OS MENHIRES OU PEDRAFITAS NA PREHISTORIA RECENTE: SI;
NA IDADE DO FERRO E NA CULTURA CASTREXA: NON!.
Hoxe, con esta divertida imaxe que nos enviou un amigo do Museo, queremos evidenciar que os menhires se corresponden cunha das manifestacións culturais propias da Prehistoria Recente que abrangue o Neolítico, o Calcolítico e a Idade do Bronce (aínda que o fenómeno do megalitismo se asocia cos dous primeiros).
Aínda que nas aventuras de Astérix é acostumado ver a Obélix labrando menhires nunha canteira granítica, ou velo carrexando menhires nas súas costas, o certo (arqueolóxicamente falando) é que se trata dun divertido e ocorrente anacronismo, xa que no contexto da aldea gala (extrapolable cronoloxicamente falando á nosa cultura castrexa serodia) os seus habitantes perderan a memoria de erguer arquitecturas megalíticas para funcións funerarias, cultuais e simbólicas, ademais de ser
este (o mundo dos galos e dos castrexos) un período cultural diferente ó do Neolítico, e por tal motivo con manifestacións distintas (por exemplo, hoxe non construímos catedrais góticas).
Resulta moi curioso que hoxe en día, o fenómeno do Megalitismo aínda perdura dalgún xeito, asociado a outras constantes e parámetros socio-políticos. Así pois, se ben a esencia das antas (dólmenes) círculos líticos (cromlechs) xa non acostuma estar presente, si que a dos menhires (“pedras altas”) semella estar presente nas manifestacións alcumadas como de “neomegalitismo”.
Non son poucas as ocasións nas que se nos ten comentado como na entrada do Castro de Curbín (no veciño Concello de Arzúa) está presente un enorme exemplar de pedrafita (chegándose á errada conclusión de que se trata dun menhir auténtico, que non é, e que se asociaría co asentamento castrexo, que tampouco, xa que se trataría dun exemplo do anacronismo anteriormente citado). En realidade do que se trata é dun batolito ou “pelouro granítico” extraído da Serra do Bocelo, que foi transportado mecanicamente (en camión) ata o Castro de Curbín e fincado no terreo para ser soporte das consabidas placas institucionais e inaugurais, de inauguración de algo (neste caso das actuacións de acondicionamento da área recreativa existente no propio castro). O caso é que as placas xa desapareceron, supoñemos que por subtracción e, a partir de aí, a imaxinación e a confusión acrecéntase.
Pedrafita do Casal, Melide |
Respecto ó dito, vemos exemplos inmediatos de pedrafitas prehistóricas reutilizadas para diversos fins. Así pois a Pedrafita do Casal (Campos, Melide) foi reutilizada como adorno e como elemento de
amparo nunha curva, na pista que vai dende Campos a San Cosme. O Chanto da Ponte Nova de Arcediago foi recolocado como elemento ornamental, ó igual que os tres menhires de Andabao (Boimorto) que ademais de seren obxectos de adorno tamén fan, dous deles, de marcadores da propiedade.
Pedrafita do Casal, Melide |
O certo é que hai moitos exemplos que se teñen confudido con pedrafitas de adscrición prehistórica, como o exemplo do Castro de Curbín; outro nas inmediacións da Igrexa de San Pedro de Mezonzo (Vilasantar), que se trata dunha antiga xamba de porta; ou de dous exemplos de gran tamaño, existentes no termo municipal de Friol (nos que unha vez examinados con detalle se lles aprecia marcas extractivas e caras sen rolar e sen pátina do tempo, o que fala de extraccións de rocha de afloramentos graníticos en datas non demasiado lonxanas no tempo).
A verdade é que sobran exemplos de modelos de neomegalitismo, que gardan analoxías con pedrafitas prehistóricas, aínda sen selo, o que non lle resta relevancia á realidade, que non é outra que na xeografía galega cada vez hai identificados máis exemplos de pedrafitas asociadas ó fenómeno megalítico. Ata non hai moito a única que era considerada como tal era a “Lapa de
Gargantáns” (Moraña, Pontevedra) e como moito a de “Bretal” (Ribeira) e, hoxe, xa son moitas as que se poden considerar prehistóricas, ben sexa pola súa feitura fusiforme (varias delas con éntase a media altura); pola súa feitura fálica (con clara definición do glande); pola representación na súa superficie de motivos insculturados (coviñas, sucos, riscos...), ou pola asociación inmediata con enterramentos tumulares.
Lapa de Gargantáns, Moraña. |
Pedrafita I de Andabao, Boimorto
Pedrafita II de Andabao, Boimorto
Pedrafita I de Andabao, Boimorto
Chanto da Ponte Nova, Santiso
Pedrafita de Erboedo, A Laracha
Pedrafita de Erboedo, A Laracha
Pedrafita do Casal, Melide
Pedrafita do Casal, Melide
Pedrafita do Casal, Melide
Pedrafita do Casal, Melide
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e cristina Vázquez Neira