venres, 19 de decembro de 2025

 A MÁMOA DO REI (VILABOA, PONTEVEDRA) 

E O FORNO DOS MOUROS (A MORUXOSA, TOQUES). 

DOUS EXEMPLOS MOI SEMELLANTES DE ARQUITECTURA MONUMENTAL MEGALÍTICA

Nesta entrada imos amosar o exemplo dunha anta (ou dolmen) de cámara e corredor, moi semellante ó caso do Forno dos Mouros situado na Serra do Bocelo, na divisoria entre Toques e Sobrado dos Monxes. Concretamente estamos a presentar a espectacular “Mámoa de Rei” situada na Chan de Castiñeiras, no Concello de Vilaboa (Pontevedra).

Mámoa do Rei

Certamente ambos, Forno dos Mouros e Mámoa do Rei, se corresponden con dous espectaculares monumentos megalíticos funerarios, encadrados “groso modo” no Megalitismo Pleno, aproximadamente entre o 3000-2200 a-C., que presentan moitísimas analoxías formais e construtivas, aínda a sabendas que non existen dúas estruturas megalíticas que sexan realmente parellas, posto que todas respostan a casuísticas particulares e concretas.

Ó carón da Mámoa do Rei atopamos un panel explicativo que fala tanto do monumento funerario como dunha cista individual situada nas inmediacións. O texto di así:

“MÁMOA DO REI E CISTA. COMUNIDADE DE MONTES DE SAN MARTIÑO DE VILABOA.

Cista
Neste lugar atópanse, próximas entre si, a gran Mámoa do Rei e a cista da necrópole da Chan de Castiñeiras. Por un lado hai que destacar a monumentalidade da Mámoa do Rei, que ten por obxectivo destacar e facerse visible na paisaxe, sendo unha mámoa de aproximadamente 30 metros de diámetro cun gran dolmen de corredor diferenciado en altura na zona central. En contraste atópase a cista, de
moito menos tamaño e que pasa totalmente desapercibida, case invisible, o que nos permite observar os cambios de ritual que se dan entre o megalitismo pleno (3950-2500 a. C.) onde se situaría a Mámoa do Rei e o megalitismo final (2500-2000 a.C.) onde se situaría a cista.

Durante as escavacións realizadas na Mámoa do Rei foron localizados múltiples fragmentos cerámicos e líticos, como unha serie de idoliños atopados no acceso de entrada ao dolmen (seis pequenas pedras traballadas, das cales unha tiña forma antropomorfa) de probable carácter apotropaico e que terían por obxectivo defender ou protexer dos malos espíritos ós defuntos alí enterrados. Por último, destaca no interior do dolmen a aparición de gravados e pinturas orixinais (non sendo estas visibles a simple vista) que se sitúan, unha vez superado o corredor, no primeiro chanto na esquerda”.



O Forno dos Mouros (Toques)
Deixando ó lado certas particularidades, sinalar que ambas antas (Mámoa do Rei e Forno dos Mouros)
comparten moitas analoxías a pesares do afastado das áreas nas que se circunscriben. Medido en liña recta existe unha distancia de 90 kilómetros entre ambas, sendo moito maior en función das vías de tránsito.

As analoxías son moitas, e as coincidencias tamén que se resumen en varias constantes:



-          Situadas ambas en conxuntos, necrópoles tumulares, ou campos de mámoas, sendo ambas as máis destacadas e predominantes nas paisaxes nas que se circunscriben.

-          En ambos casos, no proceso de escavación arqueolóxica se documentaron distintos momentos construtivos e de abandono, así como alomenos dúas tumulacións diferenciadas que nos indican diferentes momentos de edificación.

-          Ambos monumentos están provistos dunha cámara funeraria de gran tamaño ademais dun corredor de acceso vertebrado en tres tramos (Mámoa do Rei) e dous (Forno dos Mouros) e con orientación cara ó surleste.

-          As dimensións da cámara son moi semellantes posto que Mámoa do Rei mide ó redor de 3 metros de diámetro e Forno dos Mouros conta cunhas dimensións de 3,30 metros no seu eixo meirande e 2,40 metros no eixo menor.

-          A tampa de cobertura de Forno dos Mouros mide 3,60 m. de longo por 3,40 m. de ancho; e a da Mámoa do Rei mide 2,5 m. por 3,5 m.

-          En ambos casos nun dos chantos da cámara, concretamente no primeiro pola esquerda, na súa cara interior, aparecen representados motivos de difícil interpretación. No caso de Forno dos Mouros atopámonos con representacións gráficas pintadas en vermello e negro con motivos en zig-zag que van superpostos a un enlucido branco; no caso de Mámoa do Rei os motivos consisten nuns gravados de varias filas de liñas en zig-zag sobre as que aparece unha figura cruciforme, realizadas mediante o picado da superficie da rocha cun instrumento incisivo, xerando sucos con esquinas en ángulo.

-          Na escavación de ambos xacementos recuperáronse abondosas mostras de material tanto lítico como cerámico, destacándose no Forno dos Mouros a aparición dun vaso campaniforme de tipo internacional e, no caso de Mámoa do Rei o máis destacado foi a aparición deses elementos apotropaicos, un deles de feitura antropomorfa, identificados na entrada ó corredor.

Mámoa do Rei
Ambos exemplos semellan circunscribirse a estadios do megalitismo identificados como de fenómeno tumular quen Ramil Rego encadra nun momento comprendido entre o 3000-2200 a.C. e que sería no intre no que  “increméntanse as formas e mai-los tamaños das antas e mámoas. Aparecen formas arquitectónicas complexas: cámaras con corredor. Decóranse as antas con pinturas e gravuras, e modifícanse as entradas das mámoas: cambio mámoa-tumba a mámoa-templo. Aparecen unha serie de obxectos de arte moble e simbólicos nas mámoas (idoliños e prismas de cristal de rocha sen sinales de lascado), xunto con pontas de seta, machados pulidos e láminas de fouciño”.

Forno dos Mouros
Por último, aproveitamos para meter algunha reseña de índole máis persoal. Lembra Xurxo Broz, quen participou hai vinte cinco anos nas escavacións dirixidas por Santiago Vázquez Collazo na Mámoa do Rei, as circunstancias da localización dos ídolos na entrada ó corredor e canta expectación xerara naquel intre. Tamén lembra que a el lle tocara escavar no ámbito traseiro do túmulo, onde estiveron a escavar e documentar o paleochan de asento do túmulo (consistente nun chan a nivel conformado por unha matriz arxilosa ateigada de cantos de cuarcita na superficie), sobre o que se superpuñan
dúas tumulacións que respostan a dúas fases diferenciadas de conformación e aporte de material da masa tumular. E, tamén recorda como no interior do cámara apareceran materiais de refugallo, entre eles tiestos ou macetas, a raiz do abandono producido entre a escavación da mesma no ano 1975 baixo a dirección de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e o ano 2001 cando se levou a cabo a intervención máis recente (nun extremo da cámara identificárase unha sondaxe realizada na intervención de 1975 e, sobre ela, e na restante superficie foi onde se localizaron os refugallos contemporáneos, recuperados polo arqueólogo Simón Pena).

E como coincidencia casual, Cristina Vázquez Neira foi contratada tamén por Santiago Vázquez Collazo, dous anos despois, para facer o estudo deses materiais atopados na Mámoa do Rei: os ídolos líticos, prismas de cristal de rocha, puntas de frecha de cristal de rocha, machados de anfibolita e cerámica.


DOLMEN DE MÁMOA DO REI E CISTA













Texto elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira






  A MÁMOA DO REI (VILABOA, PONTEVEDRA)  E O FORNO DOS MOUROS (A MORUXOSA, TOQUES).  DOUS EXEMPLOS MOI SEMELLANTES DE ARQUITECTURA MONUMENTAL...