excepto o que se ve
na foto e que posiblemente sería un dos escasos que circularían por ela e que
lle aporta un toque de modernidade).
Imaxes do
pasado recente que nos aportan unha visión que case temos esquecida pero que
forma parte da memoria colectiva e da historia da vila.
MULLERES NO RÍO. DÉCADA DE 1940
Nesta foto que podemos ver un grupo de persoas (mulleres, nenas e tamén un home), descansando e pousando para a foto despois do traballo. Teñen a roupa estendida polas penas branqueando e secando ó sol.
Esta
fotografía ensínanos a vida doutro tempo que xa parece lonxano pero que pervive
na memoria de moitos, como se non fose máis que un recordo ou un soño
aletargado na memoria. Esta imaxe nos ensina o duro traballo das mulleres,
verán e inverno lavando nas frías augas do río a roupa da casa, aínda así
observamos o elegantes que van cos seus vestidos brancos. Todos sorrín á
cámara. Nenas acompañando ás nais, ás tías, ás veciñas... As mulleres que sacan
adiante un fogar co seu traballo diario, duro, arduo, laborioso,... Pes
descalzos nas augas. Augas limpas dun río sen contaminar. As fotografías son
importantísimos documentos do pasado que nos falan a través dunha imaxe estática.
Cóntanos a vida das mulleres e homes, os quefaceres, as penas e as ledicias.
Que cada quen saque as súas propias conclusións. Como se di: ás veces unha
imaxe vale máis que mil palabras.
EQUIPO DE
BALONCESTO FEMININO DE MELIDE,
Na Praza do Convento. O día 12 de febreiro de 1974.
Chama a
atención o uniforme das xogadoras, xa que se trata de saias e non pantalóns,
que lles resultarían máis cómodos (pero eran outros tempos, que por sorte xa
mudaron).
É unha estampa
curiosa da que se pode obter moita información: unha das fiestras da igrexa (á
dereita) está tapiada, vese unha das canastras do campo de xogo pegada á parede
da igrexa, e no chan, onde pousan as deportistas, aparece pintada a cancha de
xogo (non sabemos como puideron facer coa fonte situada no medio e medio da
praza, que naqueles momentos aínda mantiña os bancos corridos ó seu redor); ó
público, colocado darredor contempla a escena.
Se alguén ten
recordos deste día, que non dubide en facernos chegar os datos: quen son as
deportistas, contra quen xogaron, quen gañou...
Historia viva
do noso pobo.
Esta foto
pertence ó arquivo fotográfico de Carme Fondevila, e foi publicada no Boletín
11 do Museo da Terra de Melide, no ano 1998.
O LEBOREIRO. ANO 1978
Tomadas no ano 1978 por Xosé Manuel Broz.
Podemos ver como se conserva aínda a esencia dunha aldea
tradicional. O Cruceiro conserva a mesa de altar, ó lado do antigo Hospital de
peregrinos vense varios cabaceiros, a ponte estaba sen restaurar,... a pesar de
que xa asoman algunhas construcións reparadas con ladrillos e sen recebo
(comezos do feismo urbanístico).
O progreso debe chegar ás aldeas para promover e fomentar
a vida nelas, pero non deben perder a esencia da súa orixe, nin deixar
esmorecer o patrimonio que se agocha nelas e que constitúe os alicerces do que
somos como pobo. Conservemos, disfrutemos protexamos e presumamos de legado
histórico-artístico, pero mantendo a esencia orixinal que é a que define o
valor das cousas.
FURELOS. DÉCADA DE 1970
Ao igual que no Leboreiro, coa ponte antes da restauración, e onde podemos ver as rúas da aldea cun marcado carácter medieval.
Fotos e
estampas para o recordo que pouco a pouco vai esmorecendo con novas
construcións, difíciles de entender nun entorno que debería ser conservado como
cápsula do tempo, considerando de todos os xeitos que o progreso e as
comodidades deben chegar a todos os puntos, pero para todo hai ou debería haber
entendemento e compatibilidade.
A VELLA PONTE
DO LEBOREIRO
Engadimos hoxe dúas fotos dos anos 60-70, da autoría de Fotos Adolfo e Manuel Núñez, da ponte do Leboreiro feitas antes da restauración que se fixo no ano 1984, e na que se lle engadiron os peitorís laterais que loce actualmente.
Estas vellas
fotos amosan o encanto que conserva o espíritu das ruínas. Podemos observar
nelas a feitura dunha ponte medieval, dun so arco, que se construíu para salvar
o río Seco, no trazado do Camiño Francés a Santiago.
Mais non é a
única ponte medieval da nosa bisbarra.
Na actualidade
tamén se conserva, a pouco máis de tres quilómetros, a ponte de Furelos,
monumental e de catro arcos, pero tamén se recordan a Ponte de Mera (derruída
no século XX), a Ponte da Pedra e a Ponte de Mourazos, esta última no Concello
de Santiso nos lindes co Concello de Agolada, onde o río Ulla actúa de
fronteira natural, de cronoloxía altomedieval do século IX, e da que so se
conserva a pedra coa inscrición da súa construción actualmente afundida no río
e que se pode ver cando leva pouco caudal.
Con estas fotos da ponte do Leboreiro queremos amosar a riqueza patrimonial da nosa bisbarra, recuperable, restaurable e de potencial reclamo para visitantes e investigadores. Alomenos tres pontes
de orixe medieval se perderon no pasado máis inmediato, non deixemos que siga acontecendo. Coidemos e respectemos o patrimonio.
EQUIPO MELIDÁN
DE FUTBOL FEMININO
![]() |
Foto facilitada por Carmen Fondevila. |
Foto
facilitada por Carmen Fondevila.
O Museo da
Terra de Melide non dispón de información específica sobre este encontro
futbolístico celebrado durante as Festas do San Roque.
Segundo informacións facilitadas por Xan Méndez e Luisa Martínez o Atlético de Melide fúndase un 11 de abril do ano 1973, sendo dous anos máis tarde, no 1975, cando nace o Club de Futbol do CIRE ("Centro Instructivo y Recreativo").
Estas tres fotos foron cedidas por Mercedes González Mejuto, quen ademais doou ó Museo unha foto orixinal feita en transparencia do día da presentación do primeiro equipo no ano 1973, e que locía no escaparate dun comercio de Melide. O "Mister" dese equipo era Suso de Mosquito.
ANO 1966,
"OS DO CIRE NA MADANELA"
"Regresaban dunha excursión e pararon a facerse unha foto no toro da Madanela". Foto do arquivo de Don Juan López.
O toro de Osborne, publicidade que decorou todas as estradas do Estado, tamén se deixou ver polas Gándaras da Madanela.
NOVA FOTO DA RONDA DA CORUÑA Ó REDOR DOS ANOS 50
Amosamos unha nova foto do arquivo da Familia Sánchez
Sánchez, que nos facilitaron amablemente e que ven a incrementar o noso fondo
gráfico.
Nesta ocasión amósase a Ronda da Coruña, á altura da Casa Aceiteiro, que como
se pode observar na foto, é unha das poucas casas que aínda segue en pé hoxe en día. A estrutura da rúa non variou, pero si ás construcións da mesma, conservándose, como xa dixemos, a Casa Aceiteiro, a casa do Bar Central na esquina seguinte, máis as ruínas das dúas casas ó seu carón. Por fortuna, cruzando a esquina cara ó fondo da foto (pasado o cruce coa Rúa América), as casas que se observan aínda seguen en pe todas.
Grazas de novo á Familia Sánchez Sánchez, e en
especial a José Antonio, por facilitarnos estas estampas tan fermosas,
irrecuperables e cheas de lembranzas do noso pobo.
RONDA DA CORUÑA NA DÉCADA DE 1950.
Trátase dunha vella estampa da Ronda da Coruña datada ó redor do ano 1956, segundo informacións de José Antonio Sánchez Sánchez, que foi quen amablemente a facilitou, e que forma parte do arquivo familiar da familia Sánchez.
A foto vese
que foi sacada un día de festa, xa que a travesía está engalanada con
bandeiríns (coas bandeiras de España e de Galicia). Nesta foto aínda estaban en
pé as casas do Dulceiro, a de Silvela ou tamén a do Bar Fornos. Na marxe
dereita tamén se pode ver un deses míticos autobuses das feiras, que prestaban
un servizo fundamental naqueles anos nos que había moi poucos coches
particulares.
O Museo de Melide
agradece a José Antonio Sánchez o detalle, e tamén queremos resaltar que posúe
un enorme arquivo fotográfico tanto de fotos antigas coma actuais de Melide, e
tamén de distintas localidades galegas, e do resto do Estado (de Guadalajara,
Alcalá de Henares e de moitísimas máis localidades, facendo especial fincapé en
retratar o patrimonio histórico artístico). Tamén é admirable a súa inxente
faceta de recompilar imaxes de anuncios e cartaces antigos, constituíndo un
importantísimo fondo gráfico e documental.
Grazas ó seu facebook hoxe todo o mundo ten a oportunidade de ir visualizando o Melide de onte, e como foi mudando o seu urbanismo e imaxe co percorrer do tempo.
Textos elaborados por Cristina Vázquez Neira e xurxo Broz rodríguez
Fotos Arquivo do Museo da Terra de Melide.