ESTAMPAS DE MELIDE
VISITA INSTITUCIONAL DOS REIS E A COMISIÓN DE
FESTAS DO SAN ROQUE. ANO 1976
Como mudaron as modas dende entón!!! Os traxes
con pata de elefante que non favorecían nada; os gardacostas dos Reis e do
ministro que pouco (ou nada) estaban de incógnito, con esas gafas e esa pose
seria. A Garda Civil co gorro de charol apartando ao público; e a pancarta
feita a man, onde a orgullosa Comisión das Festas de San Roque saudaba ás
SS.MM.
escenario ou “apropósito” para fotografías de grupos de veciños, nunha época na que os selfies nin se intuían e na que facerse unha foto era case como un luxo que servía para que o recordo dunha época perdurase na memoria de todos.
A fonte do Pilón, como nos amosan estas imaxes,
foi un lugar idóneo para fotografarse en grupo: mulleres indo cargar auga coas
sellas; os nenos de Melide pousando cal soldados (eran frechas?); rapazas nunha
mañá de domingo ben lucidas para o paseo; grupos de mozos de celebración...
Compre indicar un aspecto chamativo á vez que revelador dunha época xa pasada: nestas
fotos os grupos non son mixtos, vemos homes por unha banda e mulleres pola
outra, propio dun tempo que xa mudou.
Nestas estampas podemos ver á Fonte do Pilón
tal e como era antes de reconfigurala: as cabezas dos leóns locen na súa
ubicación orixinal sobre o fuste, e non como as vemos agora baixo el. Desta
forma apréciase moito mellor a súa orixinal configuración de fonte claustral.
As fotos tamén nos permiten observar outros
aspectos desa parte da vila, o Cruce, que mudaron tamén coas novas urbanísticas
realizadas a partir da década de 1960: así, ademais de ver as edificacións
tanto da Ronda da Coruña como da Rúa do Progreso tal e como lucían nas décadas
de 1930-1940-1950, tamén apreciamos as árbores da vella Alameda que estaba
situada ao carón da fonte cara a Rúa Convento, e mesmo a propia ubicación da
fonte, que na actualidade se atopa no espazo configurado a modo de xardín, e
retrasada con respecto á estrada.
Deixamos a continuación as impresións recollidas por Xosé Manuel Broz no Boletín nº 11 do CEM-MTM con respecto a estas imaxes:
A imaxe das mozas no Pilón (foto arquivo
Familia Calvo), pode datarse arredor da década de 1930 (pola vestimenta das
mulleres): “elas, compostas e endomingadas, con traxes novos, fan unha
estampa ben fermosa da vida cotiá”.
A imaxe na que vemos aos nenos arracimados sobre o Pilón pertence ao arquivo da Familia Aguiar:
“eran anos de guerra?. Aí están todos os nenos da vila, ledos e contentos, colocados en pirámide rodeando o pilón, os “frechas” de Melide, testemuños daquela guerra que acontecía lonxe, pero que algunhas veces as noticias traíana á beira”.
As outras dúas fotos, nas que se ven un grupo de mozos encaramados na fonte, pertencen ao arquivo de
Xosé Rodríguez Vilas.
Están datadas en 1957 e 1958. Vese á mocidade de Melide desfrutando de tardes
de lecer, vestidos con traxes novos, gabardinas e incluso garabatas, pois
naqueles tempos (ao igual que agora pero con ideas distintas de moda) a
indumentaria marcaba o estilo e era correcto saír a pasear ou a tomar algo cos
amigos, ben vestido e con chaqueta nova.
facerse unha foto, porque subministraba o ben máis prezado que non se podía acadar doutro xeito: a auga, dado que non existía “a traída” e cada día había que ir buscar a auga en sellas á fonte. Hoxe os rapaces pasan polo lado da fonte sen percatarse da súa singularidade, uso necesario e función primordial que exerceu dende a súa instalación aló polo ano 1889.
O QUIOSCO DA PIMPANA
Amosamos está estampa que xa poucos lembran. O quiosco de froita construído por Nicolás Sardón no ano 1939 para a venda de froita e que era atendido pola súa muller Filomena.
Este posto permanente de froita
“estaba situado na antiga Alameda. Está construído todo de castaño e por iso
aínda está vixente no parque infantil”. Isto podemos lelo no Boletín nº 12 do
CEM-MTM, publicado no ano 1999, momento no que aínda permanecía en pe no
parque, formando parte da nosa lembranza. Quizais recordemos tardes de
lambonadas mercadas neste quiosco.
Como se di nese mesmo boletín “Na
Alameda facíase tódolos domingos o mercado da froita e tamén pola feira había
postos de quincalla. A este mercado os das aldeas chamábanlle o renque da
froita”.
Hoxe xa non existe, nin o renque
da froita, nin o quiosco da Pimpana, nin a Alameda, e nos preguntamos si as
cousas deben mudar e desaparecer fisicamente para formar parte dos nosos
recordos, e aí conservalas, ou ben se deberiamos aprender a conservar os nosos
recordos podendo ver e manter aquelo que os creou.
Estampas de Melide irrepetibles,
imaxes dun recordo imborrable. Sorte que existen as fotos.
En vindeiros días habemos subir
ao noso blog unha nova pestaña na que se recollerán, coma se dun álbum da
nostalxia se tratara, toda esta sección de “Estampas de Melide”.
Foto publicada no Boletín nº 12
do CEM-MTM. Arquivo de Marina Sardón.
Hoxe, grazas á publicación desta
foto, puidemos obter nova información que non tiñamos sobre este quiosco. Estes
novos datos foron facilitados por Manuel Rodríguez Vázquez da familia
Charrancas quen di o seguinte: “Moito antes da Pimpana, rexeitou o quiosco meu
avó Eugenio e miña avoa Consuelo. E máis tiñan un carriño ambulante, con
rodiñas no que te metías dentro ó envolto cando chovía que levaba miña tia
Evangelina. E tenme contado miña nai Aurea (grande amiga de Marina da Pimpana)
que cando ía mercar froita a Betanzos, con 14 15 anos, paraba na casa a
Maragata, enfronte de onde paraba o Pereira.
A meu avó, antes de termos
pulpería aló polo ano 1960, era coñecido por Eugenio da fruteria”.
elaboración das entradas do noso blog “Lembranzas de Melide” dedicadas á saga dos Garceiras, e a quen lle agradecemos dende aquí publicamente o seu encomiable traballo, tanto pola difusión da música tradicional no Pais Vasco, como polo seu compromiso coa mesma cando retorna a estas terras e mais pola información importantísima e valiosísima que nos achega para a nosa sección de “Lembrando a”.
Nesta ocasión amosamos unha
bonita estampa familiar, das que se facían a principios de século, cando
retratarse en familia era toda unha aventura (sobre todo económica). Este tipo
de imaxes socializaron unha moda que anteriormente estaba reservada ás clases
máis potentadas, xa que proveñen da moda dos retratos pintados por artistas,
que resultaban prohibitivos para os menos acomodados. Pero a fotografía, a
pesar de que tamén supoñía un gasto económico, non resultaba tan cara como un
cadro ao óleo, polo que se popularizou o costume de retratarse individualmente,
en parellas ou toda a familia, quedando esta estampa como un recordo imborrable
para as xeracións posteriores.
Estas fotos familiares aportan
moita e importante información sobre usos, costumes, modas, e comportamentos
sociais da época: onde se sentaba cada un, o seu lugar na foto que marca un
papel dentro da familia, as vestimentas (que obviamente acostumaban escollerse
as mellores), o lugar que se toma como fondo, en ocasións fondos imaxinarios
recreados nos estudios dos fotógrafos, pero noutras na mesma casa como é este
caso, e outro tipo de curiosidades que permiten facer un estudo sociolóxico
detallado de época. Moi similar a si estudamos hoxe en día as actitudes, poses,
lugares e acontecementos que amosamos nos selfies (aínda que cun cambio
considerable dende o punto de vista sociolóxico e cultural).
Nesta foto vemos unha vida
reflexada nesas miradas. Trátase da familia Blanco Arias, da que son
descendentes tanto os Garceiras como varios integrantes dos Melidaos, ou sexa
as raíces dunha das sagas máis importantes de gaiteiros e polo tanto cun alto
valor, xa non so sentimental senón poderíamos dicir que etnográfico. Tal e como
nos di Milo Mosteiro desta foto: “vénse aos bisavós de Pepiño e Xele d' Os
Melidaos, Merexildo Blanco Casal e a Tía Anxela Arias Varela, que era media
irmá de Hermitas Varela Varela, a nai d ' Os Garceiras.
E a señoriña que está a carón da
Tía Anxela, é a miña bisavoa, Manuela Varela Vilar, que casou dúas veces, a
segunda co zapateiro do Ribeiro, José Varela, que foi o avó dos irmaus Mato
Varela”.
Vemos pois, como das xentes desta
foto naceron e xermolaron as ideas, e as músicas, e os aires de gaita que
soaron durante o século XX en Melide e que seguen a soar impulsados polos seus
descendentes, o propio Milo un deles.
Pode resultarnos descoñecida a
imaxe, mais se nos fixamos detidamente podemos distinguir algunha das
edificacións que aínda, a día de hoxe e por fortuna, conservamos: á esquerda, a
casa onde se asoma a nena no limiar da porta, permanece intacta a día de hoxe.
Non así as dúas que a flanquean, posto que a primeira casa, de traza popular
urbana, foi substituída polo inmoble que vemos hoxe, a flamante casa Bastián de
estilo racionalista (levantada na década de 1940). No mesmo lado, continuando
cara abaixo podemos ver as casas que están fronte á Praza das Coles intactas (a
do club, cos seus balcóns de ferro, e que no momento da foto era a clínica do
doutor Juan Segade). Na beirarrúa da dereita tamén mudaron algúns edificios
mais non todos, así o máis alto deles aínda se conserva idéntico, agás o cartel
que loce na fachada, no piso superior, que no momento da foto, estaba indicando
que ese local era a se das JONS.
Trátase dunha imaxe singular e
que incluso presenta un efecto óptico interesante, pois a configuración urbana
é a mesma aínda que mudara algunha edificación, xa que esas obras están feitas
sobre o mesmo solar, sen ampliar nin estreitar a rúa, pero o vela coas
beirarrúas danos a sensación de ser máis ancha do que é en realidade.
E tamén é unha imaxe icónica pois
nos fala, como todas as imaxes desta sección, de sensacións e recordos, non so
nos mostra a imaxe conxelada dun tempo, dun momento, dun acontecemento ou dun
lugar, senón que é capaz de transmitirnos emocións, pensamentos, e nostalxias
dun tempo que vive nos recordos dos que nos precederon e que nos legaron a
través de historias e vivenzas. Compre agora en nós, mantelos e preservalos,
non so como estampas fotográficas senón como ideas que deben pervivir (tanto o
bo porque debe ser revivido, como o malo, para tentar evitalo de novo). Agora
que está en obras a rúa, e que se está a levantar o pasado mediante a retirada
de capas de cemento e terra, debemos tentar ver todo o que se agocha baixo a
superficie e descubrir todos os pasos que durante 800 anos camiñaron por esta
rúa medieval, núcleo de orixe da vila que discorría entre o Castelo e a igrexa
de San Pedro, comunicados ambos polo trazado urbano que vemos nesta imaxe.
PRIMEIRA COMUÑÓN NOS P.P. PASIONISTAS
Neses intres as Comuñóns non era
habitual facelas de xeito individual e, os nenos da vila de Melide ían facer os
preparativos e o sacramento na igrexa do Convento dos Pasionistas.
Trátase dunha estampa que a moita
xente lle traerá moitos recordos, lembranzas de catequese, do cine forum, das
chocolatadas, do frontón e dos albores de Froito Novo, por iso é polo que
empregamos esta foto para recompoñer, un pouquiño, a memoria do Melide de onte.
Esta estampa aparte de cercanía
tamén nos evoca outras moitas cousas: o Convento, a súa arquitectura, o
magnífico retablo, os relixiosos que lle deron vida, así como a semblanza dun
lugar de relixiosidade, colectividade e de cultura. No Convento xurdiron
anceios de país, de reivindicación da galeguidade cultural e tamén da
recuperación das raigames musicais que nos son propias.
Agora que se celebra o 50ª
aniversario do nacemento de Froito Novo, compre indicar que foi neste convento
onde tivo o seu berce, da man entre outros do Padre Jorge López Neira, e do
maxisterio de Gabriel Mato Varela “Garceiras”, o mestre dos mestres gaiteiros,
mestre de Mingos Fuciños, de Ramón Martínez Pedreira, e de tantos e tantos bos
gaiteiros que levaron o nome de Melide polo mundo adiante.
Nesta imaxe vemos nenas e nenos
ataviados con hábito branco, acorde á pureza, con crucifixos, rosarios,
catecismos na man, e as nenas con toca na cabeza. A liturxia foi presidida polo
P. Jesús Lizarraga asistido polo P. Rosendo (dereita) e por D. Gerardo Vilasuso
(coadxutor da parroquia de San Pedro de Melide).
Por detrás vemos o corpo baixo do
magnífico retablo, de estilo Neogótico realizado polo célebre escultor e
imaxineiro Maximino Magariños.
Vense abertas as dúas portas de
comunicación da igrexa coa sancristía que se situaba xusto por detrás do
retablo, nun mesmo eixo que a propia igrexa e continuada por un patio interior
pechado a xeito de claustro.
Para a celebración, a igrexa foi
adornada con flores e palmas, práctica habitual neste tipo de festividades
relixiosas.
|
|
|
Foto do ano 1956. Exterior do Convento. Pode
verse a porta de acceso á igrexa con arco apuntado de estilo Neogótico. Foto
facilitada por Soqui Cea Vázquez.
|
Foto do ano 1956. Comuñón no Convento dos
Pasionistas. Foto facilitada por Soqui Cea Vázquez |
Foto do ano 1956. Interior da igrexa do
Convento dos P.P. Pasionistas. Foto facilitada por Soqui Cea Vázquez. |
|
|
|
Ano 1976. Catequistas e nen@s co hábito de
Comuñón, no interior da igrexa do convento pasionista. Foto facilitada por
Mari Villarabide. |
Foto do ano 1976. Podemos ver ós nenos e
nenas nunha carroza (camion de Mariño, engalanado para a ocasión), acompañados
coa música de Froito Novo. Foto facilitada por Santos López Novo
|
Primeira Comuñón (ano 1970, aproximadamente).
Grupo de nenos e nenas acompañados polo P. Jorge López Neira. Foto facilitada
por Ferna |
|
|
|
Ano 1969: Primeira Comuñón na igrexa do
convento pasionista. Celebrante: P. Jorge López Neira. Foto facilitada por
Mari Villarabide.
|
Foto do ano 1976 nos xardíns do convento
pasionista. Foto facilitada por Mari Villarabide. |
Foto do ano 1959. Pousado no interior da
igrexa do Convento. Foto facilitada por Rosa Neira Martínez. |
|
|
|
Comuñón celebrada no ano 1970 ou 1971. O oficiante é o Padre Jorge López Neira. Foto facilitada por Fernando Méndez. |
Ano 1976. Pousado familiar nos xardíns do
convento pasionista. Foto facilitada por Mari Villarabide. |
Primeira Comuñón de Isabel Núñez (ano
1969/1970). Era usual nese tempo vestir ós nenos con hábito. Foto facilitada
por Isabel Núñez López.
|
|
|
|
Comuñón no Convento Pasionista. Ano 1959.
Podemos ver un castiñeiro de indias e a portada da igrexa, de deseño oxival,
acorde coa arquitectura neogótica do templo. Foto facilitada por Rosa Neira
Martínez.
|
23-05-1968. Primeira Comuñón de Alicia Casal
Neira. Foto facilitada por Alicia Casal Neira. |
Primeira Comuñón no Convento Pasionista.
Celebrante: Padre Jorge López Neira. Ano 1970. Foto Facilitada por Alicia
Casal Montero. |
|
|
|
Comuñón celebrada no ano 1970 ou 1971 no
Convento dos Pasionistas. Celebrante P. Jorge López Neira, asistido polo P.
Rogelio (José García Padín). Foto facilitada por Fernando Méndez. |
Primeira comuñón (ano 1975). Grupo de nenos e
nenas ataviados con hábito branco, acorde á pureza, con crucifixos, rosarios,
catecismos na man, e as nenas con toca na cabeza. A liturxia foi presidida
polo P. Jesús Lizarraga asistido polo P. Rosendo (dereita) e por D. Gerardo
Vilasuso (coadxutor da parroquia de San Pedro de Melide). Foto facilitada por
Alicia Varela Conde.
|
11-05-1972. Xardíns e "cruceiro"
situados na traseira da edificación do convento pasionista. Foto facilitada
por Alicia Casal Neira. |
|
|
|
Foto do ano 1957. Merenda coa que se
convidaba ós nenos e nenas que facían a Primeira Comuñón nos Pasionistas,
composta por chocolate con bolos. Foto facilitada por Fina Rodríguez Lago. |
Foto da década de 1970. As nenas e nenos da
primeira comuñón ataviados co hábito, e coordinados polo Padre Jorge López
Neira, participan na procesión de Corpus Christi. |
|
Dúas estampas para o recordo. Estampas paracticamente irreconocibles para calquera dos que agora paseamos polas rúas desta vila: O Campo da Feira de San Roque que hoxe coñecemos como Cantón de San Roque.
Neste espazo, que nas imaxes
parece diáfano e despoboado, celebrábase a feira de gando ata non fai tanto
tempo. Aínda que na imaxe non se observa con claridade, ese entorno mudou
considerablemente nos últimos 50 anos, que poden parecer moitos pero lembrar o
que alí había: antiga Capela de San Roque, o Cruceiro no parque, a Casa
modernista de Dona Inés,... pero no fondo non son tantos anos para darnos conta
como mudan os urbanismos e as cidades como se fosen entes vivos, aínda que a
maioría das veces so o fan por medrar innecesariamente e desfacendo e eliminado
elementos que non estorbaban: o mal chamado "en favor do progreso".
Deixamos a continuación o texto
que se recolle no Boletín nº 10 do CEM-MTM autoría de Xosé Manuel Broz, en
alusión a estas dúas fotos e que ilustra perfectamente o que aquí había, non so
fisicamente, senón tamén de sentimento, xa que modificar o entorno a maioría
das veces tamén supón perder moito dos nosos recordos.
"Melide foi sempre un pobo
do Camiño, nos camiños do interior de Galicia. Punto por onde pasar e onde
comerciar, así é que as feiras datan do s. XVIII, no último domingo de mes, os
domingos e tamén o xoves.
- E así vén dunha longa tradición a feira grande, cando se celebra a compra-venda de gando.
- En becerros non hai outra coma
ela, e ben se ve como aquí se venden as mellores cabezas do país. Os mercados
realízanse en varios lugares que, co decorrer do tempo, fóronse mudando:
froitos na Praza das Coles desde que se pincharon as árbores da alameda;
queixos, ovos, coellos, galiñas ... na Praza de Abastos, onde antes era a
Alhóndiga e se vendía trigo, centeo, castañas ... ; o gando na feira nova, e
antes era no campo de S. Roque; e logo os demais postos, de tendeiros polas
rúas céntricas e no cruce.
- A feira de Melide dá moito que
falar. Son moitos os comercios, numerosos os feirantes e abondosas as
mercancías que e feirean desde antigo.
Campo da feira de S. Roque. Ó
fondo a Igrexa Parroquial, aínda que as polas case tapan a torre. A casa de
Quinzán, que hoxe é de Ribeirao; e esa pequena branca que é a casa vella de
Obdulia. A antiga e demolida Capela de S. Roque, e logo nada máis por esa
banda. Pola esquerda un edificio que podería ser a igrexa de S. Pedro.
- Árbores na feira, -olmos e
carballos?- e as vacas e a xente... Cara ó mediodía dunha mañá de inverno, polo
que se ve no home: bufanda, sombreiro de fieltro e chaqueta ribeteada. Ó fondo,
á beira da estrada, hai máis xente. A manta de cadros dobrada sobre a montura
da besta, imaxe que se adoitaba ver cando o frío. Cando? Por dicir ... anos
vinte?
Na segunda imaxe podemos ver:
"Datada polo ano 1927, vese ó fondo a Casa do Vello Petís, onde logo se
reconstruíu a Casa de Patiño. O Palco da música, e as árbores novas da feira. A
moza vai pola estrada cara o Cruce, polo lugar onde apareceu a "Punta de
Lanza", datada no 1000 a.C."
RÚA DO CONVENTO, ANO 1983
Amosamos unha imaxe en cor, a primeira desta sección de estampas de Melide tomada hai 39 anos. Trátase
dunha foto saída da cámara de Adolfo para unha serie de postais de correos de Melide feitas a principios dos anos 80.
Facendo unha ollada rápida parece
que nada mudou, que a rúa segue igual, pero se nos paramos nos pequenos
detalles podemos observar sutís diferencias que nos falan do paso dos anos: o
primeiro edificio á dereita, onde se situaba a antiga barbería de Marcos, nesta
foto do ano 1983 estaba en proceso de construción, e seguindo esa mesma liña de
casas, non vemos ningunha que teña máis de dous andares. O mesmo acontece no
lado esquerdo da rúa, onde podemos ver as antigas casas con galerías de madeira
e que manteñen a esencia dende que se comezou a urbanizar ese lado da rúa,
despois do ano 1915 pois conservamos unha foto desa data sen casas. Podemos
apreciar tamén que non hai beirarrúas e que os escasos coches aparcan ó lado
das casas (eses mesmos coches son indicativos da idade da foto). Vendo esta
imaxe lembramos o Melide de hai 40 anos. Pero amosar esta imaxe, e moitas
outras desta sección constitúe case un xogo de recordos e vivencias persoais.
Cada quen ten os seu propios, coas súas historias e anécdotas.
Resulta imposible non mudar, pero
isto non quere dicir que sempre se faga para ben, hai cousas que deberían
prolongarse eternamente no tempo sin sufrir algún tipo de variación, como a
esencia das antigas vilas, cos seus edificios e rúas que viron vivir tantas
historias e que gardan os recordos dun pobo. Noutras ocasións o cambio é
indispensable cando se trata de mellorar e avanzar, pero obviamente case sempre
as dúas opcións poden ser compatibles, aínda que pareza o contrario. Avanzar,
mudar, progresar non é sinónimo de destruir, deturpar nin esquecer o pasado,
senón todo o contrario. Sempre se avanza e progresa mantendo e conservando o
que temos e o que fomos.
FÚTBOL EN MELIDE NA DÉCADA DE 1940
No Boletín nº 11 do Museo podemos ler: "O campo de futbol do Marco, o das Granxas, e logo o actual doCire, foron as testemuñas de tardes de partidos por onde pasou case toda, toda a xuventude melidán". As fotos que axuntamos hoxe están datadas na década de 1940, e polo que se pode ver, existía xa unha fonda afección por ese deporte.
"As botas de sola e tacos,
feitas a man polos zapateiros de Melide, os balóns de coiro duro, porterías de
malos casqueiros e moito esforzo para mercar os uniformes". Así se
describe no Boletín 11 como de difícil resultaba poder xogar ó futbol.
En canto ás equipacións, podemos ver nunha das fotos como visten camisa de botóns, e incluso hai alguén que xoga con boina.
Pero non faltaba a emoción, nin
sobraban as ganas de gozar e pasalo ben as tardes de domingo, cando o futbol
non era negocio e so era un deporte co que poder sentirse libre e fachendoso de
marcar goles para o teu equipo.
"...mozos que deron tardes
de ledicia cos seus goles, cando o obrigado partido de San Roque..., todo era
afección no campo, regateos, berros, goles, ledicia de festa. Eran tempos de
futbol, todos eramos actores do futbol, espectadores e xogadores, porteiros,
dianteiros, defensas.... precariedade e paixón" (Boletín nº 11 do
CEM-MTM).
Actuaron ata finais da década de 1960. Acadaron moita calidade, porque os ensaios eran contínuos, e era moi frecuente escoitar o son da filarmónica polas rúas de Melide.
Aquel día, os
máis vellos tocaron a música da película "Solo ante el peligro".
(Textos e foto extraídos do Boletín nº 10 do CEM-MTM).
A RÚA NOVA (DÉCADA DE 1950)
Esta rúa comunica na actualidade a rúa de Ovedo coa encrucillada da rúa da Moa con San Pedro e Principal, pero non foi ata o ano 1866 cando se abriu esta comunicación. Polo tanto ata ese momento para ir dende a rúa de Ovedo á Principal había que atravesar a Praza das Coles.
A continuación
deixamos un extrato publicado no Boletín nº 10 onde se recollen varias
impresións sobre esta rúa:
"Ó fondo
vemos a casa de Veiga e a de Secundino do Chocolateiro - nela fíxose moito e bo
chocolate de onza-. Nesa casa, onde logo foi xastrería do seu fillo, traballou
como chocolateiro ata a guerra do 36.
Secundino
Cordido, foi chocolateiro artesán, facía todo a man. Tamén o facían Antonio
Souto de Bastián e Ricardo Fernández, pero eses xa emplearon máquina.
Nesta tenda
reuníanse varios mozos destas rúas, e alí parolaban, cantaban e foi berce onde
naceu o Coro "Aires de Melide", aló polo ano 1953.
Na pequena
casa da esquina vivía Emilio Mejuto, quen foi director do coro "aires de
Melide". Ademais de cantar representaban obras de teatro en galego, que
facían a ledicia do Melide dos anos 50 e 60. O señor Emilio tiña alí o su
taller de latoneiro. A carón estaba a barbería de Siberio, que logo foi do seu
xenro Louzao.
A casa da
esquina esquerda era de Louzao e a da dereita de Primitivo".
Imaxes dun
Melide irrepetible e irrecuperable.
A PRAZA DAsS COLES, DÉCADA DE 1940
Mudou o seu aspecto, pero algo en ela nola recorda. Falta a fonte no centro da praza, xa que a primeira foi instalada nos anos 60. E nos asombra ver as árbores humanizando o entorno onde dende a Idade Media se celebrou o mercado. Hoxe, domingo, podemos ver vendedores de froitas e verduras no mesmo lugar onde hai séculos se colocaban os postos ó igual que na actualidade.
Pero a praza xa non é a mesma, o
mal chamado progreso moitas veces deturpa espazos que semellan estar feitos
para que a xente desfrute neles e sinta o peso da historia cando camiña polos
seus recunchos.
Esta praza foi o centro
neurálxico dunha vila medieval vertebrada pola rúa principal. Tivo moitos
nomes: "do Azougue", que nos lembra o seu sentido comercial; "do
Pan", por ser lugar onde se podía adquirir este produto cocido nos innumerables
fornos da vila; "da Constitución", o seu nome actual que nos fala das
leis promulgadas en Cádiz en 1812 (Constitución coñecida como "A
Pepa") ; ou "das Coles", como todos a coñecemos popularmente, e
que nos retrotrae a ese pasado medieval dun lugar onde sempre se venderon e
mercaron os produtos da horta.
Unha estampa dun Melide
irrecuperable, perdido, mais tamén fermoso, entrañable, do que poderiamos
presumir e que nos debe ensinar que o progreso e o benestar non deben estar
reñidos coa conservación do noso pasado.
A PRAZA DA HERBA
Esta imaxe foi tomada a principios da década dos 70, aínda que pola estampa que representa: casas con
balconada de madeira ou o coche da década anterior ..., fainos retroceder no tempo a un momento no que en Melide podíamos ver prazas tan fermosas como esta.
Noutrora, este espazo formaba
parte do Melide Medieval, do Melide antigo, unha praza cuxo nome evoca o
mercado de herba que alí se celebraba.
Hoxe este recuncho está
totalmente mudado de aspecto, dando a impresión dun espazo novo dentro dun
contedor que ten moitas historias que contar, daquel Melide que moitos aínda
lembran. Actualmente as terrazas dos locais de hostalería non permiten ver o espazo
da praza, aínda que todo mudou de tal xeito que parecen dous lugares distintos.
Pero semella que este lugar foi
creado para atoparnos a xente departindo animadamente cada fin de semana, como
cando se celebraba mercado.
A xente muda, os lugares cambian,
pero os recordos permanecen na memoria de quen quere lembrar. E estes recunchos
da nosa vila son estampas que desapareceron recentemente e dos que agora so nos
quedan as imaxes impresas.
VENDA DE CACHARROS NA FEIRA, ANO 1947
Nesta foto que xa ten 74 anos, podemos ver o posto de venda de caharros da familia Vizcaíño nun día de feira. Aínda que nunha primeira vista podemos recoñecer perfectamente o lugar onde está instalado o posto, O Cruce, se nos fixamos ben atoparemos curiosidades que xa non existen: a propia situación do posto, no que hoxe ocuparía parte da estrada, a fonte que está situada adiantada cara o cruce e presenta a súa configuración orixinal (coas cabezas dos leóns arriba do fuste). Tamén vemos árbores onde agora non as hai, como no mesmo posto de feira ou na Alameda onde a Casa de Mazaira (ó lado da fonte). Por sorte, as casas dese lado da beirarrúa aínda non mudaron e se conservan tal e como as vemos na foto.
Esta imaxe nos fala doutros
tempos, cando o pástico aínda non inundaba as nosas casas (nin os nosos mares e
montes), e era preciso mercar estes recipientes de barro para cociñar,
conservar e transportar os alimentos. Tecnoloxía que durou preto de 10.000 anos
(dende a súa invención en Mesopotamia), e que perdurou, como algo útil,
necesario e ecolóxico ata fai moi pouco tempo, aínda que semelle que agora xa
non sabemos vivir sen plástico.
Unha estampa dun Melide que segue
a celebrar mercados pero que nos lembra un tempo que xa pasou.
A FESTA DA ÁRBORE
Aconteceu na década dos anos 40
do século XX no Campo de San Roque.
A imaxe transmítenos o momento no que se está a plantar unha árbore, motivo desta celebración.
Pero ofrécenos moitos máis datos. Detrás dos que posan para a foto podemos ver a vella Capela de San Roque, xa sen tellado e en proceso de desmantelamento, na súa ubicación orixinal: a beirarrúa do actual Cantón de San Roque, á altura do edificio de 6 andares. Ó fondo da foto, na esquina dereita tras o tronco da árbore que ocupa o primeiro plano podemos ver xa a nova e actual Capela de San Roque, edificada cos restos da anteiror e da tamén inxustamente desmantelada parroquial de San Pedro, de estilo románico.
A foto foi tomada nunha festa, na
que se intúe aínda o proceso penoso e de carencias propio da postguerra. Debeu
celebrarse nun día frío de inverno ou inicios da primavera, pois as árbores
vense sen follas e o chan enlamado e a xente abrigada.
Como narrou Lolita Landín del
Valle, hai xa moitos anos, despois desta festa daban a cada neno un chusco de
pan cunha onza de chocolate, e se remataba o acto cantando unha canción;
"cuidemos el árbol que voy a plantar/si Dios lo protege del agua y del
viento/ salud y riqueza dará/para el aire puro campestres aromas/y para el
caminante regaladas sombras/y si triste y solo llego yo a morir/dejaré en el
mundo un árbol/siquiera plantado por mi./Cantemos al árbol con voces de paz y
amor/defiéndalo el hombre/protéjalo Dios."
No centro da foto o alcalde de
Melide nese momento, Xosé Vaamonde. Tamén vemos ó garda municipal José Mosteiro
e ó cura párroco bendicindo o acto.
Algo curioso desta imaxe e por
fortuna xa mudou esta forma de pensar, é que so vemos homes e nenos, non se ve
na foto a ningunha muller (aínda que noutras fotos do mesmo acto si se ven, ó
fondo, deixando o primeiro plano para os homes).
E curiosa resulta tamén a
conciencia ecolóxica, cando hoxe non se deixan de talar árbores e non so nos
montes e bosques, senón tamén nas nosas rúas.
O CRUCEIRO DO CASTELO
Esta imaxe pertence a unha serie de "Fotos Adolfo", efectuada na década dos anos 70. Ofrécenos unha visión de Melide diferente a que soemos ver a pe de rúa. E en primeiro plano vemos o Cruceiro do Castelo, que pasa totalmente desapercibido día a día, e do que ninguén se lembra cando se pregunta cantos cruceiros hai na vila. Este do Castelo é do século XIX (concretamente do ano 1897, rematando ó século). Non destaca pola súa decoración, senón que máis ben presenta unha imaxe bastante simple. Foi ergueito para rogativas e ofrendas na honra da Virxe do Carme, e segue aí, a pesar de non chamar moito a atención.
En Melide ata principios do
século XX había un terceiro cruceiro situado na encrucillada de estradas da
Coruña e Toques, na zona que se segue a chamar "O Cruceiro".
Este cruceiro do Castelo, non tan
monumental, característico, antigo e fermoso como o cruceiro que se conserva ó
carón da Capela de San Roque, é igualmente digno de conservación e admiración.
Ademais goza dunha privilexiada vista do pobo, a mesma que puideron observar os
habitantes do antergo castelo derruído, ou, eliminando as construcións, a vista
do val que disfrutaron os habitantes do castro que aínda durme baixo a terra.
A nosa vila agocha moitos
tesouros, algúns deles á vista.
CASA DE PAMPÍN
Esta foto que
garda relación directa coa seguinte.
A foto anterior está datada nos
anos 40 e xa se ven todas as casas construídas.
Imaxes da evolución urbanística
do pobo que nos aportan luz ó devir da vila.
ALAMEDA E RONDA DA CORUÑA
Continuamos amosando estamas da nosa vila que están no recordo de algúns, pero que son descoñecidas para moitos.
Hoxe amosamos a Alameda e o
inicio da Ronda da Coruña, moi pretiño do Cruce. Exceptuando a primeira casa
que se ve á dereita da foto (a de Pampín) que segue igual á día de hoxe, o
resto sufriron importantes modificacións. O mesmo sucede coa Alameda, frondosa
como se aprecia nesta imaxe e que constituía un dos espazos verdes máis
fermosos e frecuentados da vila.
Os rapaces pousando para a foto,
divertidos. Hoxe sería imposible tomar esta instantánea debido áafluenza de
tráfico rodado nese punto.
PRAZA DAS COLES, DÉCADA DE 1930
Nos anos 2020 e 2021 non puido celebrarse a festa de San Caralampio, e nesta emblemática praza do pobo, teríanse repartido pementos, mexillóns, cachelos e viño.
Poucos sabrán que dende o século
XIII foi a "Praza Maior" de Melide, eixe neurálxico da vida e dos
mercados desta vila.
Hoxe nesta foto vemos unha
estampa irrecuperable pero magnífica. Unha praza fermosa que hoxe sería o
orgullo do pobo.
Obviamente os tempos mudan e o
carro tirado polas vacas non tería lugar neste século XXI, pero a esencia e a
estrutura da praza non debería ter mudado.
Estampas para rememorar o pasado
e descubrir como era o noso pobo.
EXCURSIÓN POLO RECHINOL
Esta fotografía dos anos 20 retrata a un grupo de excursionistas de rolda polas inmediacións da central eléctrica do Rechinol.
Entre eles cabe destacar a presenza de Juana Teresa Juega, destacada poetisa e defensora dos dereitos e liberdades da muller, sobre todo no eido creativo, e do seu home Emilio Pereiro Quiroga, tamén escritor e que por esa época exercía de Secretario do Concello de Arzúa, do que tamén foi Alcalde nesa década e baixo o seu mandato soou por primeira vez o Himno Galego na veciña vila.Dúas grandes personalidades culturais e comprometidas das que deberíamos
sentirnos gratamente congratulados. E aínda que a meirande parte das súas obras
literarias están escritas en castelán, tamén utilizaron a nosa lingua, o
galego, para transmitir as súas inquedanzas e sentimentos.
Na foto podemos velos xuntos, ó lado do neno, á esquerda da foto. Un
sentado diante do outro, o home sentado detrás da muller. Ironías que reflexan
a realidade, de como ese dito popular que tras un home hai sempre unha gran
muller, a maioría das veces habería que darlle a volta, ou cando menos
igualalos.
MELIDE DÉCADA DE 1950
Nesta
fotografía tomada dende o alto da torre do Convento podemos ver unha estampa de
Melide hoxe irrecoñecible.
En primeiro
termo, abaixo de todo, asoma a cheminea do pazo da Obra Pía (Casa do Concello),
e á
súa esquerda intúese o patio interior, a xeito de claustro, que tiña ata os
anos 60.
Destaca por
riba de todo a "alhóndiga", o antigo curro do pazo que foi utilizado
como mercado de gran ata a década dos 70, cando se transformou ese espazo no
que agora coñecemos (a traseira do concello).
A rúa San Antonio, sen os edificios modernos de hoxe, amósase como unha rúa antiga, case medieval, cos recintos cos píos (hoxe un deles desaparecido e o outro transformado, aínda que conserva o muro de peche).
Ó fondo, á
dereita vemos a Casa de Sierra, lucindo en todo o seu esplendor. E por riba dos
tellados, como desafiando á altura do fotógrafo, a Capela do Carme no alto do
Castelo.
As fotografías
contan moitas historias, narran a historia e a plasman nunha instantanea
inesquecible. Dise que unha imaxe vale máis que mil palabras, non é exactamente
así, pero sí contribúen a axudar a comprensión histórica e amosan o que as
palabras non poden dicir, nin os recordos lembrar.
PASADO RECENTE
Imaxe da rúa Mateo Segade Bugueiro vista dende o Cruceiro. A foto é anterior ós
anos ´40 (posiblemente da década de 1930).
Con ela poderíamos xogar a atopar as sete diferenzas: Comezando pola propia fonte co deseño orixinal, que foi mudado nos anos ´50 e posteriormente a finais dos ´80. As casas do lado dereito, das que aínda se conservan as tres primeiras das galerías, onde podemos ver tamén o vello cuartel da Garda Civil en pe. Curiosamente as casas que existen hoxe en día despois do desvío cara á Rúa México aínda están sen edificar. E polo lado esquerdo vemos a gran transformación exceptuando a casa-fonda do Aceiteiro. Chama a atención o hórreo que formaba parte da propiedade da casa do “Dulceiro”, que tiña a súa entrada pola Ronda da Coruña. O valado en primeiro plano impídenos ver con claridade o cruce de estradas, pero estanos a aportar unha valiosa información, xa que nos conta que a casa de Don Eladio aínda estaba sen edificar, posto que a foto foi tomada dende o solar que agora ocupa o inmoble.
Esta imaxe da
rúa sen asfaltar, case semella a estampa que podemos contemplar na actualidade
coas obras que se están a levar a cabo nela, xa que nos permite ver a amplitude
da mesma e a ausencia de tráfico rodado e coches aparcados (excepto o que se ve
na foto e que posiblemente sería un dos escasos que circularían por ela e que
lle aporta un toque de modernidade).
Imaxes do
pasado recente que nos aportan unha visión que case temos esquecida pero que
forma parte da memoria colectiva e da historia da vila.
MULLERES NO RÍO. DÉCADA DE 1940
Nesta foto que podemos ver un grupo de persoas (mulleres, nenas e tamén un home), descansando e pousando para a foto despois do traballo. Teñen a roupa estendida polas penas branqueando e secando ó sol.
Esta
fotografía ensínanos a vida doutro tempo que xa parece lonxano pero que pervive
na memoria de moitos, como se non fose máis que un recordo ou un soño
aletargado na memoria. Esta imaxe nos ensina o duro traballo das mulleres,
verán e inverno lavando nas frías augas do río a roupa da casa, aínda así
observamos o elegantes que van cos seus vestidos brancos. Todos sorrín á
cámara. Nenas acompañando ás nais, ás tías, ás veciñas... As mulleres que sacan
adiante un fogar co seu traballo diario, duro, arduo, laborioso,... Pes
descalzos nas augas. Augas limpas dun río sen contaminar. As fotografías son
importantísimos documentos do pasado que nos falan a través dunha imaxe estática.
Cóntanos a vida das mulleres e homes, os quefaceres, as penas e as ledicias.
Que cada quen saque as súas propias conclusións. Como se di: ás veces unha
imaxe vale máis que mil palabras.
EQUIPO DE
BALONCESTO FEMININO DE MELIDE,
Na Praza do Convento. O día 12 de febreiro de 1974.
Chama a
atención o uniforme das xogadoras, xa que se trata de saias e non pantalóns,
que lles resultarían máis cómodos (pero eran outros tempos, que por sorte xa
mudaron).
É unha estampa
curiosa da que se pode obter moita información: unha das fiestras da igrexa (á
dereita) está tapiada, vese unha das canastras do campo de xogo pegada á parede
da igrexa, e no chan, onde pousan as deportistas, aparece pintada a cancha de
xogo (non sabemos como puideron facer coa fonte situada no medio e medio da
praza, que naqueles momentos aínda mantiña os bancos corridos ó seu redor); ó
público, colocado darredor contempla a escena.
Se alguén ten
recordos deste día, que non dubide en facernos chegar os datos: quen son as
deportistas, contra quen xogaron, quen gañou...
Historia viva
do noso pobo.
Esta foto
pertence ó arquivo fotográfico de Carme Fondevila, e foi publicada no Boletín
11 do Museo da Terra de Melide, no ano 1998.
O LEBOREIRO. ANO 1978
Tomadas no ano 1978 por Xosé Manuel Broz.
Podemos ver como se conserva aínda a esencia dunha aldea
tradicional. O Cruceiro conserva a mesa de altar, ó lado do antigo Hospital de
peregrinos vense varios cabaceiros, a ponte estaba sen restaurar,... a pesar de
que xa asoman algunhas construcións reparadas con ladrillos e sen recebo
(comezos do feismo urbanístico).
O progreso debe chegar ás aldeas para promover e fomentar
a vida nelas, pero non deben perder a esencia da súa orixe, nin deixar
esmorecer o patrimonio que se agocha nelas e que constitúe os alicerces do que
somos como pobo. Conservemos, disfrutemos protexamos e presumamos de legado
histórico-artístico, pero mantendo a esencia orixinal que é a que define o
valor das cousas.
FURELOS. DÉCADA DE 1970
Ao igual que no Leboreiro, coa ponte antes da restauración, e onde podemos ver as rúas da aldea cun marcado carácter medieval.
Fotos e
estampas para o recordo que pouco a pouco vai esmorecendo con novas
construcións, difíciles de entender nun entorno que debería ser conservado como
cápsula do tempo, considerando de todos os xeitos que o progreso e as
comodidades deben chegar a todos os puntos, pero para todo hai ou debería haber
entendemento e compatibilidade.
A VELLA PONTE
DO LEBOREIRO
Engadimos hoxe dúas fotos dos anos 60-70, da autoría de Fotos Adolfo e Manuel Núñez, da ponte do Leboreiro feitas antes da restauración que se fixo no ano 1984, e na que se lle engadiron os peitorís laterais que loce actualmente.
Estas vellas
fotos amosan o encanto que conserva o espíritu das ruínas. Podemos observar
nelas a feitura dunha ponte medieval, dun so arco, que se construíu para salvar
o río Seco, no trazado do Camiño Francés a Santiago.
Mais non é a
única ponte medieval da nosa bisbarra.
Na actualidade
tamén se conserva, a pouco máis de tres quilómetros, a ponte de Furelos,
monumental e de catro arcos, pero tamén se recordan a Ponte de Mera (derruída
no século XX), a Ponte da Pedra e a Ponte de Mourazos, esta última no Concello
de Santiso nos lindes co Concello de Agolada, onde o río Ulla actúa de
fronteira natural, de cronoloxía altomedieval do século IX, e da que so se
conserva a pedra coa inscrición da súa construción actualmente afundida no río
e que se pode ver cando leva pouco caudal.
Con estas fotos da ponte do Leboreiro queremos amosar a riqueza patrimonial da nosa bisbarra, recuperable, restaurable e de potencial reclamo para visitantes e investigadores. Alomenos tres pontes
de orixe medieval se perderon no pasado máis inmediato, non deixemos que siga acontecendo. Coidemos e respectemos o patrimonio.
EQUIPO MELIDÁN
DE FUTBOL FEMININO
![]() |
Foto facilitada por Carmen Fondevila. |
Foto
facilitada por Carmen Fondevila.
O Museo da
Terra de Melide non dispón de información específica sobre este encontro
futbolístico celebrado durante as Festas do San Roque.
Segundo informacións facilitadas por Xan Méndez e Luisa Martínez o Atlético de Melide fúndase un 11 de abril do ano 1973, sendo dous anos máis tarde, no 1975, cando nace o Club de Futbol do CIRE ("Centro Instructivo y Recreativo").
Estas tres fotos foron cedidas por Mercedes González Mejuto, quen ademais doou ó Museo unha foto orixinal feita en transparencia do día da presentación do primeiro equipo no ano 1973, e que locía no escaparate dun comercio de Melide. O "Mister" dese equipo era Suso de Mosquito.
ANO 1966,
"OS DO CIRE NA MADANELA"
"Regresaban dunha excursión e pararon a facerse unha foto no toro da Madanela". Foto do arquivo de Don Juan López.
O toro de Osborne, publicidade que decorou todas as estradas do Estado, tamén se deixou ver polas Gándaras da Madanela.
NOVA FOTO DA RONDA DA CORUÑA Ó REDOR DOS ANOS 50
Amosamos unha nova foto do arquivo da Familia Sánchez
Sánchez, que nos facilitaron amablemente e que ven a incrementar o noso fondo
gráfico.
Nesta ocasión amósase a Ronda da Coruña, á altura da Casa Aceiteiro, que como
se pode observar na foto, é unha das poucas casas que aínda segue en pé hoxe en día. A estrutura da rúa non variou, pero si ás construcións da mesma, conservándose, como xa dixemos, a Casa Aceiteiro, a casa do Bar Central na esquina seguinte, máis as ruínas das dúas casas ó seu carón. Por fortuna, cruzando a esquina cara ó fondo da foto (pasado o cruce coa Rúa América), as casas que se observan aínda seguen en pe todas.
Grazas de novo á Familia Sánchez Sánchez, e en
especial a José Antonio, por facilitarnos estas estampas tan fermosas,
irrecuperables e cheas de lembranzas do noso pobo.
RONDA DA CORUÑA NA DÉCADA DE 1950.
Trátase dunha vella estampa da Ronda da Coruña datada ó redor do ano 1956, segundo informacións de José Antonio Sánchez Sánchez, que foi quen amablemente a facilitou, e que forma parte do arquivo familiar da familia Sánchez.
A foto vese
que foi sacada un día de festa, xa que a travesía está engalanada con
bandeiríns (coas bandeiras de España e de Galicia). Nesta foto aínda estaban en
pé as casas do Dulceiro, a de Silvela ou tamén a do Bar Fornos. Na marxe
dereita tamén se pode ver un deses míticos autobuses das feiras, que prestaban
un servizo fundamental naqueles anos nos que había moi poucos coches
particulares.
O Museo de Melide
agradece a José Antonio Sánchez o detalle, e tamén queremos resaltar que posúe
un enorme arquivo fotográfico tanto de fotos antigas coma actuais de Melide, e
tamén de distintas localidades galegas, e do resto do Estado (de Guadalajara,
Alcalá de Henares e de moitísimas máis localidades, facendo especial fincapé en
retratar o patrimonio histórico artístico). Tamén é admirable a súa inxente
faceta de recompilar imaxes de anuncios e cartaces antigos, constituíndo un
importantísimo fondo gráfico e documental.
Grazas ó seu facebook hoxe todo o mundo ten a oportunidade de ir visualizando o Melide de onte, e como foi mudando o seu urbanismo e imaxe co percorrer do tempo.
Textos elaborados por Cristina Vázquez Neira e xurxo Broz rodríguez
Fotos Arquivo do Museo da Terra de Melide.