40 ANOS DUNHA INSTITUCIÓN dedicada ó estudo, conservación e divulgación do Patrimonio Cultural da Comarca
Foi no ano 1982 cando se materializou a creación do Museo da Terra de Melide, cunha sede propiamente dita e dedicada exclusivamente á exposición permanente das pezas de arqueoloxía e etnografía que se foran recollendo nos primeiros anos. Grazas a xenerosidade da Familia Fuciños Gómez ubicouse o Museo nunha casa da súa propiedade situada na Rúa do Convento, na confluencia coa Praza do Convento, e que cederon de xeito totalmente gratuíto e altruísta.
É neste momento cando se asina a “Acta fundacional do Museo da Terra de Melide” na que aparecen como fundadores Xosé Manuel Broz Rei, Xulio Álvarez García, Benedito Álvarez García e Xosé Domingos Fuciños Gómez. Dotan á institución duns Estatutos e créase ó mesmo tempo o Centro de Estudios Melidendes, como entidade para o estudo e publicación, nacendo así o “Boletín do Centro de Estudios Melidenses”, e publicándose o seu primeiro número en agosto de 1982. En base a acta fundacional nacen tamén os “socios do Museo”, o cales aportan unha cota anual para o mantemento da institución, non existindo ningún tipo de requisito para inscribirse como tal, máis que o apego e o amor á Terra e ó patrimonio.
A partir deste momento o Museo da Terra de Melide establécese como un MUSEO propiamente dito, como unha institución (neste caso de carácter privado), dedicada á custodia, difusión e protección do patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico, inscrito na listaxe de Museos de Galicia.
Como institución museística comezan a desenvolverse unha serie de actividades propias deste tipo de centros: ciclos de conferencias, aulas didácticas, exposicións temporais, excursións,...
Nesta etapa inscríbese no Consello Galego de Museo como membro permanente e chegando incluso a organizar dúas das xuntanzas anuais que organiza dita institución.
Na sede do Museo instálase a exposición permanente, dedicando a planta baixa á arqueoloxía e o piso superior á mostra etnográfica, da que cada vez se contaba con máis pezas, doadas por moitos veciños involucrados e motivados pola preservación da memoria colectiva.
Nesta etapa o Museo xéstase como institución acadando un enorme prestixio no noso país como un dos museos etnográficos de referencia e estudo para investigadores.
A gran cantidade de pezas recollidas nesta etapa motivaron que fose necesaria unha ampliación para poder expoñer todo o inxente e importante material custodiado no Museo, e iso lévanos a última e 4º etapa.
Ano 1984. Reunión do Consello Galego de Museos diante do Museo da Terra de Melide. |
Planta baixa na antiga sede do Museo da Terra de Melide, coas vitrinas de arqueoloxía. |
Acceso á primeira planta do Museo de Melide, onde podemos ver apeiros de labranza e a vitrina dedicada á Música. |
Primeira planta do vello Museo de Melide, dedicada ós oficios tradicionais. |
Sala do Tear na galería da planta 1º do Museo de Melide, na casa de Mingos. |
Ano 1984. Presentación da carpeta de debuxos de xosé Manuel Broz. Podemos ver as vitrinas de arqueoloxía. |
Ano 1984. Reunión do Consello Galego de Museos, na antiga sede do Museo da Terra de Melide. |
Ano 1984. Presentación do Boletín nº 4 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, na planta baixa do Museo. |
Ano 1997. Coloquio do Consello Galego de Museos, o segundo que organizou o Museo da Terra de Melide. |