martes, 19 de abril de 2022

 

PASOS PROCESIONAIS DA SEMANA SANTA DE MELIDE.




Melide, ó igual que moitas vilas e cidades celebra a Semana Santa con procesións e pasos durante varias xornadas. Na nosa vila hoxe en día esta tradición goza dunha formidable saúde, grazas sobre todo, ó empeño e dedicación das Confrarías da Soidade e a do Xesús Cautivo e do Perdón.

Para falar delas imos botar man das informacións obtidas das publicacións de Xosé Manuel Broz Rei, Director do Museo da Terra de Melide.

En Melide saen en procesión tres pasos de excelente calidade, datados todos eles no século XVIII. Trátase de tres imaxes, das chamadas "de vestir" e articuladas, atribuídas ó círculo dos imaxineiros composteláns Gambino e Ferreiro, nun século que destacou pola bonanza económica do Convento de Sancti Spiritus dado que se emprenderon reformas como as da nave e a da torre das campás da igrexa de dito convento, así como a sillería do coro (hoxe desaparecido descoñecendo cal foi o seu paradeiro), e o órgano do que aínda podemos ver a caixa. Grandes reformas na fábrica da igrexa que tamén incluíron os retablos das capelas laterais do transepto e as correspondentes imaxes procesionais.


As tres imaxes, como xa se indicou correspóndense coas chamadas de vestir e articuladas o que permite o cambio de postura, podendo ser utilizadas en diferentes pasos. Ese é o caso do NAZARENO, que na actualidade tamén procesiona como Bo Xesús Cautivo. No primeiro caso, como Nazareno, leva unha túnica granate e porta a cruz no seu camiño cara ó Calvario, representando esta escena na Procesión do Perdón. Pero dende o ano 2019 introducíuse a escenificación desta mesma imaxe como Bo Xesús Cautivo, ataviado cunha túnica branca e coas mans atadas, levando ademais a coroa coas potencias intelectivas: memoria, entendemento e vontade. Podemos ver polo tanto, como a mesma imaxe serve para representar dúas escenas e pasos distintos, adaptándoa a cada un dos misterios representados.

O mesmo acontece coa imaxe do CRISTO XACENTE, tamén da mesma época, e tamén articulada. Hoxe en día sae na Procesión do Santo Enterro, pero esta imaxe presenta a particularidade de poder ser colocada nunha cruz para representar unha crucifixión, xa que os seus brazos son articulados. De feito nas procesións celebradas na nosa vila a mediados do século XX representábase o Desencravo utilizando esta imaxe.

 

Imaxe do Nazareno no retablo do mesmo nome na Igrexa de Sancti Spiritus de Melide.

 

Imaxe do Cristo Xacente no retablo da Virxe das  Dores na capela lateral do mesmo nome na igrexa de Sancti Spiritus

 

O mesmo acontece coa imaxe do Xesús Xacente, tamén da mesma época, e tamén articulada. Hoxe en día sae na Procesión do Santo Enterro, pero esta imaxe presenta a particularidade de poder ser colocada nunha cruz para representar unha crucifixión, xa que os seus brazos son articulados. De feito nas procesións celebradas na nosa vila a mediados do século XX representábase o Desencravo utilizando esta imaxe.

 

Anos 50. Se representou o paso do Desencravo na Moa. Acto relixioso da Semana Santa oficiado por D. Antonio Ponte e D. Luís de Furelos.  Utilizouse a imaxe do Cristo Xacente, de brazos articulados preparados para poder realizar este tipo de representacións.


A imaxe da Virxe da Soidade, advocación mariana variante da Nosa Señora das Dores, ó igual que as dúas anteriores tamén é do século XVIII e que responde ós canons do taller de Gambino e Ferreiro.


Imaxe da virxe da Soidade que podemos ver na Capela do Santo Cristo da igrexa de Sancti Spiritus

Destacan as tres imaxes polo seu realismo, dramatismo e expresividade. Presentan ollos de vidro, como todas as imaxes deste tipo e o cabelo soe ser humano, ofrecido por algún devoto para confeccionar a perruca. De feito, no caso do Cristo xacente en ocasións a barba tamén estaba feita con cabelo da cabeza o que lle confería un aspecto esaxerado xa que resultaba moi abundante impedindo verlle a cara.

A continuación imos reproducir as descricións que Broz Rei fai destas tres imaxes no seu libro “A Vila de Melide”, publicado en 2016:

O Cristo Xacente: “situado na furna debaixo do retablo da Dolorosa. Obra do século XVIII. Imaxe articulada para a procesión da Semana Santa, e poder representar ó Cristo Crucificado, acto que se facía moitos anos, representando a escena na Praza da Moa.

Ten boa policromía, e sangue realizada con resalte na boca e na chaga do peito. O seu estilo ten semellanzas coa cara do San Francisco, polo que se pode atribuír como obra do taller compostelán, do entorno do escultor Ferreiro, a mesma influenza que ten neste retablo a imaxe da Dolorosa.”

Detalle do Cristo Xacente


 

Virxe da Soidade: “imaxe de vestir, procesional, cunha cara de estilo compostelán. No ano 1731 leg.954 [...] cuya imagen se venera y está colocada en su dha y nueva capilla inclusa en el Convento de Santispiritus desta villa”.

 

Detalle da Virxe da Soidade

 

O Nazareno: “Melide débelle ós franciscanos as fermosas imaxes procesionais que posúe.  Esta imaxe do Nazareno relaciónase co taller de Gambino-Ferreiro. Amosa as mesmas características deste taller. Talla de excelente escultura, con exquisita pintura, que é a orixinal, con moi bo estado de conservación. Ten semellanzas co que hai na Capela da Orde Terceira de Ferrol, obra considerada da autoría de Tomás Gambino e con outras máis. [...] a policromía da cara é igual ó colorido doutras cabezas do mesmo estilo, o de Pontedeume, nas que as cores moradas e tons das carnacións parecen saídos do pincel do mesmo autor.”

 

Detalle do Nazareno



Trátase pois excelentes imaxes procesionais de gran valor artístico.

Na actualidade, na Semana Santa de Melide, saen tres pasos: o Xoves Santo procesiona o Bo Xesús Cautivo utilizando a imaxe do Nazareno tal e como se describe ó inicio: con túnica branca, mans atadas e coa coroa das potencias.

E o Venres Santo trátase dunha xornada intensa, xa que teñen lugar tres procesións: á mañá a Procesión do Perdón na que se utiliza a imaxe do Nazareno portando a cruz e ataviado de túnica granate, vemos así como esta imaxe articúlase segundo a necesidade de representar un ou outro misterio. Trátase este paso da 2ª estación do Vía Crucis tradicional que foi mudado polo pontífice Juan Pablo II no ano 1991 no que se inclúen pasaxes extraídos únicamente do Novo Testamento, xa que no anterior se representaban escenas saídas da tradición cristiá, moitas delas recollidas nos evanxeos apócrifos. Deste xeito este paso convértese no 7º do novo Vía Crucis. Nesta procesión prodúcese tamén o Santo Encontro na Praza do Convento na que se pode ver esta imaxe así como a da Virxe da Soidade.

Xa a media tarde sae a procesión do Santo Enterro na que se porta a imaxe de Xesús Xacente na furna. E a última hora da tarde podemos asistir á procesión da Virxe da Soidade.

Compre dicir que na década de 1980 celebrouse unha procesión vivinte na que un veciño de Melide, mediante unha promesa, procesionou como Cristo crucificado. Foi a única representación real efectuada en Melide, e que de seguro moitos veciños aínda recordan.

Tamén compre sinalar que na parroquia de Santa María de Os Ánxeles celébrase a Pascua o luns despois do domingo de Resurrección. Trátase dunha celebración con moita sona e devoción tanto dos veciños da parroquia como dos da vila de Melide. Nela sacábase en procesión á Virxe dos Ánxeles. Podemos ler no Boletín nº 8 do CEM-MTM. páx 106: “Festa da Pascua: no ano 1604 o papa Clemente VIII concedeu indulxencias Plenarias (xubileo) ós romeiros que viñan o luns de Pascua; no ano 1861 o papa Pío IX prorrogou esta indulxencia”. O que nos indica a importancia e devoción desta festividade.

Ano 1957. Procesión da Virxe dos Ánxeles o luns de Pascua.


Bibliografía:

- Broz Rei, Xosé Manuel:  "As igrexas de Melide". Boletín nº8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A vila de Melide", ano 2016.


Texto elabroado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira


  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...