martes, 17 de xullo de 2018

A NOITE DE SAN XOÁN NA TERRA DE MELIDE: 


Na Terra de Melide ó igual que en todo o territorio galego celébrase a festividade de San Xoán Bautista, mediante a práctica da queima das cacharelas, o salto das mesmas para como di o dito popular “que non te trabe nin cadela nin can”, ou que “non te trabe nin cobra nin can”.


Tamén é costume poñer herbas en auga ó sereo da noite e lavarse a cara con ela pola mañá, para evitar erupcións cutáneas. Algunhas das plantas escollidas para ta
l fin son: o fiuncho, o sabugo ou sabugueiro, o loureiro, as rosas silvestres ou mesmo tamén as popularmente coñecidas como estalotes ou campaniñas de San Xoán. Tamén era común a disolución dunha clara de ovo nun vaso de auga co fin de servir de elemento de predición do noso futuro.
En realidade estamos ante unha celebración de orixe pagá que se remonta á noite dos tempos que consiste na celebración do Solsticio de verán. Posteriormente, ó igual que outro tipo de fenómenos e festividades pagás, foron reorientadas e adaptadas ó cristianismo.
Na Terra de Melide son varias as parroquias que celebran o San Xoán, posto que o Bautista é o patrón das mesmas, tal son os casos de Furelos, Golán (onde se fai procesión polo día de San Xoán ata o cruceiro, ademais de pola festividade dos Desamparados) e San Cibrao , estas no Concello de Melide; e tamén as de Arcediago (que se vai en procesión ó cruceiro tanto polo San Xoán como pola festividade do Corpus), e Visantoña (nesta parroquia é tradición ir en procesión ó cruceiro o día da festa, o 24 de xuño, ademais de polo San Agustín, o 28 de agosto), ambas no Concello de Santiso. Pero a pesar de non ser o titular doutras parroquias, non resulta estraño ver a imaxe de Xoán o Bautista noutras igrexas parroquiais como é o caso da igrexa de San Pedro de Folladela ou na de Santiago de Liñares.
Mesmo no “Terra de Melide” Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez recollen diversas oracións ás que se invoca a San Xoán para remedio de males, ademais de ditos que aluden á festividade de San Xoán en relación coa meteoroloxía, como son: “En San Xoán, ás nove con día dan”; “choivas de San Xoán, tollen viño e non dan pan” e “pol-o San Xoán, a sardiña molla o pan”.
Vemos pois que a festividade de Xoán o Bautista ten unha forte raigame na tradición, tanto a nivel devocional como popular.
Na actualidade a celebración da noite de San Xoán está máis viva ca nunca, e nela adóitase facer as luminarias ademais de sardiñadas (hoxe en día en convivencia con grelladas de carne ou “churrascadas”, práctica que non era tradicional pero que se foi estendendo nas últimas décadas). No que si se mellorou moito é que para a realización das cacharelas xa non se bota man de rodas e pneumáticos, que producían unha fumareda negra moi tóxica, contaminante e molesta, e xa se recuperou o vello costume de amorear madeira e outros materiais cuxa combustión produce un lume limpo e esconxurador.


Herbas do San Xoán que hai que poñer en remollo ó sereo da noite, e lavarse a faciana á mañá do día 24.

Imaxe de San Xoán Bautista da Igrexa de Visantoña (Santiso).


Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...