xoves, 29 de outubro de 2015

Historia dos camposantos e sartegos da vila de Melide

Tarde de outono na igrexa de Belmil, Santiso

Con motivo da ancestral e máxica festividade de defuntos, o Museo da Terra de Melide quere facer fincapé nunha realidade da que nunca se cansará que é a de transmitir e enfatizar a rica herdanza histórica da nosa vila, e do seu territorio inmediato.



Melide como vila antiga que é, cunha orixe medieval como tal, pero con testemuñas materiais de ocupacións anteriores, amosa nos seus monumentos e no seu urbanismo a pegada indeleble do seu pasado.

Coincidindo coa festividade de Defuntos, magosto ou do Samain, independentemente de cal destas celebracións queiramos ser partícipes, ben sexa visitando e acompañando ós nosos defuntos nos cemiterios, elaborando os tradicionais rosarios feitos con castañas, ou mesmo degustándoas, e incluso chamando ás nosas casas disfrazados de pantasmas, santa compaña ou calquera caste de cocos… non debemos perder a perspectiva da importancia desta data.

Camiño de Santiago ó carón do cemiterio municipal de Melide

En base a importancia deste día o Museo organiza unha visita guiada especial polo noso pobo, para coñecer algo máis o noso patrimonio cultural e monumental, aderezado dunha atmosfera nocturna, que tanto ensalza ás nosas pedras e suxestiona o noso espírito. Farase mención a algunhas lendas e a episodios reais que tiveron como escenario a nosa vila.

Neste blog queremos sinalar os distintos escenarios reais que falan da importancia do fenómeno do pasamento que sempre condicionou ás nosas vidas, independentemente da época na que tivese lugar.

Xa no Neolítico existían enterramentos a modo de mámoas, que no seu interior agochan unha anta (dolmen), para soterrar colectivamente a grupos familiares. Estamos a falar de fai uns 5.000 anos e poñemos como escenario a rúa da Martagona, onde existiron ata a década dos anos 80 algunhas mámoas. Tamén se conservan un par delas nas proximidades do campo de fútbol, ademais doutras dúas en Penacova (nos Ánxeles) e varias pola zona de Zaramil, que se ven a man esquerda despois de cruzar o río da Martagona.

De época castrexa e romana non temos evidencias dos enterramentos que puideron existir, a pesar de contar mesmo cun castro onde hoxe está a Capela do Carme, no Castelo.

Sartegos antropomorfos altomedievais na Igrexa de Santa María de Melide
Debuxo X.M. Broz

Xa teríamos que ir a época medieval para atopar as primeiras evidencias. As máis antigas atopámolas no adro da igrexa de Santa María de Melide, a modo de dous enterramentos antropomorfos (con forma de silueta humana), escavados na rocha natural e actualmente mutilados polo Camiño de Santiago. Aparecen ó pe do valado que pecha ó adro á beira do camiño, existindo algún máis baixo el.

Antiga igrexa parroquial de San Pedro de Melide. Situada na actual rúa San Pedro
Debuxo de X.M. Broz

Entre os séculos XIV e XV os enterramentos aparecen asociados á desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide, onde hoxe se atopa a barbería “El Aseo”, que estaba rodeada do correspondente cemiterio amén dos enterramentos nobres (do século XV) que acollía no seu interior e que hoxe se poden contemplar na Capela de San Roque, pertencentes ós notarios Diego García, Roi López e a muller deste Inés Eanes.


 Lauda de Roi López, Lauda de Inés Eanes, Lauda de Diego García

Os tres procedentes da desaparecida Igrexa de San Pedro, hoxe recolocados na actual Capela de San Roque.

Marcapáxinas do Museo da Terra de Melide
Debuxos X.M. Broz

Sartegos do século XV de Roi López, notario e da súa muller Inés Eanes na desaparecida Igrexa de San Pedro de Melide
Debuxo de X.M. Broz

Sartego do século XV de Diego García, notario de Melide, na desaparecida igrexa de San Pedro
Fotografía retocada por X.M. Broz


No Convento de Sanctispíritus tamén hai enterramentos baixomedievais, tanto do fundador do convento, o notario Fernán López, como das dúas mulleres que tivo o conde de Monterrei Sancho de Ulloa: Leonor de Mendoza e Inés de Castro, que con moita posibilidade nunca estiveron ocupados.



Lauda de Leonor de Mendoza, Lauda de Inés de Castro
Marcapáxinas do Museo da Terra de Melide
Debuxo X.M. Broz

Tamén se conservan os sartegos de Alfonso Vázquez de Insua (señor do Pazo de Vilar de Ferreiros), ataviado con armadura de cabaleiro e da súa dona Teresa Rodríguez.


Lauda de Alfonso Vázquez de Insua, Lauda de Teresa Rodríguez
Marcapáxinas do Museo da Terra de Melide
Debuxos de X.M. Broz

Todos estes sartegos amosan unha gran calidade artística, nos que se reproducen as indumentarias e armas propias desa época, con moita fidelidade e coidado.

Debuxo do sartego de Inés de Castro no Convento de Sanctispíritus de Melide
Debuxo de X.M. Broz

Sartego de Alfonso vázquez de Insua no convento de Sanctispíritus de Melide
Debuxo de X.M. Broz

Xa en época moderna en Melide tamén contamos con excelentes exemplos de escultura funeraria, destacando por riba de todos os sartegos da Obra Pía de San Antonio, que representan en posición orante e de xeonllos, ó arcebispo Mateo Segade Bugueiro e ó seu sobriño Don Antón Varela Segade, cabaleiro da Orde de Santiago. Estes dous enterramentos da autoría de Mateo de Prado, constitúen dúas das mellores manifestacións funerarias do barroco galego do século XVII. A pesar da calidade artística da representación escultórica, os seus nichos non chegaron a estar ocupados polos corpos dos representados.

Cenotafio do bispo Don Mateo Segade Bugueiro na Capela da Obra Pía de San Antón
Debuxo de X.M. Broz

Cenotafio do cabaleiro Don Antón Varela Segade na Capela da Obra Pía de San Antón
Debuxo de X.M. Broz


E a maiores no chan do convento de Sanctispíritus consérvanse varios exemplos: a lauda pertencente ó frade Frei Simón González do século XVII, escrita en latín e tamén outras, a ras de chan, das casas de Quindimil e de Corbelle igualmente de Época Moderna.



Lauda de frei Simón González, Lauda da Casa de Quindimil, Lauda da Casa de Corbelle
Debuxos X.M. Broz


A todos estes enterramentos de personaxes coñecidas, habería que engadir un bo número de tumbas anónimas, pertencentes a frades da Orde Terceira de San Francisco, e de peregrinos anónimos (falecidos no antigo hospital de peregrinos), situados baixo o chan da nave, recoñecibles por sinxelas numeracións en latín.

Avanzando no tempo, xa en Época Contemporánea prodúcese o abandono da vella igrexa de San Pedro de Melide (no ano 1842) e probablemente do seu camposanto, ou da merma do seu uso polo abandono da igrexa, pasando a construírse o novo cemiterio no alto do Castelo ó carón da Capela do Carme, que comeza a funcionar no ano 1845. Entre estas dúas datas fixéronse enterramentos no adro da desaparecida Capela de San Roque, situada na beirarrúa do actual Cantón de San Roque, á altura do edificio das oficinas de ABANCA.

Ubicación da antiga Capela de San Roque
En resumo, e como se pode comprobar en base ó exposto, existen en Melide diferentes enclaves e edificios que serviron de espazo de enterramento ó longo dos séculos, deixando a súa pegada en distintos ámbitos.

Deste xeito sen pretender incorrer en cuestións morbosas sobre a realidade da morte, procuramos amosar que Melide tamén é “rico”, a nivel patrimonial, en manifestacións histórico-artísticas, incluíndo o mundo do pasamento, ó longo da súa historia.

Xa para rematar este artigo, e para demostrar que a historia de Melide é importante e rica, non podemos obviar nestas liñas que incluso, existe unha fermosa lenda do pasamento dun cabaleiro santo chamado Lanzarote de la Tour de Auvergne, da moi nobre estirpe da Casa de Bouillon (de Sedán, Francia) que indo en peregrinaxe á tumba do Apóstolo, finou no hospital de peregrinos de Sanctispíritus (onde hoxe se ubica o Museo da Terra de Melide) e cuxos vasalos levaron o seu corazón ata Santiago, regresando posteriormente con el a Sedán. Esta lenda recollida na crónica da Casa de Bouillon, pon unha vez máis a Melide no mapa da historia.

Artigo elaborado polo Museo da Terra de Melide

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...