LEMBRANZA DA CAPELA DA NOSA SEÑORA DE LORETO
(O RIBEIRO, VISANTOÑA, SANTISO),
HOXE ABANDONADA E RUINOSA.
Recentemente coñeceuse a triste nova de que varios elementos arquitectónicos patrimoniais de Arzúa, Melide e Santiso foron incorporados á lista vermella de patrimonio en perigo de Hispania Nostra. Sen entrar en máis consideración ao respecto xa que, por desgraza, nesta comarca hai moitos máis que se poderían incorporar a ese triste listado. Pero, nesta ocasión, imos referirnos a un deles, á Casa Grande do Ribeiro de Visantoña (Santiso) que conta cunha capela a escasa distancia, a Capela da Nosa Señora de Loreto, que igualmente presenta un severo e acusado estado de abandono e ruína, pasando case desapercibida entre a vexetación silvestre que practicamente a oculta na súa totalidade.
Esta capela como refire Broz Rei en “Santiso na Terra de Abeancos” (2013), na páxina 240, foi “fundada no ano 1765 por D. Domingo Antonio Bolaño, cura descendente desta Casa do Ribeiro; dedicada á Virxe de Loreto.
A capela tiña un retablo de madeira sen pintar; unha mesa de altar con frontal pintado. Hoxe está en ruínas e imaxes e frontal desaparecidos e o retablo destruído”.
Tamén sobre esta capela nos fala Miguel Ares Rúa nun traballo titulado “Notas etnográficas” publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM no ano 2018. Así pois, nun apartado dese traballo que nos fala de tronos e campás nos atopamos con esta referencia: “É certo que as campás dalgunhas igrexas teñen o poder de escorrentar ou espalla-la tronada. Por elo, estas campás tócanse antes e namentres dura a treboada, loitando desta maneira contra os elementos naturais adversos. Sabido é tamén que as campás da igrexa de Vilantime abren a tormenta. Tamén a de San Martiño das Varelas ten este poder, aínda que a máis eficaz do país é, sen dúbida algunha, a pequena campá da Capela do Ribeiro de Visantoña, que esparexe a tormenta nada máis empezar a tocala. Mais haina que repenicar a tempo para que o seu poder sexa eficaz”.
Acompañando a esta entrada axúntanse dúas imaxes fotográficas realizadas por Xosé Manuel Broz Rei ao redor do ano 1980.
Nunha delas vese a portada da capela na que se pode ver o emprego combinado da sillería de granito e o cachote; a porta alintelada, sobre a que se dispón unha fornela que acubilla a unha pequena imaxe da Virxe; e tamén unha espadana dunha soa troneira para unha única campá, aquela que tería o poder de arredar os tronos. Na outra foto podemos ver o interior da capela, aínda coa armadura do tellado en pé feita con pontóns e táboas. Así como o retablo coas imaxes e o referido frontal de altar. Tamén se aprecia como estes elementos se erguen nun plano lixeiramente elevado e constituído por tres banzos. Vemos tamén que contaba cun atril para a lectura así como misterios dispostos nos muros laterais.
Estas estampas xa son peza de museo, toda vez que a capela, na actualidade, amosa un severo estado de abandono, esmorecemento e ruína.
Artigo elaborado por Crtistina Vázquez Neira e Xurso Broz Rodríguez

