venres, 13 de xullo de 2018


O MUSEO DA TERRA DE MELIDE: 1978-2018  (2º parte)

40 ANOS DUNHA INSTITUCIÓN dedicada ó estudo, conservación e divulgación do Patrimonio Cultural da Comarca


2ª Etapa: BAIXOS DO CONCELLO E BIBLIOTECA (Anos 1978-1982)
Despois deses primeiros pasos coñecendo o patrimonio arqueolóxico e etnográfico da comarca, o Grupo Trisquele considerou que sería importante para Melide crear unha exposición permanente cos materiais recuperados dos Castros da Comarca. Foi así como se xestou a primeira sede permanente do Museo de Melide, mediante a iniciativa dos integrantes do Grupo Arqueolóxico Trisquele: Xulio e Benedito Álvarez García, Roberto Penín e Xosé Manuel Broz.


Instalouse, a través de xestións coa Alcaldía, nos baixos do Concello nas dependencias da que por aquel entón era a Biblioteca Municipal, e se colocaron unha serie de vitrinas con esas pezas arqueolóxicas (restos de cerámica castrexa, obxectos líticos,...) que foran recollidos polos integrantes do grupo nas súas excursións. Tamén a labor docente de Xosé Manuel Broz na escola de Toques contribuíu a fomentar e inculcar o valor polo pasado nos seus alumnos, quen aportaron numerosos obxectos arqueolóxicos recuperados tras os traballos agrícolas ó remover a terra nas inmediacións dos Castros.
Inicialmente comezou con dúas vitrinas de arqueoloxía para pasar a catro pouco tempo despois, contando ademais entre outros obxectos arqueolóxicos con muíños, capiteis, maquetas e paneis.
Esta mostra permanente de arqueoloxía complementábase con exposicións etnográficas durante o verán, o que tamén contribuíu a iniciar a inmensa colección de etnografía coa que conta hoxe o Museo.
Nesta sede museística que ocupaba parte do espazo da Biblioteca municipal, tamén se levaban a cabo diversas actividades culturais “relacionadas co patrimonio, a súa difusión, propostas didácticas e concienciación histórica e divulgativa”, como podían ser proxeccións de diapositivas sobre monumentos acompañadas de charlas explicativas, conferencias de especialistas en diversos temas de patrimonio, exposicións fotográficas (sobre todo organizadas nas épocas das festas) realizando proxeccións sonorizadas con casetes , publicacións de carpetas de debuxos e monumentos da bisbarra,...
Este foi o primeiro alicerce dun Museo con sede física transitoria, onde se expoñían de xeito permanente os restos materiais do pasado da Comarca, e que forman parte da memoria colectiva do pobo. “Posteriormente asinarase a Acta fundacional da Institución Museo da Terra de Melide, na que aparecen como fundadores do mesmo os irmáns Álvarez García, Mingos Fuciños e Xosé Manuel Broz.”
E pronto naceu a necesidade de ter unha sede propia na que expoñer todos os fondos (3º parte).



Ano 1978. Os comezos do Museo de Melide nos baixos do Concello, coa exposición das dúas primeiras vitrinas dedicadas á arqueoloxía da Bisbarra.

Ano 1979. Vitrinas de arqueoloxía e exposición de pezas líticas polo chan. Tamén se pode ver a maqueta do Castro de Vilamor (que aínda luce na sede actual), así como paneis, debuxos e cadros de diferentes elementos patrimoniais.


Ano 1979. Reunión no Museo na que están presentes os integrantes do Grupo Arqueolóxico Trisquele, amigos e veciños interesados polo patrimonio, así como personalidades do mundo da cultura galega como Felipe Senén Director por aquel entón do Museo Arqueolóxico da Coruña-Castelo de San Antón.


Ano 1980. Exposición de etnografía realizada polo Museo nos baixos do concello. Pode verse o tear, sarillos, debandoira e colchas feitas polas tecelás. Hoxe eses fondos forman parte da colección permanente do Museo.
Ano 1978. Unha das dúas primeiras vitrinas coas que comezou o Museo da Terra de Melide e nas que se expoñían fondos arqueolóxicos castrexos.
Ano 1978. Unha das dúas primeiras vitrinas coas que comezou o Museo da Terra de Melide e nas que se expoñían fondos arqueolóxicos castrexos.
Un dos primeiros paneis elaborados a man, no que se amosaban os elementos máis destacados do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da Bisbarra Terra de Melide, e que lucía na sala de exposicións ubicada no baixo do Concello. Hoxe forma parte dos fondos documentais do Museo.
Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...