PERSONAXES DA COMPAÑA DE MELIDE (1ª PARTE)
O PORTADOR DA CRUZ:
Iniciamos hoxe unha nova sección onde imos ir amosando todas e cada unha das personaxes que compoñen o conxunto da Compaña de Melide. Trátase dun compendio etnográfico e do folclore popular, baseados en estudos elaborados por investigadores de renome ao longo dos tempos (dende o Padre Sarmiento ata Rafael Quintía). Son personaxes propias da tradición que envolve á Santa Compaña, pero tamén aquelas outras do costumismo popular.
Hoxe comezamos co Portador da Cruz.
Existe unha figura fundamental, case tan importante como a propia Compaña xa que é quen a dirixe, e que forma parte do mundo dos vivos. Trátase do que porta a cruz diante da comitiva. Esta persoa sufre o seu castigo en vida, está condenado a vagar coas ánimas nos seus paseos nocturnos chamado por elas e sen poder redimirse, a non ser que cumpra unha condición: tentar pasarlle a súa condena a outro.
Non queda moi clara cal é a circunstancia pola que é chamado polas ánimas para que as guíe,podendo ser un pecador que está recibindo o seu castigo en vida, e senón consegue traspasar a cruz a outro veciño, en pouco tempo falecerá (de esgotamento xa que pasa as noites en vela e os días no seu quefacer) e pasará a formar parte da comitiva, esta vez como ánima.
Obviamente non pode contar a ninguén o que fai polas noites, e este traballo conleva que pouco a pouco vaia minguando a súa saúde, enferme, a súa pel adquira a cor dos defuntos e se non consegue traspasar a cruz a alguén, finalmente acabe falecendo.
Para liberarse deste castigo ou pesadume, do que en ocasións nada recorda á mañá seguinte, debe pasarlle a cruz a algún desprevido que atope polos camiños dicíndolle "Tócache a ti", e se o outro non responde coas oracións que o libran ou non fai a sinal da cruz, debe coller a testemuña e comezar a dirixir á Compaña, sen opoñerse e guiado por unha forza sobrenatural.
Esta figura, contrariamente ós que conduce, é un vivo. Imos detallar o que se conta del no libro Dicionario dos seres míticos galegos (Antonio Reigosa; Xoán R. Cuba e Xosé Miranda), onde describen á perfección o cometido deste invitado á Rolda tenebrosa. Como ben contan os autores do libro, “ó vivo que lle toca portar a cruz, debe andar toda a súa vida con este castigo, salvo que se atope con outro incauto a quen lle poda pasar o seu suplicio, cedéndolle a cruz e quedando así liberado.”
Tal e como narran os autores anteriormente citados "aínda que escravo da Compaña e sufrindo enormemente, é quen a dirixe", pois é quen encamiña o paso da comitiva e os conduce polas corredoras e camiños da parroquia, atendendo a unhas ordes que ninguén pronuncia pero de xeito, digamos que telepático, escoita e obedece.”
O portador da cruz xeralmente é escollido ó azar, sendo un home se o patrón da parroquia é un Santo; ou unha muller se é unha Santa ou a Virxe, pero non sempre é así.
Texto: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez