SANTOS, DEFUNTOS, MAGOSTO, SAMAÍN E HALLOWEEN: ENTRE A CONFUSIÓN DAS TRADICIÓNS E OS MITOS DO ALÉN GALEGO.
Co gallo das
celebracións de Santos e Defuntos, desde o Museo da Terra de Melide propoñemos
un achegamento ás orixes, aos significados e ás diferenzas entre o Samaín, o
magosto e o Halloween, tres celebracións que, malia presentaren determinados
elementos en común, responden a contextos históricos e tradicións culturais
diferentes.
Ao longo deste
artigo abordaremos tamén o rico universo de crenzas, rituais e manifestacións
populares relacionadas coa morte e co mundo do alén en Galicia, prestando
especial atención á Santa Compaña, unha das expresións máis singulares e
representativas do noso patrimonio inmaterial.
O obxectivo é ofrecer unha visión divulgativa, pero fundamentada no coñecemento histórico e etnográfico, que permita comprender mellor estas celebracións, aclarar algunhas confusións frecuentes e, sobre todo, poñer en valor as tradicións propias de Galicia, os seus significados e a memoria colectiva que as mantivo vivas ao longo das xeracións.
Coa chegada do
outono, especialmente nos últimos días de outubro e primeiros de novembro,
aparecen cada vez con máis frecuencia tres palabras que adoitan empregarse como
se designasen unha mesma celebración: Samaín, magosto e Halloween.
Porén, detrás destes nomes agóchanse tradicións de distinta orixe, significado
e evolución histórica.
A súa
identificación como unha única festividade, ou a presentación do Samaín como
unha celebración ancestral galega recuperada nos últimos tempos, merece
algunhas precisións desde o punto de vista histórico e etnográfico.
O Samaín: unha
festividade do mundo céltico irlandés
O Samhain é
unha antiga festividade documentada na tradición irlandesa, vinculada ao remate
da época das colleitas e ao inicio da metade escura do ano. No calendario
tradicional irlandés constituía un momento de transición estacional de especial
importancia, asociado ao cambio de ciclo e, na literatura e no folclore, a
acontecementos sobrenaturais e ao contacto co Outro Mundo.
Cómpre lembrar que
o mundo céltico non constituíu unha realidade cultural uniforme. As comunidades
que compartiron determinados elementos lingüísticos ou culturais non
necesariamente practicaron as mesmas celebracións nin conservaron idénticas
crenzas e rituais.
Neste sentido,
aínda que Galicia presenta un importante legado relacionado con determinados
elementos culturais ámbito céltico, non existen evidencias históricas
suficientes para afirmar que aquí se celebrase o Samhain irlandés nin que esa
suposta celebración sobrevivise ata os nosos días baixo outro nome.
En Galicia
Santos e Defuntos
En Galicia, as celebracións tradicionalmente vinculadas a estas datas son o Día de Todos os Santos, o 1 de novembro, e a Conmemoración dos Fieis Defuntos, o 2 de novembro.
Trátase de dúas
celebracións do calendario cristián profundamente arraigadas na sociedade
galega, nas que a lembranza dos familiares falecidos ocupa un lugar central.
A visita aos
cemiterios, a limpeza e o adorno das sepulturas, as flores, as candeas, as
oracións e o recordo dos seres queridos forman parte dun conxunto de prácticas
transmitidas entre xeracións.
O seu significado
tradicional non reside na exaltación dun mundo sobrenatural nin na celebración
dun cambio de ciclo da natureza, senón fundamentalmente na memoria dos
mortos, no respecto polos devanceiros e na continuidade dos vínculos familiares
máis alá da morte.
Isto non significa
que Galicia careza dun rico imaxinario relacionado co alén. Pola contra, a
Santa Compaña, as ánimas en pena, as aparicións, os agoiros de morte ou as
historias contadas arredor da lareira forman parte dun extraordinario
patrimonio de tradición oral.
Pero debemos
distinguir entre as crenzas populares relacionadas coa morte e a existencia
dunha festividade concreta. Que a sociedade galega conservase relatos sobre o
tránsito entre o mundo dos vivos e o dos mortos non demostra que celebrase o
Samhain.
A tradición galega
posúe un universo simbólico propio, no que conviven elementos cristiáns,
crenzas populares e prácticas de difícil datación. Non é necesario atribuírlle
unha orixe celta a todo ese patrimonio para recoñecer o seu valor.
O problema do
nome: ¿chamábase Samaín en Galicia?
Esta é unha das
cuestións máis importantes e, probablemente, unha das que máis confusión xera.
O nome “Samaín” non
aparece documentado como denominación tradicional dunha festividade galega
transmitida popularmente de xeración en xeración. A súa utilización actual
responde fundamentalmente a un proceso contemporáneo de introdución e difusión
do termo, especialmente a partir das últimas décadas do século XX, en
iniciativas culturais e educativas que procuraron establecer vínculos entre as
tradicións galegas de outono e as celebracións do mundo céltico. A
popularización desta denominación non debe confundirse coa recuperación dun
nome conservado na memoria colectiva durante séculos.
En Galicia falábase
de Santos, de Defuntos, de magostos e doutras prácticas propias destas datas.
Tamén existiron costumes relacionados coas cabazas, os fachos, as candeas e as
ánimas, con variantes locais e significados diversos.
Pero a existencia
destes elementos non permite concluír que todos formasen parte dunha única
festividade denominada Samaín.
Unha cousa é
estudar posibles paralelismos culturais entre distintas sociedades europeas e
outra moi diferente é presentar esas semellanzas como demostración dunha
continuidade histórica que non podemos acreditar.
O magosto: a
celebración galega do outono
Tradicionalmente asociado á recollida e ao consumo das castañas, o magosto constitúe unha manifestación festiva de carácter comunitario, relacionada coa vida rural, os produtos da estación e a convivencia. O lume, as castañas asadas, o viño novo en moitos lugares e as reunións de familiares, veciños e amigos son algúns dos seus elementos máis representativos. A súa celebración adoita desenvolverse entre finais de outubro e novembro, con especial vinculación a San Martiño, o 11 de novembro, aínda que as datas e costumes varían segundo as localidades.
O magosto comparte
co Samhain a súa localización no ciclo outonal, pero iso non significa que
ambas celebracións sexan equivalentes nin que unha proceda necesariamente da
outra.
O magosto forma
parte dunha tradición festiva galega ben recoñecible, vinculada á cultura da
castaña e á sociabilidade comunitaria, sen necesidade de recorrer a unha
suposta identificación co calendario ritual irlandés.
Halloween: unha
celebración de orixe europea transformada en fenómeno internacional
O termo Halloween
procede da expresión inglesa All Hallows' Eve, é dicir, a véspera de Todos os
Santos. A súa historia está relacionada coas tradicións das illas británicas,
especialmente de Irlanda e Escocia, nas que conflúen costumes populares de
outono, crenzas sobrenaturais e o calendario cristián.
Coa emigración
irlandesa e escocesa a América do Norte, estas tradicións experimentaron
importantes transformacións. Co paso do tempo, Halloween adquiriu o carácter
festivo que hoxe coñecemos, caracterizado polos disfraces, as cabazas
iluminadas, as decoracións terroríficas e outras prácticas popularizadas pola
cultura audiovisual e comercial.
Polo tanto, Halloween non é simplemente o antigo Samhain conservado sen cambios. É o resultado dunha longa evolución histórica na que interviñeron tradicións diferentes e procesos culturais relativamente recentes.
A súa expansión
internacional explica que moitos destes costumes estean hoxe presentes tamén en
Galicia. Coñecer as tradicións doutras culturas é, sen dúbida, unha forma de
enriquecemento, de abrir a mente e de comprender outras maneiras de interpretar
o mundo. Pero coñecer unha tradición allea non implica necesariamente ter que
adoptala como propia, especialmente cando contamos cun patrimonio cultural
extraordinariamente rico que, en demasiadas ocasións, nin sequera coñecemos
suficientemente.
Porque Galicia
tamén ten os seus propios fantasmas, as súas ánimas en pena, os seus aparecidos
e todo un universo de figuras aterradoras que durante séculos alimentaron os
medos, as crenzas e a imaxinación dos nosos devanceiros. Temos a Santa Compaña
percorrendo os camiños, as lavandeiras da noite, as ánimas que regresan do alén
e innumerables historias que se contaban ó calor da lareira. Non precisamos
importar monstros nin inventar tradicións para descubrir o medo e o misterio:
xa forman parte da nosa propia memoria cultural.
Quizais, antes de
asumir con tanto entusiasmo celebracións chegadas de fóra, deberiamos
preguntarnos canto coñecemos realmente das nosas, canto facemos por conservalas
e que lugar lles estamos deixando ás novas xeracións.
E, seguindo esta
tendencia de incorporar celebracións alleas simplemente porque se popularizan a
través do cine, das redes sociais ou dos intereses comerciais, cabe facerse
unha última pregunta, non exenta de ironía: estaremos tamén a piques de
celebrar o Día de Acción de Grazas?
Porque unha cousa é
desfrutar coñecendo outras culturas e outra ben distinta é esquecer a nosa para
adoptar as alleas. Porque abrirse ao mundo é enriquecedor pero facelo
esquecendo o propio pode acabar empobrecéndonos culturalmente.
Halloween non é o
Samaín, nin o Samaín é unha celebración tradicional galega. O Samhain era unha
festividade da antiga Irlanda que marcaba o inicio do inverno e estaba
vinculada ao mundo sobrenatural. Halloween é unha celebración de orixe europea,
transformada e popularizada en América do Norte. En Galicia non existe
constancia histórica de que se celebrase unha festividade equivalente ao
Samhain irlandés, nin de que ese nome formase parte da nosa tradición popular.
Aquí celebrábanse Santos e Defuntos, con costumes, rituais e crenzas propias
arredor da morte e das ánimas. Tres realidades diferentes que cómpre distinguir
para coñecer e valorar o noso patrimonio.
¿Recuperar
tradicións ou reinterpretalas?
As tradicións non
son realidades inmóbiles. Cambian, incorpóranse novos costumes e xorden
celebracións que, co paso do tempo, poden acabar formando parte da identidade
cultural dunha comunidade.
Compre ter presente
que a celebración do Samaín non forma parte das tradicións historicamente
documentadas en Galicia, como tampouco resulta rigoroso empregar esta
denominación para referirse ao Halloween que se celebra actualmente, por moito
que se pretenda revestilo dunha suposta identidade galega. Unha cousa é
incorporar novas celebracións, froito da influencia doutras culturas, e outra
moi diferente é presentalas como a recuperación dunha festividade ancestral
propia, sen contar con evidencias históricas que o acrediten.
Debemos perder o
medo a celebrar o noso, aínda que non exista un nome único que englobe todas
esas tradicións. Non precisamos inventar unha
continuidade histórica nin adoptar denominacións alleas para darlles valor. O
importante non é atopar unha etiqueta atractiva coa que competir co Halloween,
senón recuperar o significado dos nosos costumes, desfrutar delas e conseguir
que as novas xeracións os sintan tamén como parte da súa identidade.
Porque o noso
patrimonio non precisa chamarse Samaín para ter historia, significado e valor
cultural.
Cómpre distinguir entre a tradición herdada, a incorporación de costumes alleos e a apropiación ou reinterpretación contemporánea de celebracións doutras culturas. As tradicións son o resultado de prácticas, crenzas e costumes transmitidos ao longo das xeracións, que poden transformarse co tempo sen perder necesariamente a súa vinculación coa comunidade que as mantivo vivas. Pola contra, incorporar unha celebración procedente doutro contexto cultural non a converte automaticamente nunha tradición propia, por moito que se adapte, se popularice ou se lle atribúa unha suposta antigüidade.
Neste sentido, o Samaín non
é unha celebración tradicional galega documentada, como tampouco o Halloween
actual se converte nunha festa ancestral de Galicia polo simple feito de
chamarlle Samaín. Podemos coñecer e participar en celebracións
doutras culturas, pero debemos ser conscientes da súa procedencia e evitar
presentalas como a recuperación de costumes milenarios propios cando non
existen evidencias históricas que o acrediten. O problema non reside unicamente
na adopción dunha festa allea, senón na construción dun relato histórico que
acaba confundindo o que realmente herdamos co que incorporamos recentemente.
E aquí xorde unha reflexión necesaria: ¿por que sentimos a necesidade de importar unha celebración, ou de buscarlle un nome de resonancias ancestrais, cando contamos cun patrimonio propio extraordinariamente rico? En Galicia celebráronse tradicionalmente Santos e Defuntos, con prácticas, rituais e crenzas vinculadas á memoria dos falecidos e ao mundo do alén. Temos as nosas ánimas, aparecidos, lavandeiras, a Santa Compaña e innumerables relatos que durante séculos alimentaron o imaxinario popular. Non precisamos substituílos por figuras alleas nin agrupalos artificialmente baixo unha denominación que non formaba parte da nosa tradición.
Debemos perder o medo a celebrar o noso,
mesmo cando non exista un nome único que englobe todas esas manifestacións. A riqueza
do patrimonio inmaterial galego reside precisamente na súa diversidade, nas
particularidades locais e nos significados que cada comunidade lles atribuíu
aos seus costumes. Non é necesario convertelos nunha festa uniforme, nin
revestilos dunha suposta orixe celta, para facelos atractivos ás novas
xeracións.
Porque recuperar
unha tradición é coñecer, conservar e transmitir aquelo que herdamos; adoptar
unha celebración allea é incorporar algo novo á nosa cultura. Ambas as cousas
poden coexistir, pero non deberían confundirse nin presentarse como se fosen o
mesmo. E, sobre todo, non deberiamos permitir que a
popularidade das celebracións importadas acabe relegando ao esquecemento as
nosas propias tradicións.
Non é o mesmo
recuperar unha tradición histórica que crear unha celebración contemporánea
inspirada en elementos do pasado. Ambas as
posibilidades son lexítimas, pero deben distinguirse con rigor.
Galicia conta cun
patrimonio propio extraordinariamente rico arredor da morte, da memoria dos
defuntos e das celebracións do outono. Desde os rituais de Santos e Defuntos
ata os magostos, pasando polas narracións sobre a Santa Compaña e as ánimas,
ese patrimonio merece ser coñecido, estudado e transmitido sen necesidade de
atribuírlle nomes ou orixes que non están historicamente demostrados.
Porque conservar
a tradición tamén significa coñecer como se chamaba, que significaba e como a
vivían realmente as xeracións que nos precederon.
As castañas e as
ánimas: cando os vivos compartían o alimento cos mortos
Na tradición oral
galega aparecen referencias á identificación simbólica das castañas coas ánimas.
Unha das crenzas recollidas sinalaba que, cando unha castaña estoupaba no lume
durante o magosto, aquilo significaba que unha alma acababa de liberarse das
penas do Purgatorio.
Noutras variantes,
o acto de comer castañas adquiría un valor espiritual. Na zona do Cebreiro
recolleuse a crenza de que cada castaña consumida durante a noite de Santos
contribuía a liberar unha ánima do Purgatorio.
Estas
interpretacións sitúan un alimento tan cotián como a castaña nun universo de
crenzas no que os vivos podían interceder polos mortos. Non se trataba
unicamente de lembrar os defuntos, senón tamén de contribuír simbolicamente ao
descanso das súas almas.
Esta relación entre
os alimentos e os mortos non é exclusiva de Galicia. O etnógrafo portugués José
Leite de Vasconcelos documentou en Barqueiros o costume de preparar unha mesa
con castañas durante a noite para que os familiares falecidos puidesen regresar
e alimentarse. Ao día seguinte, aquelas castañas non se consumían, pois
considerábase que xa foran tocadas ou comidas polos defuntos.
Tamén en Asturias
se documentaron costumes relacionados coa reserva das castañas sobrantes para
as almas dos mortos.
Estas prácticas
revelan unha concepción da morte na que a separación entre os vivos e os
defuntos non era absoluta. Os falecidos continuaban formando parte, dalgún
xeito, da comunidade familiar e podían ser lembrados mediante alimentos,
oracións e outros xestos simbólicos.
No contexto galego,
estas crenzas deben entenderse tamén en relación coa importancia que a
relixiosidade popular concedía ás ánimas do Purgatorio. A posibilidade de
aliviar as súas penas mediante oracións, esmolas ou determinadas accións
piadosas estaba profundamente arraigada na sociedade tradicional.
Non obstante,
debemos evitar unha interpretación excesivamente simplificadora. A existencia
de crenzas funerarias relacionadas coas castañas non demostra que o magosto
fose orixinariamente unha cerimonia dedicada aos mortos, nin permite
atribuírlle automaticamente unha orixe celta.
O que si nos
permite afirmar é que o magosto podía reunir diferentes dimensións: a
celebración da colleita, a convivencia comunitaria e determinadas crenzas
relacionadas coas ánimas.
Esta convivencia
entre o festivo e o funerario é unha característica especialmente interesante
da cultura popular galega, na que o recordo dos mortos non sempre estaba
separado dos acontecementos da vida cotiá.
O Samhain
irlandés: o momento no que se achegaban dous mundos
O Samhain ocupaba un lugar destacado no calendario tradicional irlandés. Celebrado arredor do primeiro de novembro, sinalaba o comezo do inverno e o tránsito cara á metade escura do ano.
A súa importancia
non residía unicamente na transformación da natureza ou no remate do ciclo
agrícola. Na tradición literaria e folclórica irlandesa, este momento do ano
tamén estaba relacionado co mundo sobrenatural e coa posibilidade de contacto
entre realidades que habitualmente permanecían separadas.
Segundo
determinadas narracións, durante o Samhain as fronteiras entre o mundo humano e
o Outro Mundo volvíanse especialmente permeables. Seres sobrenaturais podían
abandonar os seus dominios e entrar en contacto cos vivos, mentres que
determinados lugares da paisaxe, como os antigos túmulos e outeiros asociados
ao pobo dos Aos Sí, adquirían un protagonismo especial.
É importante
precisar que este Outro Mundo non equivalía exactamente ao mundo cristián dos
mortos. Na mitoloxía irlandesa era tamén o espazo habitado por seres
sobrenaturais, entidades vinculadas á tradición mitolóxica e personaxes que non
poden identificarse simplemente coas almas dos falecidos.
Con todo, a
relación cos defuntos tamén formaba parte das crenzas populares irlandesas. En
diferentes tradicións recolleuse a idea de que as almas dos familiares mortos
podían regresar aos seus antigos fogares durante esta noite.
Por este motivo,
nalgúns lugares conserváronse costumes como deixar a porta aberta ou reservar
un lugar na mesa para os familiares falecidos. Ao mesmo tempo, existía a crenza
de que outros espíritos potencialmente perigosos podían percorrer os camiños, polo
que se adoptaban determinadas precaucións.
Así pois, o Samhain
reunía elementos relacionados coa transición estacional, o mundo sobrenatural,
a lembranza dos defuntos e a protección fronte a posibles ameazas.
A diferenza coa
tradición galega non debe buscarse, polo tanto, na suposta ausencia de crenzas
sobre o alén en Galicia. A nosa cultura popular tamén conserva numerosas
narracións sobre ánimas que regresan, aparicións nocturnas e encontros entre
vivos e mortos.
A diferenza
fundamental é histórica e documental.
En Irlanda, o
Samhain aparece identificado polo seu nome nas fontes medievais e forma parte
dun calendario festivo tradicional recoñecible. En Galicia, pola contra, non
contamos con documentación que permita establecer a existencia dunha
celebración homónima transmitida ao longo dos séculos.
As semellanzas
entre determinados costumes galegos e irlandeses resultan interesantes para a
investigación comparada, pero non constitúen, por si mesmas, unha demostración
de que ambas as sociedades celebrasen unha mesma festividade.
Compartir
crenzas sobre os mortos non significa necesariamente compartir unha mesma
festa, unha mesma orixe ou unha mesma tradición ritual.
De Cedeira ao resto de Galicia: a recuperación dun costume e a introdución dun nome
Un dos aspectos
máis interesantes da celebración actual do Samaín en Galicia é a súa historia
recente. Aínda que adoita presentarse como a recuperación dunha antiga
festividade celta, a difusión contemporánea desta denominación está
estreitamente relacionada cunha iniciativa cultural desenvolvida en Cedeira a
finais da década de 1980 e comezos da de 1990.
O seu principal
impulsor foi Rafael López Loureiro, mestre e investigador da cultura popular,
quen se interesou pola antiga práctica de elaborar caveiras con cabazas,
coñecidas en Cedeira como melóns.
Este costume
consistía en baleirar as cabazas, abrirlles buratos que representaban os ollos
e a boca e colocar no seu interior unha candea. As caveiras iluminadas
situábanse nas entradas das casas, nos camiños ou noutros lugares escuros,
frecuentemente coa intención de asustar os viandantes.
López Loureiro lembraba esta práctica da súa propia infancia. Segundo explicou en diferentes entrevistas, o interese por recuperala xurdiu cando, en 1989, a súa filla regresou dunha clase de inglés cunha cabaza tallada que lle fora presentada como un costume de Halloween.
Aquela experiencia
levouno a reivindicar unha tradición que el mesmo coñecera en Galicia e que,
naquel momento, comezaba a ser identificada polas novas xeracións como unha
práctica exclusivamente norteamericana.
Co apoio da
sociedade cultural Chirlateira, en 1990 organizouse en Cedeira unha celebración
arredor das caveiras de cabaza, que acabaría converténdose nun referente para
outras iniciativas culturais e educativas galegas.
A recuperación do
costume foi acompañada da adopción do nome Samaín, procedente do Samhain
irlandés, a partir da interpretación de que aquelas prácticas galegas
compartían unha antiga raíz cultural coas tradicións das illas británicas.
Aquí aparece unha
distinción fundamental desde o punto de vista etnográfico: o costume de
elaborar caveiras con cabazas era coñecido en determinados lugares de Galicia,
pero o nome Samaín non era a denominación tradicional coa que a poboación
identificaba aquela práctica.
De feito, o propio
proceso de recuperación revela a necesidade de dotar dun nome común a costumes
que se conservaban de maneira dispersa e con variantes locais.
As investigacións e
iniciativas de López Loureiro contribuíron a dar visibilidade a estas prácticas
e a promover a súa recuperación. A partir de Cedeira, a celebración foi
estendéndose a centros educativos, asociacións culturais e concellos, ata
adquirir a presenza que actualmente ten no calendario festivo galego.
O seu obxectivo
inicial era, precisamente, reivindicar costumes propios fronte á crecente
influencia do Halloween norteamericano. Non se pretendía reproducir os
disfraces, as bruxas ou a iconografía comercial, senón recuperar as caveiras
iluminadas e outras manifestacións relacionadas co imaxinario popular da morte.
Co paso do tempo,
porén, a celebración experimentou novas transformacións. Moitas das festas que
actualmente reciben o nome de Samaín incorporaron elementos propios do
Halloween contemporáneo, como os disfraces, as decoracións terroríficas ou
determinadas actividades infantís.
Deste xeito, baixo
unha mesma denominación conviven hoxe costumes tradicionais galegos,
reinterpretacións culturais recentes e prácticas procedentes da celebración
internacional de Halloween.
A experiencia de Cedeira constitúe, polo tanto, un exemplo especialmente interesante de recuperación e recreación do patrimonio cultural inmaterial. Pero tamén obriga a diferenciar dous procesos: por unha banda, a recuperación dun costume popular documentado mediante testemuñas orais e, por outra, a súa identificación cunha festividade histórica concreta. Que en Galicia se elaborasen caveiras de cabaza durante os días de Santos e Defuntos non demostra necesariamente que esas prácticas procedesen dunha celebración celta denominada Samhain.
A semellanza entre
costumes de diferentes territorios europeos pode responder a relacións
culturais antigas, a evolucións paralelas ou a procesos históricos máis
complexos que non sempre podemos reconstruír.
Por iso, a
recuperación das caveiras de cabaza é un feito cultural que podemos estudar e
documentar; a súa identificación como supervivencia directa do Samhain celta é
unha interpretación histórica que require probas adicionais.
As tradicións poden
recuperarse, transformarse e adquirir novos significados. O importante, desde o
punto de vista da investigación e da divulgación patrimonial, é saber
distinguir entre aquelo que coñecemos polas fontes, o que conservamos na
memoria oral e o que forma parte dunha reinterpretación contemporánea do
pasado.
Coñecer outras
culturas enriquécenos, pero substituír as nosas tradicións polas alleas, ou
disfrazar estas últimas cunha suposta identidade galega, non é recuperar
patrimonio: é contribuír á súa confusión e, finalmente, ao seu esquecemento.
Galicia non precisa
importar un imaxinario sobrenatural nin inventar unha festividade ancestral
para celebrar o mundo dos mortos. Temos séculos de crenzas, rituais, ánimas,
aparecidos e historias que forman parte da nosa memoria colectiva. Un legado
que merece moito máis que quedar relegado a un segundo plano mentres adoptamos
con entusiasmo celebracións que pouco teñen que ver coa nosa tradición.
Non precisamos
chamarlle Samaín ao Halloween para facelo galego, nin inventar un Samaín
ancestral para darlles valor aos nosos costumes. O que
precisamos é coñecer o que temos, recuperar o que estamos perdendo e transmitir
ás novas xeracións aquelo que realmente herdamos.
Porque o problema
non é que as nosas tradicións carezan dun nome atractivo ou dunha celebración
espectacular. O problema é que, mentres nos esforzamos por facer noso o que
vén de fóra, corremos o risco de deixar morrer o que sempre foi noso.
E cando unha
tradición desaparece por esquecemento, non abonda con poñerlle outro nome para
recuperala.
En definitiva, coñecer outras culturas e as súas celebracións sempre é enriquecedor, pero non debería levarnos a esquecer, substituír ou desvirtuar as nosas. Galicia conta cun patrimonio inmaterial extraordinariamente rico, construído ao longo de xeracións arredor da morte, da memoria dos defuntos e dun universo de crenzas no que as ánimas, os aparecidos e os seres do alén ocuparon un lugar fundamental.
Quizais sexa o
momento de mirar con máis atención cara ao que temos, de recuperar os costumes
que se van esvaecendo e de transmitir ás novas xeracións non só as súas
manifestacións máis vistosas, senón tamén o seu verdadeiro significado. Non
precisamos inventar tradicións nin buscarlles nomes alleos ás que xa posuímos
para facelas atractivas ou dignas de celebración.
Porque o verdadeiro
risco non está en coñecer e celebrar o que vén de fóra, senón en acabar
coñecéndoo mellor ca aquelo que herdamos.
Celebremos o
noso, chamándolle polo seu nome, respectando a súa historia e mantendo viva a
memoria de quen nolo transmitiu. Porque un pobo que deixa de coñecer as súas
tradicións acaba perdendo tamén unha parte da súa identidade.










