martes, 20 de xuño de 2023

 O ESCUDO DE MELIDE.

(A significación do emblema municipal).

Escudo de Melide na fachada da Casa Consistorial

Neste artigo imos falar do escudo de armas de Melide, posto que consideramos que hai diversos aspectos descoñecidos, que compre sinalar.
Primeiramente imos parafrasear senllas descricións que sobre el fan dous estudosos da heráldica.
Así na entrada sobre Melide na “Gran Enciclopedia Gallega” Jaime Bugallal y Vela, reputado xeneloxista, fai unha descrición formal e iconográfica do mesmo, nos seguintes termos: “El Ayuntamiento de Melide trae por armas: de azur, la tiara pontificia, que es una mitra o bonete ovoide de plata, enfilado de tras coronas ducales de oro, sumado de un mundo o globo de oro, centrado y cruzado de lo mismo, con dos ínfulas de plata pendientes, franjadas de oro y sembradas de cruces de sable; la tiara brochante sobre dos llaves puestas en aspa, la de la diestra de oro y la siniestra de plata, y acompañada en punta de tres estrellas de oro. Al timbre, corona real cerrada.”.

Xosé Manuel Broz Rei en “Vila de Melide” (2016), fala do escudo melidao do seguinte xeito: “Por ser patrón San Pedro, foi como se escolleu a tiara mailas chaves do escudo de San Pedro de Roma; logo engadíronlle as tres estrelas de seis puntas colocadas no fondo entre as chaves; según informe do alcalde Laureano Somoza no ano 1876, no que describe, e afirma que xa existe no ano 1843, data da formación dos concellos.”
Si, certamente o brasón municipal alude á tiara pontificia, ou coroa papal, en base á dignidade de San Pedro, como primeiro pontífice da Igrexa romana, acompañado das chaves que simbolizan o papel do santo apóstolo como gardián e custodio das portas do Ceo.
É sabido que foi no Concilio Vaticano II (1962-1965) cando o papa Angelo Giuseppe Roncalli, Xoán XXIII, na procura dunha Igrexa renovada, máis ecuménica e máis achegada á sociedade e a uns novos tempos de modernidade, aposta por diminuír, ou atenuar, a dignidade e o poder temporal e espiritual do Papa como “Santo Pontífice” e así, entre outras medidas aposta pola supresión ou atenuación dos emblemas de poder e de ostentación da dignidade pontificia. Mais, a dicir verdade, foi o seu sucesor o Papa Pablo VI, continuador do Concilio Vaticano II quen no ano 1963, ó remate da segunda sesión do Concilio, abandona o uso da tiara colocándoa de xeito simbólico sobre o altar de San Pedro, á par de dar a nova que esta coroa símbolo da dignidade pontificia ía ser posta a poxa, e que a suma obtida pola súa posta en venta ía ser doada á caridade. Así pois os sucesores na cadeira de San Pedro xa non son coroados coa tiara, senón que se lles inviste coa Mitra branca (en analoxía ó tocado solemne empregado por arcebispos e bispos).

Espello de  pechadura da antiga e desaparecida
 porta da igrexa parroquial de San Pedro



Compre lembrar que a partir do establecemento do Burgo Novo de Melide, por doazón do monarca Afonso IX, no ano 1213, a vila pivota ó redor da súa entidade parroquial que contaría como santo patrón (orago) ó santo e apóstolo Pedro, e de aí que o seu emblema se erixa como símbolo parroquial de feito, e mesmamente, o símbolo papal estivo ata hai poucos anos (década dos 90) presente na porta vella da actual capela de San Roque, no espello da pechadura, xa que as portas que había ata a última restauración proviñan da desaparecida igrexa de San Pedro de Melide (demolida no ano 1949).

Moitas veces, nos últimos tempos, se ten debatido se o emblema de San Pedro representa, ou reflicte, a idiosincrasia propia de Melide, argumentándose que a tiara pontificia é emblema da parroquia mais non do concello como tal. Nese eido dende o Museo, en base a plantexamentos de índole meramente histórica, e sen entrar noutro tipo de consideracións, podemos considerar que si que o é, debido ás seguintes conclusións:

Lendo a Antonio Taboada Roca (“Terra de Melide”, 1933, páxs. 147- 156), no século XVIII, e nos anteriores, é dicir nos tempos previos á constitución dos concellos constitucionais (a partir do segundo terzo do século XIX) “As xuntas do Concello convocábanse á son de campana tanguida, pra que acudisen ó lugar de costume (plaza, adro, ou alpendre de San Pedro). Si eran de distrito, dende tempo inmemorial celebrábanse no claustro baixo do mosteiro de Sancti Spíritus. Nas demáis freiguesías, avisaba o maordomo pra que se xuntasen no adro respeitivo ou sanscristía, si se daba o caso de chover; cuasi sempre estas xuntas eran despois da misa popular...”.
Vemos por tanto como as xuntas do consello municipal e das xuntas parroquiais estaban focalizadas en torno ó templo parroquial e ás súas instalacións adxectivas: prazas, adros, claustros, sancristías, anexos porticados, pendellos e demais. No tanto de que as xuntas da Audiencia da Xurisdición de Melide tiñan como escenario edificacións de morada particular que, como refiere Taboada Roca “A casa en que se faguía audiencia, tamén turnaba por anos entre os veciños do estado xeneral. N-ela había unha ucha con tres chaves en que se gardaban os padróns i-as ordes, mandadas dende a cabeza de provincia ás autoridás da vila e xurisdición.” (Resulta moi interesante que dita práctica aínda se mantén hoxe en día, inalterable, no Couto Mixto, ou Misto, preto da Raia Portuguesa, onde as tres chaves do arcón está nas mans dun dos respectivos “homes da acordo”).
Debuxo do escudo do Concello de Melide extraído da Enciclopedia Galega.

De novo, e en base ás verbas de Taboada Roca, resulta concluínte o sabido aspecto de que “Suprimidol-os Coutos e Xurisdicións, con arregro á orgaización estabrecida no 1834 constituíronse os novos auntamentos, sendo un d-iles o de Melide, que se compuña das mesmas vinteséis parroquias que oxe”, ó igual que non se contaba ata o ano 1860 cun edificio de seu “no ano de 1860, sendo Alcalde don Manuel Codesido, o Auntamento adequiriu, en vintecatro mil reás, o Pazo de san Antonio pra edificio do mesmo, no curro do cal construiuse pouco despois a Alfóndega”.
Na mesma liña se pronunciaría Antonio Hermida Rodríguez (en “Amurallamiento del burgo de Mellid, 1985), cando refire como era no adro da Igrexa parroquial de san Pedro, onde se celebraban as xuntas municipais, tal e como nolo refire do seguinte xeito “...corría por As Ichoas y A Moa hasta el atrio de San Pedro o Concejo de la villa...”, ó estarse á referir á estrutura urbana baixomedieval do burgo de Melide.
Dese xeito resulta inherente a asociación do espazo sacro coas tomas de decisión de goberno das
xuntas e dos cabidos municipais, no que no caso melidao se establecería no adro da desaparecida sede parroquial. Polo tanto, e a falta doutro símbolo da autoridade municipal, compre considerar que o emblema parroquial viría a ser o primeiro elemento definitorio da gobernación do Consistorio.


Selo municipal establecido no ano 1876




Lendo a comunicación que o alcalde de Melide no ano 1876, Laureano Somoza, lle remite ó Gobernador Civil da provincia da Coruña, no que lle envía unha copia adxunta do selo municipal (de formato oval, coas armas de Melide, coa tiara papal, as dúas chaves e as tres estrelas , orlado coa lenda “AYUNTAMIENTO CONSTITUCIONAL DE MELLID”) lemos como “Respecto del sello del Ayuntamiento, se tomó como origen para las armas que contiene las de San Pedro, como nombre de la Capital de este Distrito, datando su período según las noticias adquiridas desde el año de 1843...Mellid, Septiembre 18 de 1876. El Alcalde Laureano Somoza.” Este dato estanos a revelar que o emblema municipal sería determinado naquel ano 1843, naquel ano a cabalo ente o fin da rexencia de Espartero e o comezo do reinado Isabelino.






Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...