venres, 27 de xuño de 2025

 VALORIZACIÓN DO DECANO DOS CRUCEIROS DE GALICIA 

Unha vez co Cruceiro de Melide de volta na casa despois dun período de algo máis de tres meses de ausencia do seu emprazamento, imos continuar amosando particularidades e compartindo novas que teñen que ver con este singular ben do patrimonio cultural.

Na serie “Arelando polo retorno do Cruceiro máis antigo de Galicia”, chegouse ata a entrega décimo terceira. Agora coa nova serie que leva por título “Valorización do decano dos cruceiros de Galicia” imos continuar coa numeración correlativa, iniciando esta nova andaina co número 14 que precisamente cadra coa cronoloxía coa que decote se vinculou ó Cruceiro de Melide, mais a tenor dunha análise máis en profundidade e botando man de metodoloxías de contraste comparativo, que permiten determinar unha concreción de cronoloxía relativa, todo induce a encadralo no século XIII no cal se produce a simbiose entre as fórmulas do Románico coas novas pautas do Gótico.


O CRUCEIRO DE MELIDE NA XORNADA “OS CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA. A UNHA VOZ NA METADE DO REINO”.

Agora nesta nova xeira de “valorización” imos lembrar a celebración hai dous anos (o 30 de novembro do 2022) da xornada “Os cruceiros góticos de Galicia”, dentro do ciclo “A unha voz na metade do Reino”, no Centro Cultural Mingos de Pita de Melide.

Esas xornadas de estudios históricos que pivotan ó redor da historia da Galicia medieval- moderna veñen sendo organizadas polo Consello da Cultura galega, en colaboración co Museo da Terra de Melide, para manter viva a efeméride da celebración do 500 aniversario da Asemblea de Melide de 1520.

Na xornada do ano 2022 o denominador común era o de poñer o foco no reducido grupo de cruceiros/ cruces de pedra góticas de Galicia que, dentro dos aproximadamente 12.000 cruceiros existentes en Galicia, non semella haber moito máis dunha vintena de exemplos ( aqueles producidos entre os séculos XIII e o XV).


Nese senso o Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide propuxo previamente

á devandita xornada a creación da marca “Cruceiros / cruces de pedra góticas de Galicia”, para enxalzar aqueles exemplos producidos denantes das teses do Concilio de Trento e, por conseguinte da Contrarreforma.

Así, dese xeito o Museo de Melide se puxo en contacto cos concellos onde existen cruceiros de periodización gótica, e tamén cos museos e centros museísticos existentes nas localidades nas que existen cruceiros desa periodización para que, de xeito conxunto, se aposte pola creación da marca, así como para abordar estratexias de valorización conxunta. Así, nese eido, resultarían moito máis efectivas as posibles accións de posta en valor, difusión, divulgación e tamén de estudo en conxunto do fenómeno dos cruceiros previos á Contrarreforma, nos que tamén se podería englobar ós cruceiros platerescos existentes, nos que perviven os convencionalismos dun Gótico serodio.

O CRUCEIRO NA REPRESENTACIÓN DA COMPAÑA DE MELIDE

Dende o ano 2019 en Melide, cadrando coa véspera da festividade de Santos, o Museo da Terra de Melide organiza un roteiro teatralizado no que se recrean as constantes do mito da Santa Compaña na Galicia rural. Nese roteiro no que se involucran máis de 80 veciños tamén colaboran e participan diferentes asociacións culturais locais, fundamentalmente Charamela e Herba Grileira.

Na representación ponse o foco tanto no propio mito da Compaña como nas constantes da tradición popular nas que se recollen aspectos relacionados coa superstición, co rito, coa pregaria, coa rogativa e fundamentalmente co medo que supón a orixe dun amplo compendio de prácticas para poder arredar, esconxurar e afastarnos de canto mal acompaña a esta funesta manifestación que, en esencia, ten que ver directamente co medo atávico á morte que sempre se amosa como figura principal e recorrente na tradición oral galega.

Así, dese xeito, na representación do mito da Compaña nas rúas de Melide se procura a escenificación de todo canto ritual se considera axeitado ou profiláctico para arredar á morte e de todo o que pivota ó redor dela. Dese xeito, aproveitando que no centro de Melide contamos cun Cruceiro (non un cruceiro calquera, sen pretender menoscabar a importancia que envolve a cada un deles) que supón unha oportunidade, tanto á hora de enfatizar a importancia do Cruceiro de Melide como tamén de explicar, a pé de rúa, un dos principais motivos que levaron a erguer os nosos cruceiros.

Por tanto, dende o ano 2019, no percorrido da Compaña se teatraliza toda unha serie de

crenzas, pregarias e rogativas, que serven tanto para afastar males e medos como tamén se traducen nun xeito de acollemento “a sagrado” para conquerir que a comitiva na Compaña, non repare nos devotos e ofrecidos que buscan o amparo do Cruceiro.

Dese xeito se pon o aceno na acostumada correlación entre as encrucilladas de camiños cos cruceiros, posto que por elas soían deixarse ver aqueles seres do alén que semellan ter como cometido principal desestabilizar a nosa integridade anímica e espiritual. Así, dese modo, o pe do cruceiro de “As voces da Compaña de Herba Grileira” entoan o poema de Xosé Manuel Broz que reza entre outros contidos aquel “ [...] toque da campa na igrexa/na serán de auga e de vento,/noite da Santa Compaña/ánimas do cemiterio./E como un rezo de pedra/facho é de luz o cruceiro./Recende ó ar as vellas lendas/e nesas noites de inverno/andan polas encrucilladas/as meigas, trasnos e demos./Ánimas que están en pena/rezan ó pe do cruceiro./Cando o crego di o responso/no seu viaxe derradeiro/dille o morto adeus á terra/pousado ó pe do cruceiro. [...]”.

Na representación, un grupo de persoas prende cirios e candeas que deposita sobre o pousadoiro de “atrezzo” do Cruceiro; outros rezan pregarias como: “Oh almiñas que ides penando/lembraivos de nós que estamos rezando./ Nesta pedra me arrodillo/nesta fago oración/para que mi alma non peque/nin caia en desolación./Tente enemigo non entres comigo/que eu estou con Dios/e Dios está comigo”.

Na edición do ano 2023, na que contamos con dúas participantes de orixe catalá, aproveitouse nesta escena para facer un chisco a unha tradición propia daquelas terras que amosa unhas constantes parellas e concordantes co mito da nosa Santa Compaña, a “Dansa de la Mort” de Verges (comarca do Baix Empordá, Girona), co gallo de exemplificar e explicar como este fenómeno, que aínda mantendo pautas coincidentes, presenta unha enorme pluralidade a nivel zonal, polo que baixo fórmulas concordantes a riqueza cultural nese eido é todo un mundo.

Na escenificación da pregaria no Cruceiro de Melide se buscou inspiración nos ritos asociados

ós cruceiros da Terra de Melide, moitos deles vinculados coa festividade da parroquia específica, ou na do Corpus Christi, pero fundamentalmente no exemplo do Santuario de Santa Columba das Pías (Sobrado dos Monxes) onde no seu cruceiro situado na carballeira, aínda é frecuente a presenza de cirios no seu altar-pousadoiro, así como de todo tipo de elementos sanadores (exvotos, estampiñas, escapularios e demais).

As fotos que se axuntan pertencen a representacións de distintos anos así como dos ensaios previos, e onde podemos ver a importancia do Cruceiro de Melide para este evento, así como a súa simboloxía con respecto a este tipo de crenzas e mitos.

 



A DECORACIÓN EN ESPIGA

Nesta entrada de valorización do decano dos cruceiros de Galicia imos centrarnos nun dos seus aspectos ornamentais.

Para a ocasión imos referirnos á decoración de motivos vexetais que se pode admirar nos cantos, ou costados laterais da cruz.

Aínda estando presente a decoración “dende sempre”, certamente non foi ata o ano 2005 cando aparece a primeira referencia bibliográfica, nun traballo sobre o Cruceiro de Melide de Xosé Manuel Broz Rei para o Boletín nº 18 do CEM-MTM, que saíu á rúa no Nadal dese ano.

Así pois, o autor se refire á decoración vexetal nos seguintes termos: “unha das sinxelas características desta Cruz ata agora non nomeada nin considerada é o debuxo de espiguiña que ten por debaixo do brazo horizontal da cruz, só por ese lado e non polos frontes nin na cara de arriba [...]. Esta peculiaridade excepcional leva a considerar se a crus non sería repicada por eses lados. Considerando que os brazos da cruz son longos e estreitos, aínda que máis tardíos, teñen debuxo nas dúas caras e os remates acabados con diversas formas. Lémbrese os de Noia, Padrón, Santiago ou Ferrol, etc.

Por qué só o debuxo de espiga na cara de abaixo nuns brazos de cruz moi delgados?. A resposta lévanos a considerar o repicado e alisado de posibles erosións e desgaste do debuxo orixinal.

Por debaixo do brazo da cruz do lado da Virxe, vese perfectamente o debuxo de espiga ou

mellor sería chamarlle folla nervada con ben remarcados lóbulos, que logo segue por debaixo do brazo horizontal, pero aquí o contorno dos lóbulos vese cortado, non redondeado como na vertical, dato significativo para atribuír o repicado das frontais do brazo da cruz e remata o debuxo bruscamente na cabeza, sen debuxo algún, que supón outra proba dunha obra retocada.

No outro brazo da cruz, enriba da cabeza de San Xoán, hai a mesma labra de folla, pero esta está peor marcada nas nervaduras e o remate do brazo da cruz tamén remata bruscamente cortado.

Se tivo este debuxo por todas as caras da Cruz, o deseño enriquece moito e complétase como obra protogótica, emparentando aínda máis co pequeno conxunto de Cruceiros Góticos que hai no país.

Nestes Cruceiros góticos, a cruz sempre ten os brazos e os remates labrados con diferentes deseños, pero nunca espidos, estreitos e longos como ten o de Melide. Ningún deste conxunto amosa o deseño de folla nervada, que fai que o de Melide sexa peculiar e por outras características máis sexa desde sempre o antecesor deles, e o máis antigo do país, de Galicia.”

Si, certamente resulta moi significativa e enriquecedora a decoración de temática vexetal asociada ós tramos inferiores da cruz. Resulta tamén curioso que non fose ata o ano 2005 cando se fixera mención a unha ornamentación tan singular e única (sen paralelismos noutros cruceiros do país).

Agora, neste 2024, grazas á restauración exemplar dos elementos pretéritos do Cruceiro (cruz e varal) logrouse, entre outras mellorías, poder reparar dun xeito máis perceptible nas diferentes constantes iconográficas e tamén nos aspectos estilísticos, formais e decorativos. Dese xeito comprobouse como a decoración vexetal existente en ambos costados é manifestamente dispar. Así, pois, podemos observar nidiamente (especialmente á luz do alumado nocturno) como pola banda de poñente a decoración se corresponde cun motivo de espigado/ espiguiña/ ou do xeito de “espiña de peixe”, mentres que pola banda de nacente (a máis próxima á capela actual de San Roque) a decoración correspóndese claramente cun deseño de folla lobulada, cos remates redondeados.

Esa diferencia manifesta e, claramente perceptible, nos está a falar dunha Cruz en maiúsculos, na cal o escultor evidencia a súa maxistral mestría e tamén un aceno transgresor que manexa e bota man de artificios de asimetría e de contrapuntos compositivos para conquerir a orixinalidade na adecuación das figuracións e dos elementos adxectivos ó marco espacial no que se insiren e se integran. Dese xeito semella que aposta máis pola ruptura do ritmo que polo equilibrio compositivo. Da a sensación de que está a procurar que o espectador comprenda que anverso e reverso están directamente intercomunicados, botando man dun recurso de narración envolvente (así marcando unha diferenciación na decoración dos costados conséguese que a narración dunha das caras nos conduza directamente á outra, mediante unha transición efectista e nada casual).

Dende este Museo queremos manifestar dous aspectos, por un lado que a restauración permitiu ver e reparar aspectos decorativos que antes apenas se daban apreciado pola sucidade acumulado ao longo do tempo que non permitía apreciar con minuciosidade os elementos. E por outro, certamente agora que está limpo, case non hai dia no que nun exame minucioso do cruceiro non se perciban aspectos que antes se daban por supostos (como a decoración que describimos nesta entrada e que anteriormente á restauración non se conseguían apreciar as diferenzas en ambos brazos da cruz).

 O VELLO PEDESTAL DO CRUCEIRO

Nesta entrada imos referirnos ó vello sistema de asento do Cruceiro de Melide (daquel no que estaba inserido o varal nos emprazamentos anteriores: no Campo de San Roque e na banda oriental da Capela de San Roque).

Ese pedestal, hoxe musealizado in situ, ó carón do panel explicativo do Cruceiro, era o que o Museo da Terra de Melide lle propuxo á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que volvera a utilizar como sistema de asento do Cruceiro, unha vez que se levou a cabo a recente restauración. Dese xeito a peza antiga recuperaría a función que lle foi propia ata comezos da década de 1980.

O antigo pedestal ou basa do cruceiro gótico de Melide, hoxe atópase en desuso e fora de contexto. Aínda que non se trata dunha peza coetánea á cruz en pedra datada no século XIII, é o basamento máis antigo que del se coñece.

Esta peza descontextualizada atopábase ata finais do mes de outubro de 2024 parcialmente oculta por un arbusto ornamental situado no xardín da banda oriental da Capela de San Roque, nunha situación máis ou menos acorde coa ubicación do cruceiro entre a década de 1960 (cando se traslada dende o Campo de San Roque) ata a de 1980 (cando se reubica no escenario actual) e se substitúe o basamento por unha plataforma escalonada de tres chanzos, realizada en cemento con aplacado de granito cortado en serradoiro de pedra que, a día de hoxe, xa non está presente (foi desbotada por mor da súa escasa calidade, nulo valor patrimonial, e pola incoherencia e anacronismo que supuña un sistema de asento en escaleira nunha cruz datada en tempos medievais).

Este elemento correspóndese cunha pedra dun lagar, a xulgar polas escotaduras ou entalles que

presenta nos cantos laterais, que indican claramente que se trata dunha peza reaproveitada. Na parte superior do pedestal realizóuselle un rebaixe ou oco de planta circular, para inserir o fuste ou varal do cruceiro, que aínda que é antigo, o máis probable é que tamén se trate dun elemento sustentante reaproveitado, posterior á execución da cruz no século XIII.

O basamento levanta un total duns 50 cm e conta cunha forma redondeada en planta e de sección tendente a troncocónica. Actualmente poden verse desperfectos, traducidos en perda de material, no reborde superior que faría as veces de anel de suxeición do fuste.

Sobre esta basa existen diversas referencias documentais. A máis antiga retrotráese ó ano 1893, da man do erudito, investigador e médico melidao Eduardo Álvarez Carballido, quen a describe do seguinte xeito: “Sirve de basamento a la columna un trozo de granito, que se eleva como 50 centímetros sobre el nivel del suelo, de forma muy irregularmente circular, y que presenta en dos puntos opuestos, unas escotaduras rectangulares, una de ellas deformada, correspondiendo a los frentes de la cruz”. Este autor describe pormenorizadamente o cruceiro, nunha data na que este se atopaba no Campo de San Roque, e nese senso refire que “... es la que se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de San Roque”, nun escenario no que o mesmo autor sostén que “... ha visto desfilar ante si tantas generaciones y tantos mártires; de la religión unos, como a los que a sus inmediaciones pasaban en la Edad Media abandonando sus casas y familia, para venir en peregrinación a Compostela en cuya expedición a menudo sucumbían; de la política otros como las numerosas víctimas de la Primera Guerra Civil Carlista, que en el contiguo campo fueron fusiladas...”.

Tamén aporta un dato moi interesante no que se refire á unión do varal coa cruz, e nese senso afirma que “este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la Ermita de San Sebastián, citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista y a cuya ermita vino a sustituir la Capilla de San Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos. En efecto, por la unión de la vara y la cruz una mano estúpida le rompió, y por una de esas rarezas en que el sentimiento religioso vino a salvar la obra de arte, fue enmendada la fractura uniendo ambas piezas, con un sólido pero tosco anillo de hierro y unas cuñas tan mal colocadas, como impropias por su materia y forma de ocupar tal lugar”.

A segunda referencia que sobre o cruceiro temos, atopámola no libro Terra de Melide (1933), e sostense que “o basamento do cruceiro érguese a 50 cm do chan e o fuste ochavado mede 3 metros de outo”.

A terceira referencia atopámola nun traballo de Broz Rei datado no ano 1983, no que se fala de que o cruceiro “está á beira da igrexa de San Roque, do lado dereito, pra onde foi trasladado recentemente, pois antes estaba no lado esquerdo sobre un pedestal de pedra sin labrar. Agora érguese sobre unha plataforma escalonada moi pouco axeitada ó carácter do cruceiro. Noutro tempo estivo no Campo de San Roque, onde se facía a feira. Tamén tivo a disgracia de andar tirado e esquencido, hastra que se ergueu de novo polo celo de Don Antón Taboada Roca”.

Este mesmo autor recolle que “cando o cruceiro estaba no Campo de San Roque tiña unhas

gradas a xeito inverso, pois o campo quedaba máis baixo que a estrada. Estaba rodeado por grandes arbres: olmos e carballos... Tamén había perto do cruceiro, un palco de música de pedra e con balconada de ferro... Tamén se facía neste campo a feira de gando. Logo foi cando se plantexou a modernización e cortáronse estes arbres e mudouse o cruceiro”.

Así pois vemos que o cruceiro estivo en tres emprazamentos distintos ó longo do século XX e que estaba asentado sobre ese pedestal ata comezos da década de 1980.

 O CRUCEIRO DE MELIDE NAS VERBAS DE CASTELAO

Unha vez que o Museo de Melide reabre as súas portas, paseniñamente retoma as frontes de traballo (decote inconclusas) que considera lle son propias en base á súa razón de ser, unha delas é a do estudo, investigación e valorización do patrimonio cultural da Terra de Melide. Dese xeito un dos cometidos é o da procura da interacción e simbiose entre patrimonio cultural (ben sexa material ou inmaterial) e a sociedade herdeira e inmediata.

Un dos principais exemplos patrimoniais que mellor nos identifican é o cruceiro, tanto como concepto en abstracto como na identificación entre a parroquia e a súa principal seña de identidade. Dese xeito compre acadar maiores cotas de empatía e simpatía cun ben en maiúsculo que tan ben define as sociedades minifundistas do país.

Nesa liña sinalar que un cruceiro é un elemento por antonomasia definitorio da dualidade do patrimonio cultural, xa que é material (é dicir, materia inerte producida ou domesticada) como inmaterial (xa que un cruceiro é crenza, devoción, rito, mito, tradición, floclore, tótem apotropaico da parroquia, tanto dos vivos como dos finados, e metaforicamente é alma, esencia, idiosincrasia, valores e seña de identidade)

Pois..., en resumo, como entendemos que un cruceiro é algo máis que unha cruz en pedra, xa que transcende dese concepto (toda vez que é materia e alma), entendemos que compre saber valoralos e saber valorizalos. Nesas coordenadas andamos e entendemos que o Cruceiro de Melide, o decano e o máis senlleiros dos cruceiros do país, imos continuar coa xeira comezada o ano pasado, iniciada baixo o título “Arelando o retorno dos decano dos cruceiros de Galicia” e que agora lle damos en dicir a estas entregas: “Valorización do decano dos cruceiros de Galicia”.

Así hoxe imos falar, ou mellor dito imos reproducir, o falar de Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” (Bos Aires, 1950).

Para comezar imos parafrasear unha cita realmente impactante que o autor plasma na páxina

85 do libro. Xa so con ler dita cita nos podemos facer unha idea da enorme transcendencia do Cruceiro melidao, así pois Castelao fai unha referencia á obra de Georgiana Goddard King “The way of Saint James” (G.P. Putnam´s sons. New York and London, 1920), que nos narra do seguinte xeito “mrs. King, na súa intresante obra encol do Camiño de Sant-Iago, apenas fai mención das cruces de pedra que ourelaban o vieiro, porque non se sinteu pelegrín e sóio quixo axuntar nun gran libro o que estaba espallado en moitos e diversos libros. Así e todo pubrica unha fotografía con esta lenda: “pilgrim´s Cross at Mellid”; e os cruceiros galegos merecéronlle este párrafo:

“a aldeia de Santa María, que está a dous kilómetros, (refírese a Melide) ten un bó Cruceiro... Estas cruces vense máis arreo a medida que nos achegamos a Sant-Iago, e parésceme a min que indican, cada unha delas, unha parada dos pelegríns. Perto dunha eirexa por onde pasei ao día siguente -creo se chama San Roque- había un cruceiro verdadeiramente soberbo”.

Esta referencia recollida no libro de Castelao na páxina 85, non pode resultar máis clarificadora, posto que nos está a situar o Cruceiro de Melide nas inmediacións da antiga e desaparecida Capela de San Roque (demolida a finais da década de 1940). E, tamén nos ten que servir de motivo de fondo orgullo, ver como unha estudosa do Camiño naquel entón, considerara que o Cruceiro de Melide é “verdadeiramente soberbo”.

Seguindo coa obra de Castelao vemos como na páxina 115 fala do Cruceiro de Melide xa dun xeito interpretativo. Así son as súas verbas:

“Os cruceiros máis vellos. Citaremos primeiramente o Cruceiro de Melide, que presenta no anverso a crucifixión inspirada pol-o franciscanismo, aínda no inicio das formas dramáticas, e no reverso represéntase a Cristo na Groria, sentado, en maxestade, e amostrando as chagas das mans e do costado, tal como se figurou nas esceas apocalípticas do ciclo meieval. As figuras están labradas en groso bloque de granito, cuio pé escede en anchura ao grosor de calesquera capitel de cruceiro, pol-o que supoñemos que foi primitivamente unha “cruz de pelegríns” (Melide está no “camiño francés”), pousada en altar. A todas luces se vé que os brazos da cruz foron desbastados para regularizar algún desperfeito sofrido na ornamentación que debeu ter nos estremos, propria do tempo en que se fixo. Tamén coidamos que esta cruz foi dourada e pintada nos comezos, como a de Guimaraes e as de Valencia, porque as chagas do Cristo en maxestade deberon representarse en coor, xa que non hai traza delas na escultura. Poida ser que esta obra proveña do século XIV -tal aseguran os arqueólogos- a xulgar pol-as súas nobres feituras e porque representa o tránsito das conceicións dogmáticas ás dramáticas”.

Dúas páxinas máis para diante (117) Castelao fai a consideración de que “a de Melide debeu ser primitivamente un altar de humilladoiro” (referíndose a cruz do Cruceiro). Dese xeito o autor considera que a cruz do Cruceiro de Melide non foi concibida, en orixe, para formar parte principal dun cruceiro, senón que estaría vinculado a un monumento ou arquitectura devocional ligada á peregrinación a Santiago.

 O CRUCEIRO DE MELIDE SEGÚN EDUARDO ÁLVAREZ CARBALLIDO (MÉDICO E HISTORIADOR DE MELIDE)

A semana pasada, nesta xeira de valorización do Cruceiro de Melide, procedeuse a reproducir as verbas de Castelao no seu monográfico “As cruces de pedra na Galiza”, mais, hoxe imos reproducir as valoracións de Eduardo Álvarez Carballido (Oroso, 1843- Melide, 1913), posto que se trata do primeiro artigo no que se describe o Cruceiro de Melide.

Eduardo Álvarez Carballido aparte de ser médico e cirurxián de profesión e historiador de vocación tamén, entre os seus méritos, foi Académico correspondente da Real Academia Galega, en cuxas series “Galicia Histórica” e “Galicia Diplomática” podemos atopar traballos da súa autoría, sempre centrados en cuestións de arte, historia e de arqueoloxía.

Así pois en Galicia Diplomática nº 11 do mes  de febreiro de 1893, nos atopamos cun traballo que leva por título “El Crucero de San Roque de Mellid”, que ten a particularidade de, como xa se apuntou, ser a primeira ocasión na que se trata o Cruceiro como un ben de notable interese.

Parafraseando as verbas de Álvarez Carballido: 

“[...] Sin temor a equivocarnos, podemos decir que una de las más antiguas, ya que no la primera entre las que más o menos artísticamente presentan cincelada la imagen del Salvador, (en Galicia) es la que se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de san Roque. Esto no es decir que sea fácil precisar la época de su erección, pues carece de fecha aunque parece conservar vestigios numéricos; pero es tan gran la capa de musgo que cubre el granito, y lo destruido que se halla por la acción del tiempo, que no puede precisarse fecha alguna.

Imposible hallar nada más tosco que el trabajo de la cruz, vamos de él una ligera idea. Sirve de

basamento a la columna un trozo de granito, que se eleva como cincuenta centímetros sobre el nivel del suelo, de forma muy irregularmente circular, y que presenta en dos puntos opuestos, unas escotaduras rectangulares, una de ellas deformada, correspondiendo ambas a los frentes de la cruz. Sobre esta tosca base, elevan la vara o columna, en la que se asienta la cruz propiamente dicha, es de tres metros escasos de elevación y de planta cuadrada, aunque efecto de haber sustituido las aristas por pequeños planos, en toda su longitud, resulta formar un octógono de cuatro lados mayores y cuatro menores. Esta columna no tiene base propiamente dicha, capitel ni moldura alguna. La cruz que sobre ella asienta es prolongación de la misma piedra, el prisma octogonal que la vara presenta conviértese por una brusca transición en una masa también prismática de basa rectangular, para lo que el artista no hizo más que aplastar por decirlo así la columna, disminuyendo su espesor en un sentido, y aumentándolo en el opuesto; así, pues, el brazo inferior de la cruz resulta con dos caras que son los dos frentes de ella mucho más anchas que las varas del crucero, y que por lo tanto sobresalen a ambos lados; las otras dos laterales son mucho más estrechas. El brazo superior y los dos laterales de la repetida cruz son cuadrados, lisos y muy delgados en contraposición del inferior. De manera que el conjunto forma un todo desproporcionado y lo más contrario a las reglas arquitectónicas; y sin embargo su vista no es desagradable. Cierto que a ello contribuyen las imágenes que en él se ven esculpidas y son las siguientes, que ocupan solo el brazo inferior pues los otros tres arrancan de él, como simple terminación necesaria para darle la forma crucial. En uno de los frentes se ve al Salvador en la forma acostumbrada cuando se le representa en la cruz: el artista al colocarle en tal situación lo hizo de manera que el antebrazo y manos forman un ángulo recto con el brazo, posición inaceptable para el que aparece pendiente de tres clavos, pero usada por los primitivos escultores, cuando los albores del arte, el paño muy largo cubre hasta las rodillas y la pierna derecha al caer sobre la otra para aparecer unidos los dos pies, lo hace presentando un ángulo, lo más antiestético posible aisladamente considerado. Sobre la cabeza del crucificado se ve una tosca flor de lis, descansando sobre dos compases o triángulos.

En el otro frente háyase la representación de Jesucristo en distinta forma. Sentado sobre un largo escabel, formado por una serie de arcos agudos, sobre los que se extiende el plano que forma el asiente coronado por puntiagudas almenas; el Redentor tiene cubierta la cabeza por una especie de corona gótica que se asemeja en algo en su forma a la que usan los marqueses en su escudo. La parte superior del cuerpo desnuda, y los brazos como si estuvieran clavados en la cruz, formando el mismo ángulo recto que los de la imagen del frente opuesto; la parte inferior del cuerpo a excepción de los pies que se encuentran separados y en posición de descansar sobre la columna, en la forma que se observa en una persona sentada, toda ella está cubierta por una plegada túnica, a manera de saya. Mirando al primer frente descrito y en el lado izquierdo del brazo inferior de la cruz, adosado a su cara lateral, hay un ángel arrodillado con túnica plegada y ceñida a la cintura y sosteniendo un libro en las manos. En el lado izquierdo dos ángeles arrodillados el uno e inclinado el otro, tenían otros atributos que desaparecieron efecto de la acción del tiempo.

Este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la ermita de S. Sebastián citada por Huerta, en los primeros tiempos de la Reconquista, y a cuya ermita vino a sustituir la capilla de S. Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos. En efecto, por la unión de la vara y la cruz una mano estúpida le rompió, y por una de esas rarezas en que el sentimiento religioso vino a salvar la obra de arte, fue enmendada la fractura uniendo ambas piezas, con un sólido pero tosco anillo de hierro y unas cuñas tan mal colocadas, como impropias por su materia y forma de ocupar tal lugar.

A nada conduce detallar más la breve reseña anterior; para tales descripciones nada como el grabado o la fotografía. Estas mal pergeñadas, sirvan sólo para recordar a los amantes de las antigüedades la existencia del antiquísimo crucero, que ha visto desfilar ante sí tantas generaciones y tantos mártires; de la religión unos, como a los que a sus inmediaciones pasaban en la Edad Media abandonando sus casas y familia, para venir en peregrinación a Compostela en cuya expedición a menudo sucumbían; de la política otros como las numerosas víctimas de la Primera Guerra Carlista, que en el contiguo campo fueron fusiladas; […]”

  A BALANZA DO ANVERSO DO CRUCEIRO

Antes de iniciar esta nova entrada compre poñer de manifesto unha vez máis que a cruz do Cruceiro de Melide presenta dúas caras figuradas, nunha na que se representa a Paixón de  Cristo e noutra á Resurrección.  Tal e como foi recolocado o Cruceiro nos dous últimos emprazamentos (nas dúas bandas da Capela de San Roque), desvirtuouse a orientación orixinal cando estaba instalado no Campo de San Roque (alí o Cruceiro estaba orientado de Leste a Oeste, mirando o Calvario cara ó Poñente e o Resucita cara ó Nacente). A partir da década de 1960 cando se procede ó traslado cara á banda dereita da Capela de San Roque e, posteriormente ó emprazamento actual, deron por mudar a orientación situándoo de Norte a Sur, e, por riba, dun xeito conceptual errado, posto que tal e como está posto (co Resucitado mirando cara á estrada) semella que se trata do anverso da cruz, aspecto que non é verosímil toda vez que Xesús Cristo primeiro ten que falecer para a continuación aparecer como resucitado e vencedor da morte.

Como xa temos apuntado en máis dunha ocasión, este Cruceiro presenta uns plantexamentos claramente dogmáticos nos que se procura o enxalzamento do dogma de fe por riba de calquera tipo de cuestión. Dese xeito estamos asistindo a dualidade que leva dende o ciclo da Paixón e da morte de Cristo ata o ciclo da Resurrección no que Cristo aparece como vencedor da morte, Rei entronizado e Señor do Ceo e da Terra. Así pois a figuración vai complementada de diversos elementos físicos ou materiais que axudan a reforzar ese discurso ou dogma. Un deles é o que nos atopamos na figuración do anverso (na do Calvario).

Ata fai pouco tempo ese atributo era considerado erradamente como unha flor de lis, cando

ollado con detalle se pode distinguir que se trata dunha balanza e, precisamente, non mal representada.

A primeira vez que se fala deste elemento é nun traballo de Eduardo Álvarez Carballido publicado no ano 1893 en Galicia Diplomática. Nese artigo o erudito cita o obxecto nos seguintes termos: “sobre la cabeza del crucificado se ve una tosca flor de lis, descansando sobre dos compases o triángulos”.

Do mesmo xeito outros autores como, Xosé Manuel Broz Rei que foi un dos que máis páxinas lle ten dedicado a este Cruceiro, tamén consideraron que dunha flor de lis se trataba, por asimilación do Cruceiro de Melide co franciscanismo da Orde Terceira Regular Franciscana. Así dese xeito, nun traballo da súa autoría publicado no Boletín nº 2 do CEM-MTM no ano 1983, comenta que “sobre el hai unha flor de lis, a xeito de coroa”.

Tamén o investigador Clodio González Pérez no seu monográfico “Os Cruceiros” (Cadernos Museo do Pobo Galego, nº 12, 2003) tamén apunta á versión da flor de lis. Así e en coincidencia cos outros autores mencionados conclúe que “no sitio que lle corresponde á cartela do INRI hai unha coroa en forma de flor de lis, que alude, segundo parece á resurrección”.

Na liña deste último autor podemos situar o discurso de catequese e de dogma de fe co que tanto se asimila a iconografía da cruz do Cruceiro de Melide, así pois consideramos que esta representación, en ocorrelevo, reflicte unha balanza de pratos pendurados e con disposición simétrica e, nun mesmo plano de horizontalidade. Sen pretender entrar na tentativa de cavilar no atributo do Arcanxo San Miguel, todo induce a pensar na figura de Xesús-Deus coma xuíz e administrador de xustiza (na verba do Credo “ [...] daquel que ha vir xulgar a vivos e mortos, e cuxo Reino non ha ter fin”. Esta profesión do dogma de fe xa propicia o tránsito e complementariedade coa escena do reverso, na que a figura do Cristo resucitado se entende como un Cristo Rei, soberano, que vence á morte e acada a Resurrección e a Gloria, tal e como se narra na verba do Noso Pai: “teu é o Reino, teu é o poder e a gloria, por sempre, Señor...”.

Se ben é certo que este atributo que se sitúa na transición dos traveseiros dos paos da cruz, no lugar acostumado pola cartela co acrónimo INRI, sempre estivo nidiamente visible mais, agora coa recente intervención de restauración semella que este detalle, ó igual que outros moitos, resulta amosarse dun xeito máis evidente e claro. Tamén ben é certo que a parte da balanza que sostén os pratiños reproduce un deseño que ten certas reminiscencias ou analoxías visuais cunha flor de lis, aspecto que da lugar a enganos e a unha percepción visual confusa.

 O CRUCEIRO, EMBAIXADOR DE MELIDE TAMÉN NO ESPECTRO MUSICAL

Nesta xeira de valorización do Cruceiro de Melide, da que aínda quedan moitas entradas por ir subindo, consideramos que se debe tratar a relevancia do Cruceiro dende diferentes ópticas e perspectivas (non so no eido histórico e artístico).  Dese xeito consideramos que o Cruceiro é moito máis que arte en pedra, iconografía e discurso dogmático. Pensamos pois, que o Cruceiro é alma, espiritualidade, icona, símbolo e metáfora..., tamén fetiche e reclamo.

Así, hoxe queremos por de manifesto que o Cruceiro se pode entender como símbolo identitario e embaixador de Melide con todas as connotacións emocionais e intrínsecas que definen a alma e a esencia melidá. Nesa liña de concepción das cousas hoxe imos amosar como o Cruceiro é, decote, utilizado como modelo definitorio e identificador do que  é Melide e de canto, e bo, pode ofrecer.

Ben é sabido que dentro da faceta artística de Xosé Manuel Broz Rei tamén houbo cabida para a plasmación artística en soportes amplamente dispares como mesmo na pel tensada dos bombos das agrupacións de música tradicional  de Melide e da súa contorna. Dese xeito a Broz se lle debe a ornamentación dun total de 13 bombos (3 para os Garceiras; 3 para Froito Novo; 2 para os Melidaos; 1 para Pozo Pequeno; 1 para A Banda do Peto; 1 para Os Gaiteiros do Balado; 1 para Pena Golpilleira de Vilouriz e 1 para Bico da Balouta de Agolada).

Broz reproduce cruceiros nun total de 6 bombos, entendendo que o Cruceiro é símbolo e icona identificativa da parroquia e das súas xentes. En tres deles aparece reproducido o Cruceiro de Melide, sempre pola cara do reverso (a da Resurrección ou de Cristo sedente e coroado).

O primeiro dos exemplos é un bombo pintado tempo hai, para os Irmáns Garceiras. Nel, nunha estética eminentemente costumista e ruralizante, cunha paisaxe de fondo que retrata a paisaxe rural da Galicia Central, de agras, hórreo, palleiro e cos cumios do Bocelo no final de plano, podemos ver como se lle superpón, no campo central, unha imaxe de tendencia heráldica sobre a faixa azul da Bandeira Galega. O motivo concibido a xeito de brasón reproduce a Portada da Antiga Igrexa de San Pedro, superposta ás chaves de San Pedro, patrón de Melide e timbrada pola figura inconfundible do Cruceiro de Melide, do Cristo amosando as chagas, unha vez resucitado. O motivo heráldico é sostido por unha muller e un home, a modo de portaestandartes, co vestir tradicional galego.

O segundo dos bombos no que Broz reproduce o Cruceiro de Melide é un bombo pintado para

Froito Novo. Neste segundo bombo prodúcese un cambio dunha paisaxe pictórica, complementada con elementos de corte simbólico, a unha sintetización e concreción de motivos. No campo central vemos a estampa solemne e maxestuosa do reverso do Cruceiro de Melide, co Cristo resucitado, imberbe, coroado e sedente (sentado sobre unha arquitectura defensiva da que habemos falar noutra entrada desta xeira de “valorización”). A cruz do Cruceiro neste caso descansa sobre un capitel, o afamado Capitel do Gaiteiro procedente, probablemente, do claustro do Convento de Sancti Spiritus de Melide, aínda que tamén hai a posibilidade de vinculado á algunha fase construtiva primitiva da antiga parroquial de San Pedro. Ese maxistral capitel, que pertenceu á colección privada de Eduardo Álvarez Carballido, pasou a incrementar os fondos do Museo de Pontevedra, no que aínda pervive pero, lamentablemente, sen estar exposto ao público. Neste bombo entendido de xeito simbólico, non podían faltar na orla perimetral outros motivos que enfaticen esa constante alegórica, metafórica e totémica. Dese xeito Broz bota man de dous motivos recorrentes na plástica castrexa Galaico-romana (unha estrela ou roseta hexapétala e un trisquel) ós que lle engade ornamentación vexetal envolvente e formando roleos.

O terceiro dos bombos foi pintado para Os Melidaos, e nel fusiónanse paisaxe e símbolos, xa nun estilo no que podemos ver e entender unha evocación ó bombo pintado para Os Garceiras, pero cun trazo e debuxo máis evoluído, pero quizais menos expresivo. Nese bombo podemos ver no campo central a vila de Melide vista dende o Castelo e cun telón de fondo no que se ven os tesos do Bocelo e do Careón, o que se lle superpón a imaxe do Cruceiro de Melide a modo de deidade dos ceos, que garda e serve de amparo á Terra de Melide, á súa paisaxe e ás súas xentes. Complementan a iconografía do bombo, unha gaita, un bombo e un tamboril, acompañados de tres follas de carballo, sendo este un motivo que tamén se estende ó longo da orla ou cenefa perimetral, a modo de guirnalda de pólas de carballo.

Pero non so está presente nos bombos destas agrupacións musicais de Melide, xa que na

década de 1990 foi utilizado como un dos motivos do deseño do cartaz que anunciaba a “Cantata de Melide”, composición musical creada por Fernando Vázquez Arias sobre textos de Ramón Fraga García. Esta peza musical, dedicada a Melide, foi representada hai xa 30 anos pero podemos seguir vendo o cartaz no Conservatorio de Música de Melide, onde adorna un dos andares. O cartaz presenta un debuxo, idea orixinal de Xosé Manuel Broz, onde se recollen os elementos máis destacados da bisbarra: a torre da igrexa de Sancti Spiritus e a da Capela de San Antón, o arco da portada da Capela de San Roque (pertencente á desaparecida igrexa de San Pedro); o Forno dos Mouros e que presenta como telón de fondo o perfil do Bocelo e do Castro Pedro; en primeira liña podemos ver a Ponte de Furelos baixo a cal flúen as augas do Furelos; unha gaita como símbolo da música e dos músicos desta terra; unha cuncha de vieira que nos fala dos Camiños de Santiago e un libro aberto, sen palabras que representa á nosa biblia: o Terra de Melide do Seminario de Estudos Galegos. E no centro da imaxe, o Cruceiro de Melide (debuxado pola cara máis representativa, a do Cristo resucitado).

Vemos pois que o Cruceiro de Melide é moitísimo máis que arte figurativa en pedra, posto que tamén é alma, esencia, símbolo, bandeira, amuleto, talismán, icona, alegoría, metáfora, tótem, devoción, modelo, logo, inspiración e, por riba de todo, o emblema que define a Melide, á súa esencia e á súa cultura. E que, por sempre, siga a selo!!!



Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  VALORIZACIÓN DO DECANO DOS CRUCEIROS DE GALICIA  Unha vez co Cruceiro de Melide de volta na casa despois dun período de algo máis de tres ...