sábado, 14 de maio de 2016

abeancos.gal

 

 Presentación do proxecto:

Abeancos.gal é un catálogo dixital aberto do patrimonio cultural da Comarca de Melide elaborado conxuntamente entre a Asociación Melisa e o Museo da Terra de Melide.
Esta definición ampla e xenérica ven a resumir o contido xeral do proxecto, que en palabras sinxelas se definiría como un catálogo de elementos patrimoniais da Comarca de Melide, que se poden consultar a través de internet. Ó ter licenza libre tamén se poden utilizar estes datos para calquera uso que se lles queira dar, é dicir, que se poden empregar os datos e as fotos, así como os programas informáticos cos que se elaboraron, de xeito libre.


Esta páxina web é posible e ve a luz gracias ó esforzo e inxente traballo desinteresado (sen cobrar un peso), que levaron a cabo os membros da Asociación Melisa e do Museo da Terra de Melide.
Melisa encargouse de toda a parte técnica e dixital, do deseño da páxina, ademais das fotografías que acompañan a cada un dos elementos.
O Museo da Terra de Melide é o responsable da selección dos elementos así como das descricións e de toda a documentación que aparecen nas fichas.
Por tanto trátase dun traballo en equipo, no que ambas partes son complementarias.

Definición do ámbito de estudio:

O nome abeancos.gal non é casual.
Optouse por definir así o nome do proxecto limitando os nosos contidos á antiga delimitación da Terra de Melide, e non á demarcación política comarcal actual, carente de todo valor histórico.

  Abeancos era o antigo territorio no que estaban os concellos de Melide, Santiso e Toques. O concello de Sobrado dos Monxes, pertencía a outra realidade por estar separado pola barreira natural da Serra do Bocelo. Con todo no noso catálogo incluímos algún elemento pertencente a dito concello, que comparte algunha connotación de tipo histórico, hai que entender que a realidade política en tempos pasados non é a mesma que temos hoxe, e seguramente será diferente tamén no futuro.
Polo tanto, en abeancos.gal incluímos eses elementos pertencentes ó antigo territorio de Abeancos, máis aqueles que por situación xeográfica ou por relacións de comunicación directa, estaban vinculados con esta terra.

Que entendemos por Patrimonio Cultural:

Para definir os elementos patrimoniais que se engadiron, e que forman parte do catálogo, primeiramente habería que definir que é patrimonio:
 “Calquera tipo de xacemento ou monumento feito polo home, dende a prehistoria ata antonte, incluso todo o que é a arquitectura etnográfica popular, e na que se engaden as arquitecturas propias do século XX”
Incluímos por tanto todos eses elementos construídos que forman parte da paisaxe. Pero tamén se engaden elementos naturais que teñen asociada unha lenda ou un folclore, pois aínda que non son construcións antrópicas (feitas polo home), si foron utilizados ó longo dos séculos como elementos propios da cultura humana, desenvolvéndose neles diversas actividades, ou estando relacionados con determinados ritos, cultos ou lendas propias da nosa cultura (un exemplo deste “patrimonio natural” sería a Pena Moura, que a pesar de tratarse dunha rocha erosionada, ten varias lendas que a converten nun referente cultural e cultual na nosa zona).

Clasificación e tipo de elementos que se poden atopar no catálogo:

Nun principio o catálogo de abeancos.gal consta de 36 elementos. Optamos por comezar por estes, sen excluír definitivamente a todos os que faltan. Empezamos por un número asequible, xa que si a lista fose máis numerosa sería unha páxina saturada de información para unha primeira toma de contacto, o mesmo ocorría si a lista contivera menos elementos, pecaría de escasa e parecería carente de contidos. Isto non significa que este proxecto estea finalizado no momento da súa presentación, pois se trata dun traballo vivo, onde se irán incrementando os elementos patrimoniais comarcais cada certo tempo.

No catálogo de abeancos.gal clasificamos os elementos engadidos baixo as seguintes categorías:

- Arquitectura civil: Pazos, Casas Grandes, hospitais de peregrinos, lazaretos, escolas,…


- Arquitectura relixiosa: igrexas, conventos, mosteiros, capelas, santuarios, ermidas,…


- Arquitectura industrial: fábricas anteriores á época industrial.


- Arquitectura popular: hórreos, cabaceiros, palleiras, muíños, lavadoiros, fontes, neveiras, …


- Elementos arqueolóxicos: castros, mámoas, petróglifos, pedras fitas,…


- Paisaxe mítica: aqueles lugares naturais sempre e cando teñan lendas ou tradicións asociados.


- Cruceiros


- Pontes

Consideramos que estes dous últimos elementos deben ten unha categoría propia, debido a súa significación individual. Unha ponte podería inscribirse dentro de arquitectura ou obra de enxeñería, pero polo momento consideramos que debe figurar como elemento independente, o mesmo lle sucede ós cruceiros, cuxa idiosincrasia lles outorga un carácter propio.

Os elementos incluídos levan unha pequena ficha descritiva de cada un deles onde consta a que tipo dos anteriores pertence, o seu estado de conservación, acceso a pé ata o elemento, a que lugar, parroquia e concello pertence e a súa cronoloxía, ademais da súa xeolocalización mediante coordenadas xeográficas e GPS. A continuación se describe o elemento explicando en que consiste e as súas características construtivas e morfolóxicas. Axúntase unha foto de cada un deles, así como un audio das lendas nos elementos que teñen algunha asociada.

Na páxina hai tamén un mapa onde se localizan cada un destes elementos mediante unha icona representativa e visual de cada un deles.
que é patrimonio.

 Conclusión:

E por último dicir que a documentación para elaborar este traballo foi posible gracias á abundancia de publicacións coas que afortunadamente contamos nesta comarca, destacando a labor do Seminario de Estudios Galegos (plasmados no “Terra de Melide no ano 1933), e do froito dos moitos anos de investigación de Xosé Manuel Broz Rei, que se traducen en catro volumes sobre a historia e a arte da comarca, e nos seus traballos publicados nos 28 boletíns que leva editado o Museo da Terra de Melide, e nos que tamén hai contribucións salientables doutros moitos autores.

Preténdese que esta páxina web sexa un “catálogo aberto” de consulta para todos os interesados en querer saber algo máis sobre o noso patrimonio cultural-material, e que aspira a ser de utilidade e proveito.



Texto: Museo da Terra de Melide; Fotos:Melisa

ARELANDO O RETORNO DO CRUCEIRO MÁIS ANTIGO DE GALICIA Ao longo de 13 semanas e 98 xornadas, o Museo elaborou unha serie de artigos para pu...