martes, 10 de xullo de 2018

MUSEO DA TERRA DE MELIDE: 1978-2018  (1º parte)

40 ANOS DUNHA INSTITUCIÓN dedicada ó estudo, conservación e divulgación do Patrimonio Cultural da Comarca:

Este ano conmemóranse os 40 anos da fundación do Museo da Terra de Melide. Por iso queremos facer un repaso pola historia da institución dende os seus inicios. Serán catro entregas, que se corresponden coas 4 diferentes etapas que viviu dende a súa creación.



1ª Etapa: GRUPO TRISQUELE.
No ano 1977 un grupo de amigos, interesados pola historia, arqueoloxía, arte e patrimonio da comarca, decidiron crear un grupo de estudio, co fin de seguir incrementando o coñecemento que se tiña desta terra. 


Ninguén mellor que eles para definir as súas inquedanzas: “...un grupo de melidenses levados polo amor á nosa terra, constituímos o Grupo Trisquele co fin de estudar a nosa bisbarra, coñecela e divulgala.
...Nós creémonos na obriga de continuar ese labor no pouco que poidamos facer, seguindo o camiño marcado polos mestres”.
Eses mestres non foron outros que os integrantes do Seminario de Estudios Galegos, que fixeron posible o “Terra de Melide”, aló polo ano 1933.
O Grupo Trisquele estaba composto por Roberto Penín, os irmáns Xulio e Benedito Álvarez García e Xosé Manuel Broz, que retomando de novo as súas verbas, definen o seu traballo como: “...O noso obxectivo foi sempre a divulgación, o estudo, a conservación do ricaz patrimonio da Terra de Melide, que abrangue ós Concellos de Toques, Santiso e Melide”.
Como aficionados que eran e sen ter estudios sobre o tema que lles apaixoaba entraron en contacto con estudiosos e profesionais para recibir asesoramento, así entablaron amizade co Director por aquel entón do Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón da Coruña Felipe Senén López Gómez, ou co profesor de Arqueoloxía da Universidade de Santiago Fernando Acuña Castroviejo, os que lles ensinaron e guiaron polo coñecemento arqueolóxico dándolles unhas primeiras pautas de estudo.
Dedicáronse a pasear polas parroquias, fotografando e debuxando Castros, mámoas, igrexas, Cruceiros, elementos etnográficos,... Querían deixar plasmado todo o que vían, descubrían, estudaban. O seu enorme afán de coñecemento polo seu, polo propio, pola cultura, levounos a viaxar non so pola Terra de Melide, senón incluso por outras comarcas galegas, para comprender e coñecer a riqueza cultural do país. Organizaron charlas con proxeccións de diapositivas onde explicaban as igrexas, as pontes, os elementos etnográficos... que ían fotografando nas súas excursións.
Pero a súa labor foi máis alá que o simple feito de coñecer, querían conservar, e xa se estaba a xestar nas súas mentes a idea dun Museo, dun lugar onde gardar, custodiar e expoñer todo ese coñecemento e ese patrimonio que ían descubrindo. Eran anos nos que aínda non existía unha lexislación sobre a protección do patrimonio o que contribuíu, tamén por descoñecemento, á destrución de moitos xacementos arqueolóxicos para anchear pistas ou facer plantacións. E nese senso o labor do Grupo Trisquele foi de vital importancia, pois no seu afán de coñecer e protexer os bens culturais da comarca, dedicáronse a ir por eses Castros que se estaban destruíndo, a recoller os materiais arqueolóxicos que podían ir rescatando das desfeitas incontroladas, coa idea na mente de expoñelas nese Museo que agromaba no seus máis fondos anhelos. Foron os inicios do Museo da Terra de Melide. Eses paseos pola comarca e o “rescate” das primeiras pezas arqueolóxicas que posteriormente foron expostas e pasaron a formar parte da colección permanente do Museo, e que aínda hoxe se poden ver nas vitrinas da sección de arqueoloxía.
Logo veu a creación dunha primeira exposición permanente. (2ª parte).


Emblema do Grupo Trisquele, elaborado por Xosé Manuel Broz. Hoxe pode verse no Museo da Terra de Melide, pois forma parte da Historia da Institución, xa que representa os inicios do Museo.

Ano 1978. Grupo Arqueolóxico Trisquele nunha excursión polo Barbarnza.
Ano 1978. Unha das múltiples actividades levadas a cabo polo Grupo Trisquele: recuperación de materiais arqueolóxicos durante a desfeita incontrolada e inexplicable do Castro de Visantoña. Grazas a esa labor concienciada e de amor polo patrimonio, o Grupo Arqueolóxico Trisquele, recuperou moitos restos arqueolóxicos (cerámicas, líticos,...) que pasaron a formar parte dos fondos arqueolóxicos do Museo da Terra de Melide.

Mapa elaborado a man por Xosé Manuel Broz, no que se representan os principais xacementos arqueolóxicos da Comarca. É un dos primeiros traballos elaborados polo Grupo Arqueolóxico Trisquele.
Hoxe exponse na Sala de Arqueoloxía do Museo da Terra de Melide.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...