xoves, 13 de agosto de 2015

Cine e veladas no Melide de onte



O Museo da Terra de Melide inaugura o sábado día 15 de agosto unha nova exposición que recolle a nosa memoria histórica. Este ano vai de cine, en concreto dos cines que houbo en Melide ó longo do século XX, e a maiores incídese na prolífica actividade escénica que nos seus escenarios se desenvolvían: veladas teatrais e musicais a cargo das vellas agrupacións corais, rondallas, tunas e grupos de baile tradicional galego que houbo en Melide.



Nesta mostra abórdase a chegada do cine á nosa vila nos anos 20, e ó seu ocaso na década dos 80. Lémbranse as gratas funcións das tardes de domingo acompañadas de baile, que eran de gran deleite popular.


Prospecto do “Gran Cine Mellid”
Anos 40

Cine Capitol

Entrada do cine Madrid-París
Tamén se destaca, no eido das veladas, a calidade artística e interpretativa dos veciños da vila, que sen ser actores ou músicos profesionais, destacaban pola súa entrega, compromiso cultural e polas dotes escénicas. Neste epígrafe queremos render homenaxe agradecido ó “Centro Recreativo Mellidense”, á “Agrupación Coral e Teatral Aires de Melide”, á “Rondalla Kechova”, ó “Grupo de Filarmónicas de Melide”, á “Compañía de Teatro Lope de Vega”, ó “Teleclub Priorada”, ó “Colexio Nazaret de Melide”, e ó “Centro Cultural e Xuvenil de Melide” (Salón Xuvenil), tanto a estas entidades como ós seus esforzados e comprometidos promotores.

Rondalla Kechova

Compañía Teatral “Lope de Vega”
 Anos 50

Membros do coro e do grupo de teatroda agrupación “Aires de Melide”
Anos 50

Esta mostra é a terceira exposición temática, sobre a historia recente de Melide que organiza o Museo, coa teima de recuperar pasaxes da memoria colectiva, e evitar o erro de deixar no esquecemento o pasado que aínda pervive nos nosos recordos e nas nosas retinas.

Cada ano preténdese abordar un tema específico do pasado máis inmediato, sempre tocando aspectos singulares, pero que ó mesmo tempo resulten cercanos e de interese común, para que os “espectadores” se sintan dalgún xeito identificados cos temas e se vexan reflectidos neles.

A primeira exposición tivo lugar no verán do 2013 e levaba por título “A Policía Local de Melide 1900-1995. De Gardas Municipais a Policías locais”, a segunda, celebrada no verán de 2014 titulábase “Tabernas, pensións e casas de xantar no Melide da memoria”, e este verán do 2015 inauguramos a nova exposición “Cine e veladas no Melide de onte”.

CARTEIS


Xa é, pois, a terceira edición consecutiva de exposicións que ilustran as estampas do vello Melide, espertando os recordos que perduran no noso subconsciente, rendéndolle unha homenaxe sentida ós nosos maiores, que significaron tanto nas nosas vidas, e lembrándonos a máxima de que un pobo que obvia as súas orixes non axuda a edificar un bo porvir.

Gracias veciños de Melide por contribuír ó proxecto tan bo e xeneroso de recuperar a nosa memoria colectiva.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...