A PRAZA DO CONVENTO DE MELIDE:
LECCIÓN EN PEDRA DE HISTORIA, ARTE E URBANISMO.
Certamente, e sen temor a equivocarnos, podemos asentir que en Melide se atopa unha das máis fermosas prazas históricas do país, a Praza do Convento, inapropiadamente denominada " Plaza de Alfonso XIII", nun dos episodios máis recentes da súa longa historia, unha historia que se remonta ó final do século XIV, cando se establece extramuros do burgo medieval a que deu en ser a Casa Principal da Orde Terceira Regular Franciscana da Penitencia na Provincia, regular, de León.
Esta Praza, de prano trapezoidal, que acada unhas dimensións actuais de 600 metros cadrados (aínda que outrora foi maior pola banda meridional), presenta unhas dimensións máximas de 35 metros, no eixo norte -sur; e de 25 metros no leste - oeste.
Nela destácase a súa historia e a pluralidade das súas edificacións, tanto no tocante ás diferentes cronoloxías e estilos, coma pola función e cometido dispar das mesmas, coexistindo espacialmente edificacións de culto, asistenciais, educativas e de administración civil e de morada, xa nos estertores decimonónicos.
Nesta vetusta e recolleita praza perviven as pedras que son testemuña do antergo Castelo de Melide, nas fábricas de obra do Convento e do Hospital de Peregrinos de Sancti Spíritus; pedras "de grá"; de "ollo de sapo"; e de anfibolitas e serpentinitas, do rico sustrato xeolóxico zonal.
Nela perviven vellas portas de arco e marcas dos canteiros que labraron os perpiaños da derrocada fortaleza.
Na praza coexisten en simbiose e harmonía o estilo rexo da porta en arco do Hospital, outrora unha das do Castelo, de clara fasquía medieval; o equilibrio compositivo do barroco do século XVII, acorde coas trazas de Andrade, na fachada da Obra Pía de Segade Bugueiro; a liñalidade e a xeometría na fachada da conventual, que bebe e se fundamenta no estilo compostelán de Simón Rodríguez, daquel que tanto experimentou coas posibilidades dun barroco de placas, da segunda metade do S.XVIII, que xa fita os seus ollos na reinterpretación e evocación do orde clásico..., na preponderancia da funcionalidade e no abandono do ornato recargado, excesivo, e protagonista...; e tamén na Praza se nos presenta a sobriedade da casa vilega, da do XIX, na que prima o rexo, a rotundidade e a maxistralidade na edificación que sabe aproveitar todas as posibilidades que ofrece o xogo do aparello combinado.
A Praza do Convento é testemuña dos episodios máis convulsos da Galicia a cabalo entre o medieval e o moderno; tamén dos episodios da Francesada; máis tamén das contendas e do enconamento entre liberais e realistas absolutistas; tamén entre liberais e carlistas; testemuña igualmente tamén do avance, do progreso, do pavimentado do chan lameiro, e da chegada das augas de Castro (das Cazallas), ás primeiras fontes públicas, instaladas nos estertores do XlX sendo, por tanto, rememoradora do tempo do balde, da sella de zinc, do palique e do rum-rum..., da devoción e da festa; da crenza e da tradición.
Certo é que a Praza mudou, sendo logo tamén testemuña do evoluír do tempo..., asistíu ó prantado e ó tallado das súas árbores, fermosa estampa de praza antiga; coñeceu distintos pavimentos: do coio pisado á pedra "do país" en bruto pero ben concertada, desa á pedra de grá de feitura informal e desigual, e daquela á lousa serrada da actualidade.
Si tamén coñeceu varias fontes de auga, no centro dela, da auga dos Montes de Castro, da auga vella de Melide.
A Praza foi perdendo varias das súas sinais de identidade, e de nobreza, da anterga estirpe da pedra; da simbiose e da interacción do vexetal e do construído; e da necesidade do aproveitamento e abastecido da auga, recurso imprescindible, que foi mudado polo aforo e o diáfano.
Si, certamente na praza, no seu urbanismo, nas súas arquitecturas diacrónicas, mais ben é verdade que maxistralmente equilibradas, e ben compensadas e harmónicas, é onde o melidao se encontra cos seus, e tamén onde se mergulle na dialéctica entre o animado e o construído, e onde se adquire materialidade e corporeidade o postulado da filosofía animista, daquela que entende que subxace alma mesmo no núcleo da pedra, na cerna da árbore, ou no fluxo das augas.
A Praza do Convento, alcumada por moitos " o pequeno Obradoiro", "antesala do Obradoiro" en realidade non é, metaforicamente falando, máis que o corazón en pedra de Melide e, por riba de todo, un lugar de encontro coa nosa identidade, de raíz, de cerna e de froito.
Unha praza que agromou a raíz do xermolo do Convento, no baldío da propiedade de Fernán López
e Aldara González; que trocou en arrabalde fóra das portas propiciado pola súa condición de transo; e que deu por trocarse na Praza por excelencia deste Melide antergo, tan historiado e vívido e que, para sempre e por sempre así o sinta.
e Aldara González; que trocou en arrabalde fóra das portas propiciado pola súa condición de transo; e que deu por trocarse na Praza por excelencia deste Melide antergo, tan historiado e vívido e que, para sempre e por sempre así o sinta.
Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez
















