martes, 23 de decembro de 2025

 VALORIZACIÓN DO DECANO DOS CRUCEIROS DE GALICIA (2ª parte)


Continuamos amosando particularidades e compartindo novas que teñen que ver con este singular ben do patrimonio cultural. Esta serie de entradas forman parte da sección do Facebook do Museo que, cunha periodicidade mensual, imos amosando paseniañamente aspectos tanto a nivel artístico, estilistico e interpretativo, como da utilización deste elemento como emblema e icona para múltiples facetas e actividades da vida de Melide. Así podemos ver como a súa imaxe é utilizada en portadas de pubñicacións, como logo e escudo de equipos deportivos ou mesmo formando parte da decoración de bombos dos grupos folclóricos. Continuamos nesta entrada amosando diversas particularidades, sendo a segunda parte da que iniciamos no mes de xuño neste blog.


 CANDO O CRUCEIRO ESTABA NO CAMPO DE SAN ROQUE

Imos falar de cando o Cruceiro estaba situado en pleno Campo de San Roque, nas inmediacións da antiga Capela, demolida no ano 1949.

A primeira referencia documental atopámola no “Pleito da Moa” do ano 1810, no que se cita: “[...] en el Campo de San Roque donde se hace la feria mensual de ganado, hai una Ermita con su crucero [...]”.

A segunda referencia documental ven da man, unha vez máis de Eduardo Álvarez Carballido, médico, historiador e erudito melidao. O autor publica en “Galicia Diplomática” no ano 1893 un traballo baixo o título “El crucero de San Roque de Mellid”. No artigo refire como “se eleva entre raquíticos álamos en la villa de Mellid y en el sitio llamado Campo de San Roque. Esto no es decir que sea fácil precisar la época de su erección, pues carece de fecha aunque parece conservar vestigios numéricos; pero es tan grande la capa de musgo que cubre el granito, y lo destruido que se halla por la acción del tiempo, que no puede precisarse fecha alguna”.

O mesmo autor tamén diserta na especulación de que “este monumento, contemporáneo sin duda alguna, de la ermita de San Sebastián citada por Huerta, en los tiempos primeros de la Reconquista, y a cuya ermita vino a sustituir la Capilla de San Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos”.

A terceira referencia documental vémola no “Terra de Melide” (1933), na páxina 412, na que  Vicente Risco comenta como “no Campo da feira ou de San Roque da vila de Melide, hai un lindo cruceiro antigo, cuio estudo corresponde máis ben ao arqueólogo que non ó folklorista”.

A cuarta referencia documental, ven da man de Xosé Manuel Broz Rei, quen no ano 1983 no seu traballo sobre os “Cruceiros da Terra de Melide” (Boletín nº 2 do Museo da Terra de Melide) apunta como “noutro tempo estivo no Campo de San Roque, onde se facía a feira. Tamén tivo a disgracia de andar tirado e esquencido, hastra que se ergueu de novo polo celo de D. Antón Taboada Roca. Hoxe está no seu terceiro asentamento”. Máis adiante continua referindo que “cando o Cruceiro estaba no Campo de San Roque tiña unhas gradas a xeito inverso, pois o campo quedaba máis baixo que a estrada. Estaba rodeado por grandes arbres: olmos e carballos [...]”. Segue concretando como “tamén había perto do Cruceiro, un palco de música de pedra e con balconada de ferro. Na hora de lusco-fusco iba sempre un home, chamado “o santón”, a rezarlle ó Cruceiro, axoenllado, ó seu pé [...]”. E por último, comenta que “tamén se facía neste campo a feira de gando. Logo foi cando se plantexou a modernización e cortáronse estes arbres e mudouse o Cruceiro [...]”.

Sinalar como datos curiosos e relevantes que a primeira referencia documental, a do ano 1810, semella estarnos a indicar implicitamente dúas realidades:

- por unha banda semella desbotar a posibilidade de que en orixe estivera vinculado á propiedade do Convento de Sancti Spíritus (fundado no ano 1372), toda vez que non é abandonado e exclaustrado ata o ano 1835 por mor da Desamortización. Semella, pouco plausible que o Convento o cedera, tan gratuitamente, ó dominio e propiedade pública.

- por outra banda tamén resulta curioso o feito de que chegou a sobrevivir aos episodios da francesada, toda vez que o día 18 de xuño de 1809, o exército francés capitaneado polo Xeneral Marconet, ó mando dun batallón de 3500 soldados, acampou e acantonouse no Campo de San Roque, resultando curioso que o Cruceiro chegara a sobrevivir á contenda. Poida que, a raíz dese episodio, o Cruceiro resultara danado e, de aí, a necesidade de estreitar e repicar os traveseiros da cruz (aspecto que nunca se chegará a verificar).

 

O CRUCEIRO DE MELIDE EN PORTADA

Nesta ocasión amosamos o Cruceiro de Melide como imaxe de portada dun dos “clásicos” nos que se retrata Galicia como pobo antigo, de tradición e historia .

No extenso ensaio de José María Castroviejo “Galicia. Guía espiritual de una Tierra”, publicado
por Espasa-Calpe no ano 1983, o autor opta como imaxe de portada por unha ilustración de trazo desenfadado do Cruceiro de Melide, por ser o máis antigo de Galicia e tamén unha das iconas da arte e da iconografía do país. Certamente Castroviejo estivo ben atinado posto que poucos elementos do patrimonio cultural de Galicia poden aventaxar ó Cruceiro melidao como símbolo, icona e imaxe da espiritualidade e dos valores inmateriais e culturais dun territorio. Así pois, congratulámonos de que o Cruceiro de Melide sexa tamén optimizado como símbolo e imaxe “publicitaria” do acervo cultural do pobo galego. Polo tanto ben é certo que, o Cruceiro de Melide ten unha connotación e un valor universal que trascende, de longo, os confíns da Terra de Melide.

Nestas entradas, nunha convencida aposta de posta en valor do Cruceiro máis emblemático de Galicia, preténdese reflectir como o Cruceiro é moitísimo máis que a icona do patrimonio de Melide, polo que hai que apostar por unha serie de accións de posta en valor en profundidade. Co exemplo da entrada de hoxe, quérese poñer o acento en tantos e tantos exemplos nos que o Cruceiro de Melide está presente (publicacións, revistas, emblemas corporativos, bombos, cartaces, selo de Correos...) aportando outra medida de valorización dun elemento tan singular:

- A celebración dun certame pictórico e de artes gráficas (en todas as variables posibles), con carácter anual no que dende diversas perspectivas e planos do deseño das artes se aborde a temática do Cruceiro de Melide como elemento único, universal e vertebrador do conxunto das Cruces de pedra de Galicia. Dese xeito o Cruceiro de Melide sería retratado por unha pluralidade moito máis ampla de autores dos que xa o teñen plasmado (Castelao, Broz, Munehiro Ikeda, Alfredo Erias Martínez, José Manuel Yáñez Rodríguez, Xesús Iglesias, Quiñoy, Pedro Panduriño, Brétema Parras, Pepe Carreiro, etc.).

Xa para rematar con esta entrada, sinalar que dende que se procedeu á extracción do Cruceiro, para a súa restauración, non houbo nin un só día no que alguén non se dirixira ó Museo ou ó seu persoal, para preguntar por el, ou para trasladar a súa preocupación (dese xeito tívose que proceder a dar respostas tranquilizadoras e a desmentir unha manchea de informacións erradas e terxiversadas). E, con elo, transmitirlles a todos os anceios, arelas e ansias, do Museo, por un pronto e adecuado e digno retornar.

  O CRUCEIRO NO SELO DE CORREOS

Da importancia e relevancia do Cruceiro de Melide queda constancia a través de determinados aspectos que traspasan as nosas fronteiras. Tal é o caso da edición dun selo de correos no ano 2019 dedicado ao Camiño Primitivo. Nesta tirada se emitiron catro selos diferentes: a Catedral de Lugo, a Catedral de Oviedo, Alfonso II e o Cruceiro de Melide. Compre indicar que de todos os elementos patrimoniais, históricos e referenciais do Camiño Primitivo, escolléronse estes catro como “emblemas” de dita ruta. Tal e como recollen na páxina de Correos: “Uno de los sellos está dedicado al paso del Camino Primitivo por la provincia de A Coruña, con el Cruceiro de Melide como motivo, el más antiguo de Galicia. Se trata de una cruz del siglo XIV, cuya iconografía hace alusión a Cristo”.

Isto ven a conformar a idea da importancia e singularidade do Cruceiro de Melide. Cando Correos decidiu emitir unha serie de selos empregando diferentes imaxes do Camiño Primitivo, escolleu un elemento de cada unha das tres provincias polas que discorre dita ruta, ademais dunha xenérica na que se representa ao rei Afonso II (primeiro peregrino oficial a Santiago) coa imaxe da súa estatua en Oviedo (e xemelga da que se pode ver ao carón da facultade de Xeografía e Historia en Compostela na Praza de Entrepraciñas) e un mapa da ruta. De Asturias e de Lugo escolleu as catedrais de Oviedo e da cidade amurallada. E a provincia da Coruña foi representada coa imaxe da icona por excelencia do noso concello: o Cruceiro. Estes catro selos emitíronse nunha tirada todos xuntos (dous de cada un, cun total de oito en cada tarxeta) nunha soa etiqueta na que no anverso podemos ver unha fotografía “idílica” do Camiño Primitivo e onde figura ademais a lenda de cada un dos selos, e onde se pode ler de novo que a provincia da Coruña está representada polo Cruceiro de Melide.

A importancia do Cruceiro é de sobra manifesta, dese xeito podemos velo representado en innumerables elementos que van máis alá dos tratados de arte, historia ou relixiosidade: así o podemos velo como logo en facetas tan dispares como na música, pintura, deportes, artes gráficas, selos de correos... A súa singularidade e preciosismo artístico, histórico (e simbólico) resulta patente a todos os niveis sen deixar case a ninguén indiferente. O feito de que Correos o escollera como unha das imaxes da súa tirada de 2019 confirma esta idea e certifica que a súa posta en valor e dignificación é máis que perentoria. Non temos constancia documental de que este Cruceiro de Melide fose na súa orixe erguido para que os peregrinos cara a Santiago se postraran ante el, pois descoñecemos a súa ubicación primitiva. Mais con todo, e como outro punto a engadir á súa significación cultural e de alto valor patrimonial, compre dicir que dende que temos constancia documental (escita e gráfica) da súa ubicación este Cruceiro se atopa ao paso do Camiño Francés. Isto significa que incluso, non sendo un dos elementos patrimoniais de indiscutible valor no Camiño Primitivo, foi escollido igualmente por Correos xa que aínda que dita ruta chega a Melide moitos peregrinos que veñen dende Oviedo pasan de largo pola nosa vila sen velo (pois so os que veñen polo Francés pasan ao seu carón), e con todo, a pesar diso e por riba de todo, serviu no seu momento como imaxe icónica para esta edición de selos. Pois o Cruceiro de Melide é emblema do patrimonio non so a nivel local, senón a nivel xeral.

O Museo está en posesión desta tira de selos grazas á xenerosidade, compromiso e infinda amabilidade de Celsa Mariño Río, Directora da Oficina de Correos de Melide quen nos obsequiou con este agasallo que gardamos con cariño e con devoción, pois xa daquelas, no 2019 arelábamos unha pronta restauración, conservación, dignificación e posta en valor do Cruceiro de Melide, o máis antigo de Galicia e merecente de ser imaxe dun selo de Correos de tirada nacional. 

  O CRUCEIRO DE MELIDE NA “GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA”.

Para enfatizar a relevancia do sobranceiro Cruceiro de Melide imos amosar esta fotografía extraída do tomo número 8 da “Gran Enciclopedia Gallega”, editada por Silverio Cañada. Nesta publicación do ano 1974, na entrada sobre os cruceiros galegos, o recoñecidísimo e reputado historiador da arte Carlos Valle Pérez (director emérito do Museo de Pontevedra) fai unha mención ó Cruceiro nos seguintes termos: “ Entre las obras del s. XIV debe destacarse el cruceiro de Melide...”.

Na imaxe que acompaña ó texto (fotografía da autoría de Juan Manuel Domínguez) podemos ver o Cruceiro no seu penúltimo emprazamento, é dicir no xardín da Capela de San Roque, pero na banda dereita ou oriental, onde tiña por basa a vella pedra de lagar, hoxe case oculta por un seto ornamental, e que require unha exposición moito máis digna e adecuada.

Na foto pode verse a cornixa do aleiro do tellado da Capela de San Roque, así como parte do lenzo meridional da capela lateral do transepto. Na imaxe o Cruceiro aparece moi digno, xa que a colonización biolóxica apenas tiña presencia. Vemos igualmente como a argola de ferro que serve de nexo entre cruz e varal aparece recalzada con cuñas de ferro, probablemente para cuestións de tensado e agarre.

Queremos concluír esta entrada de reivindicación do Decano dos Cruceiros de Galicia cun poema de Manuel Díaz González (P. Rosendo), publicado no ano 1990 no Boletín 5 do Centro de Estudos Melidenses - Museo da Terra de Melide, que dí así:

“Cruceiros, encrucilladas,                              Cristo das once chagas,

a dúbida e o medo                                   por coroa flor heráldica de lis 

dos que andan camiños,                                 [...]

peregrinos de inquedanzas.                          Cruceiro

Cruceiro, protector de camiñantes,              que abraza-lo tempo e bica-la terra;

faro guieiro                                                        a terra que xa maldita non é,

que afastas dos baixíos de traxedia               a terra que bañada de morte inocente,

e crime                                                                a terra dos desterrados

as ánimas errantes,                                          fillos de ningures.

cruceiro                                                              O sufrimento do mundo,

- seis séculos de crenzas                                  ergueitas mans en pregaria de pedra

e de arte popular -.                                           tallada por canteiros desta terra.

Peaña de dolores e esperanzas,                     Camiñante exconxurado

esteo pétreo de aras verticais,                       de dúbidas e medos e fantasmas,  

frecha arelante rematada en cruz.                 quizais poidas  atoparte coa verdade

Maxestade sedente,                                   en calquera encrucillada.

                                                                       

 PROPOSTA PARA UNHA BANDEIRA DO CONCELLO

Amosamos un primeiro bosquexo que dende este Museo se lle presentou, hai uns aniños, ó Concello de Melide para o deseño dunha bandeira municipal.

Neste primeiro borrador aparece como emblema central o Cruceiro de Melide, pola cara do reverso, superposto a un “M” maiúsculo da “Villa Melliti”; de “Melidi”; de “Milierata in Aviancos”; de “Mellide”; e de “Melide”.

 Franqueada por senllas cenefas ou bandas orladas que reproducen a decoración de axedrezado jaqués (de tacos e billetes), presente no estilismo  de Santa María de Melide e Moldes, como símbolo da universalidade do Románico como propaganda do fenómeno xacobeo.

E coas cores grises, terras e ocres..., por alusión á pedra feita arte; á terra como elemento de sustento desta comarca; e ó cereal do centeo e do trigo como materia prima do pan, do melindre, do rico e do amendoado. Así pois son as cores do noso acervo e da idiosincrasia melidá, en suma.

Así, con todo, que mellor símbolo, icona e embaixador da esencia e dos valores culturais deste pobo antergo, historiado e globalizador que o seu Cruceiro?.

Certamente son moitas as posibilidades para un deseño dunha bandeira que represente e reproduza os valores e a idiosincrasia de Melide, mais, en todo caso, consideramos que sobre o pano nunca podería faltar, a modo de emblema, o Cruceiro.

          “Espranza ergueita

no chan dos Devanceiros,

como un símbolo do pobo,

nunha terra do País Galego,

onde afincamos a nosa identidade

e decimos que somos Nós

facendo a nosa Historia

na beira do Camiño,

sabendo que vimos dunha raza eterna

pola canle dos séculos

e as raigames de pedra feita pobo.

Aquí, neste Melide do Cruceiro antergo

e na súa beira nós

xunguidos no noso Tempo.

Ou!  Cruceiro de Melide,

lémbrate de nós na nosa Historia,

Cruceiro da parroquia de San Pedro,

de Galicia a cruz máis vella.

(extracto do poema “O Cruceiro de Melide” de Xosé Manuel Broz Rei, ano 1983).

 

O CRUCEIRO DE MELIDE NO DEPORTE

Queremos reflectir o papel do Cruceiro como elemento icónico e representativo da vila de Melide. Dese xeito, como xa vimos amosando nestas entradas e nas vindeiras, preténdese deixar claro como o Cruceiro é un elemento tan sobranceiro que non se nos ocorre exemplo algún no que a representación do mesmo non resulte acaída para singularizar a “marca Melide”.

Nesta entrada imos poñer tan so dous exemplos de como o Cruceiro de Melide tamén está
presente en escudos e emblemas de clubs deportivos. Primeiramente imos falar do escudo do mítico club de fútbol Atlético Melide (equipo melidao fundado no ano 1973, do que recentemente fixemos unha entrada retrospectiva, na Sección “Lembrando a...”).

No escudo do club figura o Cruceiro de Melide no seu cuartelado, complementado con outros elementos de identificación no eido deportivo.

Outro exemplo que queremos amosar, que recentemente nos foi facilitado por Ricardo López Novo (Riki Santos), é o do logo deseñado a finais da década dos 90 polo artista Pedro Panduriño, para a equipa de baloncesto de Melide (Club Baloncesto Melide). Segundo as informacións facilitadas por Riki este logo figuraba no reverso do carné de socio. Como ben manifesta o informante, a el, certamente sempre lle evocou o logo da equipa da NBA de Seattle, os Supersonics .

Para o deseño do logo do Club de Baloncesto de Melide, Pedro Panduriño optou por un fondo circular a xeito de balón de baloncesto en cuxo campo central aparece o reverso do Cruceiro de Melide, flanqueado pola banda esquerda pola torre do Convento de Sancti Spíritus e pola banda dereita pola torre da Obra Pía de San Antonio. E, en ambos casos, cos perfís dos tellados e chemineas da paisaxe urbana. Tamén no extremo da dereita se destaca un cumio de monte nevado, cun caseto na cima, que se traduciría en imaxe do Couto do Pilar (teso máis elevado da Serra de Melide).

Así pois, como ben se pode comprobar o Cruceiro de Melide, ademais da Ponte medieval de Furelos, decote se traducen en símbolo das diferentes realidades e variables identificadoras de Melide e do seu concello.

 

LEMBRANDO Ó CRUCEIRO NA OUTRA BANDA DA CAPELA DA SAN ROQUE

Neste punto imos reflectir e facer retrospectiva respecto ó emprazamento anterior do Cruceiro (previo á década de 1980), cando estaba situado no axardinamento, que non adro, da banda oriental da actual Capela de san Roque (erixida no ano 1949). Noutra entrada imos falar, polo miúdo cando se erguía no propio Campo de San Roque, a escasa distancia da demolida Capela de San Roque (reedificada e datada no século XVIII).

O traslado da banda oriental á occidental da Capela de San Roque probablemente viría motivada por cuestións de mellor visibilidade e arelas dunha maior notoriedade. Mais, coa perspectiva do paso do tempo, todo semella indicar que a decisión non foi de todo atinada, posto que ata esa data o Cruceiro estaba mellor resgardado, e mellor amparado do tráfico rodado e de casuísticas que non lle son propias (festexos, actividades de concentración social,..., etc.). Así pois, con todo, e coa experiencia dos últimos anos (de abusos nos festexos e malas prácticas  reiteradas, moitas delas perpetradas por peregrinos) a reflexión é que estaba moito máis protexido no axardinamento da banda dereita, ou oriental da Capela.

Tamén compre engadir que dito traslado deu ó traste co seu sistema de basamento pretérito (a pedra de lagar reaproveitada) que foi substituída por unha plataforma ou escalinata de formigón de tres chanzos, con aplacado de granito serrado. Dende aquelas o pedestal orixinal pasou a unha situación de longa noite de pedra, posto que decote foi movido de sitio e, na actualidade está practicamente oculto polo crecemento dun arbusto ornamental.

Agora coa actual intervención de restauración e posta en valor o obxectivo é recolocar o pedestal pretérito ó carón do Cruceiro (toda vez que non se autorizou a súa restitución como soporte do Cruceiro), onde tamén irá situado o panel explicativo que de conta da singularidade e excepcionalidade do Cruceiro de Melide.

As fotos que axuntamos nesta entrada, que non son moitas, reflicten a ubicación do Cruceiro ata hai aproximadamente pouco máis de 40 anos.

 

 O ZUNCHO DE FERRO. UN ELEMENTO HISTÓRICO QUE XA FORMA PARTE INTRÍNSECA DA IMAXE DO CRUCEIRO

A primeira referencia documental ó redor do Cruceiro de Melide a atopamos no sumario do “Preito da Moa” (ano 1810) onde se detalla “en el Campo de San Roque donde se hace la feria mensual del ganado maior y menor hai una ermita con su crucero”, polo tanto e de tratarse deste mesmo cruceiro (aspecto máis plausible) desbotaría a posibilidade da procedencia do Convento de Sancti Spíritus de Melide, posto que non se exclaustra ata 25 anos máis tarde  co gallo da Desamortización de Mendizábal e resulta pouco probable que anteriormente os frades da Orde Terceira o cederan ó dominio público. Nas mesmas escrituras do referido preito tamén se recolle que ó cruceiro “ que lo movieron tres veces”.

En todo caso a primeira e completa descrición do Cruceiro de Melide débeselle ó erudito, médico e historiador melidao Eduardo Álvarez Carballido, quen no ano 1893 publica na revista “Galicia Diplomática”  da R.A.G un traballo baixo o título “El crucero de San Roque de Mellid”. Nese artigo fai unha longa disertación ó redor do Cruceiro e, na parte descritiva, xa nos apunta a existencia do zuncho de ferro.

Nunha prosa de corte decimonónico o autor apunta como: “ Este monumento, contemporáneo
sin duda alguna, de la ermita de S. Sebastián citada por Huerta, en los primeros años de la Reconquista, y a cuya ermita vino a sustituir la capilla de S. Roque, no atravesó tantas centurias sin sufrir desperfectos. En efecto, por la unión de la vara y la cruz una mano estúpida le rompió, y por una de esas rarezas en que el sentimiento religioso vino a salvar la obra de arte, fue enmendada la fractura uniendo ambas piezas, con un sólido pero tosco anillo de hierro y unas cuñas mal colocadas, como impropias por su materia y forma de ocupar tal lugar”.

Vemos por tanto como a finais do século XIX o zuncho de ferro xa estaba presente, como tamén o podemos visualizar en imaxes de publicacións posteriores como “Terra de Melide” (1933) ou en “Historia de Galiza” Volume I (1962) dirixida por Otero Pedrayo.

Nas fotos históricas existentes, datadas na primeira metade do século XX, tamén vemos como o anel de ferro tamén se manifesta do mesmo xeito ó que estamos acostumados.

Resulta improbable poder datar o intre no que se insire a cruz gótica ó varal mais, é probable, que nese intre fose cando lle fixarían o zuncho perimetral que serviría de reforzo e de elemento de transo entre a cruz figurada e o fuste oitavado.

Así pois, do conxunto e pezas que integran o Cruceiro de Melide unicamente sería gótica a súa  cruz (da segunda metade do S.XIII ou de comezos do S.XIV). O varal (do que Broz rei especula na posibilidade, non documentada, de pertencer á picota da xustiza ou rolo xurisdicional que houbo na Praza das Coles), a peana ou basa (que se corresponde cunha pedra de lagar reaproveitada ó efecto) e a argola de ferro semellan respostar a unha composición sincrónica, na que se fai unha conxunción de elementos ata o intre inconexos.

Con todo, unha vez demostrado que o zuncho non foi instalado en tempos actuais (alomenos a fins do século XIX Álvarez Carballido xa o ten presente) o máis coherente de cara a manter o discurso histórico, e a estética acostumada e asimilada, é apostar pola súa restitución na restauración presente.

 

 O CRUCEIRO DE FROITO NOVO

Neste punto imos falar do Cruceiro de madeira de Froito Novo que, inspirándose no Cruceiro de Melide, o tallista Delmiro López Cordido, veciño de Furelos, realiza por encargo de Froito Novo co gallo dunha das actuacións da agrupación con motivo dunha das edicións da “Romaría Internacional” que, na vila de Melide, tiñan lugar na década de 1980.

O cruceiro, feito en madeira, reproduce dun xeito personalizado a imaxe do reverso do Cruceiro de Melide, na que se plasma a maxestuosidade da Resurrección de Cristo. Unha vez realizada a recreación por Delmiro, quen a artella en tres partes, encárgase Xosé Manuel Broz de policromala.

Agora neste 2024, despois de catro décadas, o cruceiro é recuperado a finais do mes de setembro, para ser empregado no Roteiro da Compaña de Melide para a escena da “rogativa e acollemento ó Cruceiro”, toda vez que un cruceiro é un elemento imprescindible para entender a dimensión cultural da Santa Compaña.

A recreación do cruceiro xustifícase na ausencia do Cruceiro de Melide, toda vez que no Roteiro da Compaña o auténtico cobraba unha relevancia e protagonismo manifesto, posto que dun xeito didáctico se representa unha das constantes que máis e mellor definen a necesidade de erixir cruceiros (e tamén petos de ánimas). Así pois, aínda que non se contara co orixinal na data da representación (no serán do 31 de outubro) o problema da ausencia do Cruceiro xa estaba paliada e resolta dende hai un par de meses.

Así, dese xeito, grazas á amabilidade de Manolo Parrado, Eva Vázquez e Froito Novo o cruceiro feito por Delmiro de Furelos se pon a disposición do Museo para a representación da Compaña. Dende aquí a nosa gratitude a todos eles.

Do mesmo xeito destacar os traballos de tratamento e mellora deste cruceiro realizados por Enrique Vilariño Casal (do Aseo) e por Xosé Manuel Broz Rei (Director do Museo) os que con total celeridade se puxeron ó choio para poder telo rematado con tempo dabondo.

Neses traballos de mellora procedeuse a realizar unha bancada de base a maiores das dúas existentes; a realizar unha mesa de altar ou pousadoiro para ofrendas e esmolas; e tamén se procedeu ó seu repintado toda vez que a policromía orixinal feita no seu día por Broz, non estaba nas mellores condicións.

A partir da chegada do Cruceiro de Melide ó seu emprazamento a opción futura será a de instalar o cruceiro de Delmiro na Praza do Convento, nas sucesivas edicións da Compaña de Melide, para enriquecer a decoración e ambientación.

O agradecemento do Museo ós xestores e facilitadores da “cesión” deste fermoso cruceiro (Manolo Parrado, Eva Vázquez e Froito Novo); a Delmiro López por telo feito con tanta mestría; a Broz e Enrique polos traballos de restauración; e tamén ós membros da Compaña de Melide que lles ha tocar carrexalo na xornada do 31 de outubro.


Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez



  VALORIZACIÓN DO DECANO DOS CRUCEIROS DE GALICIA (2ª parte) Continuamos amosando particularidades e compartindo novas que teñen que ver con...