SAN PEDRO PATRÓN DE MELIDE.
Trátase da festa do patrón da vila, ata non fai moito tempo sacábase ó santo en procesión ata a Praza das Coles. Alí se facía un templete ou unha barca de mirtos adornaba con ramos de cereixas e se colocaba ó santo na proa, rememorando o oficio de pescador de San Pedro no mar de Galilea (ou lago Tiberiades). Logo se celebraba a festa na antiga Alameda (situada onde hoxe comeza a Rúa do Convento, entre a esquina da Casa de Mazaira e o cruce coa Rúa San Pedro).
Era unha festa de fonda tradición na vila, que se foi perdendo e devaluando co paso dos anos. Hoxe en día, séguese a facer procesión despois da misa solemne, pero xa non hai elaboración da barca de mirtos nas Coles, nin se celebra ningunha festa.
Na actualidade as festas grandes do verán celébranse polo Carme (de gran devoción na vila) e polo San Roque (por coincidir en agosto). Pero ata fai relativamente pouco tempo tamén se celebraba o San Pedro cunha grande festa.
(Datos obtidos do libro "A Vila de Melide" de Xosé Manuel Broz Rei)
|
Procesión do San Pedro nos anos 80. Vemos ós Garceiras abrindo a procesión, e no centro da Praza das Coles vese o templete eleaborado con mirtos onde se colocaba ó santo.
Foto extraída do artigo de Milo Mosteiro Mato " Os Garceiras de Melide e o camiño da gaita galega á modernidade". Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide. |
|
Cartel da Festa do San Pedro do ano 1980.
Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei, extraído do libro da súa autoría:"A vila de Melide" . |
|
Cartel da Festa do San Pedro do ano 1981. No debuxo pode verse Praza das Coles e no centro a barca de mirtos e o templete, onde se colocaba ó santo tras a procesión. Debuxo de Xosé Manuel Broz Rei, extraído do libro da súa autoría:"A vila de Melide" . |
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.