O CRUCEIRO DE VOLTA EN MELIDE: VALORACIÓNS A TENOR DA RESTAURACIÓN
Co gallo da restauración do Cruceiro de Melide, parécenos un bo xeito de centrar a relevancia do coidado e valorización do patrimonio, facendo unha disertación a tenor dos traballos de restauración do mesmo, quedando agora por levar a cabo as correspondentes accións de posta en valor.
As valoracións, non as únicas (posto que aínda compre analizar algúns aspectos de asociación entre o elemento e o marco ou contorna contextual), teñen que ver con dúas variables; a primeira e a principal é a da propia intervención nos elementos históricos e artísticos (cruz e varal) e, a segunda, tería que ver cos elementos de nova execución (peana e pavimentación perimetral).
Comezando coas conclusións, case como resumo, sinalar que a intervención no Cruceiro (entendéndose como tal os elementos patrimoniais) pode definirse como exemplar, óptima e de dez. No tocante ó sistema de asento poderíase calificar como cuestionable (e “para gustos”).
Para comezar compre ir ó fundamental: a intervención nos bens pretéritos (cruz figurada; fuste ou varal; e o pedestal ou basa antiga). Posto que consideramos que de centrarnos no análise visual presente caeríamos no erro de non focalizar o que realmente importa e transcende: a intervención nos elementos antigos. Dese xeito consideramos é convinte facelo primeiramente para evitar que as árbores non nos deixen ver o bosque.
Así pois, falando da acción de restauración no Cruceiro so podemos calificala de exemplar, entendendo como o Cruceiro de Melide aqueles elementos de significación histórica, deixando para o final aqueles elementos que non forman parte do discurso histórico do mesmo. Cando dicimos que é exemplar é porque consideramos que a actuación nos bens históricos foi coidadosa, esmerada e respectuosa, tal e como lle transmitimos ós técnicos executores (restauradores, canteiro e ferreiro).
Nese senso destacar o traballo e o resultado materializado pola restauradora Iria López Baltar e o seu equipo, ós que lles damos as grazas polo celo e boa praxe. Son varios os aspectos nos que o Cruceiro mellorou substancialmente: en limpeza, en visibilidade, en estabilidade, en seguridade e, tamén, en corrección de patoloxías estruturais. Así dese xeito, compre desgranar punto por punto as melloras:
- A cruz máis o varal foron sometidos a un proceso de limpeza manual, nada agresiva (para evitar danos por fricción e erosión inadecuada). Procedeuse por tanto, á correcta eliminación da colonización biolóxica que tanto afeaba e impedía a correcta visualización da iconografía e decoración da cruz. Ó mesmo tempo, a limpeza, favoreceu que a citada colonización excesiva de musgos e liques afectaran paulatinamente á integridade das superficies (favorecendo o desagregado e erosión da rocha por filtración e enraizamento).
Sinalar que no proceso de limpeza non se lle eliminou a pátina, senón por dicilo coloquialmente, se lle quitou “o lixo”. Dese xeito, agora, se pode observar con todo luxo de detalles a excepcionalidade da
iconografía e da labra maxistral da pedra (percíbense moi ben as figuras, as escenas e tamén os elementos adxectivos: balanza no anverso, murallas no reverso e decoración de espiga baixo os paos da cruz).
iconografía e da labra maxistral da pedra (percíbense moi ben as figuras, as escenas e tamén os elementos adxectivos: balanza no anverso, murallas no reverso e decoración de espiga baixo os paos da cruz).
Así pois, consideramos que a limpeza se realizou na medida xusta para non danar a pedra, conservando a pátina, pero eliminando a colonización biolóxica que tanto impedía ver o detalle.
- A actuación no fuste non se presentou complexa, mais si na cruz, especialmente polo anverso (cara do Calvario ou Crucifixión), toda vez que presentaba severas fracturas antigas, inapropiadamente reparadas con cemento. Agora, procedeuse á eliminación do cemento e á realización adecuada dos enxertos mediante técnicas e materiais reversibles e inocuos. O remate da restitución das fendas completouse, a pe de obra, na propia xornada de retorno do Cruceiro, no cal a restauradora eliminou as rebabas resultantes e procedeu a pigmentar e mimetizar o acabado da pasta coa que foron enxertadas as pezas, para disimular as mesmas.
Así pois, consideramos, foi unha das mellores e máis precisas das intervencións levadas a cabo.
- No proceso de fixación, ensamblado e acople dos distintos elementos participaron coordinadamente, restauradora, axudantes, ferreiro e canteiro, procedendo á utilización de materiais de calidade e reversibles de cara a futuras necesidades de desmontaxe. Sinalar que o principal material empregado, a imitación das técnicas antigas das de “toda a vida” foi o chumbo, previamente fundido en crisol, en quente, licuado e fundido in situ. Dicir que o emprego desa técnica, totalmente reversible e nada nociva para os elementos a fixar, contribúe notablemente a contrarrestar, ou mellor dito, a neutralizar as vibracións producidas polo tráfico pesado de gran tonelaxe da estrada.
Así, dese xeito, a estabilidade e seguridade do Cruceiro respecto a cuestións de proximidade á estrada N-547, quedaron corrixidos, neutralizados e garantidos.
- Tamén se procedeu á recolocación do zuncho ou argola de transición entre fuste e cruz, da man
dun ferreiro de reputado prestixio, quen mesmo chegou a facer mención á evidente antigüidade da peza férrea, en base á observación do tipo de material, e do seu proceso de realización á forxa e martelado. Colocouse o zuncho fixándoo con materiais reversibles (volvendo botar man do chumbo derretido), pero obviando as antigas cuñas de ferro, agora entregadas ao Museo para a súa conservación, toda vez que non axudaban á correcta acomodación e adaptación do zuncho ó remate do varal.
dun ferreiro de reputado prestixio, quen mesmo chegou a facer mención á evidente antigüidade da peza férrea, en base á observación do tipo de material, e do seu proceso de realización á forxa e martelado. Colocouse o zuncho fixándoo con materiais reversibles (volvendo botar man do chumbo derretido), pero obviando as antigas cuñas de ferro, agora entregadas ao Museo para a súa conservación, toda vez que non axudaban á correcta acomodación e adaptación do zuncho ó remate do varal.
- Do mesmo xeito é, en base ó proxecto de execución, procedeuse a mover e situar a antiga basa de apoio do Cruceiro (a vella pedra de lagar que serviu de asento nos emprazamentos anteriores), ó carón da nova mesa metálica coa información documental. Dese xeito a peza, aínda que se desestimou a súa colocación, volve a estar vinculada ó Cruceiro despois de máis de 40 anos.
- Aínda que visualmente a cruz se vexa algo descentrada respecto ó varal (como o estivo sempre, pero que era un aspecto no que apenas se reparaba), é debido ás imperfeccións pretéritas de fixación entre ambas. No remate do varal existe un espigo ou bulón de sección cadrada que se insire nun oco ou negativo practicado ao efecto na base da cruz. Compre sinalar que o referido burato non está, nin estivo, ben centrado, provocando unha certa descompensación na simetría. En aras de non ter que agrandar o negativo existente para non manipular demasiado ó elemento (máxime por cadrar na zona de localización das fracturas antigas) para non debilitalo, optouse por asentalo como estaba de vello, buscando o correcto acomodo entre a parte superior do fuste e a base da cruz. Así pois, sinalar que a maiores se fixo un baleirado en escaiola para poder analizar polo miúdo os perfís e seccións do furado, en correlación co bulón de ferro (aspecto que nos parece adecuado de cara á súa montaxe: comprobar como se acopla do mellor xeito posible).
- Tamén se fixeron analíticas de laboratorio con microscopio e obtención de mostras para analizar algúns aspectos respecto á superficie da pedra da cruz (presenza de sales, verificación de se había policromía ou preparación da mesma, etc.)
Así con todo, consideramos que o proceso de restauración resultou óptimo, celebrando igualmente que os traballos de acabado, remate e colocación do Cruceiro se realizaran enteiramente á vista do público, polo cal se puido comprobar a pe de obra todo o proceso, sen “trampa nin cartón”. Nese sendo aplaudimos e celebramos a intervención.
Por outra banda imos facer unhas valoracións do seu sistema de basamento e apoio que, seméllannos a simple vista un tanto chamativo e, se cadra, aínda non o suficientemente asimilado.
Como xa temos formulado en anteriores entradas a proposta do Museo era a de que se optara pola anastilose da vella basa (a pedra de lagar reaproveitada, que serviu de basa do Cruceiro cando o mesmo estivo situado na outra marxe da Capela e, anteriormente, no Campo de San Roque). A proposta do Museo resultou desestimada por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, toda vez que os técnicos que informaron do proceso consideraron que o antigo basamento presentaba unha importante perda de masa pétrea no contorno perimetral do oco no que estaba inserido o varal. Dese xeito consideraron que non garantía a correcta estabilización da estrutura. Tamén argumentaron que xa se perdera, ó longo destas catro últimas décadas, a asimilación do Cruceiro coa antiga basa, mudando a memoria colectiva.
Agora, baixo un argumento que non compartimos, pero que si podemos comprender, o que se pretende co novo dado granítico de asento é deixar claro que o pedestal non forma parte do Cruceiro histórico, entendéndose por tal o fuste ou varal (elemento antigo pero non coetáneo da cruz) e a propia cruz, tratándose esta dun elemento patrimonial de primeira orde, excepcional, único e sen paralelismos.
Nese senso se xustifica que o elemento de soporte non ten porque asimilarse ao Cruceiro, senón que se trata dunha peana ou podio de soporte e asento, non dun elemento estrutural do Cruceiro. Pretendéndose con todo elo diferenciar entre os elementos pretéritos e actuais.
Certamente o impacto visual que produce contemplar un dado granítico resulta un tanto agresivo, pero probablemente sexa debido a que aínda non estamos o suficientemente familiarizados coa nova estética.
Indicar asemade que aínda que visualmente non o pareza, o varal do Cruceiro conta con máis tramo visible que cando estaba inserido na escalinata de formigón (podemos ver uns 9-10 cm máis que ata o de agora, xa que non hai máis que reparar como na parte inferior do mesmo se pode ver o cerquiño, marcado na pedra, que antes estaba encastrado na escalinata de formigón aplacada). Unha escalinata de tres chanzos, que resultaba bastante anacrónica para o que é o discurso inherente a un cruceiro/cruz en pedra de periodización tan antiga.
Así, en resumo, a actuación no Cruceiro antóllase como sobresaínte; o basamento certamente semella un pouco cuestionable.
Por último sinalar, sen lugar a dúbidas, que a diferenza coa intervención na Ponte de Furelos é notoria, toda vez que no caso do Cruceiro non se alteraron os elementos históricos, mentres que na Ponte de Furelos primouse a “rehabilitación” actualizada respecto ó tratamento dos elementos de notable relevancia estrutural (dos que en moitísimas ocasións este Museo deu conta e denunciou reiteradamente). Así dicir que, o Cruceiro non foi obxecto de engadidos que supuxeran a subordinación do elemento a outro tipo de factores, mentres que na Ponte de Furelos unicamente primaron aspectos de tránsito e trafego para peóns e peregrinos, sen ter en conta que había que reparar importantes patoloxías estruturais (cousa que no Cruceiro si se fixo), e proceder a ocultar elementos de notable entidade histórica, alterando a calzada e os peitorís.
Para rematar sinalar que, dende o punto de vista do Museo, o Cruceiro saíu gañando, a pesar de que se desaproveitou a ocasión de restituír e reaproveitar a antiga basa, aspecto que desestimou Patrimonio; e, para o noso entender, tamén se debera ter apostado polo retranqueo (de 7 metros cara ó norleste) que propuxo o Museo, para evitar colisión entre a integridade do Cruceiro e outro tipo de factores que lle son alleos (non se houbera perdido contexto e asociación entre Cruceiro e Capela, e o primeiro había estar máis acubillado e resgardado de factores de tráfico rodado e de instalacións ocasionais durante as festas).
Agora compre mellorar cuestións de adecuación do entorno, iluminación e protección respecto a factores que lle son alleos. Ó tempo que compre desenvolver un amplo abano de medidas de valorización/posta en valor.
O Museo aproveita a ocasión para recoñecer e agradecer o papel levado a cabo polos actores que fixeron posible que a actuación se levara a cabo (Concello de Melide, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, técnicos que traballaron na restauración e tamén a todos os particulares, veciños e medios de comunicación que decote puxeron o foco na situación de precariedade do decano dos cruceiros de Galicia).
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira