O MARCO DO HOSPITAL:
FITO DEMARCADOR DE TERMOS DE PROPIEDADE E SEÑORÍOS
Debuxo de Xosé Manuel Broz onde podemos ver o anverso e reverso do Marco coas cruces de termo gravadas en ambas caras |
Hoxe imos destacar a singularidade deste marco de termo e tamén facer unha escolma dos múltiples elementos de carácter patrimonial existentes nesa divisoria histórica, outrora de xurisdicións e señoríos e na actualidade de concellos (Toques e Palas de Rei) e provincias (A Coruña e Lugo).
En pleno cordal da Serra do Careón atopámonos cun collado ou vao natural no que, a pesar das dificultades de ascenso ata o lugar, constitúese como o único ámbito no que poder atravesar a barreira montañosa. Non en van foi o espazo máis axeitado para desenvolver o itinerario do Camiño Primitivo de Santiago (ou de Ovedo) así como o trazado do antigo Camiño Real que comunicaba con Lugo.
Debuxo de Xosé Manuel Broz onde podemos ver as demarcacións dos diferentes señoríos xurisdiccionais, entre os que se inclúe o do Marco do Hospital pertencente á Encomenda de San Xoán de Portomarín. |
Nese ámbito atopámonos coa Necrópole tumular do Marco, na que se conservan dúas mámoas, mais ata a década de 1990 existía unha terceira mámoa destruída pola apertura dunha pista. Sobre unha desas mámoas érguese o Marco do Hospital, no que hai gravadas tres sinais cruciformes de termo. Tamén, e non moi lonxe en dirección sur, atópase a pena Gulpilleira (ou Golpelleira), que se trata dun conxunto de penedías aflorantes moi significadas na paisaxe e, como ben sendo habitual, acompañadas de folclore, lendas e falares.
Tamén, e en dirección ó nacente, se atopa un conxunto de penedías e crestóns de seixo branco, que non deixan indiferentes, coñecidas con diversos termos: Penedo de San Nicolao, Penedo do Hospital, Penedo da Aldea..., onde se refire a existencia dun castelo rocheiro altomedieval e tamén a referencia dunha pequena ermida baixo a advocación de San Nicolao de Bari.
E tamén entre a divisoria e os penedos de seixo referidos se atopa a antiga aldea do Hospital das Seixas, onde existiu unha igrexa anexa á de San Xoán de Furelos (Encomenda de San Xoán de Portomarín). Da edificación aínda se mantén en pé un lenzo de muro e unha ventá abocinada. Enfronte emprázase un inmoble con porta antiga no que outrora se considera estaría o antigo hospital de peregrinos. Sobre esta igrexa e hospital existe un traballo de Xosé Manuel Broz, publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM.
Vemos pois que o escenario que nos ocupa está ateigado de vestixios patrimoniais, tanto prehistóricos coma históricos: mámoas, Camiño Primitivo/Camiño Real, Castelo Rocheiro, hospital de peregrinos e capela nas Seixas, referencia a unha capela no penedo de San Nicolao, pena Gulpilleira con tradición oral (vencellada a Curuxás e tamén ó bandoleiro Pedro Mañá). É pois un dos enclaves nos que a
historia é omnipresente e tanxente, aínda que fallan (como é habitual) cartaces explicativos que nos falen deses fitos e valores. E, por desgraza, os seus elementos e o seu contexto teñen sufrido danos importantes (danos recentes nos túmulos por ensanchamento excesivo das pistas, lugar habitual de vertidos de refugallos e entullos , e tamén lugar ateigado de residuos de peregrinos incívicos (panos de papel, envases de bebidas, latas de conserva, cabichas...).
historia é omnipresente e tanxente, aínda que fallan (como é habitual) cartaces explicativos que nos falen deses fitos e valores. E, por desgraza, os seus elementos e o seu contexto teñen sufrido danos importantes (danos recentes nos túmulos por ensanchamento excesivo das pistas, lugar habitual de vertidos de refugallos e entullos , e tamén lugar ateigado de residuos de peregrinos incívicos (panos de papel, envases de bebidas, latas de conserva, cabichas...).
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira