PEDRAFITAS OU MENHIRES EN MELIDE E CONTORNA
Pedrafita do Casal, Campos, Melide. |
Fai poucos días estivemos a falar de petróglifos prehistóricos e tamén de
petróglifos de termo de época medieval ou moderna. Mais hoxe queremos falar
doutros elementos arqueolóxicos moi singulares: os coñecidos como pedrafitas,
pedras fitas ou tamén parafitas, e para entendernos como menhires.
Ata fai pouco tempo na literatura arqueolóxica so se identificaba a Lapa de
Gargantáns (Moraña, Pontevedra) como unha pedrafita realizada en tempos
prehistóricos, pero nos últimos anos foron varias máis as que se consideraron
que efectivamente tamén o eran e foron declaradas BIC pola Xunta de Galicia.
Pero o tema non queda así, posto que agora coñécense moitísimas máis,
espalladas ó longo da xeografía galega, sen poder precisarse facilmente se se
tratan de pedras fitas encadrables a estadios da Prehistoria Recente, ou se se
tratan de marcos delimitadores de época medieval, ou mesmo moderna.
No concello de Melide, e tamén no veciño concello de Boimorto, temos a
sorte de contar con magníficos exemplos deste tipo de elementos, pero tamén se
teñen descuberto outros nos concellos de Friol (Lugo), e no de Guntín (tamén na
provincia de Lugo) como a coñecida Pedrafita do Alto da Goia (que ten
declaración BIC). E tamén se teñen identificado algunhas nas Terras do Deza, na
provincia de Pontevedra.
Vemos por tanto que o tema das pedrafitas se converteu en actualidade nos
círculos arqueolóxicos, pero que con todo non se determinaron informacións
categóricas e unánimes que servisen para discernir entre pedrafitas
prehistóricas e marcos medievais, máis aló de que presenten gravuras asociadas
a uns momentos ou a outros: coviñas, cazoletas, sucos con serpentiformes,
meandros, zigzag, ... (para as prehistóricas), ou cruces, iniciais, ou inscricións
en abreviatura, ... (para os marcos de termo).
En Melide é coñecida a Pedrafita do Casal, situada na Parroquia de Santa
María de Campos. Foi descuberta casualmente pola familia de Sara Seijas
Fuciños, cando realizaron o ensanchamento dunha pista e desmontaron un valado
de pedra, posto que a pedrafita atopábase deitada e servindo de base do mesmo.
Esta enorme pedrafita foi recolocada con moita dificultade na marxe da pista
asfaltada que leva dende a Igrexa de Campos ata a aldea do Real, e dese xeito
pode ser visualizada doadamente. Debemos por tanto agradecer ós propietarios da
finca esta acción, posto que é un xeito de posta en valor da mesma.
Pedrafita do Casal, Campos, Melide. |
A pedrafita do Casal está realizada en ollo de sapo (Gneis ocelar), e
presenta unhas dimensións moi notables, cunha altura que debe andar ó redor
duns 5 metros, aínda que “ tan so” son visibles 3,30 metros da mesma, e cunha
anchura máxima visible de 1,73 metros, e un grosor indeterminado, ó atoparse
encastrada nun noiro da pista asfaltada. Na súa parte á vista non se aprecian
gravuras ou insculturas, pero tampouco é raro que non existan ó estar realizada
nunha rocha tan extremadamente dura e moi mala de labrar.
Mais tamén no concello veciño de Boimorto, concretamente no lugar de
Fontiñas, na parroquia de San Martiño de Andabao podemos contemplar outros tres
magníficos exemplos de pedrafitas, de presumible adscrición prehistórica. Ditas
pedrafitas foron descubertas fai máis de 25 anos, soterradas en parcelas e
leiras que se unificaron e acondicionaron debido á concentración parcelaria. A
familia de Luis Seoane, propietaria das terras, reparou tamén na singularidade
delas e quíxoas poñer en valor colocándoas en lugares moi visibles, nas beiras
das pistas, coa finalidade principalmente estética de “facer bonito”.
A primeira delas colocárona na encrucillada entre a estrada DP-1003 e a
pista que leva ás aldeas de Paravico, Casas, Hospital, Ponte e Pedreira.
Trátase dunha pedrafita labrada en granito, e moi singular polo seu deseño
e moi elaborado. Presenta feitura fusiforme e perfil arqueado con engrosamento
a media altura. As caras presentan tendencia redondeada, a excepción da parte
nordeste (a que mira ás terras de cultivo), onde tende ó aplanamento. A sección
é amendoada. Mide 1,77 metros (visibles), non coñecéndose canto máis está
fincada no terreo, e conta cun perímetro de 2,63 metros (medidos a media
altura).
Esta pedrafita chama moito a atención debido á súa perfección formal, tanto
é así que se descarta que poida tratarse dun marco antigo, e tamén se descarta
unha formación debida a axentes naturais.
Pedrafita I de Andabao (As Fontiñas, San Martiño de Andabao, Boimorto). |
A segunda pedrafita tamén é moi contundente, no que a á súa morfoloxía
“amenhirada “ se refire, de feito
lémbranos moito ó Menhir do Padrâo en
Vila do Bispo, no distrito de Faro, no Algarve portugués. A pedrafita atópase
na marxe da estrada DP -1003, a escasos metros da pista que leva á igrexa
parroquial de Andabao.
Destaca ó igual que a anterior polo seu esmerado deseño, presentando
feitura esbelta, fusiforme e remate picudo. Ó igual que a anterior as caras
presentan tendencia redondeada, e as modificacións nas mesmas responden a
pérdidas parciais de material, tanto na base do estremo sueste como na cara
norte. Presenta unha sección ovalada. Midde 2,28 metros (visibles),
descoñecéndose canto máis hai fincado no terreo. O perímetro medido na parte
central é duns 3 metros.
Pedrafita II de Andabao (As Fontiñas, San Martiño de Andabao, Boimorto). |
A maiores existe unha terceira pedrafita fincada, algo máis dubidosa que as
anteriores, pero de meirandes proporcións. Está situada dentro dunha finca na
marxe dereita da pista que leva á igrexa de Andabao, e colocada ó carón dunha
poza artificial para regadío.
Correspóndese cunha pedrafita, ou
cun batolito granítico modificado, que conta cun deseño moito máis tosco
cas anteriores. Presenta sección ovalada,
caras redondeadas e engrosamento progresivo dende o cumio ata a base. Na
súa superficie distínguese diversas diaclases naturais, pero tamén algunhas
marcas na parte superior, en sentido máis ou menos concéntrico, que poden
corresponderse con pegadas do labrado/modificado do batolito natural.
Pedrafita III de Andabao (As Fontiñas, San Martiño de Andabao, Boimorto). |
Parece ser que ademais destas tres pedras, cando se fixeron os traballos da
parcelaria, apareceron máis desta mesma natureza, e que tamén se identificaron
outras pedras de forma máis ovoide, e non tan ben definidas, pero bastante
estilizadas que poderían ter estado chantadas formando parte dun monumento
complexo, a modo de círculo lítico ou crómlech, ou doutro tipo de estrutura
conformada pola combinación intencional de pedrafitas.
A cuestión é que este complexo de Andabao debe ser analizado con cautela,
debido á perda do contexto arqueolóxico orixinal, pero ó mesmo tempo resulta
canto menos chamativo que aparecesen varias pedrafitas nun espazo próximo e
concreto, que fai que se considere a existencia dun monumento desaparecido.
Tamén no ano 2012 produciuse outro achado casual dunha pedra “curiosa” no
concello de Santiso, no lugar de A Ponte Nova, na parroquia de San Xoán de
Arcediago, nunha finca situada ó carón da estrada AC-840. Esta pedra apareceu
cando se realizaron uns traballos mecánicos de acondicionamento dun acceso máis
adecuado para a propiedade, na que se recolocou erguida, posto que hai que
indicar que se atopou deitada e cuberta por terra e pedras máis pequenas. Esta
pedra presenta unha forma moito máis ancha e menos esbelta que os exemplos
anteriores, pero a súa feitura e marcas de labrado conducen a cavilar nunha
elaboración intencionada e, canto menos, antiga.
Máis que a unha pedrafita lembra ó chanto ou ortostato dunha anta. Está
realizada en ollo de sapo (gneis ocelar), ó igual que a pedrafita do Casal.
Presenta forma amendoada con vértice apuntado e perfís curvilíneos. A cara
frontal presenta tendencia aplanada mentres que a traseira é máis irregular,
tamén conta cunha superficie plana e outra cortada en bisel (semellando unha
fractura recente).
Pedra da Ponte Nova (San Xoán de Arcediago, Santiso). |
Na cara frontal ou sur aprécianse unhas marcas de labrado en disposición concéntrica
o que indica elaboración antrópica intencionada. A altura visible é de 1,97
metros, pero segundo a información do propietario da finca, Celso Hermida que
foi quen a recolocou, está soterrada aproximadamente uns 50 cm., o que suporía
unha altura duns 2,50 metros. O ancho máximo que se puido medir é de 1,75
metros, e o grosor a media altura é de 70 cm., pero será maior canto máis se
aproxime á base.
Esta pedra pode tratarse dun chanto dunha anta, como xa se sinalou
anteriormente, dunha pedrafita ou de calquera outra produción antiga, posto que
presenta pegadas de realización mediante técnicas de labrado, descartándose
pois que sexa de formación natural, ou si o foi, presentaría evidencias de
manipulación e adecuación.
Estes son algúns exemplos do fenómeno de megálitos concibidos como
pedrafitas ou menhires identificados en Melide e na súa contorna.
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.