martes, 13 de agosto de 2024

 PERIPLO POLOS MUSEOS COMARCAIS DE GALICIA (primeira entrada).

"MUSEO ETNOGRÁFICO DA LIMIA".



Damos comezo a unha nova andaina, un roteiro de viaxe e parada pola xeografía comarcal do país. Así, e dese xeito, imos reparar nos museos irmáns, naqueles que agromaron coa teima de gardar a memoria cultural das bisbarras nas que se incardinan.
Así, dese xeito imos facer un periplo polos recunchos do noso país, para coñecer, dun xeito máis íntimo, as diferentes particularidades que determinan a inmensidade do acervo cultural galego, daquel que se nutre na memoria pretérita (aquela que nos identifica e define).
Nese periplo imos facer unha parada polas bisbarras do Eume, das Mariñas betanceiras, de Bergantiños, da Fonsagrada, dos Ancares, do Courel, da Limia, do Ribeiro, do Deza, do Condado,...Sempre coa teima de mergullarnos nas peculiaridades culturais zonais, desta parte do mundo que é tan rica en cultura, tradición e memoria (aínda que en moitas ocasións resultara aldraxada e ferida).

Dentro desa triste realidade, a da aldraxe, pode resultar acaído o comezar a andaina polo Museo Etnográfico da Limia (Vilar de Santos, Ourense), posto que nese museo irmán se garda a memoria da tristemente "desasolagada" Lagoa de Antela, daquel mítico Lago Beón en cuxo leito, hoxe enxoito, asomaría o campanario da igrexa da lendaria cidade de Antioquía, aquela malfadada urbe que resultaría anegada, por castigo ó pecado e pola escaseza de virtude, piedade e xenerosidade dos seus moradores.
Certamente se nos ven ó maxín unha certa comparanza coas imaxes impactantes das grandes embarcacións cuxa quilla semella ser rella nos terreos areosos do leito do Mar de Aral, posto que no Museo da Limia e no Centro de interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, se amosan pequenas embarcacións de madeira, de fondo plano, que outrora vadeaban as augas dese mítico Beón, ademais de imaxes fotográficas que nos falan daqueles tempos de pesca, vadeo, capturas de ras e samesugas, caza de anátidas, recolleita de beón (xunco) para estercar as leiras e estrumar as cortes, de trafego dificultoso en carros e xugadas de bois polas zonas máis someiras do leito lacustre.
Si, para que nos poidamos facer unha idea da inmensidade da tristemente "desasolagada" Lagoa de Antela, nese Museo limiá nos ilustran como a superficie encharcada abranguía unha totalidade de 42 quilómetros cadrados, para que nos fagamos unha idea case estariamos a falar da metade do termo municipal de Melide.
E, en todo caso, de máis da metade da superficie municipal de Santiso e de Toques. Si, aínda hoxe contemplando dende o Castelo da Pena (Xinzo de Limia) a enorme planicie desecada podemos ser quen de enxergar a inmensidade do extinto e malfadado sistema palustre, que medía 6 por 7 quilómetros de lonxitude, e que presentaba unha liña de costa comprendida entre os 35 e os 40 e pico quilómetros de costa, dependendo das variacións pluviométricas.
Si, no Museo da Limia se garda a memoria dese magnífico ecosistema, ademais de amosarnos a riqueza da cultura tradicional da bisbarra. Así pois, no soberbio edificio da outrora casa reitoral, anteriormente hospital de peregrinos da Orde de Santiago, podemos recoñecer as formas de vida do pasado "de raíz" da comarca limiá.
Nas súas dependencias podemos recoñecer o pasado, non tan afastado no tempo, das abusivas rendas agrarias para cos poderes públicos, políticos e eclesiásticos ; dos modos de vida na facenda rural tradicional ; da dureza do traballo do agro, daquela servidume e escravitude do arado ; dos complementos da economía doméstica nos traballos da forxa, da madeira e da pedra.
Da sociabilidade e da interacción social no eido das tabernas, de barra e mostrador, da tenda, estanco e consultorio.
Dos xeitos de vestir, de labor, diario e festa, focalizadas no procesado tradicional do liño e da lá.
Do entroido, das pantallas, das chocas e das vexigas e foles batedores, produtos da matanza do porco.
E, tamén, e dun xeito moi digno e fondamente acaído a lembranza a Xaquín Lourenzo "Xocas", o referente por definición do saber sobre a cultura tradicional do país, do que tanto levamos aprendido e comprendido.
E, xa por último, se os nosos pés nos levan ata as portas dese comprometido e espectacular museo
irmán, tamén se lles podería pedir un esforciño engadido, para que nos leven ata a soleira do Museo galego do Entroido, en Xinzo de Limia, e ata os limiares de A Casa da Lagoa (centro de interpretación da Lagoa da Antela, en Sandiás), xa que aínda que o treito dende as Terras de Melide se lles faga afastado e teimudo, sempre haberiamos ter a caridade de mergullalos en auga con sal.
Lembrade ben o conto, e a moralexa: o egoísmo dos impíos de Antioquía seica provocou a formación do Lago de Antela; a iniquidade, o oportunismo e a ambición desecaron aquelas augas purificadoras e xentís; mais, e a xeito premonitorio, ha ser, case de seguro, a grandeza e a pureza do espírito humana (aquela que radica nos recunchos máis agochados do noso latexar) a que volva encher de caudais ás chairas da Limia e permita o rexurdir dos recordos vívidos da Antela, do Beón e da populosidade da Antioquía.




































Texto e fotos: Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE.  XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA. En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Gal...