martes, 20 de xuño de 2023

 AS MAXESTUOSAS E HISTÓRICAS ÁRBORES DO CONVENTO PASIONISTA DE MELIDE:

“ICONAS DO PATRIMONIO NATURAL DA VILA”.



Neste artigo imos falar dos catro soberbios exemplares arbóreos que, por sorte, aínda se manteñen e pé, no solar do malogrado convento dos PP Pasionistas de Melide, que inexplicablemente foi demolido no ano 1998. De toda a impronta da congregación pasionista por sorte aínda se manteñen ergueitos e lanzais as catro árbores que, no adro, precedían á fachada neogótica da igrexa conventual.
Primeiramente queremos recuperar as verbas nostálxicas de Mingos Fuciños (“O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no Boletín nº 10 do CEM-MTM, no ano 1997), quen se refire as árbores do seguinte xeito: “... os tempos trocaron, é verdade, había que reconvertilo, tamén é certo, pero a desfeita da Igrexa, ese é outro cantar. Fago votos para que non pinchen as árbores do adro, é o que nos queda”.


Postal de felicitación de Nadal enviada polo Museo aos seus socios no ano 1998, recordando e facendo lembranza do Convento Pasionista que neses momentos estaba a piques de esmorecer. Vemos nesta estampa como as árbores flanquean a entrada, cual custodios vixiantes dos pasos dos que ata alí se achegan.


No mesmo boletín Xosé Manuel Broz tamén lamenta a desfeita do Convento, que estaba anunciada, mais aínda non tiña acontecido, quen non ten reparos en denunciar o que estaba por vir: “Honra e loubanza ó convento, erguido con suor, dádivas e donacións de xentes do pobo, -memoria agradecida-, agora que está en vísperas dunha irracional transformación, agora que remata a súa Fundación, despois de 84 anos de servizo ó pobo, cumplíuse outra iconoclasia máis: xa se mudou o culto para outra de nova planta o 21 de decembro. O futuro deste edificio será a transformación ou a demolición?. Velaí como se fan suceder as cousas e como se transformaron os obxetivos”.

Nesta imaxe, vemos ao fondo como as árbores do Convento dos Pasionistas se transforman en seres vixiantes do que acontece nas rúas de Melide. Competindo en altura coa torre, ambos elementos marcan un límite visual que nos sitúa os pes na terra e os ollos no ceo.

Nesta foto podemos ver como os cedros do Atlas xa comezan a querer amosar a súa dignidade e esbeltez, ensinándonos que no futuro, a sombra que proxectan sobre a porta da igrexa debe ser máis longa que a existencia desta, que non chegou a cumplir un século.

Nesta foto dos anos 40 podemos apreciar como mudou o perfil da vila de Melide debido ao desenvolvemento urbanístico. Mais as árbores senlleiras (e sempiternas) seguen a medrar, como en simbiose coa vila.
Uns en horizontal, outros en vertical como configurando un espazo no que os límites estan marcados polos elementos que nos definen.

Siluetas desafiantes da lei da gravidade.

Vemos unha das últimas fotos do Convento Pasionista antes da súa demolición. As árbores siguen, a edificación non. A sombra que nos proxectan confire a ese espazo dunha calma e serenidade que invita á reflexión e a contemplación dos nosos propios pensamentos, facéndonos comprender que a beleza dos espazos naturalizados tamén axuda ao progreso da humanidade.
Se algo nos queda da historia do Convento, son esas árbores que nos recordan moitos momentos da historia recente do pobo... comuñóns, tardes de cine, xogos, charlas, infancia e xuventude vivida por varias xeracións.


Ó respecto destas árbores xa atopamos referencias no libro do biólogo e botánico Carlos Rodríguez Dacal titulado “Árboles y arbustos de la Comarca Terra de Melide”, publicado no ano 1985, acompañado por ilustracións a plumilla de Xosé Manuel Broz Rei. Nesta entrada axuntamos as descricións que das árbores fai este eminente investigador quen foi profesor no IES de Melide e Director do Xardín Botánico de Padrón.

Os dous exemplares de meirande porte, lindeiros coa estrada AC-840, cuxa copa se proxecta e da sombra sobre a mesma, aportando unha sensación de vistosidade e maxestuosidade manifesta, tal e como se pode albiscar dende o mesmo centro da vila de Melide. Os exemplares en cuestión se tratan de senllos Cedros do Atlas “Cedrus Atlántica”, e ós que o profesor alude como “en el Ayuntamiento de Melide se alzan dos magníficos ejemplares a la entrada de la Iglesia del Convento de los Padres Pasionistas”. O autor sostén que a especie é orixinaria da Cordilleira do Atlas e das montañas húmidas e elevadas de Marrocos e Alxeria, e que sería introducido no continente europeo no século XIX. Sen embargo o mesmo autor na páxina 135 do libro entra nunha contradición, xa que sostén que se tratan de Cedros do Himalaia, do que afirma que “el cedro del Atlas se diferencia facilmente del cedro del Himalaya porque sus ramificaciones no son péndulas, las acículas son más cortas y duras y porque sus piñas están excavadas o hundidas en el ápice”.
Os outros dous exemplares situados por detrás destes se corresponden con dous magníficos exemplos de Castiñeiro das Indias (Aesculus Hippocastanum L.). Carlos R. Dacal se refire a eles do seguinte xeito: “De entre los pocos lugares en que han sido vistos hay que resaltar, en el Ayuntamiento de Melide, la pareja de ejemplares majestuosos que se alza a la entrada del Convento de los Padres Pasionistas (Cazallas). O autor sostén que esta variante de castiñeiro é oriunda de Europa oriental e Asia Occidental, sendo introducido en Viena no século XVI e en París no XVII, como árbore ornamental e de sombra e polas súas virtudes medicinais.

   

 

 

Páxinas 26, 98, 99 e 135 do libro "Árboles y arbustos de la comarca Terra de Melide" de Carlos R. Dacal. Nas tres primeiras podemos ler a información sobre a especie Cedro do Atlas e do Castaño de Indias. Na última vemos a información sobre as distintas especies de árbores que conformaban o xardín botánico do Convento Pasionista, hoxe adro da Residencia da 3ª Idade.

Esta árbore, como é ben sabido, é de folla caduca, e por tanto e a xulgar polo porte destes dous exemplares, a caída da folla traducíase nun traballo inxente e sacrificado, que era levado a cabo de bo grao polo Hno. Florentino Arana Irazábal, relixioso do Convento, encargado dos traballos de xardinería e de laboreo na horta do Convento. Tras a súa morte os traballos de recollida da folla foi asumido por outros membros da comunidade, tal é o caso do P. Rosendo (Manuel Díaz González), quen nos ten dito que era unha das ocupacións que o mantiñan entretido tras a súa xubilación como profesor de Literatura do IES de Melide.
Compre sinalar que a procedencia destas árbores exóticas e alóctonas, propias doutras xeografías e latitudes, foron introducidas para ornamento de parques, xardíns públicos e privados (sobre todo dos primeiros) e xardíns botánicos e de recreo, principalmente por misioneiros das diferentes ordes e congregacións relixiosas, tal é o caso que nos ocupa. Nunha foto de comezos do século XX vemos o Convento dos Pasionistas de Melide precedido por dous exemplares de Eucalipto que foron debidamente reemprazados por especies de maior valor paisaxístico.




Finalmente queremos subliñar sobre o froito dos castiñeiros de indias que non sendo comestible, está provisto de propiedades compatibles coa industria cosmética e farmacéutica e que na cultura dos nosos avós soia levarse no peto como amuleto ou obxecto máxico e propiciatorio, non sendo raro ver referencias sobre este tipo de castaña na bibliografía referida a aspectos inherentes ás crenzas tradicionais, ou en museos que tratan estes aspectos. (Así pois, é un dos obxectivos deste Museo a curto prazo: habilitar unha vitrina no que se trate o mundo das crenzas populares).

Con esta entrada pretendemos poñer o aceno en que o patrimonio cultural non é so o monumento construído polo home, senón tamén os valores paisaxísticos e ambientais que lle serven de acompañamento, marco e escenario. Neste caso non se podía disociar Convento e as súas árbores, que servían de antesala e recepción á igrexa. Avogamos pois porque estas árbores senlleiras teñan unha longuísima vida, que nos sobrevivan e que sigan a servir de recordo do malogrado convento e tamén que sigan a contribuír a xerar a calidade ambiental tan beneficiosa para a nosa saúde.


ÁLBUM FOTOGRÁFICO DAS ÁRBORES DO CONVENTO:

































Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira


ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...