Nesta ocasión queremos realizar un artigo co fin de renderlle homenaxe, de maneira agradecida, ós artesáns de Melide, por contribuír a manter a nosa esencia cultural material, e evitar que esmoreza o legado dos vellos artesáns e dos obradoiros tradicionais. Por iso escribimos este artigo centrado nos artesáns que existen actualmente en Melide, e que desenvolven os seus oficios como actividade propiamente profesional e non como afeccionados.
Por tal motivo centrámonos nos artesáns en activo e non nos xubilados e desaparecidos, aínda que estes foron os vellos mestres ou inspiradores dos artesáns actuais. Polo tanto hai que resaltar o papel que desenvolven os artesáns de hoxe na perpetuación das vellas prácticas de produción manual, que procura a calidade, o emprego de materia prima natural e realiza a súa produción conxugando deseños tradicionais en harmonía coas demandas estéticas dos novos tempos.
Noutro artigo poderíamos falar dos artesáns xubilados e finados, como xa se fixo en diversos traballos publicados por Xosé Manuel Broz Rei nos Boletíns do Museo, que falan dos vellos zapateiros, zoqueiros, curtidores, ferreiros, latoeiros, telleiros …, pero como xa se apuntou, este artigo quere destacar a actividade dos artesáns en activo, por agradecer o seu fundamental papel na conservación das prácticas de produción tradicional, nunha época na que non existen gremios nin confrarías que se encargaban de regular e protexer a actividade profesional dos seus integrantes, ó igual que tampouco se conservan os vellos talleres nos que se aprendía o oficio xa nas idades máis temperás.
Como se pode observar neste artigo non se fai mención a actividade tradicional artesá de maior transcendencia de Melide, que é a de doceiros e panadeiros, posto que a elaboración dos ricos, amendoados, melindres, rosquillas da sartén ou os roscóns de Reis e Pascua ademais do pan e dos seus derivados, situaron a Melide no mapa gastronómico galego, de maneira manifesta e notable. Para gabar a estes artesáns é preciso facer un artigo específico, que xa elaboraremos polo miúdo.
E para rematar con esta longa introdución queremos pedir desculpas por adiantado por si se nos esqueceu (involuntariamente, por suposto) algún dos artesáns tradicionais en activo, e que viven profesionalmente do seu bo facer. No caso de omisión rogamos que nolo fagan saber para incluír no listado e emendar o erro, posto que non queremos nin debemos excluír a ninguén, so faltaría!, senón que queremos poñer en valor o papel destes artesáns e artistas, ó mesmo tempo, que contribúen a conservar as tradicións e a proxectar o noso pobo polo conxunto da xeografía galega.
Zapateiros
O primeiro oficio que queremos destacar é o dos zapateiros artesáns, que fabrican calzado de maneira artesá, posto que o oficio de zapateiro foi o principal motor da produción en Melide dende a Idade Media ata mediados do século XX . De feito existía en Melide unha confraría gremial que agrupaba ó gremio de zapateiros e curtidores, baixo a advocación de Santa Catarina de Alexandría. Esta confraría funcionou dende século XIV ó XIX. Chegou a haber en Melide máis de vinte talleres de zapateiros, no que traballaban tanto mestres zapateiros como oficiais e aprendices.Sala do Museo da Terra de Melide dedicada ó Zapateiro, oficio de longa tradición en Melide |
Hoxe en Melide aínda atopamos na Praza do Convento o obradoiro e tenda dos irmáns Laia Gómez, zapateiros artesáns de Melide.
Neste negocio fundado fai máis de vintecinco anos, traballan tres irmáns actualmente, aínda que o precursor foi o maior deles, Ramón, quen traballou anteriormente para Calzados Broz onde aprendeu o seu oficio de zapateiro da man de Manuel Broz Mosquera e de “Xoán de Carliños” (Juan Castro).
No moderno obradoiro ademais de facer toda clase de arranxos de calzado e de artigos de pel e coiro, tamén confeccionan zapatos e bota, con coiro de curtido vexetal e forro de badana natural, sempre emplantillado en sola natural. Este calzado confecciónano tanto para a súa venda ó público como a medida por encarga. Ademais confeccionan outros artigos como bolsos, carteiras, mochilas, cinturóns e diversos artigos en coiro.
Tamén é de destacar que Laia zapateiros artesáns ten presenza en diversas feiras de mostra e artesanía da xeografía galega en A Coruña, Lugo, Vigo e Viveiro ademais de acudir a Feiras de artesanía en León, Zaragoza e Madrid.
Neste negocio fundado fai máis de vintecinco anos, traballan tres irmáns actualmente, aínda que o precursor foi o maior deles, Ramón, quen traballou anteriormente para Calzados Broz onde aprendeu o seu oficio de zapateiro da man de Manuel Broz Mosquera e de “Xoán de Carliños” (Juan Castro).
No moderno obradoiro ademais de facer toda clase de arranxos de calzado e de artigos de pel e coiro, tamén confeccionan zapatos e bota, con coiro de curtido vexetal e forro de badana natural, sempre emplantillado en sola natural. Este calzado confecciónano tanto para a súa venda ó público como a medida por encarga. Ademais confeccionan outros artigos como bolsos, carteiras, mochilas, cinturóns e diversos artigos en coiro.
Tamén é de destacar que Laia zapateiros artesáns ten presenza en diversas feiras de mostra e artesanía da xeografía galega en A Coruña, Lugo, Vigo e Viveiro ademais de acudir a Feiras de artesanía en León, Zaragoza e Madrid.
Os irmáns Toño e Ramón Laia Gómez, traballando no seu obradoiro de confección de calzado e complementos en coiro |
Traxe tradicional galego
Moi preto deste negocio obradoiro atopámonos na Rúa do Convento o taller de costura Feitura, no que a súa propietaria Mª Teresa Puga Vázquez fai toda clase de arranxos de prendas de vestir, ademais de deseñar e confeccionar artesanalmente toda clase de traxes tradicionais tanto de gala como de faena para home e muller. Mª Teresa leva máis de trinta e cinco anos no mundo das agullas e do fío, pero fai cousa de cinco anos meteuse a maiores no ámbito da produción de traxes tradicionais galegos para satisfacer a demanda das agrupacións folclóricas tradicionais de Melide e contorna, aínda que hoxe recibe encargos de toda Galicia. Compre indicar que se trata dunha deseñadora autodidacta que crea os seus propios modelos baseados no vestiario tradicional galego, pero sen imitar modelos de ninguén.
Ademais de facer vestimentas por encarga tamén fai vestidos para gaitas, fundas de pandeireta e castañolas, faldriqueiras e incluso mochilas que reproducen os traxes tradicionais galegos.
Mª Teresa Puga Vázquez no seu taller de costura, pasándolle o ferro a un mantelo |
Vitrina do traxe tradicional galego no Museo da Terra de Melide, situada na sala dedicada o tecido |
Instrumentos Musiciais
Na Rúa Florentino López Cuevillas sitúase a tenda obradoiro Quique Instrumentos musicais, ó cargo do matrimonio formado por Quique García Ramírez e Pili Cea Quintás.
Fai cinco anos metéronse de cheo no negocio de produción de instrumentos musicais tradicionais, tanto de gaitas como de percusión. Comezaron de maneira autodidacta, sen ter experiencia previa neste mundo. Pero para deseñar os seus instrumentos contaron sempre co consello de músicos profesionais que integran agrupacións folclóricas tradicionais de Melide.
Fabrican ademais das gaitas, bombos, tambores, pandeiretas, pandeiros e pandeiras. E a maiores, confeccionan as fundas para todos os instrumentos.
Elaboran os instrumentos para a súa venda na tenda aínda que sobre todo, traballan por encarga. E a súa produción comercialízase en toda Galicia, ademais de Bilbao, Barcelona, Santander ou Asturias.
Vitrina do obradoiro de gaitas dos Garceiras, no Museo da Terra de Melide |
Quique García Ramírez rematando unha pandeireta no seu obradoiro de instrumentos musicais tradicionais |
Pili Cea Quintás, cosendo a funda dunha pandeireta, de deseño propio |
Albardeiro
Na Avenida da Habana, detrás da Capela de San Roque, atopámonos coa tenda obradoiro do albardeiro Eduardo Rodríguez Nieto, coñecida como Guarnicionería Orensana. Eduardo provén dunha saga familiar de albardeiros, o seu avó, pai e tíos eran albardeiros naturais do concello de Pereiro de Aguiar. Pero o seu pai, Ricardo Rodríguez Saa, estableceuse en Melide hai arredor de sesenta anos, onde montou este negocio que aínda pervive.Hoxe en día esta actividade artesá caeu en desuso por mor das grandes industrias de elaboración de arreos de cabalería, pero con todo Eduardo aínda comercializa produtos feitos pola súa man, como poden ser colares e soltas para animais, ademais de facer cinturóns, pandeiretas e cribos.
Eduardo e a súa familia, acoden co seu posto todos os domingos ó mercado de Melide ademais de concorrer a outras feiras dos concellos da contorna. Tamén comercializan na tenda-taller, a súa produción artesá xunto con outros produtos de menaxe, apeiros de labranza, coitelería e paraugas (que tamén arranxa).
Eduardo Rodríguez Nieto na súa tenda-taller, sentado na máquina de coser |
Vitrina dedicada ó albardeiro no Museo da Terra de Melide |
Guarnicionería
E tamén na Avenida de Lugo atópase a Guarnicionería Carril, onde o seu propietario Xosé Lois Carril Ramos desenvolve o seu oficio de albardeiro. Xosé Lois leva corenta anos traballando no sector da guarnicionería. Traballou e formouse profesionalmente en Arzúa no obradoiro de Manuel Gómez Cea, pero é no ano 1990 cando establece o seu propio negocio en Melide.Na actualidade dedícase ó arranxo de todo xénero de equipamento para cabalos (sillas de montar, atafais, cabezadas, etc.) e mesmo confecciona estes artigos por encarga, exclusivamente e basicamente para particulares, non producíndoos para a súa comercialización.
Tamén se dedica principalmente á realización e reparación de material de automoción, asentos, volantes, , pomos, apoiabrazos, puños para motos … para talleres de reparación de vehículos e tamén para particulares.
Xosé Lois Carril Ramos, diante dunhas sillas de montar que el arranxa, no seu taller de guarnicionería |
Ferreiro
Na estrada da Coruña, na recta das Cazallas, sitúase o obradoiro de forxa de Suso Lodeiro. Nel desenvolve a súa actividade o ferreiro artesán Jesús Lodeiro Sueiro, quen ademais de traballar a forxa fai tamén obras de artesanía en metal. Suso herdou a vocación de ferreiro do seu pai, Manuel Lodeiro Pintor, quen tamén foi ferreiro de forxa na rúa Xoán XXIII de Melide, de quen aprendeu os segredos do seu oficio como o temple, o cravuñado, afiado, soldadura … Posteriormente Suso quixo aprender un pouco máis do oficio da man de profesionais do sector, así se trasladou a Taramundi e a Riotorto para ver de primeira man como traballaban o ferro, tamén aprendeu de ferreiros da zona de Melide, e incluso foi a Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela a coñecer novos métodos e técnicas de traballo en ferro.
Suso realiza toda clase de traballos na forxa, tanto producindo obras e obxectos de nova creación como arranxando todo tipo de aveños de ferro. Entre a súa produción destácase a fabricación de apeiros do agro (fouciños, fouces, ligóns, machados e machadas, forcadas, arados de ferro, …) e ferramentas de outras profesións como gubias, trenchas, cinceis, punteiros, patas de cabra,… que tamén repara cando é preciso; fabricación de lámparas en ferro, paraugueiros, colgadores, lavamáns, petadores de porta, aldabas, chaves tradicionais, ferraduras, fiadores de ventás, trancas, pasadores, trepias, veletas …; e tamén realiza obxectos decorativos como flores en metal e pintadas, retratos en chapa, figuras, …
Sala dedicada ó ferreiro no Museo da Terra de Melide |
Suso Lodeiro Sueiro traballando na súa forxa |
Talabartería
Xa por último, en San Cibrao ubícase o obradoiro de talabartería Artesanía Patiño no que traballa o matrimonio formado por Manuel Pumar Patiño e Lourdes Portomeñe Portomeñe. Estes artesáns levan vintecinco anos traballando o coiro e a pel (en curtido vexetal), que eles mesmos tinguen manualmente. Aprenderon o oficio de xeito autodidacta, aínda que cos anos foron facendo cursos de coiroplastia.Na súa produción inicial confeccionaban bolsos e cinturóns, pero co tempo foron diversificando o produto facendo tamén carteiras, billeteiras, carteiras para chaves, chaveiros, pulseiras e actualmente engadindo produtos destinados ó peregrino (axendas, fundas para credenciais,…).
Aínda que fan algunha cousa por encarga particular, a súa produción vai enfocada a venta ó por maior e facendo traballos sobre pedido tanto para Galicia como para o mercado estatal, vendendo para tendas de reparación de calzado, tendas de artesanía, tendas de roupa, e tamén en tendas de artigos para peregrinos ó longo do trazado do Camiño Francés dende Francia.
Panel dedicada ó curtido das peles, da vella fábrica de curtidos de Furelos |
Manuel Pumar Patiño cortando tiras de coiro no seu taller |
Lourdes Portomeñe Portomeñe tinguindo tiras de coiro para facer cinturóns |
O Museo da Terra de Melide agradece dende estas páxinas, o bo trato e atención que nos dispensaron todos estes artesáns profesionais para facer este artigo que procura o recoñecemento, non só polo seu bo facer, senón que tamén pola súa inestimable e imprescindible labor de conservación da nosa tradición artesá de país. De nada serve escribir ensaios sobre os vellos oficios se asistimos impasibles á súa regresión ou mesmo á súa extinción.
A pesar de que poida parecer pequeno o número de artesáns profesionais en activo en Melide, a realidade é que porcentualmente, en comparación con outros concellos galegos, o noso está nun posto moi destacado, e por sorte sostido por profesionais novos en canto a idade o que lle garante unha esperanzadora pervivencia no tempo.
Artigo elaborado polo Museo da Terra de Melide