domingo, 16 de agosto de 2020

Melide e a devoción a San Roque 

Foto do ano 1923. Xigantes desfilando no día de San Roque pola Ronda da Coruña. Nesta fermosa estampa pode verse como se transportaban en carros as tubaxes para a construción da central eléctrica de Portodís (Barazón, Santiso). Ademais esta é a foto máis antiga na que pode verse un axente da vella garda municipal de Melide.
 

Dende fai xa moito tempo, celébrase na nosa vila, e en moitas espalladas por todo o país, as festas na honra deste santo francés. A veneración que se lle ten por toda Europa, está motivada fundamentalmente polo seu patronazgo, xa que se lle invocaba ante calquera das numerosas epidemias, sobre todo peste, que asolaron Europa ó longo das Idades Medie e Moderna. Tal é así que cando unha vila, cidade ou comarca se vía afectada por pragas e enfermidades, sempre se pregaba a este santo a curación e exterminio de dito mal, polo que na maioría das ocasións cando a enfermidade pasaba ou deixaba de ter virulencia, ou incluso non chegaba a afectar a poboación adoitábanse celebrar romarías e festas na honra de San Roque, ata o punto que numerosas cidades o adoptaron como santo patrón (tal é o caso de Santiago de Compostela que o nomeou como tal no ano 1518 despois de librar á cidade dunha praga de peste).


Ó mesmo tempo tamén é patrón e custodio dos peregrinos e romeiros, xa que, enfermo de peste decidiu peregrinar a Roma para librarse da enfermidade, e ante a súa curación dedicou o resto da súa vida a percorrer camiños curando e atendendo ós afectados por esta enfermidade. Por este mesmo motivo a súa advocación de santo romeiro tamén influíu en que moitas vilas que se atopan nas rutas de peregrinación (a Roma, Santiago ou outros santuarios), o adoptaran como patrón, teñan unha igrexa ou capela dedicada a el, ou festexen a súa onomástica o 16 de agosto.
A relación de Melide con San Roque ven de antigo. Hai constancia da celebración desta festa polo menos dende o ano 1722, data na que se reedificou a vella capela de San Roque cunha procesión, música, baile e fogos.
Tamén está documentada a presencia de xigantes e cabezudos dende comezos do século XIX, e deles temos un documento gráfico datado no ano 1923.
Trátase por tanto dunha antiga celebración na vila, e dunha festa cunha fonda raigame no tempo.
A este santo peregrino (a Roma), nado en Montpellier, nunha data incerta entre finais do século XIII e inicios do XIV, e soterrado en Venecia, invocábase para que mediante a súa intercesión se mitigara a peste e demais epidemias. Para tal fin compúxose un gozo en cuxas estrofas se imploraba a San Roque nos seguintes termos:

"Líbranos de peste y males,
Roque santo peregrino".

Sabemos que a capela dedicada ó santo, e que dende as súas orixes ata o ano 1949 estivo situada no Campo de San Roque (actual beirarrúa urbanizada do Cantón de San Roque), data do século XVIII. Tratábase dun templo modesto en estilo Barroco Rural, e veu a substituír a unha anterior (Románica) dedicada a San Sebastián.
A actual capela de San Roque conserva restos da fábrica da vella e no interior podemos ver o retablo en estilo Neoclásico que tamén foi trasladado. A portada que loce na súa fachada, en estilo Románico de transición pertencía a vella parroquial de San Pedro, demolida no mesmo ano que a anterior de San Roque.
Tamén temos constancia dunha tradición que se levaba a cabo na vila o día de San Roque antes do ano 1832, xa que nesa data é cando se prohíbe unha costume arraigada en moitas vilas medievais, como Ribadavia, e que levaba por nome “Festa da Historia”, nela o día 16 de agosto, logo da misa solemne na honra de San Roque, os veciños do pobo ataviados con roupas ó modo dos personaxes do Antigo e Novo Testamento, escenificaban escenas bíblicas a modo de entroidada. Acto reprobado polo bispo polo que se prohibiu a súa celebración.
Imos reproducir a continuación un artigo elaborado por don Antonio G. Mourelle, benlembrado e benquerido cura párroco de Melide durante máis de corenta anos e que foi publicado no libro de festas de San Roque de ano 1979. Nel introdúcenos nas orixes da celebración de ditas festas, e que mellor narrador para contárnolo:
“...Na primeira metade do século XVIII o gando foi pasto dunha gran peste e gripe que afectou dun xeito especial a Galicia. Os nosos labregos chamáronse á protección de San Roque, avogoso contra peste e males, que no seu peregrinar curaba as enfermidades do corpo e da ialma. En moitas parroquias adicáronlle unha capela ou altar na igrexa parroquial. Poucas igrexas hai nas que non se venera unha imaxe de San Roque e máis en zonas gandeiras, explicación de que a maior parte das imaxes de San Roque daten da primeira metade do século XVIII. Melide mercado de primeira en gando, etapa importante das peregrinacións, na súa fe tamén fai parar ó San Roque peregrino e prégalle que coute a peste nesta bisbarra e adícalle unha capela nos terreos que se chamarían e chaman de San Roque. Os cregos de Melide os días de mercado e San Roque iban bendicir ó gando xunto á capela, bendición que escomenzaba cunhas rogativas na igrexa parroquial. O día de San Roque pola afluencia do moito gando que traguían a bendicir, escomenzaron a facerse compras e ventas do mesmo, terminado en romaría a modo de santuario. Capela e festas fixéronse coas limosnas de todos os que concorrían co gando. Así escomenzaron as raíces detas festas, pola fe do pobo máis sencillo de toda a comarca. Este renombre, pois, das festas de San Roque non arrinca de cero...
O correr dos tempos con parte da capela de San Roque e parroquial de San Pedro, edifícase a actual igrexa de San RToque, ó entrar n avila, mesmo no descanso da rubida do camiño de Furelos. Dúas raíces transplantadas, que forman un soio tronco do século XX. San Pedro dalle a porta do século XIII, San Roque imaxes e retablos do século XVIII, crisis de identidade que sufreu o arte, costumes e festas...”

Foto dos anos 20. Procesión de San Roque na Praza do Convento, vese precesionando a San Pedro e o Anxo da Garda que sostén a imaxe do Perpetuo Socorro.
Fermosa estampa da praza coas árbores.


Foto do ano 1923. Banda de Música na Praza do Convento, agardando pola procesión.


Foto dos anos 30. Procesión pola antiga Alameda de Melide.

Foto sacada o día 16 de agosto de 1936, día de San Roque. Vese a procesión pola Ronda da coruña cara ó Cruceiro. Día de festa pero día triste, pois acababa de comezar a fatídica Guerra Civil.

Foto dos anos 40. Procesión de volta do San Roque. Trátase do día 17, cando se conduce a San Roque de novo á parroquial. Procesión con pouca xente, xa que só se ven ós curas, á corporación municipal, á comisión de festas e á Banda de Música, seguidos dun pequeno grupo de mozas e flanqueados por varios veciños que ven pasar á procesión dende a beirarrúa.


Foto dos anos 50. Procesión de San Roque pola Rúa Camiño de Ovedo, vemos o santo patrono da vila, San Pedro, acompañado pola Virxe do Carme e o Sagrado Corazón de Xesús, que tamén saían na procesión. A imaxe de San Roque con seguridade iría de primeira na procesión.
 
Foto dos anos 70. A agrupación folclórica Froito Novo, acompañando ós xigantes e cabezudos na procesión de San Roque. Pódese ver ó fondo da imaxe, como ven o santo portado por rapazas da agrupación.

Foto do ano 1980. Vese a procesión de San Roque pola Rúa de Ovedo. Nesta foto pódese ver que o Santo é levado en andas por varias nenas integrantes da agrupación Froito Novo.

Foto do ano 1988. Gran desfile no día de San Roque polo Cantón.

Foto dos anos 80. Xigantes e cabezudos desfilando o día de San Roque, e tras deles os gaiteiros de Froito novo e os Garceiras abrindo o paso á procesión co Santo.
 
Foto dos anos 70. A agrupación folclórica Froito Novo, acompañando ós xigantes e cabezudos na procesión de San Roque. Pódese ver ó fondo da imaxe, como ven o santo portado por rapazas da agrupación.

Imaxe de San Roque na igrexa do Convento de Sancti Spiritus de Melide


 Artigo elaborado por Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...