O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS
POLA TERRA DE MELIDE
Este ano se cumpre o centenario da fundación do SEG, un acontecemento
cargado de enorme peso cultural ó tratarse da celebración dunha efeméride que
nos achega aos estudos das nosas raíces culturais, mais tamén está cargado de
enorme emotividade por recordar a esas persoas que fixeron das gañas de
descubrir e difundir a idisosincrasia cultural e xeográfica do país, un exemplo
a seguir.
Con tal motivo o Consello da Cultura Galega, xunto co Museo da Terra de
Melide e coa colaboración da Asociación Herba Grileira organizaron o 10 de xuño,
un Roteiro para coñecer o paso do SEG aló polo ano 1929, cando se achegaron ata
aquí chamados por Antonio Taboada Roca (membro do Seminario dende 1926) para
estudar e comprender a esta bisbarra da Terra de Melide e posteriormente
publicar a xa mítica obra "Terra de Melide" (da que falaremos máis
abaixo).
A viaxe dos eruditos polas Terras de Melide realizouse en tres quendas no
verá nde 1929 do seguinte xeito, tal e como nola conta Xosé Filgueira Valverde
no limiar da 2ª edición publicada no ano 1978 na imprenta Edicións do Castro.
Retornaron en agosto, Cuevillas, Fraguas, Sebastián González, Emilio Camps
e Xosé R. Fernández Oxea.
Finalmente no mes de setembro acudiron a Melide Carro, Fraguas e Risco.
En todas estas xeiras estiveron acompañados de colaboradores locais como
Alfredo Álverez, Víctor Rodríguez e amador Rodríguez Martínez, e como continua
a dicir Filgueira Valverde “coa boa disposición do concello, dos cregos, dos donos
dos pazos, dos traballadores e da velliñas sabedoras de cantigas, refráns e refrendas”.
Por outra banda, e xa fora destas xeiras, visitaron Melide e a súa bisbarra
Torner e Bal e Gay para documentarse e recoller cantigas e partituras. Así como
Armando Cotarelo Valledor que viaxou so para documentarse sobre a figura do
bispo Mateo Segade Bugueiro.
AMADOR RODRÍGUEZ MARTÍNEZ (coautor do capítulo "Folklore de Melide" do "Terra de Melide").
Un deles foi o crego melidao Amador Rodríguez Martínez, dos Aceiteiros. Quen non so facilitou a Vicente Risco as charlas con Antón de Ulloa e outros aspectos dos costumes e etnografía comarcal, senón que tamén elaborou xunto a el o capítulo dedicado ao Folclore de Melide, polo que podemos consideralo membro de dereito na redación desta obra e colaborador necesario do SEG.
Deixamos a continuación unha escolma da súa vida e obra:
![]() |
Foi ordenado sacerdote, e exerceu o seu ministerio na vila de Melide, de feito aínda se conservan fotografías e algunha estrofa dun “Auto dos Reis Magos” escrito por el, e que foi representado na desaparecida parroquial de San Pedro, nunha desas estrofas que tiñan que recitar os nenos, dicían:
“Eu son un pobre galego
que de Melide chegou agora
e de regalo che traigo
melindres da Melchora”
Advírtese nesa estrofa o uso do galego en verso e o carácter costumista da
composición, o que denota a personalidade do autor. É de destacar, por tanto, a
faceta galeguista de Amador Rodríguez, e tamén as súas inquedanzas pola
investigación do folclore tradicional popular. Nesa liña é preciso facer notar
a súa indispensable colaboración co Seminario de Estudios Galegos na
realización do “Terra de Melide” editado no ano 1933, cando contaba tan só con
23 anos de idade. É xunto con Vicente Risco o autor do capítulo titulado
“Folklore de Melide”.
![]() |
Panteón familiar onde descansan os restos de amador Rodríguez Martínez. |
![]() |
Modelo de placa conmemorativa para colocar na casa natal de Amador Rodríguez Martínez |
No prólogo da reedición do “Terra de Melide” do ano 1978, Xosé Filgueira
Valverde (homenaxeado nas Letras Galegas do 2015), refírese a Amador Rodríguez,
nos seguintes termos:
“Amador Rodríguez Martínez, axiña malogrado, foi colaborador áxil, polo
coñecimento dereito da poesía tradicioal, das crenzas, dos costumes, da
mitoloxía, lendas e feitizos e da cencia do pobo sobre o ceo, os elementos, a
saúde e a vida.”
Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan o Supermercado Gómez e a
Floristería Tarrío.
ANTONIO TABOADA ROCA (autor do capítulo "Notas históricas" do "Terra de Melide").
Outro dos colaboradores do SEG foi este ilustre veciño melidao, farmacéutico de profesión, e historiador, xenealoxista, investigador e erudito por excelencia, membro do Seminario de Estudios Galegos, impulsor dos traballos que esta institución levou a cabo na Terra de Melide e que finalmente saíu a luz baixo o título “Terra de Melide”. Autor en solitario do traballo “Notas históricas”, tan ben documentado e tan magnificamente detallado, e que contou coa colaboración do tamén veciño Niso Rodríguez quen debuxou os escudos nobiliarios que podemos ver no apartado de “nobreza da Terra de Melide”.
Trátase dunha figura esencial no panorama cultural de Melide e que debemos
recordar, non so hoxe con esta entrada, nin esta semana de conmemoración da
viaxe do SEG por estas terras, senón sempre.
A continuación deixamos un extracto da súa biografía e unha escolma das
súas obras e artigos publicados que se contan por decenas.
Nado en Melide en 1889, faleceu en Madrid en 1978, aínda que está enterrado
no cemiterio do Castelo.
![]() |
Casa Madriñan e farmacia de Antón Taboada Roca |
Licenciado en Farmacia no ano 1919 pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como farmacéutico en Melide, na súa casa da Rúa Progreso, ata a súa xubilación, e a partir do ano 1932 desempeña a maiores o cargo de Inspector Farmacéutico Municipal.
Foi un eminente erudito e investigador melidao especializado en estudos
históricos, historiográficos e fundamentalmente xenealóxicos. Foi, ademais por
méritos propios, membro das máis destacadas institucións académicas de Galicia:
correspondente da Real Academia Galega e numerario do Seminario de Estudios
Galegos, así como correspondente das Academias e Institutos Xenealóxicos de
Brasil, Chile, México e Perú.
Ingresou no Seminario de Estudos Galegos o 26 de novembro de 1926.
Tal foi a súa inxente obra especializada en estudios xenealóxicos, que foi
considerado por Don Antón Fraguas Fraguas “o mellor xenealoxista de toda
España”.
A súa obra é case innumerable, polo que so citamos unha parte dos seus
traballos: “El Pazo de Villar de Ferreiros”, “El Pazo de Santa Marina de Casa
de Amarante”, “A nascenza do Xeneral La Carrera” (publicado na Revista Nós),
“La Curia eclesiástica de la ciudad de Santiago a mediados del siglo XVIII”,
“La villa de Arzúa y su comarca”, “Lembranzas sobre genealogías de Marinos
Ilustes”, “El linaje de los Mera”, “Estampas compostelanas del siglo XVII”, “La
fundación de Don Pedro Jaspe de Montenegro y sus familiares”, “Nuestros hilados
y tejidos rurales”, “Un documento feaciente de Juan Gómez Tonel”, “Mellid,
escenario de las Capitulaciones del Reino de Galicia en tiempos de las
Comunidades”, “La Cofradía de Santa Catalina y los curtidores y zapateros de la
villa de Mellid”, “Padrón de la villa de Mellid y su jurisdicción”, “Casa de
Salgueirón, Solar de los Roca”, “Mellidenses ilustres: Don Joaquín Gundín”, “La
ascendencia paterna del Excmo. Sr. Don Francisco Javier Sánchez Cantón”, “La
Casa Consistorial de Mellid”, “El coto de San Juan de Furelos”,… entre outros
moitos.
Pero quizais o máis destacable sexa o feito de ser coautor do “Terra de
Melide” no ano 1933, xa que el é o responsable único do capitulo que leva por
título “Notas Históricas”, onde se recollen as principais linaxes da Terra de
Abeancos.
Posuía unha ampla biblioteca e arquivo persoal, no que atesouraba gran
cantidade de documentos e legaxos. Por circunstancias, este importante legado
documental foi trasladado e almacenado no Castelo de Pambre, e hoxe
inexplicablemente ninguén sabe nada do seu paradoiro, polo que a súa perda
supón un dano irreparable para a nosa cultura.
Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan a Librería Victorio e a
Cafetería Avenida.
![]() |
Nicho do panteón familiar onde repousan os restos de Antonio Taboada Roca xunto cos do seu irmán, Manuel Taboada roca, Conde de Borraxeiros |
![]() |
Modelo de placa conmemorativa para colocar na casa natal de Antonio Taboada Roca. |
NISO RODRÍGUEZ, (Debuxante do aprtado "A Nobreza" dentro do Capítulo "Notas Históricas"):
Axuntamos a continuación a información facilitada por Niso X. Rodríguez, neto do outro Niso Rodríguez, o debuxante que axudou a completar o capítulo de Antonio Taboada Roca cos seus debuxos, que tanto axudan a entender a descrición das pedras armeiras da nobreza terramelidá.
Do autor dos debuxos dinos o seguinte: “Niso Rodríguez Hernández naceu en Melide o 12 de Novembro de 1905 e finou na Coruña o 25 de Xuño de 1965. De profesión, secretario xudicial en Fene. Descendente da Casa solariega de Traspedra, San Cosme de Abeancos, sempre foi aficionado á xenealoxía e á heráldica. Colaborador antes da Guerra Civil coa ORGA (siglas da Organización Republicana Galega Autónoma, partido político español existente entre 1929 e 1934).
Deste colaborador do Seminario de Estudos Galegos para elaborar o “Terra de Melide”, tiñamos poucos datos, máis agora, grazas ao seu neto, imos completando este álbum de recordos e memoria (dalgún xeito as redes sociais deben ser útiles á sociedade, e esta é unha delas. Grazas a esta rede coñecemos a Niso X. Rodríguez descendente directo e co que comparte nome, quen nos facilitou os datos da súa biografía e as fotos retrato que aquí amosamos, polo tanto queremos amosarlle a nosa gratitude por axudarnos a incrementar o legado patrimonial da historia recente de Melide).
O SEÑOR ANTÓN DE ULLOA, menciñeiro, curandeiro e contador de contos (principal fonte oral no capítulo "Folklore de Melide" do "Terra de Melide").
Proseguimos esta entrada, dando a coñecer a este veciño de Melide da parroquia de Campos, cuxos coñecementos foron moi ben aproveitados por Vicente Risco e Amador Rodríguez para elaborar o capítulo dedicado ao folclore. Polo tanto, podemos consideralo "co-autor" xunto cos dous ilustres, dunha das partes máis lidas e valoradas polo público en xeral, do libro "Terra de Melide.
A continuación deixamos os datos que del figuran na ficha de
"Lembrando a " que lle dedicamos en xullo de 2019:
(ao final do texto figura un enlace a Galicia Encantada onde tamén se
publicou un extracto da súa vida e dos saberes e remedios que tanto
encandilaron a Risco).
"Neste Lembrando a... pretendemos render unha especial homenaxe a un
home tremendamente polifacético a quen os compoñentes do Seminario de Estudios
Galegos tiveron a sorte de coñecer e de tratar con el, e grazas a eses
contactos dos membros do Seminario durante as campañas de campo, levadas a cabo
a finais da década dos anos 20, obtiveron información para a elaboración do
“Terra de Melide”.
Nese eido é de destacar o traballo antropolóxico dirixido por Vicente
Risco, en colaboración co crego melidao Amador Rodríguez Martínez, co gallo de
recompilar aquelas vertentes da cultura inmaterial da bisbarra, recollendo
lendas, contos, saberes do pobo, remedios e feitizos, e tamén rogativas,
cantares, romances, cantigas e panxoliñas.
Sen restarlle relevancia ó inxente traballo deses intelectuais tan
comprometidos coa cultura da nosa terra, tamén é de xustiza enfatizar que o
capítulo titulado “Folklore de Melide” non sería tan exitoso e completo, sen a
contribución do señor Antón de Ulloa, posto que compre indicar que ese home foi
o principal informante co que contaron durante as súas prospeccións de campo.
Por iso este “Lembrando a” queremos dedicarllo ó señor Antón de Ulloa, a
quen Risco e Amador Rodríguez aluden con moita frecuencia cando poñen na boca
do señor Antón un sen fin de relatos que teñen por tema a fin do mundo, o
trasno, esconxuro dos tronos e tamén de alacráns, sobre as bruxas máis afamadas
de Melide e tamén de animais ós que se lles atribuían propiedades sobrenaturais
(o lobo, o morcego e mesmo serpes voadoras).
É de destacar, como ben salientan os eruditos do Seminario, que o Ulloa foi
un dos mais célebres curandeiros ou menciñeiros da comarca, quen elaboraba
remedios para curar a persoas e animais, empregando herbas e materias naturais,
seguindo fórmulas dun receitario ou manual médico que aínda conservan os seus
descendentes, e que aparece mencionado no Terra de Melide.
Por tanto queremos destacar a figura do señor Antón, desde as dúas
principais facetas resaltadas por Vicente Risco e Amador Rodríguez, tanto a de
menciñeiro-curandeiro como a de contador de vellas historias e lendas de
Melide. E parafraseando as verbas destes vellos mestres, recollidas nas páxinas
455 e 456 do “Terra de Melide” imos reproducir que:
"Dos curandeiros, o de máis sona é o señor Antón de Ulloa, á que xa
nos temos referido. O Ulloa ten un libro que diz aprobado por cincuenta e seis
maestros e escrito pol-o médeco do Padre Santo. Tivemos iste libro nas maus, e
trátase d´un coñecido manual médeco, do que damos a nota que é a seguinte:
Libro/ de Medicina/ intitulado/ Thesoro de pobres/ en que se hallarán
remedios/ muy aprobados para la sanidad de/ diversas enfermedades/ Con un
regimiento de sanidad/ Compuesto por el Maestro Julian que lo recopiló de
diversos autores/ Aora nuevamente corregido/ y enmendado por Arnaldo de
Villanueva/ Espurgado por el Santo Tribunal/ Con licencia en Madrid/ En la
Oficina de Domingo Fernández de Arrojo... Carmen Año de 1762, y a expensas de
Don... Joseph Alonso y Padilla, Librero de Cámara del Rey, donde se hallará.
D´iste libro deben proceder as seguintes receitas que o señor Ulloa nos
recitou:
"para el catarro, coge cebollas blancas y cuertalas y lávalas en agua
fría y cuécelas en vinagre y échalas azúcar o miel y por encima el vino que
quieras tomar échale azúcar o miel y caliéntalo a la lumbre y te limpiará los
caños del pulmón".
"Si te pica un animal dañino, aunque sea una víbora o un bacalao,
embriágate y no le hagas más caso".
De canto se conta desta figura tan interesante, plural e versátil, no
episodio do “Folklore de Melide” temos feito un recompilatorio nun artigo
titulado “O señor Antón de Ulloa (Remedios diversos e lendas)”, na prestixiosa
web “Galicia Encantada”. https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=1&id=2503
"EDICIÓN ORIXINAL DO TERRA DE MELIDE"
Publicado no ano 1933 polo Seminario de Estudos Galegos na Editorial Nós de Santiago de Compostela. Este libro é a peza escollida polo Consello da Cultura Galega para celebrar o roteiro “Tras as pegadas dos SEG nas Terras de Melide”, con motivo duns dos actos de celebración do centenario da fundación da sobranceira entidade cultural (Seminario de Estudos Galegos), nacida o ano 1923.O libro “Terra de Melide”, ten un significado especial por varios motivos: Trátase do único compendio publicado polo SEG que recolle as singularidades dunha comarca galega. Dentro do seu percorrido cultural e co fin de deixar constancia en papel das diferentes particularidades de cada bisbarra do país, o SEG emprendeu unha serie de xeiras para coñecer polo miúdo cada unha das bisbarras históricas, así coñeceron e estudaron o Deza, Carballiño, Monforte,... (compre salientar que a labor do SEG neste eido era a de completar un estudo similar en todas as bisbarras galegas, o que chegaría a converter a este recuncho atlántico como o lugar do planeta máis e mellor estudado, pero as vicisitudes da historia non o permitiron), pero so completaron o estudo da Terra de Melide, sendo a única “terra” que viu publicado por enteiro o seu estudo. Das outras quedou impreso algún traballo parcial de determinadas temáticas, pero nada tan completo que abranguera a totalidade de estudos como no caso de Melide. Polo tanto, trátase da única obra completa, publicada, do inxente traballo enciclopédico que tiñan previsto facer.
Este motivo lle outorga a esta publicación un aura de unicidade e case misticismo, propio dun incunable cuxo termo utilizado como adxectivo significa segundo a RAE: “raro, valioso, ou que corresponde ós inicios dunha actividade, dunha arte, dunha técnica,...”. Definición que lle acae moi ben a este precioso exemplar que trata sobre a idiosincrasia dunha bisbarra.
Este libro tamén é especial porque, grazas (ou por desgraza) ao ser a única
obra que se chegou a publicar como compendio comarcal, forma parte da
mentalidade local como unha especie de libro matriz, ou incluso cabería dicir
como unha biblia do pobo (entendido como as xentes) e da comarca de Melide,
representando e custodiando nas súas páxinas o legado das pasadas xeracións.
O Museo da Terra de Melide posúe dous exemplares orixinais desta obra, así
como un exemplar de cada unha das dúas reedicións que se fixeron nos ano 1978 e
2017. O que amosamos hoxe, trátase dunha edición orixinal sen reencuadernar
(como é o caso do outro exemplar así como da reedición do ano 1978), coas tapas
orixinais e que se conserva nun estado deficiente. Chegou ao Museo mediante
compra, pois xurdiu a oportunidade de facerse con el, sendo imprescindible e
máis que necesaria esta compra. O estado no que se atopa é co que chegou ás
nosas mans, incluído o celo que sostén a cuberta. Estas tapas están elaboradas
con cartulina de cor sepia claro e non teñen moita consistencia para protexer
un tomo da envergadura que presenta este exemplar. Tamén o grosor da obra e o
seu uso reiterado fan que estas tapas se acaben por deteriorando.
O libro componse de 740 páxinas sen incluír portada e contraportada e
presenta as seguintes dimensións: 28 cm de alto por 21 cm de ancho e 6,1 cm de
grosor. Sendo un exemplar de dimensións considerables, máis grande que as reedicións
posteriores e en formato case similar a o dun libro enciclopédico (sendo
ademais esta a súa función).
O libro está composto por oito capítulos que resultaron ser un completo e pormenorizado estudo sobre a bisbarra abranguendo todos e cantos coñecementos conforman a idiosincrasia dun pobo: xeografía, arqueoloxía, historia, xenealoxías, monumentos, costumes, etnografía, folclore, música, personaxes relevantes... aínda que se esqueceu de incluír aspectos tan salientables como a flora e a fauna autóctonas, estudados e escritos por membros do SEG que hoxe en día forman parte do olimpo de persoeiros da cultura galega.
Finalmente se chegou a publicar no ano 1933 na editorial Nós de Santiago de Compostela. Para elo os membros do SEG, en tres xeiras que tiveron lugar no verán de 1929, estudaron, falaron, interactuaron e departiron con veciños da bisbarra para mellor coñecer as profundidades deste cerne de Galicia.OS CAPÍTULOS DO TERRA DE MELIDE.
Compre salientar que a labor do
SEG neste eido era a de completar un estudo similar en todas as bisbarras
galegas, o que chegaría a converter a este recuncho atlántico como o lugar do
planeta máis e mellor estudado, pero as vicisitudes da historia non o permitiron.
O Libro, que finalmente se
chegou a publicar no ano 1933 na editorial Nós de Santiago de Compostela,
componse de oito capítulos nos que se recolle a vida desta comarca.
Para elo os membros do SEG en
tres xeiras que tiveron lugar no verán de 1929, estudaron, falaron,
interactuaron e departiron con veciños da bisbarra para mellor coñecer as
profundidades deste cerne de Galicia.
Resumimos a continuación o
contido do libro tal e como nolo contan Filgueira Valverde no limiar da
reedición do ano 1978 e Xosé Manuel Broz Rei, na presentación da 2ª reedición
en 2017, e non temos mellor xeito de explicar o contido de cada un dos
capítulos que coas verbas de ambos.
Capítulo 1.- “A Terra de Melide”, por Ramón Otero Pedrayo
Di Filgueira Valverde: ”a monografía xeográfica é un traballo, moi persoal de Otero Pedrayo, sobranceiro na súa longa e fonda obra. O coñecimento do país galego dáballe azos pra tenzoar un vívido painel, certamente antolóxico, da Terra de abeancos, no seu relevo, nas súas demarcacións, nos horizontes, os pobos, os casaes, os camiños,... “
E completa Broz Rei: “comeza o
libro coa maxistral descrición da paisaxe desta terra, coa barroca e poética
prosa de Otero Pedrayo, con fermosos debuxos siluetados das liñas da paisaxe”.
Capítulo 2.- “Prehistoria de Melide”, por Florentino López Cuevillas
Para Filgueria Valverde, “Cuevillas, co seu nacente grupo de prehistoriadores, catalogou as once motas de mámoas, máis dúas antas illadas; os achados de cobre, bronce e ouro e os trinta castros; [...]. Nesta xeira adiantárase moito no benfacer, e teñen forte interés as consideracións arqueolóxicas sobre a cantidade das estacións, o feitío, hábitat e axuar, e a farta colleita de tradicións tocantes aos poboadores míticos, tan vivas na comarca”.
Segundo Broz, “Cuevillas e
outros, estudan as mámoas e os castros, a primeira vez que se publica e fai
inventario e estudo da nosa riqueza arqueolóxica”.
Capítulo 3.- “Notas Históricas”, por Antonio Taboada Roca.
En gran parte, grazas a el, estas xeiras tiveron lugar nese verán de 1929 e agora este libro está nas nosas mans. Para Filgueira Valverde “Taboada Roca, penetrado da vida histórica melidense, ofrece unha sobranceira ollada encol do ontes da vila e das terras que preside, coutos, xurisdiccións, fregresías,... e dos trinta e cinco pazos ou casas grandes”.
Broz Rei argumenta: “ A
xenealoxía de Taboada Roca, imprescindible para saber as familias de melidaos;
e logo fai un relato da vida de Melide, do pasado e da súa actualidade,
testemuña de primeira liña [..]”.
Capítulo 4.- “Arqueoloxía Relixiosa de Melide”, por Xesús Carro, Emilio Camps e Xosé R. Fernández Oxea.
Segundo Filgueira Valverde, os
tres “fixeron, por miúdo, o inventario dos moimentos relixiosos: o románico,
con once eirexas, o oxival e o barroco, a máis dos moimentos da vila, co circio
rigor da Catalogación Artística e Arqueolóxica do seminario”.
Segundo Broz Rei: “a arte sacra
estudada por Carro e outros, fan un relato completo da arte relixiosa, moi
completo e documentado”.
Capítulo 5.- “Estudo etnográfico da Terra de Melide”, por Vicente Risco.
Broz di del: “a etnografía, estudada por Risco, dálle un exhaustivo repaso ás construcións, ás costumes, aos dicires e falares da Terra”.
Capítulo 6.- “Folklore de Melide”, por Vicente Risco e Amador Rodríguez.
Segundo Filgueira Valverde:
“Amador Rodríguez, axiña malogrado, foi colaborador áxil, polo coñecimento
dereito da poesía tradicioal, das crenzas, dos costumes, da mitoloxía, lendas e
feitizos e da cencia do pobo sobre o ceo, os elementos, a saúde e a vida. Vinte
romances e catrocentas trinta e tantas cantigas eniqueceron, cas súas
colleitas, o cantigueiro galego”.
Para Broz Rei: “Vicente Risco
coa axuda de Amador Rodríguez, recollen lendas, contos e cantares, que compoñen
o tesouro da nosa cultura popular”.
Capítulo 7.- “Folklore musical”, por Eduardo Torner e Xesús Bal e Gay.
Di Filgueira Valverde que eles
dous “compretaron o trallo folklórico, cunha vizosa achega á música popular.
A ceifa abrangueu corenta e tres melodías; dende os traballos de Sampedro e
Folgar e Víctor Said non se fixera un inquérito tan longo e froitoso”.
Segundo Broz Rei, ambos “poñen
en pentagrama a letra e a música de cantigas que escoitaron polas aldeas”.
Capítulo 8.- “Lembranza Biográfica de D. Mateo Segade Bugueiro”, por Armando Cotarelo Valledor.
Filgueira Valverde remata este
resume de capítulos dicindo que “Tencioaba o Seminario que cada un dos estudos
adicados ás comarcas contivera tamén a semblanza dunha figura egrexia. En
Melide escolleuse o nome de Don Mateo Segade Bugueiro [...] inxustamente
esquencido [...]. O primeiro presidente do Seminario, o mestre Armando Cotarelo
Valledor, puxo no traballo aquel circio método e o afán de apurar as fontes que
soupo adeprendernos”.
E tamén remata Broz Rei:
“Remata o libro cun documentado traballo sobre a biografía do noso Arcebispo
don Mateo Segade Bugueiro [...]”
Agora so resta coller o libro,
pasar as follas e deixarse engaiolar polas verbas e músicas da Terra de Melide
recollidas por este egrexio grupo de eruditos que fixeron da cultura un modo de
vida.
PENSIÓN CASA ACEITEIRO
Esta casa, pensión e fonda tamén dispoñía de servizo de postas (liña de
carruaxes para transporte de persoas e mercadorías), polo que é máis que
probable que os membros do SEG alugaran nese mesmo establecemento os cabalos ou
bestas cos que desplazarse polos angostos camiños de Toques, ou polos fermosos
vales de ribeira de Santiso, xa que as pistas das que hoxe desfrutamos non
estaban trazadas en moitos dos casos, e se trataban de camiños ou corredoiras
de comunicación entre lugares.
Este establecemento tamén funcionaba como tenda na planta baixa, onde os domingos, día de mercado, despachaban viño e pan.
Contaba con dous comedores, no do piso alto, onde seguramente cearon moitas
das noites os eruditos, servían: salmón en escabeche, troitas, merluza,
perdices, coellos, flan, natillas e biscoitos caseiros. No comedor do piso
baixo, máis de trote e para xantares de diario se servía pan, viño, bacallau e
carne asada.
No ano 1929, cando realizaron as súas xeiras os citados estudosos, a casa
era rexentada pola filla do matrimonio, Aurora Rodríguez Ureña, por iso se lle
chamaba Casa da Aceiteira.
OS COLABORADORES MELIDAOS NOS TRABALLOS DO TERRA DE MELIDE:
Nestes días estivemos a falar dos principais actores melidaos que
resultaron fundamentais á hora da elaboración dos capítulos do “Terra de
Melide”, do Seminario de Estudos Galegos. Así pois púxose o acento na destacada
participación do farmacéutico, historiador e xenealoxista Antonio Taboada Roca,
e tamén do crego Amador Rodríguez Martínez, da tan coñecida e extensa familia
dos Aceiteiros.
Noutra entrada imos facer unha semblanza ós precursores nos estudios
históricos, arqueolóxicos e artísticos da Terra de Melide, que serviron de
inspiración tanto a Taboada Roca coma ós demais membros do Seminario, estamos a
falar do médico Eduardo Álvarez Carballido, e do notario da vila (aínda que de
orixe betanceira) Alfredo Álvarez González.
Deste segundo se fala en varias ocasións no Terra de Melide, así pois no
propio prólogo da edición orixinal (e nas dúas que lle suceden) se refire o
seguinte, ó referirse ás campañas de traballo de campo “ ...En todas elas
interviron ca súa competenza e fondo coñecimento da rexión, a máis do Sr.
Taboada Roca, D. Alfredo Álvarez, D. Víctor Rodríguez e D. Amador Rodríguez
Martínez, veciños da vila de Melide”.
Tamén no capítulo segundo do “Terra de Melide”, baixo o título “Prehistoria
de Melide”, o propio Florentino López Cuevillas se refire a Alfredo Álvarez
nestes termos: “De grande intrés pra o conocimento da destribución topográfica
das mámoas melidenses e dos seus escasos axuares é o artigo de outro cultísimo
arqueólogo Alfredo Álvarez, que baixo o tídoo, Mámoas de la época romana víu a
luz no “Boletín de la R. A. Gallega” (nº. 121). E tamén a el se volve referir ó
manifestar “Denantes de entrar na súa enumeración e no estudo das poucas antas
que se atopan en estado de seren estudadas, compre que rindamos a homaxe da
nosa gratitude ó distinto arqueólogo e moi culto notario de Melide, D. Alfredo
Álvarez, que cunha amabilidade e un desprendimento pouco frecuentes, puxo ó
noso dispor o tesouro inapreciabre das suas notas e das suas lembranzas. A il
debemos un gráfico que nos servíu pra situar no mapa adxunto os grupos de
mámoas, il foi quen nos deu noticia circunstanciada das antas que se conservan
en pé e il, por último, forneceunos precisións esaitas acerca de obxetos
asoellados e de cámaras desfeitas, que nunca houbéramos adquirido sen a súa
xenerosa colaboración”.
Sobre Alfredo Álvarez podemos atopar diferentes referencias bibliográficas,
como a que recolle Broz Rei en “A Vila de Melide” (2016), na que o presenta
coma “oriundo de Betanzos, foi Notario en Melide polo ano 1906, aquí viviu e
naceron tres fillos. Foi contemporáneo de Álvarez Carballido e, como este, moi
afeccionado á arqueoloxía”. Noutro capítulo o mesmo autor nos comenta que
estaba casado con Carmen García Aguirre, tamén de Betanzos. E que aquí naceron
os fillos “1906 – Alfredo; 1908- Carmen, 1909 -Luísa”.
No prólogo de Xosé Filgueira Valverde, na edición do “Terra de Melide” do
ano 1978 xa apunta que Antonio Taboada Roca “acadóu a moi valiosa colaboración
dos melidenses Alfredo Álvarez, Víctor Rodríguez e Amador Rodríguez Martínez, e
a boa disposición do concello, dos cregos, dos donos dos pazos, dos
traballadores e das velliñas sabedoras de cantigas, refráns e refendas”.
Sobre Víctor Rodríguez hai moitas menos referencias, mais é sabido que era
da familia dos Hermida- Rodríguez Sotelo, descendente (neto) do médico
cirurxián Ignacio Rodríguez Sotelo López (natural do concello do Saviñao, na
provincia de Lugo, quen casa coa melidá Josefa Rodríguez Carmuega). Era fillo
de Celestino Rodríguez Rodríguez e de Teodora Varela Varela. Deste melidao non
dispoñemos de datos concretos referidos á súa participación nos traballos de
campo que deron lugar á edición do “Terra de Melide”, mais sabemos que era un
grande afeccionado á fotografía.
Sobre Niso Rodríguez tampouco hai demasiados datos, mais é sobradamente
sabido que da súa man saíron os debuxos das labras armeiras (pedras heráldicas)
que ilustran o apartado “A Nobleza”, dentro do capítulo “Notas Históricas”, da
autoría de Antonio Taboada Roca.
Así pois o propio Filgueira Valverde, no prólogo da edición do ano 1978,
apunta que “Son ben merecentes de lembranza os autores dos dibuxos que ilustran
o volume. A carón dos de Risco, Cuevillas, Camps, R. e Fernández-Oxea,
Lourenzo... atópase unha belida serie das labras heráldicas deseñada por Niso
Rodríguez.”.
Broz Rei tamén fai algunha mención ó ilustrador. Así pois no seu traballo
sobre “A nobreza na Terra de Melide” (Boletín nº5 do Centro de Estudios
Melidenses, ano 1990, páx. 34) fai unha dedicatoria na que fai homenaxe a D.
Antón Taboada Roca “...xenealoxista e historiador melidense, quen sempre me
animou cos seus consellos e saber cando eu empezaba os camiños da arte;
lembrando a Niso Rodríguez, debuxante dos escudos do Terra de Melide”.
Broz tamén na presentación do “Terra de Melide” co gallo da súa terceira
edición nolo presenta do seguinte xeito: “Lembrar e honrar a estes tres
pioneiros historiadores da vila: Álvarez Carballido, Alfredo Álvarez e Taboada
Roca, quen poñen a semente deste libro, obra mestra intelectual. E con eles, ao
crego Amador Rodríguez, coautor do folclore; e a Niso Rodríguez, debuxante dos
escudos de Taboada Roca”.
No rueiro de Melide vemos rúas dedicadas a distintos autores do Terra de
Melide: Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Antón Fraguas, Vicente Risco, Xesús
Carro, Emilio Camps, Fernández Oxea (Ben Cho Shey), Xesús Bal Gay, Eduardo M.
Torner, Armando Cotarelo Valledor, Antón Taboada Roca, Amador Rodríguez
Martínez, Alfredo Álvarez e Niso Rodríguez, non habendo unha rúa dedicada á
memoria de Víctor Rodríguez, sendo unha eiva que debera ser corrixida.
AS MÚSICAS DA TERRA DE MELIDE:
O Terra de Melide condensa nas súas páxinas o saber, a historia, os
costumes dunha bisbarra, mais certo é que se esquece de elementos
imprescindibles e indispensables como o estudo da flora e da fauna, da natureza
como elemento necesario no pobo e outras cuestións máis científicas, pero non
acontece así coa música, aspecto que si incluíron dedicándolle un capítulo
propio e parte doutro.
Dese xeito as cantigas, os romances, os “vilancicos”, os cantos de reises e
demais quedaron recollidos na capítulo “Folklore de Melide”, no que Vicente
Risco e Amador Rodríguez nos deixaron testemuña das letras de cada un destes cantos.
Por outra banda Xesús Bal e Gay e Eduardo M. Torner, fixeron unha xeira en
solitario pola comarca terramelidá, para recoller os sons e os pasos de baile
que tamén deixaron descritos no capítulo titulado “Folklore Musical”. Ambos,
musicólogos de profesión que se coñeceron en Madrid, traballaron na recollida e
compilación do que posteriormente publicaron como “cancioneiro galego”, para o
que tamén incluíron as pezas recollidas na Terra de Melide.
O capítulo asinado conxuntamente no Terra de Melide, coma se dun auténtico
libro de música se tratara, amósanos un compendio de pentagramas e partituras
das distintas composicións musicais que soaban por estas terras hai un século.
Dalgúns deles incluso recolleron a letra (doutros nos remiten ao capítulo anterior
onde podemos ver a versión literaria da composición musical), e incluso, e como
se entendesen que no futuro (o noso presente), non foramos quen de recordar,
nos deixaron descritos os pasos de baile e como se efectúan estes.
Este afán por recuperar todas e cada unha das manifestacións culturais é, o
que dun xeito enternecedor, dota de alma á publicación e lle confire un aura de
libro necesario.
Pero este legado non quedou so no papel grazas a Herba Grileira, a
Asociación cultural e musical e escola de música e baile tradicional, quen
leron as partituras e as fixeron sonar de novo, e quen estudiaron os pasos de
baile e os puxeron a xirar e danzar para que poidamos ver e escoitar novamente
eses sons que ouviron os nosos devanceiros. Un gran traballo de posta a punto,
e que fai o libro máis grande, se cabe, posto que a grandeza dunha obra como
esta, na que se recolle o saber dun pobo, é que siga viva xeracións despois.
Deixamos a Herba Grileira e a Iván Gómez Blanco que nos falen deste
traballo das músicas do Terra de Melide, tal e como nolo contan no CD onde
agora, na actualidade, podemos escoitar eses sons do noso pasado:
“Nada é novo; nin o firmamento, nin as estrelas no sombreiro das que xa
falou a Muiñeira da Terra de Melide, nin as pezas que conforman este traballo
que tedes entre as mans. Todo estaba xa aí, formando parte dun legado que
herdamos, que valoramos enormemente, e que agora dende Herba Grileira queremos
transmitir co obxectivo de facer un humilde traballo de divulgación, como
homenaxe á tradición e, sobre todo, como mostra de respecto e de cariño cara ao
folclore propio, a máxima que nos move [...]
Este disco é unha escolma de pezas recollidas no libro Terra de Melide,
xoia bibliográfica que viu a luz no ano 1933 logo dun traballo concienciudo que
impulsou o SEG e que abordou a nosa comarca dende unha perspectiva histórica,
xeográfica, arqueolóxica e etnográfica. Tamén o folclore ocupa parte importante
neste volume icónico: muiñeiras, xotas, cantigas de berce, alalás, pandeiradas,
carballesas...
Sobre algunhas desas pezas traballamos durante tempo, como quen conta
estrelas e as vai botando nun sombreiro. Conseguimos sacalas do papel e darlles
vida en forma de música. Agora que saíu o luceiro é momento de compartilas. Que
poidan ser admiradas. Que sigan brillando eternamente.”
Como ben din eles, conseguiron sacalas do papel, onde moi sabiamente e co
interese necesario para non esquecelas, Torner e Bal e Gay as deixaron
plasmadas, para que nalgún momento, no tempo vindeiro, alguén as fixera sonar de
novo, para que non se esqueceran, para que formaran parte de nós para sempre.
Quizais, se naquel momento existise a posibilidade de facer un libro onde se
puidera escoitar, os membros do SEG, habían de deixar gravadas estas músicas
interpretadas polos gaiteiros de Melide, Santiso e Toques, e seguramente
poderíamos escoitar as voces de Antón de Ulloa contando as historias do fin dos
tempos, e mesmo a Alfredo Álvarez indicándolle a Cuevillas onde atopar
mámoas...
Alguén nos dixo o pasado sábado que a grandeza do Terra de Melide radica en
ese afán de recuperación e documentación que tiveron os sabios do SEG, gañas e
afán por recoller cada un dos aspectos antropolóxicos desta comarca, xa que sen
o seu traballo desinteresado (aínda que interesado no feito da teima por
conservar para que non se perda), hoxe non se escoitarían estas músicas, nin se
bailarían estas xotas.
Esas músicas que no Terra de Melide parecen non ter voz, en realidade nos
están deleitando cos seus sons dende as páxinas do libro, calquera de nós pode
tatarear unha das cantigas, pero deixemos que Herba Grileira nolo amose no
vídeo que axuntamos a esta entrada.
O
SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS PRESENTE NO RUEIRO DA VILA DE MELIDE
Rematamos con esta entrada o percorrido polo paso do SEG
polas Terras de Melide. É a última pero no na derradeira, xa que habemos seguir
falando destes homes ilustres e ilustrados que fixeron do coñecemento un
emblema e da súa divulgación un modelo a imitar.
Con
este capítulo queremos reflectir unha realidade presente no nomenclátor do
rueiro melidao, que é presente e tanxible dende a década dos anos 90, cando por
iniciativa e solicitude de Mingos Fuciños o Concello decide dedicarlle rúas ós
intelectuais do Seminario de Estudos Galegos, para agradecer a elaboración do
“Terra de Melide”, ó tempo que se lles troca o nome a varias rúas do Ensanche
melidá, comprendidas na trama urbana que se delimita polas rúas Galicia e
Rosalía de Castro e pola Avenida de América e pola da Habana, coa pretensión de
enfatizar o nome de diferentes notables galegos, destacados pola escrita ou
polo seu compromiso social.
Dentro
do primeiro grupo podemos ver rúas que lembran á figura dos artífices
intelectuais do “Terra de Melide”. Así pois, a día de hoxe podemos contemplar
placas que fan lembranza deles, tanto pola zona do antigo instituto, pola Vista
Alegre, polo Forte, pola estrada de Agolada (entre a Feira e o Centro de
Saúde), ou polo entorno do CEIP Pastor Barral.
Dese
xeito vemos placas que gardan a memoria (aínda sen explicar quen era cada un
deles, aspecto que debera ser corrixido), e así podemos botar unha ollada e ter
presente a:
Antonio Taboada Roca, farmacéutico melidao e xenealoxista, autor de “Notas Históricas”
Vicente Risco, autor de “Estudo etnográfico da Terra de Melide” e coautor de “Folklore de Melide”.
Amador Rodríguez Martínez, crego melidao e coautor de “Folklore de Melide”
Antón Fraguas Fraguas, integrante do SEG e colaborador de Cuevillas en
“Prehistoria de Melide”
Alfredo Álvarez González, notario da vila de Melide e informante principal
sobre o Megalitismo comarcal a Florentino Cuevillas
Niso Rodríguez, debuxante dos escudos nobiliarios do capítulo “Notas históricas” de Taboada Roca
Ademais
destes autores tamén aparece no rueiro de Melide: Alfonso Rodríguez Castelao,
membro do SEG, ou tamén Eduardo Álvarez Carballido, médico de Melide e
precursor dos estudos históricos da Terra de Melide.