xoves, 4 de xullo de 2024

 O CAMIÑO DE SANTIAGO POR MELIDE: UN ERRO DE SINALIZACIÓN


Un erro por moito que se repita non se converte en verdade, e o trazado do Camiño de Santiago en Melide está documentado dende a Idade Media. Ben é certo que o trazado actual discorre atravesando o Castelo, motivado quizais pola estrutura urbana actual da vila, onde dito xacemento arqueolóxico forma parte na actualidade do tecido urbano como parque público e cemiterio municipal, pero temos que velo en perspectiva histórica e comprender que na Idade Media, e no momento de maior auxe do Camiño, ese emprazamento era propiedade privada, iso si, do arcebispado de Santiago, pero onde tiña situada unha fortaleza amurallada e defendida por un baluarte que impedía o paso e que pechaba toda a propiedade.

Plano de Melide do século XVII
conservado no AHUS

Compre agora facer un exercicio de imaxinación e visualizar o alto do Castelo cunha fortaleza rodeada de muralla, accedéndose a ela a través de dúas portas (a "porta da Vila" e a "porta do Azougue") que comunicaban dito castelo coa rúa principal, mais estas portas eran de acceso restrinxido e privado, como acontece con todas as portas que pechan as propiedades privadas.

Polo tanto, e tal e como os mapas e a documentación da época nos refiren, podemos ver que a saída natural de Melide cara ó oeste, é dicir, cara a Santiago era o Camiño de Sabián, ruta que bordeaba o monte do Castro (O Castelo actual), e que se dirixía directamente cara a Santa María. Existen numerosas referencias documentais que nolo amosan:

Unha delas é un plano de Melide do século XVIII que se conserva no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS leg. 956), onde vemos o trazado da rúa Principal, do Camiño das Cabadas e do Camiño de Sabián onde se especifica deste último “Camino que sale de Mellid a Santiago”.

Trazado século XIV
Trazado século XIII











Tamén no Tumbo de Sobrado podemos ler unha referencia á Porta das Cabadas (situada á altura do actual Albergue da Xunta de Galicia, fronte ao Camiño das Cabadas) e na que se menciona dito Camiño de Santiago. Nesta relevantisima fonte documental refírese como se atopaba a rúa San Antonio no ano 1509 do seguinte xeito “En 27 de febrero ano de 1509...Fr. Fulgencio de Cueller, Abad... aforaron a Gonçalo de Mellide y a Catalina López su muger y a dos voces q. sean hijo y nieto legítimos la ntra. casa q. se dice das balanças sita en Mellide y con las cortiñas la una en la puerta zaguera de las dhas casas y otras dos q. están de fuera de la villa pegadas al muro cerca de la puerta de las Cabadas y pasa por medio de ambas a dos el camino francés”. (dato inequívoco que sitúa o Camiño pola Rúa de san Antón, continuando por Sabián).

Os peregrinos que chegaban a Melide dende calquera dos dous camiños (Francés dende Furelos, 

Trazado século XIX
ou Primitivo dende Toques), tiñan a posibilidade de entrar na vila por calquera das portas que daba acceso á mesma, ou ben continuar camiño sen acceder ao pobo. Pero todos, para continuar o Camiño tiñan que facelo por Sabián, tratándose este da saída de Melide. A actual estrada N-547 é froito das obras de ampliación e creación de estradas efectuadas durante o reinado de Isabel II no ano 1861, polo que tampouco existía dita vía ata mediados-finais do século XIX. E por suposto, tampouco o facían polo actual trazado que atravesa o Castelo, xa que como queda dito, tratábase dunha propiedade privada e en ningún momento foi saída natural da vila. De feito é doado cavilar que a saída cómoda e eficaz non sería subindo un monte e baixándoo despois, tendo como hai, un camiño recto e doado de atravesar, como é o de Sabián. Incluso podería caber a posibilidade de que alguén continuase camiño pola Congostra da Barbacá (tal e como vemos sinalizado no plano de X.M. Broz), que seguiría pola banda sur de Melide, máis ou menos seguindo o trazado do que posteriormente (século XIX) converteuse na estrada N-547. Pero en todos estes casos, nunca atravesaría o Castelo.

Por iso, un erro, por moitas veces que se repita non se converte en verdade, e aínda que ben é certo que os peregrinos poden continuar ruta por onde mellor lles pareza, si debería quedar constancia (a xeito de indicativo, cartaz, sinalización no chan ou en altura) de por onde ía o Camiño orixinalmente en Melide, e porque non ía polo Castelo.

Axuntamos nas imaxes os planos elaborados por Xosé Manuel Broz para os seus libros “A vila de Melide “ e “Melidaos” onde exemplifica perfectamente o trazado orixinal do Camiño nesta vila case milenaria, así como o plano do AHUS onde tamén se ve como xa no século XVIII trazaron esta ruta por Sabián.



Texto elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE.  XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA. En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Gal...