sábado, 3 de agosto de 2024

 A ORDE TERCEIRA REGULAR FRANCISCANA DA PENITENCIA (TOR) EN MELIDE 189 ANOS MÁIS TARDE.



Esta semana pasada (o martes 30 de xullo do 2024) coincidiron en Melide dous grupos de frades de diferentes Institutos de Vida Consagrada masculinos. Un deles chamou a nosa atención, posto que ataviados cun hábito negro e cordón branco á cintura, so podían tratarse de relixiosos dalgunha rama franciscana que emprega o hábito desa cor. Dese xeito poderían tratarse de frades da Primeira Orde (rama dos Conventuais) ou da Terceira Orde Regular Franciscana da Penitencia, coñecidos tamén como “Terceróns”, “Terciarios” ou “Terceiros”. A priori resulta difícil diferenciar de cal desas dúas variables se trataba, toda vez que as diferencias da indumentaria so respostan a pequenas cuestións de matiz, mais unha vez entablada conversa cun deles, nos confirma que se trata de frades da Orde Terceira (TOR) procedentes de Madrid e Mallorca.

O máis salientable é que se trata de relixiosos da mesma orde que estiveron presentes no Convento de Sancti Spiritus de Melide, dende o ano 1372 ata o 1835, cando se exclaustran por mor da Lei de Desamortización do ministro Juan Álvarez de Mendizábal (integrante do Consello de Ministros do período de Rexencia de Mª Cristina de Borbón-Dos Sicilias, viúva de Fernando VII e nai de Isabel II). Unha vez que se suprime a fundación de Melide, varios dos 33 frades que por aquel entón había na comunidade, acaban por marchar ata o Convento da Orde Terceira de Santa Catalina de Montefaro (Concello de Ares).

Estamos a falar dun contexto moi convulso dende o eido político, no cal a sociedade do momento se atopaba moi polarizada debido a cuestións que acaban derivando na Primeira Guerra Carlista. Compre indicar que os frades terciarios de Melide, ó igual que os cistercienses de Santa María de Sobrado e, polo xeral do común do clero regular, acostumaban abrazar o ideario carlista, polo que foron obxecto de represalias por parte do bando liberal (o do goberno). Sinalar que un dos frades do Convento de Melide, Frei Saturnino Enríquez encabezaba unha partida carlista (Batallón la Constancia) que operaba pola zona de Boimorto e Vilasantar, e que mesmo acaba acadando certa sona de sanguinario.

Museo de Melide
Mais, en todo caso, compre indicar que a presenza en Melide de nada menos que 463 anos foi canto menos positiva, toda vez que se destacaron polo servizo de piedade e beneficencia, de feito os membros da comunidade rexentaban o Hospital de peregrinos de Sancti Spiritus de Melide (actual edificio do Museo), e nel atendían a peregrinos, a pobres e a enfermos sen mais compensación que a vocación de caridade cristiá.

Escudo retablo da
Virxe da Soedade
Igualmente se destacaron polo seu papel educativo, posto que no Convento tamén se impartiron cátedras, chegando a ser escolante do mesmo o futuro arcebispo Mateo Segade Bugueiro, quen no ano 1671 inicia a Obra Pía de San Antonio de Melide, para complementar as existentes no convento, e para poder servir de recurso educativo a nenos pobres.

Como xa se indicou ó principio do texto, varios integrantes da Orde Terceira Franciscana procedentes de Madrid e Mallorca, fixeron parada en Melide e quedaron totalmente sorprendidos cando se atoparon no retablo da Virxe da Soidade (outrora retablo para a Virxe da Mercede), o escudo da súa orde (o das cinco chagas ensanguentadas, con báculo central, e tres flores de lis). Tamén mediante a conversa cun deles se lles fixo saber que nun dos inmobles da rúa Principal (na casa de Souto) hai un escudo en pedra que denota a propiedade do Convento de Melide (bordeado polo condón franciscano conta coa representación da pomba coas ás abertas -imaxe recorrente do Espírito Santo-, complementado polos atributos da Orde Terceira anteriormente citados).

Escudo na Casa de Souto
O frade co que se entablou conversa accedeu amablemente a que se lle fixera unha foto diante da igrexa de Melide, outrora igrexa conventual desa mesma orde. Nela podemos ver curiosamente o hábito do relixioso de cor totalmente negra, con esclavina longa (ata a cintura) e cordón franciscano branco con nos. Indicar que nas distintas ramas e ordes da familia franciscana, os nos do cordón (xeralmente tres) fan referencia ós tres votos prometidos durante a profesión relixiosa (pobreza, obediencia e castidade), pero como particularidade compre indicar que os membros da Orde Terceira soían contar con cinco nos, símbolo das cinco chagas ou estigmas de Cristo que se lle reproducen a San Francisco de Asís, o santo fundador da orde.

En orixe todas as ordes e ramas franciscanas utilizaban un hábito de cor gris cinza pero no capítulo de Asís do ano 1895 reunifícanse distintas familias da Primeira Orde, dando lugar a asimilación de tonalidades en cor marrón. Así dese xeito, os da rama dos Menores adoptan a cor marrón; os Capuchinos a cor pardo castaña; e a diferencia, os Conventuais e os da Orde Terceira acaban por adoitar o hábito negro que na actualidade acaba por volver ó gris nas provincias dos continentes americano, asiático e africano así como en Australia e nalgunhas provincias europeas. Na Provincia Española da Inmaculada Concepción da T.OR pervive o hábito en cor negra (na mesma existen comunidades terciarias en Barcelona, Madrid, Mallorca, Quintanar de la Orden (Toledo), e en Gandía (Valencia).

Na imaxe que acompañamos a esta entrada vemos ó frade da orde terceira (TOR), co hábito negro propio das comunidades da Provincia, e ó fondo, na fornela existente sobre a portada principal da igrexa de Melide, a imaxe do santo fundador San Francisco de Asís, ataviado co hábito da rama dos Menores en tonalidade gris cinza (cor estendida a todas as variables franciscanas ata mediados do século XVIII).

Certamente tanto na familia franciscana como noutras ordes relixiosas, ás veces a vertebración das mesmas (debidas a cumprimento da observancia, reformas e adopción de novas correntes) resultan difíciles de comprender. No caso da Orde Franciscana, sen pretender adentrarnos en novas correntes que adoitan a espiritualidade franciscana (que acaban por dar lugar á constitución de novas congregacións), ou doutras hai tempo extintas, como a da reforma de San Pedro de Alcántara (“alcantarinos”), a súa vertebración máis recorrente resúmese en tres ordes fundamentais:

-                       - Primeira Orde, que consta de tres ramas: Franciscanos Observantes Menores (O.F.M), Capuchinos (OF.M.CAP) e Conventuais (OFM.CONV).

-                                           - Segunda Orde (feminina): Orde das Clarisas (O.S.C.).

-                                      -  Terceira Orde dividida en dúas ramas: unha seglar (Orde Franciscana Seglar, OFS), e outra observante e claustral, que é a Orde Terceira Regular da Penitencia de San Francisco (T.O.R), a que rexentaba o Convento de Melide ao igual que outras fundacións en Galicia como Montefaro (Ares), Convento de San Martiño de Vilalourente, “Convento dos Picos” (Mondoñedo), ou tamén en Compostela como tal é o caso de Santa María a Nova e Santa Cristina da Pena (convento e tamén hospital), promovidas estas últimas por Frei Afonso de Melide, quen tamén é o responsable do establecemento da Orde Terceira en Melide.

 

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira

 

 

  A XUNTA IRMANDIÑA DE MELIDE.  XERMOLO DA 2ª REVOLTA IRMANDIÑA. En 1467, 53 anos antes da Asemblea de cabaleiros e prelados do Reino de Gal...