MELIDE NOS RELATOS DOS VIAXEIROS DA IDADE MEDIA E MODERNA
A CIDADE DESTRUÍDA NO CAMIÑO DE HERMAN KÜNIG A COMPOSTELA e
NICOLA ALBANI E O SEU VIAXE DE NÁPOLES A SANTIAGO DE GALICIA.
Son moitos e moitos foron os viaxeiros e peregrinos que por unha ou outra razón emprenderon a ruta que os levou a Compostela, partindo de lugares moi diferentes e distanciados no mapa. Algúns deles deixaron as súas impresións en escritos e relatos publicados xa dende antigo. E en todos eles falan de Melide (ou ben da propia vila ou dos seus arredores: Furelos, Leboreiro,...). Por iso imos amosar nesta entrada as impresións que a nosa vila deixou neses viaxeiros de antano, algunhas delas certas, outras un tanto subxectivas e incluso outras delas con algún erro que tentaremos explicar.
De todos é de sobra coñecido o Codex Calixtinus, que contén o Liber Sancti
Iacobi, unha compilación de diferentes textos no que se recollen, relatos,
sermóns, milagres do Apóstolo, partituras musicais e o texto polo que é máis
coñecido, a guía de peregrinación do monxe bieito Aymerid Picaud redactada no
século XII. É coñecida como o primeiro libro de peregrinación a Santiago, unha
sorte de guía que os peregrinos debían ler para coñecer lugares de hospedaxe,
consellos, rutas e perigos ós que enfrontarse. Pero non foi a única, xa que se
escribiron máis relatos acerca desta viaxe que atrae a milleiros de persoas de
todo o mundo cara á nosa terra.
Ó longo das Iades Media e Moderna escribíronse libros, tratados, novelas,
contos, narracións, poemas e “guías de viaxe” que falaban do Camiño a Compostela
e das inquietudes, periplos, vicisitudes e anécdotas dos viaxeiros.
Estes libros amósannos moita información sobre costumes da época, de
comidas, lugares de hospedaxe, comportamentos sociais… constitúen un auténtico compendio
de Historia e de antropoloxía cultural. Pero tamén nos informan sobre os
diferentes lugares por onde pasaban: describen cidades, vilas, camiños, pontes, e outros
aspectos da paisaxe, que hoxe mudaron co progreso da civilización, pero dalgúns
aínda podemos ver un pequeno retazo, ou intuír esas rúas de antano nas actuais,
e grazas a estes relatos podemos escribir (e ler) unha páxina máis da nosa
historia.
O CAMIÑO DE KÜNIG A COMPOSTELA:
No ano 1495 unha imprenta de Estrasburgo sacou á luz un libro que relataba o periplo do monxe alemán Herman Künig von Vach durante a súa peregrinación a Santiago. A finalidade desta viaxe non era outra que a de deixar plasmado por escrito, indicacións sobre distancias, rutas, establecementos, carácter dos hospitaleiros, perigos e demais vicisitudes coas que se podía atopar un peregrino que decidise emprender a ruta, foran cales fosen os seus motivos. Non incidía tanto en aspectos artísticos nin relixiosos ou de fe, pois omite conscientemente todos e cada un destes detalles.
Trátase pois, doutra das guías de viaxe, posterior ó Códice Calixtino que
se editaron e imprimiron coa idea de amosar e facilitar o camiño ós peregrinos.
Nesta ocasión o monxe Künig parte de Einsiedeln, próximo a Zúrich (Suíza),
e vai narrando de xeito moi pragmático toda a ruta cara Compostela. Tan so se
detén a describir as igrexas de Tours e Toulouse en relación ás reliquias que
alí se conservan, cousa que nin tan sequera fai en Santiago ante os restos do
Apóstolo.
Pero no seu relato, no que vai describindo o itinerario que el fai, medindo
as distancias en leguas, ten un oco para referirse á Vila de Melide. Non o fai
mencionando o seu nome, pero pola descrición do lugar sabemos que se trata da
nosa vila. Comenta que despois de deixar a cidade de Lugo, camiña nove leguas
(aproximadamente entre 45 e 50 km), ata chegar á “Cidade Destruída”. Conta que
esta cidade, que destacaba pola súa caridade á hora de dar esmolas (algo que no
século XVIII tamén comentará Nicola Albani), atopábase nun estado de
semirruína, pois a cerca que pechaba a vila atopábase seriamente danada polas
recentes Revoltas que tiveran lugar apenas 30 anos antes (A Gran Guerra
Irmandiña), ó igual que o Castelo que coroaba a vila, que tamén o viu practicamente
destruído. Resulta polo tanto, un dato de enorme interese histórico e
documental xa que nos transmite de primeira man unha descrición de como estaba
o pobo logo da Guerra e que non foi reconstruído nin reparado polo menos neses
30 anos transcorridos dende o episodio Irmandiño.
Tan so 3 anos despois do paso de Künig por Melide, no ano 1498, se levarán
a cabo as obras de remodelación da igrexa do Convento de Sancti Spiritus
utilizando as pedras do derrocado castelo, polo que os ollos deste viaxeiro
alemán, aínda puideron contemplar o antigo templo do século XIV e non viron
polo tanto, os dous cenotafios (de Isabel de Castro e Leonor de Mendoza) que
flanquean a Capela Maior. Do mesmo xeito, e aínda que arruinado, e seguramente
con moitas das súa pedras xa reempregadas noutras edificacións, tamén puido
contemplar o que quedaba do antigo e soberbio castelo da mitra compostelá, que
se alzaba no outeiro que domina a vila, así como a danada cerca que pechaba a
vila. Compre indicar que Künig utilizou o Camiño de Sabián para saír de Melide,
ruta natural de saída.
En vindeiras entradas falaremos doutros viaxeiros do pasado que deixaron
plasmadas as súas impresións sobre a nosa vila.
NICOLA ALBANI E O SEU VIAXE DE NÁPOLES A SANTIAGO DE GALICIA.
Nicola Albani. un viaxeiro italiano do século XVIII, natural da rexión de Basilicata, que emprendeu unha viaxe cara a Santiago dende Nápoles en 1743, e da que deixou constancia escrita. A súa viaxe e o seu relato constitúen en si mesmos unha importante fonte de documentación, xa que por unha banda nos está a indicar que no século XVIII aínda estaba en auxe o Camiño de Santiago, mais a través dos seus testemuños podemos ver que a ruta, se atopaba nunhas condicións canto menos, pouco seguras, xa que o camiño estaba cheo de maleantes, pícaros, pedigüeños, e xentes de mal vivir que facían da travesía un percorrido algo perigoso. O libro está fermosamente ilustrado e relatado e nel podemos descubrir aspectos interesantes das peregrinacións na Idade Moderna.
A súa partida produciuse un 4 de xuño de 1743 chegando a Melide o 23 de
novembro do mesmo ano. Estas son as súas impresións da nosa vila: “Na mañá do
23 proseguín o meu camiño, e ese día por milagre non me perdín nun espesísimo
bosque de castiñeiros, menos mal que a tempo atopei dúas mulleres que levaban
comestíbeis para vender nunha certa vila, e servíndome da súa guía, leváronme
até Ligonde, porque dende alí elas fixeron outro camiño, e eu seguín o meu, e
pola noite cheguei a unha vila grande chamada Melide, a trinta e dúas millas de
Portomarín, esta é tamén unha vila levantada con pedra, onde había un
conventiño de catro ou cinco frades dominicos, e obtiven unha esmola dunha
certa sopa, e recollín tamén catro ou cinco esmolas de moeda, que non vira esmola
de quattrini desde Astorga, e procurei pola noite tamén un aloxamento nunha
palloza por caridade, que despois na mañá do 24 seguín o meu camiño, e pola
noite cheguei a unha aldea chamada San Marcos, a trinta millas de Melide, desde
onde podía chegara Compostela pola noite, se eu quería”.
Pois ben, ó describir a nosa vila dicindo que estaba levantada en pedra,
estanos a dicir que se trataba dun lugar con certa soleira como sabemos que era
Melide no século XVIII onde destacaba o Convento Franciscano, a Obra Pía de San
Antón e numerosas casas pacegas como as de Sivil e Pedrosa. Mais comete un erro
que nos descoloca, xa que fala dun conventiño dominico cando en realidade se
trataba de franciscanos, habitanto a Casa Principal da Terceira Orde da zona
noroeste da península, comentando que estaba formado por catro ou cinco frades,
cando había moitos máis. O que nos leva a pensar que en realidade estaba
falando no número de frades que atendían o Hospital de Sancti Spiritus,
rexentado polos franciscanos, onde recibiu a esmola do prato de “certa sopa”,
que acostumaban a ofrecer ós peregrinos e que posiblemente se tratase de caldo.
Tamén comenta que Melide foi o único lugar onde recibiu esmola dende Astorga
(non é o único relato que nos fala disto, xa o amosaremos noutras entradas), o
que nos indica que se trataba dunha vila que acollía ben ós peregrinos e
forasteiros e que ademais destacaba pola súa caridade.
Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez