sábado, 27 de xullo de 2024

O CRUCEIRO DE MELIDE:  POR QUÉ O MÁIS ANTIGO DE GALICIA?


Nesta entrada preténdese facer fincapé no marco cronolóxico e nas consideracións a tenor da manifesta antigüidade do Cruceiro de Melide (o Cruceiro do Campo de San Roque).

Existen moitas referencias bibliográficas que apuntan á posibilidade de que o Cruceiro de Melide é o cruceiro (ou cruz en pedra) máis pretérito existente na xeografía galega.

As primeiras referencias veñen da man de Don Eduardo Álvarez Carballido (médico e historiador de Melide), quen xa no ano 1893 publica na serie Galicia Diplomática un artigo  sobre o Cruceiro “de San Roque de Mellid”, quen apunta entre outras consideracións que: “sin temor a equivocarnos, podemos decir que una de las más antiguas, ya que no la primera entre las que más o menos artísticamente presentan cincelada la imagen del Salvador, (en Galicia) es la que se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de San Roque”. Tamén A. Carballido sostén que “este monumento, contemporáneo sin duda alguna de la ermita de San Sebastián citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista.” (Refírese o autor ós Anales del Reyno de Galicia publicados entre 1733-1736).

Tamén Castelao na súa obra magna sobre “As cruces de pedra na Galiza” encadra o Cruceiro de Melide como o máis antigo do país. O autor nos di que “poida ser que esta obra proveña do século XIV – tal aseguran os arqueólogos – a xulgar polas súas nobres feituras e porque representa o tránsito das concepcións dogmáticas ás dramáticas”. Nesa publicación xa o propio Castelao, alude a que podería tratarse do Cruceiro máis antigo de Galicia. Diversos autores seguen a reparar na antigüidade do noso cruceiro, tales como Xesús Carro, Emilio Camps e Xosé Ramón Fernández Oxea, ademais de Vicente Risco no “Terra de Melide” do ano 1933.

Xa en tempos moito máis recentes, autores como Xosé Manuel Broz Rei ou Clodio González Pérez, seguen a traballar nas mesmas coordenadas, referindo este último “O máis antigo de cantos se conservan actualmente é o de Melide, do século XIV, pero so a parte superior, é dicir, a cruz”.

Castelao na súas consideracións nos fala de que os cruceiros poderían ser unha creación do século XV e que os datados no século XIV non son propiamente cruceiros, senón cruces góticas trasladadas do seu soporte orixinal ós cruceiros propiamente ditos. A historiadora Begoña Bas López rebate este plantexamento de Castelao considerando que xa hai cruceiros anteriormente: “esta teoría cremos que debería ser revisada, facendo un estudo documental dos cruceiros. Neste senso, Filgueira Valverde da a coñecer unha cita dun documento de 1215 do Arquivo da Catedral de Lugo, no que se menciona un cruceiro; a data sitúase no momento da peregrinaxe a Santiago dos fundadores das ordes mendicantes. Coidamos que o problema non está resolto e que as teorías do autor de As Cruces de pedra na Galiza, convén revisalas”.

En base ás manifestacións de Begoña Bas consideramos que dita autora, de seguro, está no certo, posto que a análise da cruz do Cruceiro de Melide semella respostar a un programa iconográfico eminentemente dogmático (e non dramático) e, ademais, os plantexamentos estilísticos, compositivos e de representación, concordan moito máis cunha estética (ou deriva) dos tempos do Románico ó Gótico, o cal situaría a cruz do Cruceiro de Melide nun escenario máis axeitado ó século XIII que ó XIV, e que iría en sintonía coas consideracións de Xosé Manuel Broz, quen alude a un “Románico de inercia”.

Despois de facer unha comparativa con outros cruceiros, cruces de pedra e representacións en pedra da figura do Salvador, producidas inequivocamente en estadios dos séculos XIV e XV, todo leva á conclusión de estar asistindo a un modelo anterior, máis arcaico ou arcaizante.

Hai dous aspectos nos que se pode focalizar a consideración de estar asistindo a un modelo pretérito, e eminentemente anterior a outros exemplos. Mais en todo caso, compre incidir que a cruz do Cruceiro de Melide non conta con paralelismos comparativos equiparables por analoxía. O primeiro dos aspectos estaría centrado en cuestións de representación, estética/estilismo e de orde compositiva. O segundo iría da man do propio discurso conceptual da representación iconográfica, nas que se pon de manifesto que se trata dun cruceiro aleccionador, dogmático e de credo. En todo caso uns e outros van da man e respostan a unha clara e única pretensión de discurso.

Comezando polos primeiros aspectos indicar que se fan evidentes unha serie de pautas que nos están a falar dun cruceiro transitivo (de transición da estética do Románico á do Gótico). En base a iso podemos desglosar e sintetizar as seguintes variables:      

Debuxo de Xosé Manuel Broz

Ben é certo que no anverso da cruz (escena da Crucifixión/Calvario) asistimos a uns plantexamentos que apuntarían á estética máis evoluída dos tempos góticos (século XIV), polos que asistimos a unha plasticidade das figuras (menos encorsetadas e ríxidas), nas que mesmo se intúe unha tendencia ó movemento e linguaxe xestual das mesmas (o Crucificado semella estar a interpretar un paso de baile tipo muiñeira, co corpo en postura asimétrica, brazos flexionados e sinuosos e pernas cruzadas. Tamén, nas figuras que o acompañan atopámonos con xesticulación e acenos que denotan certa expresividade, aínda respostando a plantexamentos bastante arcaizantes para o que é a estética e a plástica do Gótico).

-                       


Debuxo de Xosé Manuel Broz


                                                     - Por outra banda no reverso da cruz (escena da Resurrección e Gloria) asistiríamos a unha estética e plantexamento totalmente arcaico e netamente encadrable no discurso estilístico do Románico. Vemos a un Cristo crucificado inexpresivo, carente de emoción xestual, imberbe, postura eminentemente simétrica procurando un equilibrio compositivo expreso, brazos en ángulo, nunha postura moi forzada tipo "totem", postura sedente de canon desproporcionado e con pes separados, frontalidade e rixidez. Vemos un xeito de hieratismo que nos evoca á rixidez asociada a outro tipo de culturas milenarias.





     

    En base a iso compre ter en conta, como é sabido, que  a partir do segundo cuarto do século XIV prodúcese a proliferación nos reinos occidentais da península, das representacións de imaxes exentas de Cristo triunfante, “do Salvador”, tratándose de imaxes que, cubertas cunha túnica ou cun manto, deixan ver as chagas de mans, pes e costados. Aínda tratándose de esculturas exentas presentan unha grande diferenza no formal respecto á representación do Resucitado do Cruceiro de Melide, xa que ditas imaxes presentan un maior grao de expresividade, mellor definición do trazo, aparecen xa con longos cabelos e barbas e ademais xa se destaca o detalle dos pregamentos das vestiduras, que no caso de Melide, máis que de túnica ou manto, semella ir vestido cun xeito de “faldellín”. Nada ten que ver a estética evoluída das imaxes exentas do Salvador, encadradas no segundo cuarto do século XIV, co estilismo do modelo melidao. Exemplos destacados deste tipo de figuración atopámolos na igrexa pontevedresa de San Salvador de Lérez ou a existente na Catedral ourensá no brazo norte do transepto.

       Así pois, estamos no caso do Cruceiro de Melide, asitindo a un modelo arcaizante que resposta, e bebe, das concepcións e convencionalismos propios da esfera do Románico.

      No tocante aos segundos aspectos, aqueles referidos ó discurso iconográfico baseado no dogma, indicar primeiramente que, sen pretender en caso algún cuestionar o traballo de Castelao, consideramos que na súa aseveración de que “representa o tránsito das concepciós dogmáticas ás dramáticas”, pode non estar de todo atinado. Independentemente de que o episodio da Crucifixión, xa de por si se trataría dunha escena dramática (entendéndose como unha escena dun martirio), o que se deduce do plano iconográfico da representación é unha clara procura aleccionadora do dogma de fe, e tamén un certo propagandismo da mesma.

     O discurso do Cruceiro semella estar ben artellado, definido e claro. Así pois plantexado en dúas caras atopámonos con dúas escenas complementarias, que respostan a un mesmo ciclo, toda vez que presenta a orixinalidade de que algunhas das representacións do anverso, acaban por fusionarse no marco espacial do reverso. Dese xeito vemos como as figuras laterais da cara da Crucifixión chegan a rebordar o marco físico da mesma, prolongándose de xeito transitivo cara ó reverso da cruz. Así, dese xeito, estamos ante un modelo, por así dicilo, envolvente e perfectamente adaptado ó marco compositivo (este aspecto, ó tempo que se remarca e enriquece por unha decoración en espiga, nos cantos da cruz, fai comprender que o conxunto debeu ser elaborado de xeito sincrónico e complementario).

-                       - De xeito conceptual estariamos asistindo a unha dualidade secuencial: Morte/Resurrección; Paixón / Gloria; Plano terrenal-temporal/ Plano celestial-espiritual.

-                   - No anverso o Calvario, a Paixón e a Morte de Cristo. Cristo na cruz, flanqueado por tres acompañantes (San Xoán co evanxeo; Virxe coa man no mentón-“Pasmo da Virxe”; e figura axeonllada aos pes dela). Na transición dos traveseiros dos paus da cruz, en vez da cartela co acrónimo INRI unha representación dun elemento en oco relevo, dunha balanza de pratos pendurados e simétricos (mal interpretada cunha flor de lis). Sen entrar na tentativa de cavilar no atributo do Arcanxo San Miguel, todo leva a pensar na figura de Xesús Deus coma xuíz e administrador de xustiza (na verba do Credo “...daquel que ha vir xulgar a vivos e mortos, e cuxo reino non ha ter fin”). Esta profesión de dogma de fe xa propicia o transo e complementariedade coa escena do reverso.

-                              - No reverso Cristo Resucitado, vencedor da morte e rei entronizado, Señor do Ceo e da Terra (ás veces mal asociado a un Cristo en Maxestade/ Pantócrator). É a representación do Salvador do mundo, coroado, sedente (entronizado nun cadeirado que reflicte unha arquitectura defensiva ameada: quizais símbolo da Xerusalén Celestial, na que entra no discurso do dogma da dualidade da Xerusalén Terrenal coa Xerusalén Celeste). Así pois vemos a Cristo Xesús, asimilado a un Cristo Rei, soberano, que vence a morte e acada a Resurrección e a Gloria e, como se narra na verba do Noso Pai: “ Teu é o Reino, teu é o Poder e a Gloria, por sempre, Señor ...”.

-                              - Estamos, pois, ante unha procura dun discurso aleccionador e transmisor de dogma de fe, polo cal se pretende facer pedagoxía respecto da figura de Cristo como home, que a pesar de ser fillo de Deus acepta a paixón e o martirio pola salvación do mundo. Así se erixe nunha figura de Redentor, Salvador do mundo que vence á morte e se erixe en Soberano e Rei dos Ceos e Terra. Neste caso estariamos perante a pretensión de fomentar unha devoción á figura de Cristo en troques de enfatizar a devoción á figura da Virxe. Certamente estamos ante un modelo escasamente frecuente, no que Cristo é protagonista nas dúas caras do Cruceiro. Hai moi contados exemplos nos que apareza unicamente a figura de Cristo nos dous planos. Un deles, moi curioso é o caso da cruz Gótica do cruceiro do adro da igrexa de San Nicolás de Neda, no que o Cristo Crucificado o vemos nas dúas bandas, anverso e reverso, repetíndose a escena do Calvario. Dito cruceiro semella encadrase no século XIV.

Finalmente un dato a ter en conta é a posibilidade de que o Cruceiro de Melide estivera policromado, en analoxía con outros cruceiros góticos existentes, que a conservan en moito maior grao aqueles que se insiren e acubillan baixo baldaquinos pétreos.  Castelao, nesa liña xa apunta a probabilidade de que a cruz do Cruceiro de Melide, orixinalmente, contase con policromía na que segundo as súas consideracións estarían reflectidos as chagas e estigmas de mans e costado. Ante iso e de cara ó actual proceso de restauración, sería unha boa oportunidade para intentar verificar se conserva restos de policromía ou de base de preparación da mesma, o que podería dar lugar a algún procedemento de datación mediante toma de mostras. Mais dita datación podería concretar a cronoloxía do momento das hipotéticas pinturas, e non tanto da labra da pedra, téndose en conta que a mesa de altar da igrexa de Santa María de Melide foi producida en tempos do Románico (século XII), pero que foi policromada no primeiro cuarto do século XVI.

CONCLUSIÓNS:

-                         - O Cruceiro de Melide, aínda a día de hoxe, presenta máis interrogantes que certezas: descoñecese o emprazamento orixinal; non existe unha concreción cronolóxica precisa; hai disparidade de opinións respecto á súa función orixinal (cruceiro, cruz de altar, cruz de peregrinos, cruz de humilladoiro,...). Tamén se descoñece a procedencia e cronoloxía do varal así como da basa ou pedestal pretérito (daquela que todo indica tratarse dunha pedra de lagar reaproveitada, a xulgar polos entalles laterais que presenta).

-                                      -  En base ós parámetros conceptuais, iconográficos, estilísticos, estéticos e compositivos, todo leva a cavilar que a cruz foi labrada nun intre no que aínda están presentes as constantes do Románico, polo que se teñen formulado teses de estar ante un “románico de inercia”, “románico de transición”, “protogótico”. En todo caso, e en base a estar ante un modelo claramente arcaizante, todo induce a cavilar que o marco de execución encadre mellor na segunda metade do século XIII que no XIV (na que decote, e por repetición, foi considerado).

-                              - E por último, e en base ás consideracións de Castelao, que nos fala de que o Cruceiro de Melide supón o tránsito das concepcións dogmáticas ás dramáticas, cremos pensar que, de xeito claro, prima o dogma (o dogma de fe) por riba de calquera tipo de plantexamento. Estamos ante un exemplo de tentativa aleccionadora, de pretensión “catequética” e de “propaganda” dun discurso no que  se quere poñer o acento na figura dun Cristo que falece polo ben da humanidade e que aparece resucitado e reencarnado na figura do Salvador do Mundo e Rei dos Ceos e da Terra. Así pois, o dogma de fe está presente, e omnipresente, sendo o discurso que todo o invade na narración.

 

 Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

  A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE.  XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA. En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Gal...