mércores, 23 de agosto de 2023

 O DRAGÓN DA PORTADA DA CAPELA DE SAN ROQUE

(DA DESAPARECIDA IGREXA PARROQUIAL

DE SAN PEDRO DE MELIDE).

Fotografía en branco e negro, realizada por Xosé Manuel Broz, na que se aprecia con moita nitidez a escena.


Decote nas visitas guiadas polo patrimonio da vila de Melide, que organizamos dende o Museo, acostumamos rematar o percorrido coas explicacións sobre o Cruceiro de Melide e a Capela de San Roque, facendo unha especial lembranza ó patrimonio eclesiástico desaparecido (concretamente á demolida igrexa parroquial de San Pedro datada no século XIII, e da tamén malfadada Capela de San Roque que datada do século XVIII).
Hoxe imos facer unha reseña dun dos elementos máis orixinais que se poden observar dentro do repertorio iconográfico e decorativo da portada. Deixando ó marxe a lenda urbana acuñada nos últimos tempos, e que moito mal fai, sobre que esta portada está representada no billete de 10€ (aspecto que non deixa de ser unha falacia e unha manifestación de ignorancia, xa que é sobradamente sabido que as distintas fraccións dos billetes de euro non reproducen arquitecturas reais e concretas, senón que son unha síntese da evolución arquitectónica propia do mundo europeo, polo que se trata unicamente de imaxes conceptuais, e nunca reais).
Pero nesta portada existen outros elementos altamente singulares como é o exemplo que hoxe nos ocupa: a tarasca ou coca da imposta da marxe esquerda. Sobre esta figuración fantástica xa nos leva falado Broz Rei en diversas publicacións. Así pois no Boletín nº 7 do CEM-MTM ano 1992 nos conta como “os cimacios son moi orixinais e decorativos: o da dereita leva un talo con follas, labrado con moito efecto luminoso; o da esquerda ten follas a xeito de palmetas e cabezas humanas nos vértices. Un basilisco decora o frente exterior”.
Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei
 da portada da desaparecida igrexa
 de San Pedro (hoxe portada de San Roque).
Pode distinguirse a silueta do animal fantástico
na imposta que sustenta a arquivolta exterior e da chambrana.
Mais no Boletín nº 19 do CEM-MTM ano 2006, Broz Rei nos fai unha descrición moito máis detallada, especificando que se trataría da representación dun dragón e non do basilisco aludido (sobre este animal fantástico xa habemos amosar outro exemplo que se reproduce nun dos capiteis de Santa María).
A descrición que nos brinda Broz Rei, ademais de ser máis precisa tamén procura a análise interpretativa da escena, así pois conclúe que: “Nunha imposta situada no lateral esquerdo, vemos unha figura dun dragón , co rabo volteado, agarrado por unha cabeza que semella ser un lobo ou raposo, cando sempre se representa un león, como noutros lugares. O dragón ataca unha figura humana, da que se ve a cabeza, un ombro e parte dun corpo mutilado, posto en postura horizontal.
A escena representa a un home en loita cun dragón, representante do mal e defendido por un animal, lobo, que se representa como defensor e símbolo do ben, como era considerado polos antigos.
Esta figuración de dragón vémola nas igrexas de Betanzos máis tardías que Melide, como exemplo máis próximo”.
Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei
con perspectiva en escorzo dos capiteis das pilastras,
capiteis, imposta e arquivoltas
da banda esquerda da portada.
No extremo pode verse a reprodución
do animal mitolóxico.
O autor estase a referir ó paralelismo deste animal mitolóxico cun representado na imposta do lado
dereito da portada principal da igrexa de Santa María do Azougue, que amosa un modelo moi semellante tanto no propio animal como na decoración vexetal que complementa dita imposta.
Certamente estamos asistindo a unha escena de carácter fantástico, á par de exemplarizante e moralizante, da que existen diferentes lecturas. Unha delas podería fundamentarse nunha alegoría (das que acostuman representar os canteiros medievais no seu repertorio), no que se fusionan elementos reais con outros mitolóxicos e fantásticos. Nesta escena vemos tres figuras que representan diferentes roles: o home, como elemento antropocéntrico e protagonista, pero ó que non se lle pode deixar caer en vicios, praceres nin eludir as regras establecidas de xustiza e de moral. Así pois a figura humana aparece acompañada de dous tipos de animais que reproducen dous roles diferentes (o lobo =mundo real e a tarasca= mundo mitolóxico, fantástico e ó mesmo tempo corrupto e alleo á doutrina, á fe, e ó dogma). Así pois, con esta alegoría o que se pretende en esencia sería un levar ó ser humano “polo rego”, para que se centre, non se desvíe do camiño da fe e da moral (adorando quimeras e falsos mitos, que nos conducirían á corrupción e depravación da alma e, en suma, ó pecado).
Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei da escena representada no fronte exterior da imposta.
En canto ó tipo de animal, que nun primeiro ollar se nos pode asemellar a un camaleón en realidade se trata dunha tarasca ou coca, ou dun dragón, que conta con corno, ala pregada sobre o corpo e cola revirada con dorso escamento ou cristado, que abre as súas fauces para engulir a un humano polos pes.
Compre sinalar que nas mitoloxías orientais a figura do dragón soe representar virtudes positivas, a diferenza dos mitos occidentais que o asocian con conceptos pexorativos, tratándose dun símbolo de paganismo asociado coa Bestia do libro do Apocalipse, un ser do mal que hai que elmininar mediante a fe ou as boas accións.
No imprescindible “Diccionario dos seres míticos galegos” (Edicións Xerais 1999) faise unha
Debuxo dunha coca extraído do “Diccionario dos seres míticos galegos”,
páx 84. Autor: Lázaro Enríquez.

descrición deste tipo de animal, a coca ou tarasca, como un “animal monstruoso con corpo de dragón e cola de serpe, que vive nas augas do mar ou dos ríos. Nácenlle no lombo dúas ás grandísimas, en todo semellantes ás dos morcegos. Ten catro patas armadas de fortes gadoupas, e na súa feroz faciana lumegan uns ollos terribles, sobre unha enorme boca con aguzada dentamia...”



Dende o Museo da Terra de Melide temos prevista a elaboración dun artigo para o Boletín nº36 do CEM-MTM, no que se vai ampliar este tema, e se van amosar as analoxías cos modelos betanceiros.



Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

  La magia de los belenes germina en Melide Por Ana María Pérez Vázquez                                              Desde hace tres año...