A interacción do individuo do presente coa cultura material do pasado
Escribimos este artigo cun único e intencionado propósito, que non é outro que o de intentar que valoremos na súa xusta medida a nosa rica e diferenciada herdanza cultural, entablando un diálogo coas manifestacións materiais que compoñen o noso patrimonio (xacementos arqueolóxicos, monumentos, pezas illadas,…), facendo especial fincapé naqueles exemplos construidos ou labrados na pedra.
A miúdo temos escoitado a expresión “as pedras falan” e, bueno, non é verdade xa que nunca se víu a unha pedra parolando, alomenos que nos saibamos. Pero esa expresión agocha metaforicamente falando un certo pouso de veracidade, posto que falar non falan pero si é verdade que transmiten moitas informacións para as que só é preciso poñer en funcionamento os nosos sentidos para poder “dialogar” con esas pedras.
En esencia non se trata doutra cousa que o abrir a nosa capacidade perceptiva, acompañada dos coñecementos adquiridos ó longo da nosa vida, para poder entablar esa comunicación cos distintos elementos materiais producidos por quen nos precedeu.
Con este propósito imos botar man do saber dun dos máis senlleiros persoeiros da nosa cultura, Don Ramón Otero Pedrayo, quen empregaba neste tipo de ensaios un fermoso verbo, o Enxergar, para referirse á interacción entre as persoas e as pedras que serven de alicerces do noso acerbo cultural.
Ese Enxergar para Don Ramón consistía en entender as cousas e comprendelas mirando xa non só cos ollos, senón coa percepción e coa nosa capacidade emocional. É pois unha dialectica que se establece entre a nosa propia persoa e os artífices dunha determinada obra do pasado, utilizando como nexo esa peza ou monumento inanimado (aínda que dotado de alma, a alma que lle outorgou o seu artífice ó darlle esa forma ou aspecto determinado).
LINTEL FIGURADO EN PARADELA, TOQUES
¿Cantas veces ó contemplar calquer obra somos capaces de identificar a un autor ou escola determinada baseándonos exclusivamente na técnica e feitura da mesma? , ou ¿Cómo somos quen de entender a evolución da arte tan só reparando en pautas estilísticas?, ou nos preguntamos o porqué desa evolución estética. Pois á resposta é que nos deseños e patróns estéticos dun período determinado, o que se facía polo xeral era reproducir os esquemas de pensamento e gustos da sociedade nos que se produciron (máis ou menos o que sucede hoxe en día, e lle chamamos modas).
Polo tanto non temos máis que ver, por exemplo, un capitel con decoración para saber a que estilo ou período artístico pertence, ou cando contemplando un edificio histórico somos capaces de encadralo na súa época e no seu estadio cultural, fixándonos na composición e elementos ornamentais. Pois o mesmo pasa coas pedras traballadas máis antigas, as pedras da prehistoria, nese caso tamén podemos ser quen de identificalas e de entender que esas pedras foron traballadas por algún individuo cunha intencionalidade práctica ou estética.
PEDRAFITA DO CASAL, CAMPOS, MELIDE
Pero para iso, para que as pedras nos falen e compartan con nos os seus segredos (en que cultura se produciron, técnicas de execución, gustos estéticos e demais) hai que seguir determinados pasos, todos eles moi sinxelos, que agora propoñemos.
1 – Acodir para ver o elemento e interactuar con el en solitario. O primeiro consello é visitar o monumento nunhas condicións adecuadas de concentración, ou dito doutro xeito de non distracción. É aconsellable optar por iniciarse no “diálogo coas pedras" contemplando monumentos situados fora dun ámbito urbano, posto que a proliferación excesiva de ruídos e toda clase de distraccións non axudan a centrarse na contemplación dun ben cultural.
Tamén se recomenda acodir en solitario, ou na compaña dalgunha persoa coa que compartas ese interese polo que vas ver, e que ó mesmo tempo tamén queira sacar proveito da experiencia. Hai persoas que nos fan a vida moi animada pola súa gracia e espontaneidade, que teñen unha capacidade innata para “sacarlle punta” a todo, pero que non son a mellor compañía para exercitar a contemplación e a concentración. Entendemos que unha excursión en grupo numeroso, ou integrada por persoas desganadas (por este tema) non favorecen ese diálogo e interacción co monumento. Dito doutro xeito é recomendable escoller a compañía para este tipo de visitas, ou facelo en solitario; ambas fórmulas son válidas, pero acodir en plan festivo non o é, xa que os teus sentidos e percepcións van estar máis atentas a outras cuestións.
Nese senso tamén recomendamos non estar subordinados a sms, whatsapps e demais redes de comunicación sociais dixitais, posto que responden ó mesmo tipo de distracións das que falamos anteriormente. Iso non implica ir sen dispositivos móbiles, que poden ser útiles para moitas outras cousas (sempre pode ser necesario ter que chamar a alguén ou consultar un mapa ou o gps).
2 – Outro consello, moi aproveitable, é o de acodir a visitar monumentos ou xacementos sen presa. A premura por volver a casa non é a mellor compañeira de viaxe. É moi recomendable facer excursións de vagar, sen marcar metas planificadas. Ir con tempo, escollendo un día solleiro e atemperado, e levando no coche ou na mochila bebidas e un “bocata”, para aproveitar ben o día (e non estar condicionado por ter que ir xantar e voltar pola tarde), é unha experiencia moi proveitosa e relaxante. Decatarémonos que o paso das horas é moito menos opresivo do habitual.
3 – Aplicación dos nosos sentidos corporais, especialmente os de índole perceptiva:
- Vista: Constitúe a principal ferramenta de observación, posto que é por onde primeiro entran as cousas. Recoméndase facer un primeiro percorrido visual polo elemento en cuestión, para a continuación ir contemplando e parándonos en aspectos concretos que poidan chamarnos a atención. Se acodes en boa compaña pode axudar, posto que son máis ollos a reparar en detalles, unha vez que contrastedes o visto. Dese xeito captaremos aspectos inapreciables a simple vista, por exemplo unha iconografía ou figura oculta, unha marca de canteiro, descobrir algún motivo aínda non descrito ou catalogado (se por exemplo vemos un petróglifo)…
Acontece en moitas visitas guiadas como a xente repara en detalles que non coñecía por non fixarse, e que se dan de bruces con eles unha vez que alguén llos amosa.
VENTÁ SAETEIRA REAPROVEITADA NO ALEIRO DA IGREXA DE BRAÑAS, TOQUES
- Olfato: Este sentido apenas resulta proveitoso neste caso, unicamente o feito de captar os aromas que nos ofrece a natureza (plantas en floración, herba mollada,…) axuda a harmonizar a experiencia e comprender a interrelación entre ben construído e o marco paisaxístico no que está inserido.
- Gusto: Deste sentido corporal case podemos prescindir, pois nada nos ofrece para entender un monumento, aínda que cando chega a hora do xantar e xa levas varias horas de excursión, o feito de levar contigo esas viandas na mochila ou no coche, fai que nunca mellor che saiba ese bocadillo, froita ou o que leves. É moi recomendable esa experiencia de xantar ou merendar no campo.
- Tacto: Este é un sentido importante, posto que tocando un ben material, labrado na pedra consolidada, axuda a entender determinados aspectos como poden ser o tipo de labrado, con que ferramentas foron producidas, o tipo de acabado e tamén a natureza da rocha en si. Trátase pois dunha maneira de percibir a textura, dureza e densidade dun tipo de materia. En arqueoloxía utilízase moito o tacto para describir o tipo de acabado dun material cerámico, por exemplo.
En todo caso con iso do tacto hai que ter moito “tacto”. Se tocas unha pedra consolidada, é dicir, que non amose unha tendencia á disgregación, non pasaría nada por tocala. Pero NUNCA se deben tocar elementos como pinturas murais, enfoscados de paredes que estean inestables, rochas en fase de meteorización, e se é o caso de que visites unha cova (producida pola erosión kárstica), tampouco se poden tocar paredes e teitos. En arqueoloxía tamén se prohíbe tocar coas mans restos de natureza orgánica.
- Oído: Neste caso acontécenos algo parecido co tema do olfato, en principio a este sácaselle pouco proveito, neste tipo de experiencias. Pero determinados sons da natureza axudan a crear esa atmósfera de recollimento e diálogo co entorno. Determinados sons como poden ser o canto dos paxaros, o son do vento entre as árbores, o marmullo das augas do río, o canto de grilos e carricantas,… contribúen a unha agradable sensación de paz e benestar que abre ós demais sentidos aplicados.
CASTRO DE OS CASTROS, BRAÑAS, TOQUES
Todo iso se entende unha vez aplicados todos os nosos sentidos analíticos. Dese xeito podemos analizar, dentro do nosos canons, como se faría para construír por exemplo unha anta (dolmen), como fenderían a rocha, como poderían transportar as pedras, erguelas e fincalas adecuadamente, canta xente e medios farían falla para tal proeza,…
FORNO DOS MOUROS, A MORUXOSA, TOQUES
4 - LER, ler e sobre todo ler. Con esto queremos dicir, que o primeiro paso de todos é ler moito sobre a materia, consultar autores versados nestas disciplinas. Informarnos e estudar. De nada nos sirve achegarnos a unha “pedra” traballada por algunha persoa na antigüidade e agardar que nos fale ela sen máis. Primeiro debemos saber que é o que imos ver, coñecer o que outras persoas estudiaron sobre o tema, e ver se encaixa con iso que aprendimos nesas lecturas, algo así como unha comprobación empírica do que temos diante, despois de ter estudiado o tema. Este aprendizaxe previo sérvenos para varias cousas: en primeiro lugar para saber o que imos ver, para coñecelo de antemán e unha vez diante da pedra saber volcar nela o que aprendimos.
Por outro lado, tamén nos serve para poder identificar algunha pedra inédita, algo que aínda non foi descuberto ou non se sabe moi ben o que pode ser; así o noso coñecemento previo pode darnos exemplos do tipo de utilidade que podería ter ese elemento que estamos a observar. E tamén non serve para descartar pedras, que poderían parecer algo feito polo home con intencionalidade práctica ou decorativa en tempos pasados, e que ó final resultan non ser nada máis que simples pedras con formas caprichosas que lle outorgou a natureza.
Por outra banda tamén nos serve para encadralas nas diferentes épocas históricas, pois algo que nos podería parecer antigo a simple vista, unha vez observado con detemento, conclúese que pertence a unha época posterior, polo tipo de labrado ou polos motivos representados. Polo tanto, nestas conversas coas pedras, que como vemos xa nos din moito, xa falan moito con nós a simple vista, é imprescindible o coñecemento previo adquirido pola letura.
5 – E xa por último tamén é moi recomendable viaxar, facendo visitas a elementos culturais, posto que é un bo método de comprensión, aprendizaxe e contraste. Podemos dese xeito visualizar paralelismos culturais, ou polo contrario de poder coñecer os límites da nosa esencia cultural. Poñendo un exemplo: non hai máis que facer viaxes ó leste e sur da península Ibérica para ver que o seu sustrato cultural é moi rico pero diametralmente diferenciado do noso (no que os pobos prerromanos son outros, que aquí non están presentes, e non digamos xa no que se refire á época medieval na que neses territorios se evidencia a dominación islámica, tan rica e prolífica).
Finalmente, en base a toda esta exposición, poderíamos ser capaces de poder establecer comparativas entre esas producións monumentais e artísticas do noso pasado co esquema de pensamento actual.
Por exemplo:
- Vendo un menhir podemos entendelo coma un marco de termo ou límite de propiedade, aínda descoñecendo a súa verdadeira función.
- Vendo unha anta podemos entender que se trata dun nicho ou panteón funerario colectivo.
- Vendo un castro podemos entender que se trata dunha aldea semellante ás dos Ancares ou do Courel (aínda que fortificadas).
- Vendo unha vila romana podemos comparala cunha casa rural galega con todas as súas dependencias adxetivas (palleira, hórreo, cortes,…).
- Vendo unha ponte feita con estética antiga (como a de Busel en Santiso, dos anos 30 de século XX) comparala cunha ponte de cronoloxía medieval.
PONTE DE BUSEL, SOBRE O REGO DA BESEÑA, SANTISO
- Vendo un miliario romano ¿non nos ven á mente eses mollóns quilométricos das estradas ou do Camiño de Santiago?...
Así pois, determinamos que as pedras nos falan, sempre e cando sexamos quen de querer ir máis aló do que é unha pedra en sí mesma.
Para rematar queremos incidir no feito de que a alma da pedra traballada so exemplifica a filosofía e o sentir de quen as creou. Como exemplo queremos lembrar un comentario que nos fixo nunha ocasión un veciño do Concello de Santiso (Celso Hermida), aficionado ó traballo da pedra en xeral, e da canteiría en particular: “cando vexo unha pedra no monte, coa forma que lle deu a natureza, xa lle vexo o que agocha e xa me indica o que podo sacar dela, adiantándome o resultado final que sairá das miñas mans unha vez labrada”. É pois unha ensinanza moi proveitosa para comprender o inxenio da persoa para manipular un obxecto inanimado e darlle forma intencionada e alma.
BASA DO CRUCEIRO DE ORDES, TOQUES
Fotos extraídas de abeancos.gal. Autor Jorge Lama.