venres, 6 de setembro de 2024

 A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE. 

XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA.


En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Galicia, tivo lugar en Melide outra reunión simbólica e de importancia capital no devir da Historia de Galicia de finais da Idade Media: a Xunta Irmandiña que desembocou na 2ª Revolta Irmandiña.

Esta xuntanza de todos os segmentos sociais galegos celebrouse nesta vila “por ser la metad del Reino”. Segundo estudios do profesor de Historia Medieval da USC, Carlos Barros: "hai novas de cinco reunións da Xunta de Galicia nos anos 1467, 1468 e 1469. A primeira grande reunión tivo lugar, entre marzo e abril de 1467, en Melide: “los pueblos y gentes del Reino, se juntaron y fizieron una junta en la villa de Mellid y allí se juntaron todos en hermandad e nombraron alcaldes e diputados e cuadrilleros della”.

Nesta primeira xuntanza onde os Irmandiños solicitan ós señores, moitos deles presentes nesta reunión, que cesen os abusos e abandonen as fortalezas, pode ser considerada como a primeira vez que as forzas políticas e sociais do país se unen para actuar e decidir executar unha serie de medidas en nome do pobo galego, segundo nos di o profesor Barros: “facer a primeira xuntanza do máximo órgano de poder irmandiño no medio xeográfico do Reino de Galicia (Melide) salienta o sentido vertebrador fundante, da primeira xunta”.

Segue a explicar que “despois da xuntanza de Melide, resulta favorablemente para os rebeldes ó poder señorial (o único existente antes de 1467 en Galicia, porque o poder de El-Rei era nominal)...”, indica que nesta xuntanza os participantes decidían por Galicia a xeito persoal.

Este feito, que en palabras de moitos outros especialistas na cuestión, simboliza o nacemento do órgano de goberno coñecido como Xunta de Galicia, é onde se inspiraron as xuntas actuais dos gobernos autonómicos para definir o seu nome, sendo herdeiras destas xuntanzas medievais.

En dúas ocasións nun curto espazo de tempo (apenas 53 anos) nas fins da Idade Media e nos inicios da Idade Moderna, a vila de Melide converteuse, de xeito nominal e presencial na capital do Reino de Galicia, xa que foi neste pobo, cerne do reino, onde se decidiron reunir os representantes da sociedade e da política deste país para tomar decisións capitais por e para dito Reino, nun punto non so accesible dende o punto de vista xeográfico por atoparse equidistante dos catro puntos cardinais, senón porque actuou como punto neutral onde ser convocados, poder parlamentar, decidir e asinar medidas por e para o Reino de Galicia.

Outros importantes acontecementos históricos tiveron lugar tempo despois, como unha das Batallas contra o exército napoleónico durante a Guerra da Independencia, ou episodios relacionados coa 1ª Guerra Carlista (ambos no século XIX), pero ningún destes feitos foi tan singular, destacado, simbólico e decisivo como a Xuntanza Irmandiña (xermolo da Xunta de Galicia) ou a “Asemblea de Melide”, da que o 4 de decembro de 2020 celebramos o seu cincocentos aniversario, e que puxo a Melide na historia xa que historiográficamente este acontecemento leva o nome da vila no seu título.


Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE.  XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA. En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Gal...