mércores, 30 de maio de 2018


INVESTIGADORES DA HISTORIA DE MELIDE E DA SÚA COMARCA




Presentación do boletín nº 4 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide,
na antiga sede do museo. Ano 1984.

 Fai tres anos o Museo da Terra de Melide elaborou un pequeno artigo, co gallo das letras galegas, baixo o título “Persoeiros das letras melidás”, no que se facía unha sentida homenaxe a un total de oito autores, xa falecidos, que contribuíron coa súa escrita a  enriquecer e ilustrar as páxinas literarias e tamén do eido da investigación en diversos campos do saber. Algúns destacaron pola súa narrativa tanto en prosa como en verso, pretendendo que as súas creacións foran un reflexo da súa sensibilidade persoal, para por medio da escrita transmitir a nostalxia, o sentimento, o pranto, o intimismo,  o cómico, o satírico, o irónico, a ledicia ou a esperanza. Dese xeito fumos descubrindo a emotividade de Juana Teresa Juega, Emilio Pereiro Quiroga, Nilo Cea Rodríguez, ou tamén o compromiso de José Manuel Rodríguez Pampín coa nosa língua.


Tamén nos achegamos á faceta investigadora no eido da historia, arqueoloxía, arte, antropoloxía/ etnografía, folclore, xenealoxía, heráldica, diplomática,... de Eduardo Álvarez Carballido, Frei Guillermo Vázquez Núñez, Amador Rodríguez e tamén de Antonio Taboada Roca. Mais hoxe coidamos que ese artigo quedou bastante incompleto, posto que é de xustiza facer unha homenaxe e sentida lembranza a outras tantas persoas que contribuíron grazas ás súas arelas de compromiso e investigación, a coñecer máis polo miúdo a rica historia local desta vella bisbarra, a Terra de Melide, outrora denominada Xurisdición de Abeancos. Cando se fixo ese artigo so se fixo mención a aqueles ilustres das letras que xa levaban máis de dez anos finados, pero consideramos que á marxe desa particularidade é de obrigada xustiza lembrar a eses autores que tanto contribuíron a saber de onde vimos e de quen nos precedeu e como se foi xestando e modelando o Melide que coñecemos.
Dentro dos “clásicos” aínda queda por facer unha lembranza a Don Alfredo Álvarez, que foi un dos precursores da investigación no eido da prehistoria e arqueoloxía destas terras, mais en breve será corrixida esa carencia.
Hoxe o Museo de Melide coida que é o intre de ir poñendo a eses investigadores no lugar que lle corresponde, pois todos somos debedores do seu traballo de transmisión de coñecemento e cultura. A risco de quedarnos curtos no apropiado ensalzamento destas figuras que tanto traballaron a prol do saber no eido dos estudos históricos, hoxe imos recuperar a Antonio Felpeto García, Antonio Hermida Rodríguez, Don Manuel Taboada Roca “Conde de Borraxeiros”, Manuel Mejuto Sesto e Xosé Domingos Fuciños Gómez. Estes investigadores permanecen na nosa memoria porque fai poucos anos que nos deixaron, pero é obriga enfatizar o seu papel xeneroso de contribuír a ir enchendo páxinas e ir cubrindo ocos no coñecemento histórico. Por tanto a nosa gratitude polo camiño emprendido e  dignamente acadado.

ANTONIO FELPETO GARCÍA

Antonio Felpeto García

Neste caso trátase dun autor e investigador escasamente coñecido nesta bisbarra, pois era alleo a ela ó non ter vínculos  naturais con estas terras do interior, pero consideramos que debe ser incluído nesta homenaxe posto que foi un activo colaborador no Boletín do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, aportando interesantes artigos para coñecer o pasado histórico do Convento de Sancti Spíritus de Melide.
¿Que dicir de Don Antonio Felpeto? Que foi unha personalidade inqueda no eido da cultura da Comarca Eumesa e Ferrolá, que por unha sorte do destino chegou a Melide procurando a vinculación entre o Convento de Santa Catalina de Montefaro (Concello de Ares) e o de Sancti Spíritus de Melide. Dese xeito entrou en contacto co Museo de Melide e a partir do ano 1992 ser colaborador habitual da institución incorporando interesantísimos artigos sobre a temática franciscana.
Don Antonio nace en Cervás (Concello de Ares) o 11 de febreiro de 1920, cursa estudos de bacharelato en Ferrol e de Maxisterio na Coruña, onde obtén o título de “Maestro Nacional” o ano 1942.
Exerce a súa profesión de mestre en escolas de Boiro, Ares, Quiroga, Ferrol, As Somozas, San Sadurdiño e Mugardos, en cuxo colexio público se xubila no ano 1985. En todas elas destaca por ser un activo emprendedor de actividades didácticas adiantadas ó seu tempo, organizando obras de teatro, excursións e viaxes de estudos, realizando Beléns polo Nadal e tamén desenvolvendo e artellando grupos de traballo sobre a historia da zona, lingua e cultura, grazas  ó que os seus alumnos gañaron moitos premios en concursos a nivel estatal.
Pero neste artigo queremos destacar a súa incansable inquedanza investigadora en diversos eidos e tamén por ser unha persoa xenerosa e altruísta e aberto a colaborar en toda clase de actividade cultural.
Foi un dos creadores da “Revista de la Merced de Chanteiro” na que se investiga sobre os votos dos Concellos de Ferrolterra coa Ermida da Mercede e coa Ermida de Chamorro. Tamén incorpora interesantísimos artigos de temática histórica na “Revista de la Semana Santa mugardesa” e tamén en “Semana Santa del Concello de Ares”. Tamén agrega artigos a La Voz de Galicia, el Ideal Gallego e na “Revista General de Marina”.
No boletín do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide realiza os seguintes traballos:

-          Boletín nº 7 (ano 1992) “Los Conventos Franciscanos de la Tercera Orden de Melide y Montefaro en las Guerras Carlistas”.
-          Boletín nº 8 (ano 1993) “Los Hospitales de los Terceros Franciscanos en el Camino de Santiago en la Provincia de León”.
-          Boletín nº 9 (ano 1995) “Un terceiro franciscano de Melide” e “O escudo da Terceira Orde Franciscana”.
-          Boletín nº 10 (ano 1997) “Os selos dos Franciscanos Terceiros Regulares”.
-          Boletín nº 11 (ano 1998) “Os Terceiros Regulares de San Francisco, un capítulo conflictivo en Melide”.

Felpeto deixa de contribuír co Boletín do Museo con motivo do seu pasamento o 24 de marzo de 1999, deixando un grato recordo polo seu trato e bonhomía, ademais de polo seu bo facer.
Como anécdotas queremos indicar que foi Don Antonio o que grazas ás súas investigacións puxo en coñecemento a existencia da lenda do cabaleiro santo Lanzarote de la Tour de Auvegerne, quen segundo a Crónica  da Casa de Boullion falece no Hospital de Peregrinos de Melide na súa peregrinaxe ata a tumba do Apóstolo.
Outra anécdota que queremos resaltar é que debido a casualidades do destino, unha neta súa acabou traballando en Melide como profesora do IES.

BIBLIOGRAFÍA:
-          Felpeto Lagoa, Matilde: “Lembranza de Don Antonio Felpeto García. Historiador da Comarca Eumesa”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, xullo 1999.
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Homenaxe a Antonio Felpeto García”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, xullo 1999.

ANTONIO HERMIDA RODRÍGUEZ

Antonio Hermida Rodríguez

Coñecido en Melide como Toni Hermida ou tamén como Toni Sotelo. Nado en Melide o 5 de maio de 1940.  Foi avogado á par de historiador que exerceu a súa profesión como letrado no seu despacho da casa familiar situada na Rúa da Moa. Interesouse polo estudo da Historia Medieval e Moderna de Melide, chegando a realizar un intenso traballo investigador pescudando nos arquivos, dese xeito acadou un exhaustivo coñecemento sobre o pasado histórico da súa vila, que se traduciu en numerosos artigos publicados nos libros das festas do San Roque e nos boletíns do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. Hermida tamén foi coautor, xunto a Mingos Fuciños e Xosé Manuel Broz, da entrada sobre Melide da “Gran Enciclopedia Gallega” (Tomo 29).
Foi colaborador en diversas actividades desenvolvidas polo Museo da Terra de Melide a finais da década dos 70 e durante a dos 80.
Entre os seus ben documentados artigos de investigación histórica medieval podemos destacar os seguintes, entre outros:

-          “Mellid hace mil años”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1981.
-           “Los Ulloa y Mellid, siglo XV”, publicado no Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
-          “Escorzo mellidense de la Casa de Altamira”, publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-           “Primeros cien años del Mellid de la Nueva Puebla (1212-1316)”, publicado no Libro das Festas do San Roque do ano 1984.
-           “Notas biográficas sobre Don Antón Taboada Roca”, publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “Acotaciones a los fueros de Mellid”, publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “Amurallamiento del Burgo de Mellid”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1985.

A maiores destes títulos foi autor de máis traballos publicados en diversas revistas, nos que se evidencia a súa erudición e mestría no manexo das fontes.
Antonio Hermida deixounos un 3 de decembro do ano 2005. Está soterrado no cemiterio do Castelo, na primeira rúa á esquerda, onde están ubicados os nichos máis antigos do camposanto.

Non ten rúa dedicada en Melide.



DON MANUEL TABOADA ROCA “CONDE DE BORRAXEIROS” E “FILLO PREDILEUTO DE MELIDE”

Don Manuel Taboada Roca, Conde de Borraxeiros.
Foto extraída da páxina web da Real Asociación de Hidalgos de España.

Nado en Melide o 17 de xaneiro de 1904. Era irmán de Don Antonio Taboada Roca, ilustre farmacéutico e historiador de Melide (a quen se fixo lembranza no artigo “Persoeiros das Letras melidás”).
Un resumo da biografía de Don Manuel aparece recollido na entrada da Galipedia (Wikipedia en galego), expresada nos seguintes termos:
“… foi un xurista galego, Conde de Borraxeiros desde o 1 de outubro de 1958. …Doutor en Dereito pola Universidade Central de Madrid (1926), foi maxistrado do Tribunal Supremo do Corpo de Maxistrados de Traballo. Dirixiu a revista Foro Gallego(1950-1960) e realizou estudos biográficos, xenealóxicos e históricos. Foi académico da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e da Real Academia Española de Jurisprudencia y Legislación, correspondente da Real Academia Galega, e membro do Instituto Luis de Salazar y Castro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas.”
Don Manuel foi autor de diversos ensaios, entre os que compre destacar, entre outros títulos da súa autoría sobre aspectos xurídicos:

-          “Los títulos nobiliarios y su regulación legislativa en España”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1960.
-          “Las probanzas de hidalguía antes y después de 1836”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1981.
-          “Las sucesiones nobiliarias y su regulación legislativa después de la Constitución”. Ediciones Hidalguía, Madrid, 1982.

Mais tamén acostumaba a elaborar, ó igual que o seu irmán don Antonio, artigos sobre a Historia de Melide para os libros das Festas do San Roque e do Carme, como: “La Capilla de Nuestra Señora del Carmen”, publicado no Libro das Festas do Carme do ano 1989. Ese mesmo artigo volveuse a publicar no Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide.
Tamén foi autor da Presentación do primeiro e segundo boletíns do Centro de  Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide do ano 1982 e 1983, e dos seguintes artigos:

-          “O Castelo de Melide”. Publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “As corrupias  da nosa vila”. Publicado no boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

Don Manuel finou en Madrid o 3 de marzo de 2006, sendo soterrado no nicho familiar no cemiterio do Castelo de Melide, onde tamén repousan os restos do seu irmán Don Antonio Taboada Roca.

O Conde de Borraxeiros non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:
-          “Manuel Taboda roca”, publicado na Galipedia.

 MANUEL MEJUTO SESTO

Manuel Mejuto Sesto

Nado en Vimianzo (Concello de Santiso) o día 4 de maio de 1933.
Cursou estudos eclesiásticos no Seminario Diocesano de Mondoñedo, e foi ordenado sacerdote no ano 1957 na mesma Diocese mindoniense. Desenvolveu a súa actividade pastoral en diversas parroquias rurais da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, en Nimes (Francia) e tamén na cidade de Ferrol e nas Pontes de García Rodríguez, entre outras.
Ademais de exercer o ministerio pastoral entregouse a outra das súas paixóns, a de mergullarse nos arquivos consultando vellos pergameos e cartafoles nos que se recollía abondosa documentación relativa á historia das dioceses mindoniense e compostelá.
Tal era a súa devoción polas fontes antigas que adoitaba pasar horas interminables nas salas de consulta dos diferentes arquivos diocesanos. Dedicouse á consulta de toda a documentación existente nos mesmos sobre o Convento de Sancti Spíritus, mergullándose na consulta de Libros de Fábrica, Libros Becerros e Libros de Defuntos entre outros, buscando documentación sobre a historia da Igrexa Mindoniense en xeral e sobre os Arciprestados de Melide e de Abeancos.
A partir do ano 2004 faise colaborador habitual do Boletín do Centro de Estudios Melidenses ata o ano 2008, cando se produce o seu pasamento. Don Manuel Mejuto acostumaba a realizar traballos moi ben documentados e sobre todo moi ben redactados, resultando moi amena a súa lectura.
Os artigos da súa autoría publicados no boletín do Museo da Terra de Melide foron os seguintes:

-          “María del Carmen Pereiro Calvo. Madre Purísima: unha extraordinaria filla da nosa terra”. Publicado no Boletín nº 17 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2004.
-          “Don Ricardo Sánchez Varela”. Publicado no Boletín nº18 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2005.
-          “Mil anos de pertenencia a unha igrexa (primeira parte)”. Publicado no Boletín nº19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
-          “Mil anos de pertenencia a una iglesia (segunda parte). Las relaciones de Melide con la Iglesia Mindoniese”. Publicado no Boletín nº20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

A tenor da súa faceta como escritor e investigador, foi autor de varios libros de temática relixiosa, pero imos destacar un titulado “Madre Purísima de Jesús. María del Carmen Pereiro Calvo”, publicado polo Instituto Teolóxico Compostelán no ano 2005. Nese libro aborda a traxectoria vital desa relixiosa concepcionista, filla de Melide.
Tamén prestou servizo relixioso na súa parroquia natal de Santa María de Vimianzo no Concello de Santiso, onde promoveu a edificación do novo templo parroquial.
Manuel Mejuto Sesto falece o día 12 de setembro do ano 2008, deixando orfas as páxinas do boletín do Museo onde tiña previsto incorporar novos traballos que quedaron no tinteiro.


BIBLIOGRAFÍA:
-          Broz Rei, Xosé Manuel: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado no Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.
-          García Amor, Uxío: “Manuel Mejuto Sesto”, publicado en galegos.galiciadigital.com.
-          García Cendán, Bernardo: “Manuel Mejuto Sesto, na lembranza”, publicado na Revista Encrucillada, nº 160, ano 2008.

XOSÉ DOMINGOS CIDRE BASTIÁN FUCIÑOS GÓMEZ “MINGOS FUCIÑOS” OU “MINGOS DE PITA”

Mingos Fuciños

Nado en Melide no mes de novembro do ano 1949, no seo dunha familia ilustre.
Mingos Fuciños foi, segue sendo e continuará a ser unha das figuras máis sobranceiras da cultura de Melide, posto que na súa ampla traxectoria foron moitas as facetas nas que desenvolveu o seu dinamismo e entrega a prol de causas culturais.
Resulta moi complicado facer un resumo de tan completa andaiana como investigador, músico e dinamizador cultural, polo que só imos facer unha sintética relación de proxectos nos que se comprometeu activamente, ademais de facer un repaso da súa produción escrita.
Mingos destacou por ser un excelente gaiteiro, alumno aventaxado de Gabriel Mato Varela “Garceiras”, que como tal foi un dos fundadores da Asociación de Gaiteiros de Galicia, compoñente e lider da agrupación Froito Novo, fundador do grupo de gaiteiros O Castro de Toques, da agrupación Axóuxere (dedicada á recuperación da música tradicional da Terra de Melide e á formación de gaiteiros, percusionistas e bailaríns tradicionais), ademais de colaborar con moitas formacións de gaiteiros da contorna como por exemplo Bico da Balouta de Agolada ou Gaiteiros do Balado de Toques.
Foi ademais fundador e presidente da Asociación cultural Terra de Melide, para a investigación e posta en valor da cultura da Terra de Melide.
A Mingos tamén se lle debe a creación do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, no ano 1978, xa que foi cofundador do Museo xunto a Xosé Manuel Broz Rei e ós irmáns Xulio e Benedito Álvarez García.
Tamén foi membro da Coral Polifónica de Melide e colaborador coa agrupación coral melidá nas edicións da Semana da Música da Terra de Melide, aportando información e soportes documentais e fotográficos.
No eido da política local Mingos chegou a ser Tenente de Alcalde de Melide pola formación Unidade dos Veciños sendo alcalde Manuel Ángel Rey Rodríguez, entre os anos 1987 e 1991.  Tamén foi concelleiro polo BNG durante varias lexisturas.
Mais como persoa enormemente inqueda por todo o que tiña que ver coa dinámica cultural tamén se caracterizou por ser un prolífico articulista, fundamentalmente referidos á historia do Melide do século XX. Entre a súa grande proxección nese eido compre indicar que foi coautor xunto a Antonio Hermida Rodríguez e Xosé Manuel Broz Rei, da entrada sobre Melide na “Gran Enciclopedia Gallega” (Tomo 29).
Entre outros moitos artigos pódense citar os seguintes traballos:

-          “Tradición musical na bisbarra Terra de Melide”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1980.
-          “Traballos sobor de Melide e bisbarra publicados no boletín da Real Academia Galega”, editado por Trisquele, Terra de Melide e Froito Novo, ano 1981.
-          “Lembranza do coro galego “Aires de Melide”, publicado no Libro de Festas de San Roque, ano 1981.
-          “Don Pastor Barral Camoiras i-a cultura musical en Melide”, publicado no boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1982.
-          “Encol dos coros melidáns”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “O Melide do Ticino”, publicado no boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
-          “Don Eduardo Álvarez Carballido”, publicado no boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
-          “O Convento dos Padres Pasionistas de Melide”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
-          “Alcaldes titulares de Melide. Relación cronolóxica 1900-1995”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
-          “Semblanza de Inocencio Fuciños Quintas, fundador da “Electra Melide” e outras importantes iniciativas para o desenvolvemento de Melide e Bisbarra”, publicado no boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1997.

Estes e outros interesantes artigos da súa autoría sempre tiñan como escenario Melide e a súa bisbarra, como se destaca nas constantes achegas de artigos ó xornal Cerne editado por Asetem (Asociación de empresarios da Terra de Melide), que resulta necesario recompilar e publicar nun volume conxunto.
Mingos de Pita faleceu o 5 de setembro do ano 2017 causando unha grande consternación social polo seu constante activismo social e cultural.

Como galeguista de pro que foi ó longo de toda a súa vida o seu epitafio lembra as verbas dedicadas por Curros Enríquez a Rosalía de Castro:
“Na fronte unha estrela, no bico un cantar”.

Non ten, polo de agora, rúa dedicada en Melide pero de seguro que ha chegar a tela a curto prazo.

Artigo elaborado por Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez Neira.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...