PUÑAL DE ESPIGO DO MONTE DAS PENAS (TOQUES) NO PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO
No Centro de interpretación da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) atópase exposto nunha vitrina un puñal de espigo procedente do Concello de Toques. O achado do puñal é o resultado dun dos traballos arqueolóxicos realizados dentro do proxecto de “Arqueoloxía da Paisaxe na área Bocelo-Furelos”, un proxecto de amplo espectro dirixido e coordinado polo profesor Felipe Criado Boado, e subdirixido por diversos especialistas na arqueoloxía galega dende o Paleolítico ata a Idade Media.
Entre os anos 1987 e 1989 desenvólvense no Concello de Toques diversas intervencións para afondar no sistema de poboamento e de interacción das sociedades prehistóricas, protohistóricas e históricas no medio, é dicir, na adaptación das comunidades ó medio físico e, por ende, na correlación entre os grupos humanos e a paisaxe física (tanto no eido de asimilación, como no plano de “domesticación” da mesma).
No tocante ós traballos específicos de escavación en xacementos comprendidos entre o III milenio a.C. (de consideración Calcolítica) e ocupacións do Campaniforme Tardío, capitaneados por Matilde González Méndez e Fidel Méndez Fernández, sondeáronse diferentes zonas de potencialidade arqueolóxica, tanto na propia Serra do Bocelo como en áreas baixas asociadas ó curso do Furelos.
Dentro destes últimos ós que se lles pode alcumar como xacementos “Epi-Campaniformes” , atópase o xacemento de Monte das Penas, unha ocupación vinculada a brañas ou zonas de encharcamento. Na publicación titulada “Arqueología del paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales” (Arqueoloxía/Investigación. Serie 6, ano 1991), xa nos indican unha serie de datos sobre a aparición do achado:
“Un penedo (PA186) en el que apareció durante un sondeo un puñal de espigo. La ampliación del sondeo no ofreció ninguna otra pieza que se pueda vincular a este hallazgo”.
Este asentamento ó aire libre sitúase nunha elevación coñecida como o Monte da Carpaceira, na marxe sur do Rego do Couso e nun área comprendida a medio camiño entre A Moruxosa e Trandeiras e, ó norte da aldea das Penas.
Hoxe, na actualidade, o referido puñal de espigo (definido así na terminoloxía arqueolóxica polo tipo de vástago concibido para o seu sistema de enmangue), atópase exposto nunha vitrina do Centro de interpretación da Arte Rupestre-Parque arqueolóxico de Campo Lameiro, estando previamente depositado nos laboratorios da USC.
Na colección metalúrxica da Idade do Bronce do Museo da Terra de Melide cóntase cun total de seis modelos correspondentes ás diferentes secuenciacións da Idade do Bronce, dese xeito contamos cunha punta de xavelina tipo Palmela; un machado plano; un machado tipo Barcelos; unha punta de lanza de enmangue tubular; un machado de talón de unha anela; e un machado de machado de talón de dúas anelas, que en conxunto definen a evolución metalúrxica da Idade do Bronce Inicial ó Bronce Final e, entre medias, o Bronce Medio. Mais non se conta cun puñal de espigo que se encadraría neses primeiros estadios da Idade do Bronce.
No Terra de Melide (1933) aparecen varias referencias recollidas por Florentino L. Cuevillas a tenor de achados de bronces na Terra de Melide, mais non certifica a localización de puñal de espigo algún. Os bronces dos que da conta Cuevillas son os seguintes: un machado plano que se atopou, non se sabe con certeza, se no Castro de Marrás ou no de Donide (na parroquia de Maceda, Melide); un machado tipo plano con gume curvo atopado en Nogueira (Sobrado dos Monxes); unha punta tipo Palmela na Pena Grande (Oleiros, Toques); dous machados de talón, un deles localizado no Castro de Oleiros (Toques) e o outro no de Vimianzo (Santiso); e sendo o máis destacado a localización do coñecido como “Acobillo de Campos”, do que non se sabe con certeza se apareceu no lugar de Outeiro ou no Castro de Campos, semella ser que contaba, segundo as referencias, con bastantes machados, con cinco ou seis espadas e de varias pulseiras. Cuevillas descoñece as circunstancias da desaparición da meirande parte desas pezas, mais, tivo a sorte de poder ver oito machados e un anaco dunha pulseira que foron parar ás mans de Xosé Ramón Fernández (reloxeiro de Melide). Cuevillas chegou a ver e describir os oito machados cuxas feituras van dende machados planos ata Tipo Barcelos e algúns machados con bordes revirados, entre eles tamén nos fala dun machadiño de talón. De todos estes obxectos en bronce referidos no Terra de Melide non se coñece o seu paradoiro na actualidade, sabéndose que varios deles formaban parte da colección particular de Eduardo Álvarez Carballido.
Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

