OS CRUCEIROS DA TERRA DE MELIDE (1ª parte)
BALTAR, UN DOS MÁIS FERMOSOS EXEMPLOS
Amosamos unha estampa idílica, nunha carballeira de plantación, nun entorno natural, onde se conserva, alleo á vista de curiosos e visitantes (salvo aqueles que, motivados por unha paixón ou un profundo amor polo coñecemento do patrimonio se achegan a recunchos alonxados do noso concello) un dos cruceiros máis fermosos do termo municipal de Melide, datado no ano 1667, ademais de ser o máis relevante (despois do de Melide) en canto á súa tipoloxía, estilismo e figuración (sen menoscabo dos demais, xa que todos teñen a súa singularidade sobre todo en canto á súa idiosincrasia e sentimento). Obviamente, como decano de todos eles, dos máis de 50 cruceiros que temos en toda a bisbarra, destaca o Cruceiro de Melide, mais non por elo os demais carecen de beleza. Este cruceiro de Baltar, que comparte tipoloxía co de Santa María de Ordes (Toques) e Santa María de Novela (Santiso), é un dos máis elegantes e fermosos cruceiros. Os tres, á razón dun exemplo por concello da comarca, responden á Tipoloxía A, determinada por Xosé Manuel Broz no seu traballo sobre os “Cruceiros da Terra de Melide” e publicada xa no ano 1983, no boletín nº 2 do CEM-MTM, describíndoos da seguinte maneira que aquí reproducimos de xeito literal:“Plataforma: Está formada por 4 ou 5 gradas con aristas redondeadas.
Pedestal: ten catro caliveras e os atributos da pasión, Inscripción ou vacío.
Fuste: de tipo renacentista, circular, con boceles e media cana; teñen un ou dous santiños e a súa outura varía entre os 240 a 270 e 20-22 cm de diámetro.
Capitel: derivado do composto, con flores, volutas e anxos. Sobre 25 cm de outura.
Cruz: é recta e está figurada. Cristo no anverso e a Virxe no reverso, sobre 80 cm.
Teñen de basamento sobre un metro de outura que fai unha conta de 460 cm ou 5 m de outura total do cruceiro”.
Igualmente, Ángel Luís Utrera Baza, fixo unha profunda e completa revisión deste traballo de X.M. Broz, no boletín nº 34 publicado no ano 2021, onde de novo se volve a incidir na maxestuosidade deste cruceiro e onde podemos ler unha descrición das características estilísticas.
Na web abeancos.gal, onde xa se poden consultar as fichas de máis de 30 cruceiros da bisbarra, podemos ler a descrición do de Baltar: “Actualmente localízase no medio da carballeira da festa ó carón da casa reitoral e enfronte á actual igrexa de Baltar. Pero procedía da veciña parroquia de Grobas, onde houbo unha igrexa parroquial que hoxe non se conserva.
Consta de cruz, capitel, fuste e basa. A cruz representa a Cristo crucificado no anverso e no reverso á Virxe orante (Inmaculada Concepción) e rodeada por tres querubíns.
O capitel é de estilo composto con representación de anxos e volutas.
O fuste é estriado, no que aparece representado San Andrés coa cruz en aspa e un santo con hábito franciscano portador dunha cruz.
Na basa de forma troncopiramidal, aparecen representados os atributos da paixón e unha inscrición que recolle a data de construción no ano 1667. Esta basa aséntase nunha escalinata de cinco chanzos.
Da carballeira na que se localiza, destácase a súa plantación ordeada ocupando unha parcela en forma de semicírculo, na que os carballos se dispoñen en cuadrículas. Nesta carballeira celébranse as festas de San Ramón (compre indicar que na veciña aldea de Grobas, de onde provén o cruceiro, aínda pode verse a Fonte de San Ramón Nonato, e tamén o lugar no que se localizaba a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas)”.
Sempre é de proveito a posta en valor do patrimonio cultural.
O CRUCEIRO DE NOVELA.
Con esta entrada
completamos a triloxía de cruceiros da “Tipoloxía A” establecida por Xosé
Manuel Broz Rei no seu estudio sobre os cruceiros da Terra de Melide.
Melide: Baltar (Melide), Novela (Santiso) e Ordes (Toques), polo que resulta unha casualidade, por así dicilo providencial, o feito de atoparnos cunha representación desta tipoloxía tan específica á par de magnífica en cada un destes termos municipais.
Nesta ocasión, a
diferencia das dúas anteriores nas que se botou man do traballo de Broz Rei
para aproximarnos ós cruceiros de Baltar e de Ordes, hoxe se opta por acudir ás
verbas de Vicente Risco extraídas do capítulo “estudo etnográfico da Terra de
Melide” (en “Terra de Melide, publicado polo Seminario de Estudos Galegos, ano
1933), e así no galego da época nos conta como “o cruceiro de Novela é unha
obra moderna regularmente feita. Sobr´un fuste acanalado con capitel composto,
que ostenta unha testa de querubín no meio das volutas, érguese a crús, con
Cristo pol-o anverso, e unha Purísima Conceición en aitude orante, no reverso,
en compaña de querubís, postos un ós pés e outros nos remates dos brazos da
crús...
De mais intrés é o pé, en
tronco de pirámide, con catro grandes caliveras nas esquinas, e cos atributos
da paixón esculpidos nos lados, do xeito seguinte: n-un a crús co-a coroa de
espiñas formando a aureola, e dúas discipriñas; n-outro, a escada, a lanza
cruzada c´unha palma e un sapo, representación do pecado, rillando un óso,
n-outro, o curazón con tres cravos, a tenalla e o martelo, e debaixo unha
píntiga rillando un óso.
Adosado ó fuste, hai un
santo en outorreleve que leva longo roquete sobr´as vestimentas talares
plegadas e unha corda con borla ó pescozo, un libro na mao dereita e unha sorte
de látigo na esquerda.
O mesmo pé en tronco de
pirámide con caliveras nos ángulos, ten outro cruceiro da bisbarra. N-il
repítense os motivos dos cravos, a tenalla e o martelo, c´unha gran píntiga de
rabo cobreguexante. Oferce tamén unha curiosa dexeneración do capitel composto,
adornado por abaixo con unha sorte de froles moi estilizadas e pequenas pérolas
intercaladas”.
Volvendo ó traballo de
Broz Rei, compre sinalar cales son as características formais, estilísticas e
iconográficas que definen á tipoloxía A. Así pois o autor desglosa as
diferentes partes do cruceiro de “Tipo A” do seguinte xeito: “Plataforma: está
formada por catro e cinco gradas con aristas redondeadas. Pedestal: ten catro
caliveras e os atributos da pasión. Inscripción ou vacío. Fuste: de tipo
renacentista, circular, con boceles e media cana; teñen un ou dous santiños.
Capitel: derivado do composto, con follas, volutas e anxos. Cruz: é recta e
está figurada. Cristo no anverso e a Virxe no reverso”.
Con respecto ó cruceiro
de Novela conta como “está situado no campo da festa, onda as arbres fan un
fermoso camiño que leva á igrexa”. Descríbeo do seguinte xeito: “ten catro
gradas con perfil abocelado e pousadoiro, onde pon a data (1882). O pedestal é troncopiramidal,
cos atributos da pasión: no lado Norte tenazas, tres cravos, martelo, píntiga;
Sur: está vacío, sin inscripción; está tapada polo pousadoiro. Este: sapo,
píntiga, palma. Oeste: escada, coroa, hisopo. O fuste é de tipo renacentista,
con estrías e boceles.
O capitel é derivado do
composto, con follas moi estilizadas e volutas estreitas e anxos. É un modelo
novo, que se aparta da outra tipoloxía.
A cruz é recta, coas
aristas achaflanadas; está figurada. No anverso ten o Cristo en outorreleve,
ollando á dereita; tres cravos; sigue o modelo e Ordes, da escola do escultor
Ferreiro. No reverso ten a Virxe, orante, sobre peana de anxo.”
E, sobre a historia do
Cruceiro de Novela, tamén nos fala Broz como “A procesión vai hastra él pola
Santa María e polo Corpus; tamén vai polo Vilabade, que é o luns e martes
dispois de Pentecostés, e polo Rosario, o primeiro domingo de outono”.
Sobre este cruceiro
existen outras publicacións aparte da de Risco e da de Broz, como son
“Aproximación ós cruceiros do Concello de Santiso (A Coruña), Terra de
Abeancos, na obra de Xosé M. Broz Rei do ano 1983” de Ángel Luís Utrera Baza;
ou a colección “Cruceiro na provincia da Coruña” realizada por Luís Martín
Ruiz. Nesta última podemos ver nunha fotografía, como o fuste ou varal
presentaba danos estruturais importantes, polo que foi reparado
provisionalmente cun sistema de entablillado (zunchado) metálico con motivo de
garantir a súa seguridade. Indicar que no presente xa non queda rastro daquela
figura adosada da que daba conta Risco, dun santiño vestido con indumentaria
talar, polo que descoñecemos cal foi o motivo da perda do mesmo. En todo caso
tanto Broz (1983), Martín Ruiz (1999) e Utrera Baza (2022), xa non recollen a
existencia desta figura.
Respecto ós outros dous
cruceiros emparentados con el, Baltar e Ordes, sinalar que ambos conservan
santiños a medio varal, no caso de Baltar un por cada lado (San Xoán e San
Andrés) e un no de Ordes (San Lourenzo) que , curiosamente nos lembra de
maneira bastante sospeitosa á figura descrita por Risco, o que nos induce a
pensar que se trataría dunha segunda representación do mesmo santo ou que o
reputado folclorista trabucara un co outro.
Tamén e, a diferencia cos
outros dous, este conta con altar pousadoiro (engadido posteriormente no ano
1882).
O CRUCEIRO PARROQUIAL DE ORDES (TOQUES).
Un dos mellores modelos
de cruceiro da Terra de Melide.
Nesta entrada imos falar dun dos máis destacados exemplos de cruceiro, datados no século XVII, existentes na bisbarra melidá. Este cruceiro de Ordes está emparentado, tipoloxicamente falando, do de Baltar (Melide) e co de Novela (Santiso), encadrables na “TIPOLOXÍA A”, establecida por Xosé Manuel Broz Rei.
Dentro desa tipoloxía
específica recolle o autor ós cruceiros que contan con cruz figurada
(representando a Cristo crucificado e á Virxe en senllas caras); capiteis
derivados do estilo composto (con representación de follas, volutas e anxos);
varal de tipo renacentista, de sección circular, con decoración de boceis e
media cana, e con representación dunha ou dúas figuras de santos a media
altura; pedestal con decoración de catro caveiras nos ángulos, e con atributos
da Paixón nas caras laterais, podendo aparecer unha inscrición nunha delas;
plataforma en disposición piramidal, conformada por catro ou cinco gradas, coas
arestas redondeadas.
O citado autor establece
outras 5 tipoloxías para os cruceiros “terramelidaos”, dos que xa se dará conta
en sucesivas entradas.
Respecto ó Cruceiro de
Ordes, indicar que se atopa nunha parcela acaroada ó adro da igrexa parroquial,
pola súa banda meridional.
Broz fala deste magnífico
cruceiro nos seguintes termos: “...Ten cinco gradas con perfil abocelado;
pedestal de tronco de pirámide con catro caliveras e os atributos da pasión (N:
tenazas, píntiga con oso, corazón e tres cravos, martelo. S: hisopo, cruz e
coroa, disciprinas. E: escada, lanza con palma, sapo con oso. O: inscripción:
SE RETIFICO SIENDO CURA D. JOSÉ DÍAZ, AÑO 1881). O fuste é circular,
renacentista. Ten no lado norte un santiño en outorreleve, con libro na man e
na outra unha parrilla, semella ser San Lourenzo. O capitel é derivado do
composto, con dous ordes de follas, volutas e anxos. A cruz é recta, figurada
no anverso co Cristo e coa Virxe no reverso. O Cristo, en outorreleve, pegado á
cruz, cabeza caída á dereita e morto, coas características do Cristo de
Ferreiro; ten a cartela do INRI. A Virxe, Inmaculada, orante, con manto de
marcados plegues, sobre peana de anxo e tres querubíns nos brazos da cruz que
lle adoran”.
Broz tamén apunta ás
procesións que ata el ían acompañadas de repenique de campás, así pois apunta
que, ata el ían en comitiva: “polo San Pedro Mártir, levando a xente ramos de
oliva pra bendicir; polas rogativas de San Marcos, bendecíndose as terras e os
froitos; polo Anxo da Garda; pola Santa María de Ordes o 8 de setembro”.
Certamente estamos a
falar dun cruceiro excepcional que se asemella ós outros dous citados ó comezo
do texto. Aínda tratándose de cruceiros magníficos non contan coa dignidade que
lles debera ser propia, nin coas necesarias medidas de sinalización e de posta
en valor, como soe ser habitual noutros puntos da xeografía galega.
SANTA MARÍA DE MELIDE
Unha vez que rematamos de amosar os cruceiros da “Tipoloxía A” (clasificación establecida no ano 1983por Xosé Manuel Broz Rei), que engloba ós magníficos cruceiros de Baltar (Melide), Ordes (Toques) e Novela (Santiso), quedaramos en ir falando doutros dos destacados cruceiros espallados pola xeografía comarcal.
Dese xeito hoxe imos amosar un cruceiro encadrable na tipoloxía C (de Broz Rei) e, neste caso, compre salientar o feito curioso de que todos eles se sitúan no termo municipal de Melide, en parroquias bastante próximas. Dentro desa clasificación sitúanse os cruceiros de Santa María, Campo e San Cosme e San Salvador de Abeancos. Como denominadores comúns e tal e como nos conta Broz, as súas especificidades son as seguintes: “arrincan do chan sobre un pedestal, sin gradas ou con elas pouco labradas. No pedestal aínda perviven os atributos da pasión, anque con poucos elementos. O fuste é renacentista, circular, e varían dende 235 hastra 240 cm de outura, e de 23 a 25 cm de diámetro. Capitel: é derivado do composto, de 25 cm de outura, con follas, volutas e anxos. A cruz está figurada co Cristo no anverso e o reverso está recrucetado...”.
Respecto a este cruceiro de Santa María, tanto Broz como Utrera Baza fan un desglose pormenorizado das súas singularidades, atendendo a aspectos de ubicación, descrición e tradicións. Ambos autores apuntan o feito de que o cruceiro se atopa en pleno itinerario do Camiño Francés de Santiago, nunha encrucillada de camiños que precede á igrexa parroquial de estilo Románico. Ambos inciden nun dato que compre enfatizar que é o de que a figuración do Crucificado estalle a dar as costas ó templo, algo que non encaixa nos canóns dogmáticos, polo que todo apunta a un traslado ou, canto menos, á rotación da cruz.
Na actualidade o cruceiro érguese nun plano máis baixo que o do pavimento do vial, constituído por chapacuña, resultante da derradeira actuación de “humanización” do camiño e da contorna da igrexa.
O cruceiro descansa sobre unha plataforma provista de tres gradas sobre as que se asenta un pedestal de feitura troncopiramidal. Broz Rei apunta a que o mesmo tivo unha inscrición, que na actualidade non é lexible. O fuste ou varal é de sección circular e é de estilo renacentista, con estrías e con boceis na súa metade inferior. O capitel conta cun astrágalo circular, decoración de follas, cabezas de querubíns e con volutas nas arestas.
A cruz é recta, rectangular e co reverso recrucetado. No anverso aparece a labra do Cristo Crucificado, de tres cravos e cos dedos das mans en actitude de estar bendicindo, o que nos está a indicar que está representado aínda con vida. Sobre a figura aparece unha cartela co acrónimo INRI. A cruz amosa desperfectos e fracturas que foron reparadas con grampas de ferro e cemento, solución que tamén se adoitou no seu momento para estabilizar o pedestal e o varal. Broz Rei aporta algúns datos importantes, hoxe non perceptibles como que conservaba restos de policromía en tons azuis, verdes e rosados (máis ben é certo que no reverso da cruz aínda queda unha mostra moi residual desta última cor). Na revisión que Utrera Baza fai no ano 2021, tamén recolle este dato que aportou Broz Rei no seu día.
Respecto á tradición o máis destacado é que, tal e como acontece aínda na actualidade, se fai procesión o 5 de agosto pola solemnidade da Virxe das Neves, pasando ó seu carón. Tamén se ía en procesión ata o cruceiro polo Rosario, o 7 de outubro e polo Corpus Christi.
Ó igual que todos os outros relevantes cruceiros comarcais, este tampouco conta cun panel explicativo no que se conte a súa historia e se describa, nin aínda estando en pleno itinerario do Camiño Francés. Algo que tamén nos chama a atención na propia igrexa parroquial do século XII, tratándose dun magnífico exemplo de arquitectura románica.