mércores, 11 de maio de 2016

Persoeiros das letras de Melide




Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2016, o Museo da Terra de Melide congratúlase polo nomeamento do insigne, poeta, narrador e dramaturgo, chairego  Manuel María, posto que a ninguén lle cabe dúbida de que a súa traxectoria e obra creativa fano sobradamente merecedor da elección por parte da Real Academia Galega.



Nesta liña o Museo da Terra de Melide celebra dito día con entusiasmo, e ó mesmo tempo quere recoñecer a tan grande persoeiro das Letras Galegas, e aproveitar esta data de festa da nosa lingua para poñer en valor a figura de destacados melidaos, de nacemento ou de adopción, que xogaron un papel indeleble no mundo das letras nos seus máis diversos estilos.

Como se se tratara da elección dos homenaxeados para as Letras Galegas, na que un dos puntos obrigados é levar dez anos finado, o Museo fai o propio, e so incluír a esas figuras que xa non están con nós dende fai máis dunha década, pero que perviven na memoria colectiva, entre outras cousas polo seu legado escrito.

De antemán, e coma noutras ocasións, queremos pedir desculpas por si se cometeu algún erro de omisión (en calquera caso manifestamente involuntario) e, de ser así, gustaríanos que se nos faga saber para emendar o erro.

O Museo da Terra de Melide pretende facerlle xustiza ós seus máis destacados veciños, historicamente falando, e poñelos debidamente en valor. Nesa liña intentamos dalos a coñecer a través de diversos medios, tanto dixitais como escritos. Recentemente fixemos unhas achegas documentais á Wikipedia, para encher ocos que faltaban na entrada de Melide (e que eles reiteran en mal traducir como Mellid). Envióuselles un listado de elementos patrimoniais ademais dunha relación de melidaos ilustres, e unha ampla biografía de Don Mateo Segade Bugueiro, que xa están incorporadas a esa enciclopedia virtual.

Neste artigo imos referirnos a algúns deses persoeiros que teñen vinculación co mundo das letras en xeral. Noutras entregas mencionaremos a persoas destacadas noutros eidos da cultura e das artes e que tamén teñen ou deberían ter unha rúa dedicada.

Agora xa sen máis imos entrar en materia, ordenando ós autores en función das datas de pasamento.

DON EDUARDO ÁLVAREZ CARBALLIDO:




Nado en San Martiño de Oroso (A Coruña) no 1843 e finado en Melide en 1913 (de feito o seu panteón pode verse no Cemiterio do Castelo).
Xa de cativo a súa familia trasládase a Melide onde se escolariza nunha escola pública da vila, e continúa os seus estudos no Instituto de Lugo. Licénciase en Medicina y Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1874. Exerceu a súa actividade profesional como médico en Melide e na súa comarca.

Tivo a súa residencia na rúa do Progreso nº 11 de Melide, onde creou un Museo privado con importantes fondos documentais, históricos e arqueolóxicos da Terra de Melide, que por desgraza non se conservan, xa que foron vendidos polos seus herdeiros.
 
Intelectual e estudoso de temas de contido histórico, arqueolóxico e artístico. Pola súa traxectoria como investigador foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega no ano 1906, data da fundación da Institución.

Autor de numerosos traballos publicados nas revistas Galicia Diplomática, Galicia Histórica e no Boletín da Academia, como poden ser: “Un Hospital de peregrinos en Galicia”, “Memorandum histórico: la villa de Mellid y su comarca”, “Gallegos ilustres: el Arzobispo de Méjico D. Mateo Segade Bugueiro”, “Antiguas pinturas en la Iglesia de Sancti Espiritus en Mellid”, “Pambre”, “Santa María de Libureiro”, “Una lápida sepulcral”, “Los sartegos de Trasmonte”, “Tradición de la Cova d’Serpe”, “Pinturas murales halladas en Santa María de Mellid”, “Escultura en Galicia: los gaiteros”, “Protohistoria”, “Monasterios olvidados: A Capela I y II”, “En los Condes: episodio de la Reconquista”, “San Salvador de Villar de Donas”, “Grobas”, “Restos de un collar de la época Neolítica”,…

Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 22 do Museo da Terra de Melide.
Ten dedicada unha rúa en Melide, onde se ubica o C.E.I.P. nº 1.

BIBLIOGRAFÍA:
- Fuciños Gómez, Xosé Domingo: "D. Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.
- "Publicación de traballos do historiador melidense Eduardo Álvarez Carballido". Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.


FREI GUILLERMO VÁZQUEZ NÚÑEZ:



Nado en Catasol, parroquia de Santa María de Melide en 1884 e falecido en Madrid en 1936.
Ilustre frade e sacerdote da Orde da Merced, iniciando o noviciado no Convento da Magdalena de Sarria, e facendo os votos sinxelos no Mosteiro de Poio. Desenvolveu diversos cargos na Orde, despois da súa ordenación sacerdotal en Lugo no ano 1908, entre eles “Padre Provincial de la Provincia de Castilla” (1914-1918), Comendador do Mosteiro de Poio (elixido no ano 1924), ademais do nomeamento de “Historiador de la Orden Mercedaria en la Provincia de Castilla”.

A nivel académico compre sinalar que estuda a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde se licenza no ano 1911 e doutora no 1917. Posto que foi amante da súa terra galega, á quen lle dedicou tamén os seus estudios, no ano 1927 foi elixido como correspondente da Real Academia Galega, con tan so 43 anos.

Destaca pola súa extensa obra publicada sobre a historia da Orde da Merced, e tamén pola autoría de toda clase de artigos fundamentalmente de temática relixiosa e histórica.
O 24 de agosto de 1936, a inicios da Guerra Civil, morre asasinado en Madrid, ós 52 anos de idade, por este motivo está actualmente en proceso de beatificación xunto con outros mártires da Orde Mercedaria, como o tamén melidao Ramón Lago Parrado.

Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 25 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide, pero dada a súa relevancia intelectual e pola súa vinculación como correspondente da Real Academia Galega, é sobradamente merecedor dunha rúa no seu concello natal.

BIBLIOGRAFÍA:
- Rodríguez Pampín, Xosé Manuel: "Frai Guillermo Vázquez Núñez". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O melidán Guillermo Vázquez Núñez, padre Mercedario". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

DON EMILIO PEREIRO QUIROGA: 


Nado en Furelos en 1873 e falecido en Melide no 1941. Fillo do mestre de Furelos Don Andrés Pereiro. No ano 1910 contrae matrimonio, en Culleredo, coa tamén poetisa Dona Juana Teresa Juega López (a quen tamén recollemos neste artigo).

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, desempeñou o cargo de Secretario Municipal do Excmo. Concello de Arzúa no ano 1926 e ó pouco, por circunstancias, chega a ser alcalde dese concello veciño, tan só durante un ano e dous meses. A pesar do escaso tempo como alcalde de Arzúa, desenvolve un papel moi destacado, tanto a nivel político como cultural, de feito foi durante o seu mandato, cando se escoita por primeira vez nun acto institucional o Himno Galego en Arzúa, no ano 1926.

A nivel literario compre destacar que entre os anos 1904 e 1906 publica poemas en castelán e un en galego, na “Revista Gallega” da Coruña e noutras revistas do pais. Tamén publica outro poema en galego na revista “Follas Novas” da Habana. No ano 1907 publica poemas, principalmente en castelán na prestixiosa revista de Galo Salinas.
O seu poemario custodiado na Real Academia Galega, consta de 33 textos, nos que se inclúen 22 versos e 11 prosas. Dentro da obra en galego, figuran dous poemas (un dedicado a Curros Enríquez), ademais de dous contos en prosa (“O conto” e “Cencia infusa”).

Entre as súas creacións recóllense os seguintes títulos, moitos deles escritos en Melide:
En verso: “Íntimas”, “Jesucristo y su doctrina”, “Te conozco”, “Joli”, “O tempo será testigo”, El ruiseñor y el cerdo”, “Modernisterias”, “Cantares”, “La confidencia”, “Triste recuerdo”, “Verano”, “Simil”, “Invierno”, “Nostalgias”, “Lazos de amor”, “Muertos del mar”, “Cantares”, “A.D. Manuel Curros Enríquez na súa vesita a Mellide”, “Olas del alma”, “Viernes Santo”, “La redención”, “A la señorita Carmen Juega López” (poesía dedicada á súa cuñada), “A la señorita Juana Teresa Juega” (poesía dedicada á súa muller).
En prosa: “Cencia infusa”, “La maldición”, “ “Hielo”, “Dos eclipses”, “Reflexiones”, “Conmemoración de difuntos”, “Verso y prosa”, “Odisea de una gota de agua”, “El traje negro”, “La virgen de piedra. Historia y tradición”, “O conto”, “Dos poetas que se casan”.

Pode consultarse algo da súa biografía e da súa creación literaria no boletín nº 14 do Museo da Terra de Melide.
Non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:

- Monterroso Devesa Juega, José María: "Poesía e prosa de Emilio Pereiro Quiroga". Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.

- Cascón Armando: " Pereiro Quiroga, o alcalde ilustrado arzuán". www.terrasdesantiago.com, ano 2008. 

-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html

DON AMADOR RODRÍGUEZ MARTÍNEZ:

 


Nado en Melide en 1910 e falecido tamén en Melide en 1946, contando tan só con 36 anos de idade. Era fillo de José Rodríguez Ureña e de Elisa Martínez Sobrado, que rexentaron o ultramarinos “Aceiteiro”, na Ronda da Coruña.

Foi ordenado sacerdote, e exerceu o seu ministerio na vila de Melide, de feito aínda se conservan fotografías e algunha estrofa dun “Auto dos Reis Magos” escrito por el, e que foi representado na desaparecida parroquial de San Pedro, nunha desas estrofas que tiñan que recitar os nenos, dicían:

“Eu son un pobre galego
que de Melide chegou agora
e de regalo che traigo
melindres da Melchora”

Advírtese nesa estrofa o uso do galego en verso e o carácter costumista da composición, o que denota a personalidade do autor.
É de destacar, por tanto, a faceta galeguista de Amador Rodríguez, e tamén as súas inquedanzas pola investigación do folclore tradicional popular. Nesa liña é preciso facer notar a súa indispensable colaboración co Seminario de Estudios Galegos na realización do “Terra de Melide” editado no ano 1933, cando contaba tan só con 23 anos de idade. É xunto con Vicente Risco o autor do capítulo titulado “Folklore de Melide”.

No prólogo da reedición do “Terra de Melide” do ano 1978, Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado nas Letras Galegas do 2015), refírese a Amador Rodríguez, nos seguintes termos:
“Amador Rodríguez Martínez, axiña malogrado, foi colaborador áxil, polo coñecimento dereito da poesía tradicioal, das crenzas, dos costumes, da mitoloxía, lendas e feitizos e da cencia do pobo sobre o ceo, os elementos, a saúde e a vida.”

Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan o Supermercado Gómez e a Floristería Tarrío.

BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide, 1904-1996". Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.


DON ANTONIO TABOADA ROCA:

 


Nado en Melide en 1889, faleceu en Madrid en 1978, aínda que está enterrado no cemiterio do Castelo.

Licenciado en Farmacia no ano 1919 pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu como farmacéutico en Melide, na súa casa da Rúa Progreso, ata a súa xubilación, e a partir do ano 1932 desempeña a maiores o cargo de Inspector Farmacéutico Municipal.

Foi un eminente erudito e investigador melidao especializado en estudos históricos, historiográficos e fundamentalmente xenealóxicos. Foi, ademais por méritos propios, membro das máis destacadas institucións académicas de Galicia: correspondente da Real Academia Galega e numerario do Seminario de Estudios Galegos, así como correspondente das Academias e Institutos Xenealóxicos de Brasil, Chile, México e Perú.
Tal foi a súa inxente obra especializada en estudios xenealóxicos, que foi considerado por Don Antón Fraguas Fraguas “o mellor xenealoxista de toda España”.

A súa obra é case innumerable, polo que so citamos unha parte dos seus traballos: “El Pazo de Villar de Ferreiros”, “El Pazo de Santa Marina de Casa de Amarante”, “A nascenza do Xeneral La Carrera” (publicado na Revista Nós), “La Curia eclesiástica de la ciudad de Santiago a mediados del siglo XVIII”, “La villa de Arzúa y su comarca”, “Lembranzas sobre genealogías de Marinos Ilustes”, “El linaje de los Mera”, “Estampas compostelanas del siglo XVII”, “La fundación de Don Pedro Jaspe de Montenegro y sus familiares”, “Nuestros hilados y tejidos rurales”, “Un documento feaciente de Juan Gómez Tonel”, “Mellid, escenario de las Capitulaciones del Reino de Galicia en tiempos de las Comunidades”, “La Cofradía de Santa Catalina y los curtidores y zapateros de la villa de Mellid”, “Padrón de la villa de Mellid y su jurisdicción”, “Casa de Salgueirón, Solar de los Roca”, “Mellidenses ilustres: Don Joaquín Gundín”, “La ascendencia paterna del Excmo. Sr. Don Francisco Javier Sánchez Cantón”, “La Casa Consistorial de Mellid”, “El coto de San Juan de Furelos”,… entre outros moitos.
Pero quizais o máis destacable sexa o feito de ser coautor do “Terra de Melide” no ano 1933, xa que el é o responsable único do capitulo que leva por título “Notas Históricas”, onde se recollen as principais linaxes da Terra de Abeancos.

Posuía unha ampla biblioteca e arquivo persoal, no que atesouraba gran cantidade de documentos e legaxos. Por circunstancias, este importante legado documental foi trasladado e almacenado no Castelo de Pambre, e hoxe inexplicablemente ninguén sabe nada do seu paradoiro, polo que a súa perda supón un dano irreparable para a nosa cultura.
Pode consultarse a súa biografía nos boletíns nº 3 e nº 27 do Museo da Terra de Melide.

Ten unha rúa dedicada en Melide, onde se sitúan a Librería Victorio e a Cafetería Avenida.

BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
- Hermida Rodríguez, Antonio: "D. Antón Taboada Roca"Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O arquivo Taboada Roca"Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Arquivos fotográficos de Melide"Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.


DONA JUANA TERESA JUEGA LÓPEZ “ Teresa Juega de Pereiro”:

 


Nada en Laxe en 1885, faleceu en Melide no 1979, estando enterrada no cemiterio do Castelo.

A súa infancia discorre en Uruguai ata ós 13 anos. No ano 1898 a familia regresa da emigración e instálase na Coruña onde o seu pai, médico de profesión, adquire a casa de baños “La Primitiva”.

Con tan só 19 anos, Juana Teresa comeza a colaborar coa prensa no diario “El Eco de Galicia”, dado que xa se espertara nela a súa inquedanza literaria. A principios de 1904 escribe un libro poético titulado “Alma que llora” que, de publicarse, os beneficios irían destinados a unha institución benéfica fundada por María Barbeito. O libro tiña pensado publicarse a principios de 1908 pero aconteceu un suceso dramático, Juana por aquel entón tiña un mozo que era militar, ademais dun home machista e ciumento que estaba acomplexado pola moi superior capacidade intelectual de Juana. Cando o mozo lee na prensa o anuncio da publicación do libro entra en cólera e movido por un arrebato de tolemia mesmo chega a asestarlle dous tiros na cara cun revólver, deixándoa malferida e suicidándose posteriormente.

Juana, unha vez que se recupera física e emocionalmente daquel desafortunado suceso, continúa escribindo poemas, entre eles “Á morte”, o seu primeiro poema en galego.

Dous anos máis tarde, en 1910, casa en Culleredo co avogado melidao Don Emilio Pereiro Quiroga, tamén inclinado pola creación poética. A partir de entón o matrimonio establece a súa residencia en Melide.

Entre as súas composicións consérvanse unhas 70 obras (unha en prosa e as demais en verso), e entre os poemas ó redor dunha ducia están escritos en galego, como poden ser: “Á morte”, “Non chores”, “Gaita gallega”, “Galicia… arriba”, “Ilusiós”, “Bágoas”, “Meigallo”, “Saeta gallega”, ou “A Xosé”.
Publícase unha recompilación dos seus poemas e a súa biografía no boletín nº 13 do Museo da Terra de Melide.

Non ten rúa dedicada en Melide.

BIBLIOGRAFÍA:
- Monterroso Devesa, José María: "Obra poética de Teresa Juega". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Monterroso Devesa-Juega, José María: "Nótula sobre o apelido Juega. Unha ponla Valle-Inclán en Melide: Teresa Juega de Pereiro". Boletín nº 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.
-http://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/casa-banos-primitiva-y-tragedia/20160402231738279448.html
-http://laescaleradeiakob.blogspot.com.es/2015/01/crimen-pasional-en-la-casa-de-banos.html
- http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/64/idNoticia-565193/


DON NILO CEA RODRÍGUEZ:

 


Nado en Melide no 1911, faleceu en Melide no 1992.

Fillo de Don Domingo Antonio Cea Costoya, mestre de Melide e de Dona Leonor Rodríguez da Casa de Traspedra, veu ó mundo en Melide nunha casa da Ronda da Coruña. Parte da súa vida discorre na veciña vila de Arzúa, onde aínda lle quedan irmás.

Foi mestre de ensino público na escola de Furelos, dende que rematou a carreira ata que se xubilou no ano 1972.
Ademais dun mestre exemplar pola súa sorprendente faceta pedagóxica, foi un excepcional conversador e contador de contos e artista multidisciplinar. Cultivaba a poesía e a prosa (contos de nenos e de escola así como narracións costumistas), sempre en lingua galega. Ademais amosou un destacado talento como debuxante, caricaturista e tallista en madeira, deixándonos unha obra chea de expresividade e fonda esencia da realidade tradicional galega.

Entre as súas obras destacamos os contos de escola titulados “A Escola, o escolante e máis os rapaces da aldea” (en prosa), “Contos recolleitos e contos discurridos postos en verso” (poemas), e “Contos do Mariano” (en prosa). O seu estilo literario está influenciado pola estética cultivada polos membros da Xeración Nós, a quen tanto admiraba e cos que incluso intercambiou correspondencia.

Unha parte importante da súa obra literaria está publicada e pode consultarse nos boletíns nº 11, nº 12, nº 13, nº 14 e nº 15 do Museo da Terra de Melide. E parte da súa obra en madeira (tallas), amósanse nunha das salas do Museo (gracias a xenerosidade da súa viúva Dona Matilde Sánchez Reboredo).

A súa obra é dunha calidade tan sobresaínte que o Museo da Terra de Melide pretende sacala do inxusto anonimato e por iso quere divulgar o seu legado e convertelo en patrimonio, non só de Melide, senón de todos os galegos; polo que no ano 2014 envíaselle unha copia da súa obra literaria á Real Academia Galega e ó Consello da Cultura Galega, para incorporala ós seus fondos bibliográficos.

Ten unha rúa dedicada en Melide, no Barrio de Don Vicente.

BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Lembranza de Nilo Cea Rodríguez"Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998. 
- Porto Roca, Ermitas: "O meu amigo Nilo". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.
- Broz Rei, Xosé Manuel:  "A obra poética de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.
- Broz Rei, Xosé Manuel: " A obra narrativa de Nilo Cea Rodríguez". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As caricaturas de Nilo Cea Rodríguez"Boletín nº 15 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2002.


DON JOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ PAMPÍN:

 


Nado en Melide en 1940, faleceu en Melide no 1997.

Este sacerdote e profesor melidao foi un convencido galeguista que, entre outras cousas, promoveu a tradución da Biblia ó galego e a reedición do ano 1978 do “Terra de Melide” do Seminario de Estudios Galegos, ademais de ser un firme defensor da liturxia en galego.

Fai os seus estudos eclesiásticos no Seminario de Santiago de Compostela e na Universidade Pontificia de Comillas, e foi profesor de relixión en varios IES, entre eles o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.
No ano 1990 foi merecedor, xunto con José Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do Premio Nacional de Tradución polos seus traballos de tradución á nosa lingua da “Biblia”, da “Biblia dos Nenos” de A.M. Cocagnac e Rosemary Haughton, e do “Evanxeo dos nenos” de Harold Wistone.

Publicou traballos da súa autoría nos boletíns “Encrucillada” e “Grial”. Entre as súas obras destacamos: “Nova conciencia na Igrexa galega” (con prólogo do destacado bispo galeguista da Diócese Mindoniense Monseñor Araújo), “Pro e contra da liturxia en galego: historia dunha polémica” (conxuntamente con Manuel Caamaño); e tamén de tres obras teatrais publicadas na Revista Grial e que levan por título: “Creón, Creón”, “Ifixenia non quere morrer” e “Alcestes, traxedia en dous actos e sete cadros”.

No prólogo que Xosé Filgueira Valverde fai da segunda edición do “Terra de Melide” do ano 1978, dedícase un paragrafo ós promotores da reedición, e cita en exclusiva o empeño de Xosé Manuel Rodríguez Pampín en sacar adiante esa reedición.

Ten unha rúa dedicada en Melide ó carón do C.E.I.P. Pastor Barral.

Dende o Museo de Melide animámosvos a celebrar o Día das Letras Galegas co orgullo que nos produce ter unha lingua propia, que serviu de medio de expresión da man dos nosos máis egrexios autores, tamén na nosa vila.

BIBLIOGRAFÍA:
- Filgueira Valverde, Xosé: "Limiar da 2ª Edición do Terra de Melide". Edicións do Castro, ano 1978.
-Galipedia: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xosé_Manuel_Rodríguez_Pampín

- DIALNET: Obra de Xosé Manuel Rodríguez Pampín.


-http://elprogreso.galiciae.com/noticia/81558/melide-dedica-una-calle-al-cura-rodriguez-pampin

Elaborado polo Museo da Terra de Melide.

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...