CRUCES NA PORTA DO HOSPITAL DE PEREGRINOS DO LEBOREIRO.
O antigo hospital de peregrinos do Leboreiro amosa na súa arquitectura elementos probablemente reaproveitados da fábrica orixinal do século XII (nomeado no ano 1164 “in burgo que vocicant hospitale de monte Leporario”) en asociación coa propia arquitectura de finais do século XV cando o hospital pasa a ser do padroado da linaxe dos Ulloa. Entre os elementos probablemente orixinais podemos ver a representación de senllas cabezas que semellan tratarse da decoración de canzorros ou de mochetas da porta orixinal.
Nesta porta podemos observar a presenza de tres cruces (nas xambas e no lintel) que nos están a falar de diversas funcións e do universo simbólico. Por unha banda non podemos obviar unha función de sacralización ou santificación, e devocional desta fundación asistencial pero, por outra banda, tamén estariamos asistindo a unha constante de “superstición”, na que se procura unha función protectora. Dese xeito estariamos ante a procura dun concepto de profilaxe (entendéndose como tal unha cuestión preventiva de preservación do mal, da enfermidade ou de calquera outro tipo de fatalidade). Tamén podemos entender, na mesma liña, un contido ou finalidade de corte apotropaico, entendéndose como tal un mecanismo de defensa ou protección máxica na que se busca arredar o mal, protexerse del e estar prevido dos malos espíritos, dos malos agoiros e tamén do mal do ollo.
Así pois, nesa liña estariamos ante un elemento de purificación e de carácter ritual de marcado corte simbólico. Nese senso non resulta rara a presenza deste tipo de elementos protectores e esconxuradores, tan presentes en arquitecturas relixiosas, civís e tamén de produción (muíños e fornos fundamentalmente aínda que tamén os podemos atopar noutras estruturas como poden ser os hórreos).
No hospital do Leboreiro, vemos na súa porta unha cruz latina en baixorrelevo no seu lintel, non demasiado acentuada (probablemente desgastada por causas da erosión da pedra); outra a medio camiño entre cruz latina e grega nun dos perpiaños da xamba esquerda; e unha cruz latina con pedestal (cruceiro) cos estremos dos paos engrosados.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Paralelamente noutra casa da aldea do Leboreiro, nas proximidades do cruceiro, podemos ver un lintel realizado en rocha ultrabásica negruzca, na que aparece gravada outra cruz, tamén a medio camiño entre latina e grega. A xulgar pola feitura da pedra e polos dous encaixes ou rebaixes existentes na súa parte superior, inducen a cavilar que puidera ter sido unha antiga soleira de porta reempregada, xa que os encaixes semellan ocos para batentes de porta. Así pois, non se descarta (a falla de máis datos), que puidera proceder do propio hospital de peregrinos.
Así pois, e con todo, nesta aldea do Leboreiro existen diversos elementos que responden a variables de corte devocional, milagreiro e simbólico, destacándose o tímpano da igrexa parroquial no que aparece representada a Virxe das Neves en asociación á lenda da aparición da talla da Virxe nunha fonte nas proximidades da igrexa.
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira