martes, 17 de xullo de 2018


OS PETRÓGLIFOS NA TERRA DE MELIDE



É de sobra sabido que esta comarca conta cun impresionante patrimonio arqueolóxico, que abrangue dende periodizacións paleolíticas ata algún exemplo puntual de arqueoloxía industrial (como a fábrica de puntas da Capela ou a fábrica de curtidos de Furelos).



Temos pois abrigos con ocupación Epipaleolítica, poboados estacionais de cronoloxía Neolítica-Bronce, numerosos túmulos de periodización Neolítica/Calcolítica, unha pedrafita ou menhir, unha Necrópole de cistas da Idade do Bronce, 42 Castros da Idade do Ferro-Romanización, alomenos unha vila romana baixo Imperial, varias Castronelas altomedievais, as ruínas dun cenobio bieito, igrexas románicas con necrópole, catro Castelos e Torres derruídas, unha neveira do século XVII, Marcos e Cruces de termo,... pero ata o de agora tan só dous petróglifos documentados, ambos no Concello de Toques.
Pola contra en concellos veciños como Palas de Rei, Antas de Ulla e Agolada son moi abondosos. Noutra ocasión habemos referirnos a algúns destes, bastante destacados.
En Toques existe un na aldea de Vilares (parroquia de Paradela) e outro a medio camiño entre Vilouriz e Vilamor, no antigo trazado do Camiño Primitivo, actualmente en desuso e impracticable.
O petróglifo de Vilares trátase dun bloque de granito, exento e reaproveitado como aparello dun valado de contención dun prado. A súa temática consiste nun amplo conxunto de coviñas e cazoletas de feitura inequivocamente antrópica. Ó tratarse dun penedo recolocado non se coñece o seu contexto orixinal, que podería ser tanto restos dun fragmento de pena arrincado a un afloramento, ou mesmo parte dun chanto dunha anta. Resulta difícil determinalo.
O petróglifo do Camiño Primitivo, aparece gravado na coñecida “Pena Ferrada”, e en dito afloramento de gneis identifícanse dous podomorfos bastante atípicos, en asociación cunha cazoleta moi marcada e fonda, na que aínda se aprecian con moita claridade as estrías asociadas co seu proceso de labrado.
No Concello de Melide non está catalogado ningún exemplo, aínda que fai poucos anos recibiuse a nova dun posible petróglifo no Alto do Couto do Vieiro na parroquia de Orois, pero unha vez examinado resultou ser unha marca ou base topográfica inscrita na pena, en forma de cadrado cun pequeno punto central, análogo ó existente na soleira de entrada da Igrexa Conventual de Sancti Spíritus.
En Santiso, Xosé Manuel Broz, recolle unha referencia no libro “Santiso na Terra de Abeancos”, dun gravado en forma de ferradura na Pena Maior, no monte de Pezobre, no límite do Couto de Vilar de Ferreiros e Abeancos, extremo que non puido ser verificado, xa que so se conta con informacións dos veciños.
De época histórica tamén existen un par de exemplos de petróglifos de termo, nos límites do Concello de Toques. Un deles correspóndese co Marco do Hospital situado no Careón; nese marco chantado enriba dunha mámoa aparecen gravadas tres cruces de termo xurisdicional. O outro sitúase moi preto do Alto do Corisco, a medio camiño entre as parroquias de Paradela e A Capela, na Serra do Bocelo. Nesa paraxe existe unha cruz gravada nun afloramento, ademais dun marco sen gravuras, situado a escasos metros.
Vemos por tanto que nestas terras non se teñen identificado máis petróglifos ata o de agora, mais non quere dicir que nalgún momento poidan ir descubríndose algúns exemplos máis, pero compre indicar que xeolóxicamente falando nesta zona predominan os gneis e as rochas ultrabásicas (tipo serpentinitas, anfibolitas ou dunitas) sendo estes soportes menos apropiados para a elaboración de insculturas rupestres. En todo caso na Serra do Bocelo agroman grandes afloramentos de granito, e polo de agora non se teñen atopado petróglifos inscritos neles.



Petróglifo de Vilares. Trátase dun bloque exento con coviñas e cazoletas na súa superficie.

Croquis do petróglifo de Vilares onde se ve a distribución das cazoletas e coviñas. Debuxo de Xurxo Broz Rodríguez.
Pena Ferrada.

Detalle da Pena Ferrada onde se ve a coviña.

Croquis da Pena Ferrada onde se ve a distribución dos elementos gravados na rocha. Debuxo de Xurxo Broz Rodríguez.
Croquis do Marco do Hospital. Anverso e reverso. Vense as cruces de termo gravadas. Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei.

Petróglifo de Termo do Corisco. Vese a cruz gravada na rocha.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...