mércores, 30 de setembro de 2026

 

NA PROCURA DA MARCA 

“CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (2ª parte)

 

O Cruceiro de Melide. Imaxe extraída da Gran Enciclopedia Galega



Na arelada procura da marca “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA/ CRUCES DE PEDRA, presumiblemente anteriores á Contrarreforma, dende o Museo estamos a facer un percorrido por todos e cada un dos cruceiros galegos que se consideran seren producidos nos séculos XIV, XV e comezos do XVI, é dicir en datas previas ás teses contrarreformistas derivadas de Trento.

Nese senso estamos traballando por conseguir crear unha “marca” que distinga e protexa de xeito particular aos Cruceiros Góticos galegos. Sabendo que os cruceiros en xeral deben ser considerados como un elemento de singular valor dentro do patrimonio galego, tanto a nivel do patrimonio material como do inmaterial, compre valorizar de xeito particular á escaseza de Cruceiros Góticos dentro do amplo repertorio de cruceiros do noso país (máis de 10.000), sendo escasamente 18 os que podemos considerar como de estilo Gótico (dos séculos XIV e XV). Dentro desta premisa, consideramos que estes bens erixidos antes da Contrarreforma xurdida no Concilio de Trento, e que se manteñen na actualidade, deberían gozar dunha maior protección individualizada como “marca” e conseguir unha protección ampla e unha valorización como pezas de indubidable valor histórico.

O CRUCEIRO DE SAN VICENTE DAS FERVENZAS (ARANGA)

Dentro da teima por reivindicar os cruceiros góticos galegos e, tamén por extensión, a aqueles producidos en datas anteriores á Contrarreforma, consideramos que tamén ten que haber un oco para aqueles cruceiros de estilo plateresco e de inicios do Renacemento, nos que aínda perduran as constantes de estilos anteriores, e que reflicten a orixinalidade dos estilos de transición.

Neste caso imos a falar dun fermoso cruceiro (mellor dito cruz de cruceiro, posto que os restantes elementos son de produción posterior como é o caso do Cruceiro de Melide e de outros tantos) que se atopa nun cruce de camiños nas proximidades da igrexa de San Vicenzo das Fervenzas, no concello de Aranga, non moi lonxe de Melide. Por así dicilo, trátase do cruceiro máis próximo a Melide que se data en momentos previos á Contrarreforma derivada do Concilio de Trento.

Este cruceiro en pouco, ou en nada, se parece ó de Melide, agás nalgúns convencionalismos iconográficos coincidentes na cara da Crucifixión (mesmas figuras presentes, mesmo tamén a presenza dunha persoa axeonllada). Trátase pois, dun cruceiro moito mais evoluído e menos “encorsetado”, toda vez que responde a un modelo de cruz figurada na que pervive algunha das constantes dos cruceiros góticos (aínda que xa non conta cos extremos potenzados, senón que os remates serían de tipo florenzado), pero xa con algunhas pautas, na decoración da cruz, que xa apuntan a fórmulas platerescas.

No libro “Os cruceiros” da serie Cadernos do Museo do Pobo Galego, da autoría de Clodio González Pérez xa o autor fai unhas oportunas consideracións respecto á cruz deste cruceiro (insistimos no de cruz, posto que moitos destes cruceiros antigos se erguen sobre capiteis e varais realizados en tempos máis serodios). Clodio González apunta que: “na fronte do cruceiro do adro da igrexa de Fervenzas (Aranga), está Cristo acompañado pola Virxe e San Xoán, e un personaxe axeonllado ós seus pés coas mans dereitas, que se corresponde -esta vez sen dúbida- á persoa que pagou a obra. No reverso temos a Virxe sedente co Neno no colo, hierática, unha das máis grandes de cantas hai nos nosos cruceiros. Vense datando nos primeiros anos do século XVI. Unha curiosidade que coidamos única: por enriba da cabeza de Cristo está un anxo poñéndolle unha coroa”. 


Con todo e, certamente, estamos ante unha cruz de cruceiro soberbia que, ó igual que outras moitas, foi reformulada e asimilada, ás constantes dun cruceiro de periodizacións posteriores, coas rupturas de periodización e de discurso que iso conleva.

 

CRUCEIRO DA SANTÍSIMA TRINIDADE DE BAIONA

Agora imos reparar nun cruceiro Gótico de cronoloxía serodia pero en calquera caso espectacular e impactante. Para elo temos que dirixirnos ao arrabalde da “Moi nobre e moi leal” vila de Baiona, concretamente ao histórico e mariñeiro barrio da Trinidade.

Certo é que a vila de Baiona nos ofrece un patrimonio histórico artístico de enorme dimensión e ateigado de monumentos e fitos que deixan ver o seu rico e destacado papel na historia, tanto en época medieval como moderna.

Visitar Baiona leva o seu tempo, non sendo doado recoñecer todo o seu rico patrimonio histórico-artístico nunha soa xornada, porque case que non hai recuncho do seu casco vello e dos seus históricos barrios adxectivos que non deixen de amosar canto de fundamental foi o papel da histórica vila de Baiona no devir socioeconómico e político da Galicia dos tempos a cabalo entre o medievo e a consecución do modelo moderno.

Así pois, ademais do casco histórico tamén é preciso coñecer o moi extenso conxunto amurallado da fortificación de Monterreal; a antiga Colexiata, situada nunha marxe do núcleo monumental; ou tamén a réplica da carabela A Pinta, que nos fala daquel acontecemento da “arribada”. Igualmente compre facer unha parada no Convento de clausura da Anunciada (da Orde Dominica) ou tamén o moi interesante e completo Museo Casa da Navegación.

Pero, nesta ocasión, convén rebasar os lindeiros do propio burgo nobiliar, para dirixir os pasos a un barrio histórico singular e xenuíno que como en calquera asentamento medieval que se prece acostuma desenvolverse nos arrabaldes, como causa e efecto das necesidades produtivas á par de expansivas dun asentamento matriz. Así pois, consideramos que unha visita ao conxunto monumental de Baiona quedaría totalmente coxa sen coñecer o barrio da Trinidade e albiscar no seu extremo o magnífico Cruceiro da Trinidade que, baixo un baldaquino renacentista, se erixe sobre un promontorio ou afloramento granítico moi elevado que contribúe a xerar un efectismo, probablemente pretendido e buscado, para conferirlle presenza e esencia a un xeito de humilladoiro ou lugar de culto ubicado nun dos principais camiños de acceso á histórica vila de Baiona. En base a esa apreciación todo leva a pensar que o emprazamento en absoluto é aleatorio, senón manifestamente pretendido, en aras de enfatizar tanto o monumento como o seu lugar de culto.

Outra cousa que chama moito a atención neste cruceiro é que conserva a súa policromía, aspecto claramente conquerido grazas ó estar acubillado nunha estrutura construída: o baldaquino, do mesmo xeito que se produce no cruceiro gótico do cemiterio de Santa María a Nova de Noia. Así tal e como refire Clodio González Pérez no Caderno do Museo do Pobo Galego que leva por título “Os Cruceiros”, falando deste outro cruceiro, do de Noia, establece a semellanza referindo como “[...] no mesmo cemiterio onde se acha o primeiro, hai outro tamén antigo, pero de menos valor artístico, protexido por un fermoso baldaquino que se vén datando como do século XVI. No sur de Galicia, en Baiona, pódese ver outro do mesmo tempo, tamén protexido por un baldaquino da época”.

No tocante á descrición do Cruceiro, e como non dispoñemos de informacións precisas a tenor das cuestións contextuais e programáticas dese cruceiro, optamos por botar man de diversas informacións obtidas en diferentes publicacións. Certo é que non resulta difícil facer unha descrición en base ó seu plantexamento iconográfico, pero neste tipo de cruceiros tan historiados resultaría preciso facer un traballo en profundidade para poder establecer un discurso correcto en base a cuestións tanto de dogma como de “escolla” do formulado bíblico en aras de determinar o discurso que o propio cruceiro nos quere transmitir.

Segundo podemos ler no libro "Os nosos cruceiros", de José M. Laredo Verdejo

“[...] O baldaquino ten columnas prismáticas na parte inferior, seguen cilíndricas e rematan en forma cónica con esfera en cada vértice. A cúpula é piramidal. Cruceiro sen plataforma, con pousadoiro. O fuste é liso e a Cruz de gran tamaño, con características das chamadas cruces góticas. Na Cruz están as figuras de Cristo, a Nai e outras figuras de menor tamaño”.

Do mesmo xeito, na páxina web “turismo.gal” nos ofrecen a seguinte descición:

“Así llamado por situarse en la barriada de este nombre, en la calzada romana, posteriormente llamada Estrada Real. Su fecha de realización nos lleva al siglo XV, siendo realizado en granito. La Cruz presenta en su anverso la figura de Cristo crucificado y en el reverso una imagen mariana. Asimismo, una gran loseta de 1,12 m. situada a 1,02 m. de altura del piso servía de altar para celebrar misa en tiempos de peste para los habitantes del Val Miñor y para las tripulaciones de los navíos fondeados en la ría. Destacan en su conjunto un grupo de diez figuras bíblicas en piedra policromada. Todo eso insertado en un baldaquino de forma piramidal con estructuras cilíndricas alargadas en sus extremos finalizadas en bolas.”

Tamén dun xeito moi semellante na web galiciamaxica.eu podemos ler:

“En la parte alta de Baiona se encuentra el barrio de la Santísima Trinidade. Es en este lugar donde en el siglo XV se instaló un hermoso cruceiro gótico con la figuras de Cristo y la Virgen y unas figuras policromadas a los pies de la Dolorosa, la Magdalena y el Apóstol Santiago. Pero no es sólo la hermosura del cruceiro lo que lo hace único sino que posteriormente fue cubierto con un baldaquino renacentista de origen francés. Un pequeño altar compuesto por una losa de granito junto al cruceiro servía para realizar las misas para los navegantes que fondeaban y se resguardaban en la bahía de Baiona. Por este lugar circulaba la calzada romana que se conoció como Estrada Real y recorría desde Ramallosa hasta A Guarda, pasando por toda la costa de Oia junto al monasterio de Santa María.”

E igualmente na páxina web galiciapuebloapueblo.blogspot.com nos ofrecen outras informacións en termos moi parellos:

“CRUCERO SANTÍSIMA TRINIDAD, BAIONA

En la parte alta de la villa debemos contemplar su hermosísimo CRUCERO SANTÍSIMA TRINIDAD. Así llamado por ubicarse en la barriada de este nombre, en la calzada romana, posteriormente llamada ESTRADA REAL.

Su fecha de realización nos lleva al siglo XV, siendo realizado en granito. Fue construido sobre unas rocas en el siglo XV, es junto al del CRISTO DO HUMILLADOIRO de la iglesia de Santa María a Nova (NOIA), los únicos ejemplares con cubierta de baldaquino.

En el interior hay un crucero gótico que presenta en su anverso la figura de Cristo crucificado y en el reverso una imagen mariana, junto a otras figuras consagradas de la Dolorosa, la Magdalena y el Apóstol Santiago. […]”.

Sinalar que na cartela explicativa situada no propio monumento podemos atopar unha explicación tanto en galego como en castelán, que di así: “CRUCEIRO DA SANTÍSIMA TRINIDADE. S. XV. SENLLEIRO EXEMPLAR CON BALDAQUÍN. ÚNICO DA SÚA NATUREZA EN GALICIA. CRUZ GÓTICA CON FIGURAS BÍBLICAS POLICROMADAS E BALDAQUÍN RENACENTISTA DE ORIXE FRANCESA”.

Sinalar respecto a esta última descrición que como xa se comentou anteriormente, tamén o cruceiro gótico situado no cemiterio de Noia, aparece do mesmo xeito amparado e acubillado nun baldaquino.

En todo caso, e con todo, resulta imprescindible desprazarse ata Baiona para comprender a fenomenoloxía dos cruceiros góticos serodios, que por moi “tardíos” que os poidamos entender, aínda non son tan propagandísticos, proselitistas e dados á apoloxía como os cruceiros derivados de Trento e das correntes contrarreformistas.


CRUCEIRO DO CRISTO DA TAFONA DE CANIDO (FERROL)

E agora imos ata a comarca de Ferrol na que se conservan dous magníficos exemplos de cruces góticas que son o Cristo da Tafona e o Cruceiro situado no adro da igrexa de San Nicolás de Neda, do que xa falaremos noutra entrada.

Pero, primeiramente temos que agradecer a colaboración e amabilidade dispensada polo Museo da Semana Santa de Ferrol, centro no que se expón o Cristo da Tafona na actualidade, posto que dende ese museo nos facilitaron moi xentilmente as fotografías que acompañan a esta publicación. Nese senso queremos agradecerlles de xeito público a súa colaboración e boa disposición para contribuír a que esta entrada se puidera materializar do xeito máis actualizado posible.

Sinalar que esta cruz se trata dun exemplo de cruz “itinerante” que foi mudando de escenario en diversas ocasións. E, que deu por acabar sendo peza de museo, o cal supón o fin último dunha peza do patrimonio cultural, feito de por si preocupante, posto que por moi digna e magnificamente se expoña nun centro museístico, o certo é que acaba por perder a súa principal razón de ser: o contexto e o marco físico para o cal foi concibido.

Dicir, con todo, que o Cristo da Tafona se trata dun magnífico exemplo de cruz gótica datada probablemente no primeiro cuarto do século XV, que hai anos estaba exposta no Centro Cultural Torrente Ballester (no edificio que outrora foi Hospital de Caridade), e que pola súa notable significación e relevancia foi chamado a ser obxecto principal de afamadas exposicións, como é o caso de “Ferrol no tempo | Cidades no tempo” (novembro 2022-xaneiro 2023) ou tamén na exposición Gallaecia Pétrea (Cidade da Cultura de Galicia, xuño-decembro 2012).

Do catálogo desa última exposición extraemos as verbas de Xosé Carlos Valle Pérez, Doutor en Historia da Arte e tamén Director do Museo Provincial de Pontevedra durante moitos anos. Así, na páxina 404 do Catálogo podemos obter a seguinte explicación:

“Esta cruz, propiedade hoxe do Concello de Ferrol (A Coruña), estivo ata 1987 encaixada nun edificio da praza da Tafona, situada no núcleo urbano do mesmo municipio. Era, con toda probabilidade o remate dun cruceiro. Está tallada nun só bloque granítico. No seu anverso atópase representado Cristo, cuxos brazos se dispoñen na parte alta do traveseiro horizontal. A súa cabeza, de rostro inexpresivo, apóiase no ombro dereito. Exhibe pano de pureza anoado nese lado, flexionándose na mesma dirección a perna destra, cuxo pé, de maneira forzada, se sitúa sobre o esquerdo, os dous colocados de modo paralelo.

Á esquerda de Cristo, de pé, coas mans xuntas sobre o peito, disposición que reforza a expresión de tristeza que aínda se percibe no seu rostro, sitúase san Xoán Evanxelista. Á dereita do Crucificado atópanse tres figuras. A de diante, cos brazos cruzados sobre o peito, semella derrumbarse, sendo suxeitada por unha das dúas que están detrás. A outra, próxima a Cristo, leva a súa man esquerda á meixela, facendo así explícita a súa dor. Trátase, sen dúbida, dunha representación do Pasmo da Virxe, tema, de evidente dramatismo, que comeza a cobrar protagonismo na arte occidental na etapa final da Idade Media.

O reverso da cruz só ofrece ornato na zona de converxencia dos dous traveseiros. Aí, inscrito nun círculo e con caracteres góticos alemáns en reserva, sitúase o monograma IHS. Este dato e mais o tratamento que por este lado posterior reciben as roupaxes das figuras que flanquean a Cristo confirman que a cruz, de conformación simple (brazos de sección prismática, con arestas perfiladas por molduras cóncavas e convexas lisas, e remates flordelisados), podíase contemplar polos dous lados, que era, en definitiva, unha cruz exenta, situándose na súa base o que cabe considera coma un montículo constituído por pedras asentadas verticalmente.

Non contamos con referencias documentais contrastadas para datar esta obra. De escasa finura no formal, ofrece na súa ruda materialidade trazos que confirman a orixe culta das pautas polas que se guía o seu artífice, formado ou relacionado co núcleo creativo compostelán. A el remiten, en efecto, detalles como a disposición das pernas de Cristo (compárense coas do Crucificado do trascoro da Catedral de Santiago) ou as faccións do seu rostro, estas moi similares ás que exhiben figuras talladas nos capiteis da fachada de ingreso á Sala Capitular do Convento de San Francisco da mesma cidade, datada por Carmen Manso a principios do século XV, ámbito de referencia cronolóxica ao que apuntan tamén os caracteres do monograma de Cristo que figuran no reverso da cruz.”.

Para rematar imos anotar un par de apreciacións: primeiramente dicir que a postura e posición de pernas entrecruzadas do Crucificado tamén teñen o seu paralelo no anverso do Cruceiro de Melide (na escena do Calvario), co que tamén comparte grandes similitudes no eido compositivo da escena, mesmo na disposición das figuras.

Por outra banda, todo semella indicar, tal e como apunta Valle Pérez, que antes de estar encastrada na fachada do inmoble na Praza da Tafona, orixinariamente tivo que ser cruz de cruceiro, toda vez que está concibida para ser ollada en todo o seu perímetro. Así pois, consideramos debe ser entendida, e tratada, como CRUCEIRO, como acontece no caso de Melide, e en moitos outros exemplos, nos que únicamente se conserva a cruz como elemento orixinal.

Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  NA PROCURA DA MARCA  “CRUCEIROS GÓTICOS DE GALICIA”: (2ª parte)   O Cruceiro de Melide. Imaxe extraída da Gran Enciclopedia Galega Na ...