mércores, 27 de abril de 2022

 TÍMPANO DE SANSÓN CO LEÓN DA IGREXA DE MOLDES (MELIDE)

Tímpano da igrexa de San Martiño de Moldes

Temos unha sección neste Facebook e no blog dedicada ás igrexas románicas das comarcas lindeiras, pero por riba de todo centrámonos no estudo e difusión do Románico da nosa comarca, na que non se conservan tantos exemplos como na Ulloa por exemplo, pero os que temos responden a un compendio de elementos e detalles que o fan singular e especial.


Debuxo de X.M. Broz do tímpano da igrexa de Moldes.

Hoxe amosamos un destacado exemplo que podemos atopar no Concello de Melide. Atópase na igrexa parroquial de San Martiño de Moldes, onde nos encontramos cun dos mellores e máis sobresaíntes exemplos de Románico en toda a contorna en canto o seu repertorio decorativo. Trátase dun modesto templo rural moi modificado no tempo, xa que a súa cabeceira ou ábsida foi eliminada para edificar a casa reitoral anexada á igrexa, e no seu interior producíronse tamén unha serie de infrutuosas reformas que modificaron substancialmente o arco triunfal e se engadiu unha prolongación na nave central a modo de cruceiro ou transepto. Esta reforma foi efectuada con toda probabilidade despois do ano 1933, xa que no plano que se adxunta no “Terra de Melide” aparece debuxada a planta cunha soa nave rectangular e sen cruceiro. Pero o máis sobresaínte da igrexa atopámolo no seu exterior, onde conserva practicamente intacto, aínda que en mal estado de conservación, todo o seu repertorio decorativo propio da máis pura iconografía románica. Trátase dun auténtico bestiario en pedra onde zoomorfos e animais fantásticos e mitolóxicos adquiren todo o protagonismo.

Pero se algo destaca sobre maneira nesta igrexa son os tímpanos das dúas portas de acceso ó templo: a sur cunha representación de dous animais enfrontados, e, sobre todo e por riba de todo a portada occidental, onde podemos ver unha representación dun episodio bíblico moi coñecido do Antigo Testamento: a loita de Sansón co león. Compre indicar que se trata esta, dunha representación canto menos interesante en canto a súa singularidade e importancia artística e historiográfica, xa que en Galicia, na actualidade tan so se coñecen seis exemplos máis similares a este: Taboada dos Freires (Taboada), Santiago de Taboada (Silleda), San Miguel de Oleiros (Silleda), Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas), Santa Baia de Beiro (Ourense) e San Xoán de Palmou (Lalín).

O tímpano representa a un home imberbe ó lombo dun animal ó que está desqueixando, e que pode ser interpretado como un león. Trátase da representación da escena bíblica de Sansón, aínda que novas interpretacións destes sete tímpanos galegos coa mesma escena, os compara coa imaxe do Rei David que se pode ver na portada sur da Catedral de Ourense, ou mesmo con Santiago Apóstol a lombo do cabalo (Hipólito de Sá, 1978). Aínda que existe unha pequena falta de consenso entre os especialistas, o certo é que a datación da Seo ourensá lévanos a unha data posterior ó ano 1200, mentres que o tímpano de Moldes, inspirado posiblemente no de Taboada dos Freires (Taboada) ó único que está datado mediante a inscrición que conserva, lévanos a unha cronoloxía arredor do ano 1190, sendo obra do Mestre Pelaxio (Izquierdo Perrín). O tímpano de Palmou, actualmente no Museo de Pontevedra, logo dunha controvertida e rocambolesca historia de compra-venda ó longo do século XX que se prolongou ata o 2004 cando pasou a formar parte definitivamente dos fondos do Museo, é o de maior calidade estilística de todos polo que Ben-Cho-Shey (década de 1930), o propuxo como primeiro e iniciador da serie, datando este tímpano en base a outros elementos da igrexa de Palmou anteriores ó ano 1170 (Bango Torviso, 1987).

Debuxo do tímpano da igrexa de Santa María de Taboada dos Freires (Taboada), onde podemos ver a inscrición co nome do autor e a dta da execución. Elaborado por Ben-Cho-Shey, 1936. Publicado no Anuario Brigantino, páx 327, ano 2003.

Cabe destacar tamén que os sete tímpanos conservados con esta representación aparecen enmarcados cun arco lobulado, o que nos leva de novo ó mestre Pelaxio como autor ou inspirador (polo menos de Taboada dos Freires, onde deixou a súa sinatura), e que o sitúan como un “discípulo pouco aventaxado das Praterías na Catedral de Santiago” (segundo Ben-Cho-Shey, 1936) xa que recorda os modelos das ventas en arcos lobulados do piso superior da fachada sur da catedral.

En canto ó tímpano de Moldes compre indicar que dos sete conservados, curiosamente é o único que mira á esquerda, facendo diso un elemento diferenciador con respecto os outros seis que miran todos para a dereita.

Moldes (Melide)

Palmou (Lalín)

Oleiros (Silleda)

Taboada dos Freires (Taboada)

Taboada (Silleda)

San Clodio (San Cibrao das Viñas)

Beiro (Ourense)



Podemos ver no noso exemplo unha factura tosca, onde con todo se identifica bastante ben a figura dun león, xa que as súas patas semellan as dun felino, a diferencia doutros exemplos nos que o animal presenta estilo máis propio dun équido (Pazos de San Clodio ou Taboada dos Freires), isto xeralmente é debido posiblemente á mera copia de elementos sen que se interpretara ben o significado do que se está a representar, ou porque se esculpe un animal por simples descricións non visuais.

Outro elemento que fai singular ó tímpano de Moldes é a representación de difícil identificación que lle sae da boca ó león, que por outro lado non se aprecia en ningunha das outras seis imaxes. Foi identificada tradicionalmente como flores, a lingua do animal ou como un trevo, e segundo Carrillo Lista e Sastre Álvarez podería referirse ó episodio bíblico que narra esta escena e na que Sansón se aproxima ó león morto e ve dentro del un panal con abellas (Xuíces, 14, 8-9).

Compre indicar que a igrexa de Moldes garda outras sorpresas interpretativas interesantes, xa que nas paredes orixinais conservadas (oeste, norte e sur), podemos ver sillares reaproveitados nas sucesivas reformas e que formaban parte da fábrica orixinal, onde aparecen gravadas rosetas, formas estrelladas e círculos concéntricos que nos falan dun repertorio estilístico e interpretativo, xunto con todo o bestiario de capiteis e canzorros, que hoxe en día non somos quen de comprender.


Detalle de círculo concéntrico e roseta na fachada occidental da igrexa de Moldes

Trátase polo tanto, este templo de Moldes, dun dos mellores exemplos de Románico que temos no noso concello, no que sempre nos fixamos no que queda en torno ó Camiño: Leboreiro, Melide, Santa María e Vitiriz, polo que non deberíamos esquecer que este de Moldes, baixo a advocación do santo de Tours (o que xa nos está a indicar a antigüidade da súa fábrica), dista tan so 2 km do centro da vila, e foi edificado no estilo imperante que chegou a nós a través da vía franca cun repertorio estilístico, decorativo e ilustrativo para que fose visitado posiblemente por moitos dos peregrinos que por aquí pasaron.

Amosamos a continuación os outros seis exemplos de tímpanos coa mesma figuración, conservados en Galicia na actualidade e que pertencen a igrexas datadas no século XII ou anteriores. Compre indicar que todos estes exemplos atópanse nunha área xeográfica lindante co Camiño de Santiago (Francés e Vía da Prata), pero non podemos afirmar que se trate de obras do mesmo autor, xa que se aprecian diferencias entre elas en canto o tratamento das figuras, sobre todo á hora de representar ó animal, aínda que as seis representacións se cinguen a un mesmo modelo, enmarcado nun arco lobulado e coa representación dun home imberbe a lombo dun animal ó que ase polas fauces.



San Xoán de Palmou (Lalín): Este tímpano forma parte actualmente dos fondos do Museo Provincial de Pontevedra. Xa na década de 1930 estaba formando parte do balcón dunha casa particular, da que desapareceu por medio dunha venta ilegal que se resolveu no 2004, cando o Museo pontevedrés se puido facer coa peza definitivamente. Pode datarse, seguindo os modelos decorativos e interpretativos doutras pezas do templo, en torno a 1170, sendo polo tanto o iniciador deste tipo de representacións, as sete coas que contamos, que por outra banda cínguense a unha zona moi centrada no mapa, pertencendo cinco delas á Diocese de Lugo e dúas á de Ourense. Aínda que de estilo tosco, trátase da peza máis elaborada e mellor tratada de todas pois tanto a figura humana como a do león presentan unha grande expresividade tanto nos xestos como na execución. Compre indicar como curiosidade, que as metopas situadas no aleiro do tellado entre os canzorros, presentan motivos de rosetas, mesmos motivos que atopamos en Moldes nos sillares reaproveitados nas fachadas oeste e sur.



Santa María de Taboada dos Freires (Taboada): Trátase da única representación que conserva tanto a sinatura do autor como a data da súa execución, o que nos pode indicar a autoría doutros exemplos como o de Moldes, xa que tamén se asemella moito en canto a súa execución e modelo. Atópase in situ e neste caso o arco que enmarca a escena é pentalobulado, insertándose en cada un dos arquiños unha parte da composición: nun a cola, noutro a cabeza do león, etc. A súa factura non é tan sobresaínte como o de Palmou, pero atópase nun bo estado de conservación. Neste tímpano podemos ver a inscrición coa data e o nome do mestre escultor. Segundo Fernández-Oxea e Yzquierdo Perrín, neste epígrafe podemos ler que o Mestre Pelaxio foi quen executou esta obra e deixa constancia da data da mesma (Era de 1228, o que significa o ano 1190 tras a convesión do calendario).


San Miguel de Oleiros (Silleda): Neste caso o estado de conservación é malo. O tímpano sufriu mutilacións para adaptalo ó espazo que ocupa debido ás reformas efectuadas no templo, o que provocou que se lle recortara o arco lobulado que o enmarcaba. Presenta ó igual que os demais unha figura a lombo dun animal que neste caso semella un león polas súas patas flexionadas como un felino.




Santiago de Taboada (Silleda): Esta igrexa se atopa no Camiño de Santiago, concretamente na Vía da Prata. A representación que podemos ver no seu tímpano responde a modelos similares ós outros exemplos conservados: arco pentalobulado, home sobre animal... Atópase nun bo estado de conservación, aínda que a súa factura e bastante tosca e sinxela. A representación dista un pouco da de Moldes no canto en que neste caso o animal parece ter unha cabeza máis similar a un cabalo, aínda que o xinete o está suxeitando pola queixada a imitación da escena que se representa nos outros tímpanos. Presenta moitas similitudes formais co de Pazos de San Clodio podendo ser obra do mesmo autor ou copia un do outro.


Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas): Presenta semellanzas evidentes co de Santiago de Taboada en canto a súa representación iconográfica. Respostan ambos a modelos bastante sinxelos que representan a escena dun xeito bastante esquemático. Compre indicar que este tímpano foi colocado coa parte labrada para dentro despois dunha reforma efectuada na igrexa. Hoxe en día volve lucir cara ó exterior.




Santa Baia de Beiro (Ourense): Na actualidade a igrexa presenta un tímpano liso, pois o que tiña desapareceu, pero tanto Fernández Oxea, Duro Peña como Sastre Vázquez, consideran que o tímpano que se conserva no patio dunha casa particular na próxima aldea de Turei, correspóndese con este desaparecido. Trátase da mesma representación que podemos ver nos outros seis, pero con sutís  diferenzas, o que nos indica claramente que non todo os foron elaborados pola mesma man, nin o mesmo taller. Neste caso o animal si semella un león. Toda a representación, igualmente sinxela está enmarcada por numerosos arquiños.


BIBLIOGRAFÍA:

-          Broz Rei, Xosé Manuel: “O Románico na Terra de Melide no Camiño de Santiago”. Publicado no Boletín nº 7 do CEM-MTM, ano 1992.

-          Sastre Vázquez, Carlos: “Os sete tímpanos galegos coa loita de Sansón e o león”. Publicado no Anuario Brigantino nº 26. Excmo. Concello de Betanzos, ano 2003.

-          Romanicodigital.com  Fundación Santa María la Real. Románico digital. Páxina web do Románico na Península.


                                                                               Texto elaborado por Cristina Vázquez Neira

                                                                               Colabora Xurxo Broz Rodríguez