xoves, 28 de setembro de 2023

 SAN RAMÓN NONATO DE GROBAS:

FONTE, IGREXA DESAPARECIDA, DEVOCIÓN E RITOS

Fonte de San Ramón de Grobas
No lugar de Grobas de Abaixo gárdase a memoria da existencia da antiga igrexa de San Ramón, a escasos metros da localización da Fonte do mesmo nome, unha fonte de augas con propiedades, onde segundo a tradición os homes lles lavaban os pes ás mulleres embarazadas para que o santo Nonato lles concedera un bo parto.
Onde hoxe nos atopamos cunha masa arborada de bosque autóctono se atopaba a antiga igrexa, nunha parcela que segundo as referencias catastrais (parcela 385 do polígono 015) aparece denominada como “Casas da iglesia”, manténdose a referencia á igrexa noutras propiedades lindeiras, así atopamos fórmulas como “Prado da Iglesia”, “Navio Grota Iglesia” ou “Terreo Iglesia”.
Emprazamento da desaparecida igrexa
de San Ramón de Grobas
Como recolle Broz Rei no seu traballo sobre as igrexas de Melide “na aldea de Grobas había unha pequena capela e en Baltar outra, polo que se acordou facer unha máis capaz co patrimonio das dúas”. A vella igrexa de Baltar atopábase no lugar de Eixe de Lamas situándose dende o ano 1926 na aldea de Baltar. Tamén o mesmo autor refire un dato extraído do Libro de Fábrica dunha referencia do ano 1885 da existencia dun retablo procedente da antiga igrexa de San Andrés da Coruña, que foi montado parcialmente na pequena igrexa de Grobas, adaptándoo ó sitio, posto que o retablo contaba cun porte maior. Este retablo foi trasladado posteriormente á igrexa nova de Baltar, en cuxo camarín central atopamos unha imaxe de San Ramón Nonato, o que nos está a lembrar a advocación da vella igrexa de Grobas.
Imaxe de San Ramón na
 actua ligrexa de Baltar

A fonte de San Ramón (en honra a San Ramón Nonato), é unha fonte tradicional de arquitectura moi sinxela. Non presenta características artísticas que a fagan relevante, pero ten a súa importancia porque ten asociadas unhas propiedades avogosas para propiciar un bo parto.
Esta fonte sitúase a escasos metros, cara o oeste, dunha carballeira pechada por un valado onde estivo situada a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas, substituída pola actual igrexa parroquial de Santiago de Baltar, edificada no ano 1926. De feito ó grupo de casas situadas en torno á fonte coñécense como "Casas da Igrexa", xa que se garda a memoria da existencia da antiga igrexa parroquial de Grobas coñecéndose perfectamente a parcela exacta na que se ubicaba dita igrexa (posiblemente o valado se corresponda co peche do adro).
A de San Ramón correspóndese cunha fonte de arqueta, que consta dun frontal de pedra de cantería de forma rectangular e posta de canto, na que está ubicado o cano da saída da auga que verte directamente no propio rebaixe do terreo. A arqueta vai cuberta por outra lousa de xisto de feitura máis ou menos cuadrangular, que vai apoiada sobre a pedra do frontal. A fonte sitúase ó pe dun talude no que medran os loureiros, unha especie arbustiva moi ligada ás fontes tradicionais.
A particularidade é que segundo a tradición popular, os homes tíñanlles que lavar os pes ás mulleres embarazadas para que o santo lles concedera un bo parto, posto que San Ramón Nonato é o santo patrón das embarazadas, matronas, partos e nenos. Comentan os veciños de Grobas que ata esta fonte, acudían moitas persoas tanto do Concello de Melide, coma do de Arzúa, para beneficiarse desta fonte milagreira. Por outra parte non se lle coñecen outro tipo de propiedades terapéuticas a estas augas.
Emprazamento da antiga igrexa de Grobas
Respecto ó topónimo da parroquia o filólogo e lingüista melidao Joaquín Vázquez Rodríguez en “Toponimia do Concello de Melide”, apunta que o nome faría alusión a “fondura, depresión, zona baixa dun terreo, quebrada, escavación da terra por unha enchente impetuosa” e tamén recolle outras consideracións de diversos autores que sitúan o topónimo sempre nunhas variables coincidentes (de depresión do terreo), así enumera variables como “xiba, corcova... cova, furna... fondal, depresión...”.
O certo é que nesa parroquia e nas lindeiras (Baltar e Golán) existen importantes e notorias depresións no terreo, que non son outra cousa que o resultado dun proceso artificial extractivo, probablemente de época romana, para a presumible obtención aurífera asociada ás cuncas do Iso e dos seus tributarios da marxe esquerda. Algunhas extraccións presentan forma de corta lineal, mentres que outras amosan un sistema máis complexo e con extraccións en planta de lúnulas. Sobre este sistema de minas habemos falar en futuras entradas.


Mapa do Lidar do emprazamento da antiga igrexa de Grobas e da Fonte de San Ramón.


Emprazamento da desaparecida igrexa parroquial de Grobas.


Emprazamento da desaparecida igrexa parroquial de Grobas.

Emprazamento da desaparecida igrexa parroquial de Grobas.


Emprazamento da desaparecida igrexa parroquial de Grobas.

Fonte de San Ramón de Grobas




Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira

  La magia de los belenes germina en Melide Por Ana María Pérez Vázquez                                              Desde hace tres año...