martes, 17 de xullo de 2018


A RAIGAME DO CARME NA VILA DE MELIDE:





 A festividade do Carme ten una fonda tradición na nosa vila. Todo se remonta ó ano 1740 cando o misioneiro e frade carmelita Frei Francisco Colmenero veu predicar por estas terras do interior, fomentando ó culto á Virxe do Monte Carmelo, advocación que se venera fundamentalmente nas vilas mariñeiras.



A raíz do crecente fervor devocional o crego melidao Blas Núñez de Segade ,axudado polo seu curmán o tamén presbítero Don José Núñez Salgado, e polos veciños de Melide, promove a edificación dunha Capela na honra da Virxe do Carmelo no alto do Castelo, rematándose as obras no ano 1741. O día 18 de outubro de 1740 o Xeneral da Orde dos Descalzos e Descalzas Carmelitas de Valladolid autoriza a Fundación na capela da Confraría da Nosa Señora do Carme, que a partir do ano 1746 é habilitada a saír en procesión o terceiro domingo de cada mes.
A igrexa é de estilo Barroco Compostelán, destacando polas súas liñas sinxelas e por unha espadana ricamente decorada. Destaca no tímpano da porta principal unha imaxe da Virxe do Carme e de xeonllos ante ela a San Simón Stock, santo Carmelita. O espazo interior organízase nunha soa nave cun retablo barroco de madeira moi ornamentado que contrasta co resto da sobriedade da Capela. Destaca no centro do retablo a imaxe da Virxe do Carme. 
O culto quedou fondamente arraigado na zona, pois non hai que esquecer que na veciña vila Arzúa son as festas patronais (onde probablemente tamén iría predicar o Padre Colmenero), e aquí en Melide ademais da fonda devoción que se lle profesa á Virxe do Carme, tamén se celebran unhas grandes festas.
Antigamente as festas do Carme celebrábanse na Rúa Progreso, engalanando a rúa e celebrando alí o baile. Pero durante os días previos ían chegando os romeiros, ofrecidos e devotos ata a Capela do Carme para o día da misa solemne e a procesión. Eses peregrinos do Carme viñan moitos deles descalzos ou de xeonllos dende moitos quilómetros á redonda. 
Pola costa do Castelo antano celebrábase unha feira de nabiñas (sementes do nabo) e colocaban os seus postos as rosquilleiras e os nenos se subían ós valados para ver chegar a todos os ofrecidos en procesión, ademais de celebrarse a romaría no Alto do Castelo (antes de celebrarse na estrada de Santiago). 
Á Virxe invocábase para conseguir un bo número para os sorteos das quintas, e para a curación de toda a clase de doenzas e males, para ó que se facían toda clase de prácticas e ofrecementos: vestir hábito, pasar a noite ó sereo fronte á capela, procesionar descalzos ou de xeonllos, portar e ofrecer velas, ademais de ofrendas en cartos. Na década dos 50 os devotos subían pola noite ata ó Alto do Castelo, na véspera do Carme, para pasar a noite ó redor da capela en ofrecemento. Moitos deses ofrecidos eran doentes que procuraban o favor da Virxe do Carme, de sona moi milagreira. 
Dende o século XVIII ata os nosos días a veneración á Virxe do Carme do Castelo estivo sempre moi arraigada e hoxe en día segue a celebrarse a procesión e a festividade, na que se lembra que a “Nosa señora do Carme dende o Alto do Castelo, cubre Melide de noite debaixo do seu mantelo”.


Cartel das Festas do Carme do ano 1982, realizado por Xosé Manuel Broz Rei.

Procesión do Carme na Rúa do Progreso a comezos dos anos 30. Vai o paso da Virxe do Carme precedido por outras catro imaxes: San Xosé, Sagrado Corazón de Xesús, San Pedro e a Inmaculada Concepción adornada con cintas. Foto realizada por José Fuciños Buján,
Procesión coa Virxe do Carme no ano 1939. Festexando o remate da Guerra Civil. Sacouse á Virxe en procesión, realizáronse arcos florais e portáronse bandeiras de España. Foto tomada no Cruce das estradas.

Foto da Procesión do Carme ó redor da década dos 40. Baixada da imaxe dende o Castelo pola Calle Abaixo ou Rúa Principal.
Procesión do Carme pola Rúa do Progreso ó redor da década dos 40-50. A Virxe vai precedida pola imaxe de San Pedro, Patrón de Melide.

Procesión da Virxe do Carme subindo a Rúa do Progreso, no ano 1955.
Subida ó Castelo da procesión do Carme, precedida polas imaxes de San Pedro e o Sagrado Corazón de Xesús. Década dos 50.

Terrazas na Rúa Progreso na Docería "La Arzuana". Baixo os toldos adornados con mirtos tomábase cervexa con gaseosa servida en xerras de cristal. Década dos 50.
Colocación da estrutura da terraza para a festa do Carme na docería "La Arzuana" da Rúa Progreso. Década dos 50.

Foto de finais dos anos 40 no cruce entre a Rúa do Progreso e as rúas Alberto Lafuente e Travesía do Campo Grande. Distínguese por detrás do grupo ó fondo o palco da festa do Carme eos bandeiríns que o engalanan.
Procesión do Carme pola Rúa Principal na década dos 70.

Foto da procesión do Carme subindo ó Castelo. Década dos 60.
Procesión do Carme subido ó Castelo. Década dos 60.

Pasarrúas da Banda pola Festa do Carme, década dos 7o, precedida polos cregos e comisión de festas.
Procesión do Carme na subida ó Castelo. Pode verse ós devotos portando velas e acompañando á Virxe. Principios dos 80.

Procesión do Carme pola Rúa San Pedro na década dos 90, precedida polos cofrades portando o estandarte da Virxe.
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...