Penas míticas e sacras da Terra de Melide (1ª parte).
Neste artigo imos falar dos monumentos naturais, destacados na paisaxe e recollidos na cartografía como elemento notorio á par de referencial. Recollemos nesta primeira entrada catro grandes penedos que son un fito referencial na paisaxe da bisbarra: A Pena Grande de Pezobrés; O Penedo do Hospital de San Nicolao; a Cheminea dos Mouros do Rechinol; a Pena Moura da Moruxosa; e as Pías de San Xurxo de Mourazos.
A PENA GRANDE DE PEZOBRÉS.
É unha pena que está moi
fracturada, cos anacos espallados ós seu pés. Cuberta con vexetación e musgo,
non se aprecian signos ou gravados que a sinalen como marco de xurisdición,
quizais porque non fose necesario polo gran tamaño que ten, inconfundible como
referencia. A pena érguese nunha lomba do monte, sola, como un fito senlleiro.
Documentada como marco de propiedade de parroquias.”
Neste ano 2023 o Museo da
Terra de Melide, como todos os anos, editou un almanaque de mesa que trata
nesta edición, sobre os “Penedos da Terra de Melide” e, precisamente, esta pena
foi a elixida para poñerlle imaxe á lámina do presente mes de xuño.
Como xa se sinalou esta
peneda aflorante aparece referenciada en diversos formatos de mapeo
cartográfico, e sempre recollendo dito topónimo. Así pois, no Mapa Topográfico
Nacional (1:50.000) aparece recollida nunha elevación que acada unha cota de
401 metros, mentres que no Mapa Vectorial do Lidar Galicia sitúana a unha cota
de 398,1 metros.
Mais tamén consultada
“Carta Geométrica de Galicia” de Domingo Fontán, vemos que o prestixioso
matemático non a recolle, a diferencia doutros elementos significados na
paisaxe como a “Peña do Espiño” (situada ó norte da aldea de Río de Ameneiros);
o “Coto del Emparedado” (ó norte de Folladela); as “Peñas Altas” (emprazada nun
triángulo comprendido entre Orois, Xubial e Maceda), a “mámoa de Losoiro”
(entre o Meire e Cuíña);..., que si aparecen recollidas e situadas.
En calquera caso esta
“Pena Grande” se traduce nun dos fitos xeolóxicos naturais presentes na Terra
de Melide que non deixan indiferente a ninguén. Mais ben é certo que desta
formación rochosa non coñecemos lendas nin contos asociados a ela, como si acontece
coa:
Pena Moura da Moruxosa
(lendas de mouros e tesouros); coas penedías do xacemento medieval da Torre dos
Mouros; coa Pena Gulpilleira (abrigo de bandoleiros e maquis); a Pena Ferrada
(con lendas piadosas e de peregrinaxe); a Pena Grande de San Martiño de Oleiros
(lugar de achado de “tesouros”); da Cheminea dos Mouros ( folclore asociado ós
mouros e abrigo de pastores); e dos afloramentos ós que está acaroada a igrexa
de San Xurxo de Mourazos (lendas sobre os cabalos dos mouros),...
Así pois, con esta
entrada comezamos coa serie sobre as “Penas míticas e sacras da Terra de
Melide”, na que tamén se falará dos “Penedos de San Nicolao” (Hospital das
Seixas, parroquia de Merlán, concello de Palas de Rei); das “marmitas de
xigantes” da Fonte Santa de Belmil; ou dos afloramentos do Couto do Vieiro,
entre outras.
Si, é tempo de falar de
mouros, tesouros, mitos, supersticións, panteísmo, devocións, e maxias e
feitizos.
PENEDO DO HOSPITAL /
PENEDO DE SAN NICOLAO (HOSPITAL DAS SEIXAS, MERLÁN, PALAS DE REI).
Nesta entrada encadrada
na serie sobre as pendías senlleiras da Terra de Melide imos sobrepasar omarco propio da xeografía política, indo a adentrarnos en terras veciñas, coas que historicamente existiu un nexo ineludible, do que xa se leva falado noutras entradas referidas ós límites demarcados polo Marco do Hospital do Careón.
Nesta ocasión queremos
fixar a atención nun escenario físico e histórico singular e excepcional,
fortemente vinculado co Camiño Primitivo ou de Ovedo, na divisoria fronteiriza
determinada pola Serra do Careón, que actúa de marco físico entre as provincias
de Lugo e A Coruña e dos concellos de Palas de Rei e Toques.
Situados no collado
natural, polo que discorre o itinerario histórico do Camiño Asturgalaico, no
que se empraza a necrópole megalítica do Marco (estando o marco de termo
situado sobre unha das mámoas) podemos albiscar mirando en dirección
leste-surleste o conxunto e sucesión de penedías de seixo branco, que resultan
enormemente destacadas na paisaxe.
As penedías sitúanse
nunha elevación comprendida entre as aldeas de A Lagoa e Casacamiño e Hospital
das Seixas e o Castro das Seixas. Este conxunto de afloramentos están
catalogados no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia,
baixo o epígrafe de castelo rocheiro medieval, dos que se coñecen como niños de
aguia. Certamente no entorno das cristas máis elevadas se aprecian entullos
construtivos de cachotaría e restos de tella, que tamén se poden corresponder
coa referencia dunha capela no seu cumio que segundo a tradición estaría
dedicada a San Nicolao.
Aínda que o conxunto é
coñecido como “Penedo do Hospital”, temos escoitado referencias que cada un dos
crestóns de rocha aflorante reciben unha denominación diferenciada, así pois, a
parte do recoñecido como “Penedo do Hospital” (o máis elevado, que se ergue a
unha altitude de 757 mt, e que pensamos tamén que é o que se identifica coma
“Penedo de san Nicolao”), tamén se nos transmitiu que un dos situados na aba
meridional é coñecido como “Penedo da Aldea”. Nese caso cumpriría recompilar
toda a toponimia menor, para que non se perda a memoria.
Tamén fomos testemuñas
orais de que o conxunto de penedos foi tentativa de explotación mineira para
obtención de mineral, por parte da empresa explotadora da Mina de Serrabal,
pero que a tentativa resultou desestimada pola afección derivada do Camiño de Santiago,
polo que por sorte o enclave arqueolóxico e paisaxístico puido ser preservado.
A elevación na que
sobresaen os afloramentos de seixo actúa de interfluvio ou divisoria de augas.
Desenvólvese nun eixo norte-sur, aínda que o eixo do conxunto de cristas
aflorantes leva unha orientación nor-norleste/sur-suroeste que acada unha
lonxitude de case 900 mt dende os afloramentos máis setentrionais ós máis
meridionais. Os cumios van comprendidos entre os 757mt ós 705 mt., o que da
conta dunha elevación manifesta e destacada respecto ás terras lindeiras.
Históricamente ubícanse
no Couto de San Xoán do Hospital das Seixas que como recolle Broz Rei en base
ás demarcacións señoriais consultadas no A.H.U.S, este estaría “inclusa en el
Coto de Furelos... propio uno y otro de la Encomienda de Puertomarín... se
demarca en Pena das Celas... Pena de San Nicolás... Marco do Couso... Pena
Linga do Couso Bedro... Pena do Espiño... Marco de Mamuela... Pena
Golpelleira...”. E, tamén Broz Rei nos fala de que “no monte do Hospital das
Seixas hai os brancos penedos de cuarzo, con varias penas, nomeadas como a Pena
de Cela, de San Nicolás, sobre a cal dise que houbo unha capela, da que quedan
restos de tella no lugar”.
A CHIMENEA DOS MOUROS DO
RECHINOL.
Nesta nova entrada imos amosar un dos máis destacados fitos xeolóxicos da Terra de Melide. Aínda tratándose dunha formación natural sobranceira resulta escasamente coñecida debido, entre outros factores, polas dificultades de acceso para chegar ata ela pola inaccesibilidade, e tamén porque se sitúa nunha paraxe na que non existe unha unidade de poboamento inmediata.
Trátase dunha formación
natural producida por axentes erosivos (choiva, vento e tamén por factores de
contraste térmico severo que provocan fracturación neste tipo de substratos
rochosos). O elemento ubícase en pleno canón do río Furelos, no curso medio-baixo
do mesmo e no entorno da presa da antiga central hidroeléctrica establecida a
comezos do século XX polo empresario Inocencio Fuciños.
Aínda que a formación se
sitúa na parroquia de Vimiano (Santiso), é no veciño concello de Melide
(situado na beira contraria do río) onde mellor se contempla e onde se sitúan
as aldeas máis próximas (Teillor e Moldes de abaixo). Sobre este enclave de dimensión
paisaxística, arqueolóxica (histórica e industrial) e mítica e folclórica, xa
ten reparado o ilustre médico e investigador melidao Eduardo Álvarez
Carballido, autor e responsable dun artigo publicado no ano 1913 no Boletín da
Real Academia Galega nº75, baixo o título “Protohistoria. Restos de un collar
de la época Neolítica”, nos fala de diversas variables (algunhas delas algo
contraditorias) desta formación e doutra inmediata, na que se asenta un
xacemento arqueolóxico de presumible adscrición histórica (medieval?)
denominada Os Castelos.
Parafraseando as verbas
de Álvarez Carballido procedemos a reproducir unha pequena parte do texto no
que fala destas peculiares formacións en rocha: “el río Furelos, que en parte
de su curso sirve de línea divisoria entre los ayuntamientos de Mellid y Santiso,
sigue en el principio de este trayecto, en el punto llamado Rechinol, un
recorrido corto, pero muy accidentado; grandes alturas le dominan, bordeadas de
enormes masas de rocas calizas, por entre las que las aguas al abrirse paso,
forman numerosas, aunque pequeñas cascadas, que desaparecen una vez vencido el
obstáculo, recobrando la plácida tranquilidad con que se deslizan a encontrar
el río Ulla, con el que se reúnen.
El grupo de rocas sito en
su margen izquierda, alcanza gran altura, y vistos desde abajo, simulan
imponentes ruínas pertenecientes a singulares y vetustas fortalezas. De ahí
que, no pasaron inadvertidas a los moradores de esta comarca, que desde tiempo
inmemorial conocían con el nombre de “Os Castelos” y “Chimenea dos Mouros” a
las dos rocas principales. La primera se levanta en la orilla del río; arranca
perpendicular y se eleva casi hasta la cima de la montaña, empotrada en la
misma por su parte posterior, y aislada por el frente y parte superior de ambos
lados. La otra, o sea la segunda, es una gran roca, cuya rara formación
geológica, hace dudar si la mano del hombre ayudó en su trabajo a la
naturaleza: tal es la forma de disgregación que en ella se observa; aparece
horadada en toda su altura, formando una rústica chimenea, utilizada de tiempo
inmemorial por los pastores, únicos vistantes de aquel inculto monte, para
encender fuego y calentar sus miembros ateridos por el húmedo cierzo, que en
los crudos días del invierno, les obligaba a abandonar momentaneamente sus
rebaños”.
Este enclave descrito
cunha prosa tan decimonónica polo investigador e doutor melidao, foi revisado
no ano 2012 por persoal deste museo, seguindo unhas indicacións facilitadas
amablemente por Roberto Penín. Certamente non foi doado chegar ata o enclave debido
entre outras cousas pola abundante vexetación arbustiva e tamén polo abrupto e
accidentado do terreo. Na visita acadouse o asentamento de os Castelos, de
inequívoca dimensión arqueolóxica, probablemente asociada a estadios medievais,
que se definen por un amplo foxo colmatado por entullos construtivos con ampla
presenza de aparello de mamposto (cachotaría, tellas e anacos cerámicos de
presumible adscrición medieval/moderna). Igualmente tamén se determina a
natureza antrópica pola existencia a simple vista dun paramento dun muro feito
en cachotaría seca. A crónica desta visita foi plasmada no Boletín nº 25 do MTM
publicado no ano 2012. No mesmo xa se daba conta da dificultade de acceso da
topografía accidentada e da faciana impoñente de senllas formacións.
Referíndose á Cheminea dos Mouros determínase que se trata dun bloque exento de
rocha que mantén un equilibrio “inestable” que se proxecta directamente sobre a
vertente. Tamén se apunta que a forma se amosa moi caprichosa, aínda que non se
percibe tipo algún de alteración antrópica, senón que se evidencia que resposta
a factores de tipo erosivo.
A conclusión que se
extrae, a simple vista, é que Os Castelos, situados a unha distancia de 55
metros ó suroeste da “Chimenea” é que puidera tratarse dun establecemento
medieval, a xeito de punto de observación/defensa vinculado ó curso do Furelos,
xa que a escasa distancia cara ó sur cambia a paisaxe a modo de val aberto. Así
pois, e por concordancia con outros asentamentos parellos, nos levan a
entendelo como unha posible atalaia concibida para cumprir obxectivos de
control estratéxico e de vixilancia. Así pois o concepto de estratexia
territorial de control do territorio nos lembra ós “Castelos de Mácara e de
Remonde”, asociadas ó curso do río Pambre, ou tamén ó dos Penedos do Hospital,
dos que xa falamos nunha entrada anterior (2ª entrada desta serie).
A PENA MOURA DA
MORUXOSA
Dende o Museo da Terra de Melide, Xulio Álvarez García, Xurxo Broz Rodríguez e Cristina Vázquez
Neira, elaboraron no mes de febreiro un dossier para solicitar a incoación do expediente de declaración de BIC para a Pena Moura da Moruxosa, por considerarse un enclave que reúne elementos imprescindibles e necesarios para tal motivo: paisaxístico por estar enclavado en plena Serra do Bocelo, paisaxe natural; por ser un elemento vinculado ao folclore e tradicións da Terra de Melide; por continuar sendo no presente un fito referencial para os veciños da bisbarra; e por formar un conxunto único coa Necrópole Megalítica do Bocelo na que se encadra o dolmen de Forno dos Mouros a escasos 700 metros. Todos estes motivos son máis que suficientes para que dito elemento e toda a paisaxe que o rodea, así como os mitos, tradicións, lendario e rituais asociados a el, sexan declarados como Ben de Interese Cultural e reciban o coidado e protección que se merece.
Pero qué é a Pena Moura?
A Pena Moura da Moruxosa,
así como varios dos túmulos megalíticos situados na súa inmediación, emprázase
na Serra do Bocelo, en plena divisoria territorial da mesma, actuando de límite
entre o Concello de Sobrado dos Monxes e o de Toques e cadrando co itinerario
do vello Camiño Real do Bocelo. Defínese como un bolo granítico de feitura
tendente a ovoide, constituído por dous bloques en equilibrio, xunguidos ou
vertebrados por unha liña de fractura en disposición oblicua. Senllos bloques
aparecen asentados sobre un encamado, en forma de niño, de rocha altamente
diaclasada (con múltiples liñas de fractura) dispostas en planos paralelos.
Dese xeito, correspondese cun fito que case se podería definir como totémico,
non sendo raro que nos tempos pretéritos asumira tanto unha dimensión
referencial como máxica. E, xa sen retrotraernos no tempo, na actualidade
pódese dicir sen ambaxes, que este elemento da paisaxe continúa a ser un fito
notorio que a ninguén lle resulta indiferente, de feito segue a ser un lugar de
enorme potencial turístico, que decote resulta inmortalizado e captado tanto
fotográficamente como en vídeo e voos de dron. A tan so 3,50 metros ó sur da
Pena Moura existen tres grandes pedras graníticas encabalgadas conformando un
amplo abrigo ou refuxio natural que resulta altamente susceptible e favorable
para unha ocupación nos tempos encadrados no Paleolítico Superior
Final/Epipaleolítico, e tamén en tempos moito máis recentes asociado a
actividades de pastoreo de montaña.
En canto á dimensión
mítica deste enclave, resulta moi acostumado, por non dicir un ritual, o facer
unha primeira parada para reparar na Pena Moura, durante as frecuentes visitas
que recibe a anta de Forno dos Mouros, toda vez que ambos elementos (xeolóxico
e arqueolóxico) forman parte dun todo, e dunha mesma dimensión nunha paisaxe
tan recorrente no que se refire ó fenómeno tumular e megalítico. Ambos
elementos a pesar de que non comparten, en absoluto, os mesmos procesos
formativos, un xeolóxico (de formación natural) e o outro antrópico (de
determinación arqueolóxica asociada ós tempos neolíticos), si comparten unha
mesma dimensión folclórica, mítica e cultual. Nese senso indicar que as
sociedades dos nosos avós non dubidaron en atribuír tanto a formación natural
(a Pena Moura) como o elemento funerario construído (o Forno dos Mouros) a un
mesmo denominador: a vinculación de ambas manifestacións en pedra co substrato
cultural que pivota en torno á figura dos “mouros”, como responsables últimos
de canta forma destacada na paisaxe, que non son quen de encadrar dentro dunha
lóxica allea á sabedoría “da lareira”. Nese último aspecto compre facer unha
reflexión, posto que asistimos a un claro exemplo, á par de moi ilustrativo,
como en moitas ocasións non resulta preciso nin doado disociar as formas
construídas e as formacións naturais, cando ambas forman parte dunha paisaxe
compartida, no que ambas son actores e protagonistas.
A Pena Moura está envolta
en lendas máis aló do tempo, recollidas e contadas dende tempos inmemoriais e
das que por exemplo, no ano 1929 Vicente Risco o eminente antropólogo, axudado
(e amplamente asesorado) por Amador Rodríguez Martínez (sacerdote, natural de
Melide e coñecedor do seu entorno), recabaron informacións variadas acerca
deste enclave “mouro”, do que nos deixaron testemuña por escrito no “Terra de
Melide” de todo o que significaba para os veciños da contorna e da bisbarra
esta mítica Pena Moura.
Pena Moura responde a un
nome que xa de por si ten un significado especial relacionado cos seres míticos
do imaxinario popular galego. Segundo a tradición, foi traída por unha moura
que agochou un tesouro nela que é preciso desencantar para facerse con el. Este
elemento da paisaxe terramelidá cumpre con todos os requisitos dun lugar
erixido como epicentro da mitoloxía popular galega. Compre dicir que a Pena
Moura garda no imaxinario colectivo popular (aínda a día de hoxe) parte dese
lendario que a converte nun enclave único e singular, e en certo modo, cun
forte poder de atracción, tanto a nivel paisaxístico e natural, como lugar onde
realizar camiñatas e paseos pola natureza; como a nivel emocional, cultural e
cultual a xeito de “mítico punto de reconexión” cos valores que a converteron
nun fito cultural na paisaxe inmediata para os veciños da bisbarra”. Neste
último senso cabe comentar que, fora de toda crenza ideolóxica pódese asimilar
este elemento cun misticismo propio das sociedades que crearon o mito (no alén
dos tempos) e que se manteñen vivas grazas á transmisión oral que se segue a
contar (pódese dicir que case todos os veciños da Terra de Melide a coñecen e
visitaron por mil e un motivos). E, lonxe de crer ou non crer, agora é un mito
case transformado nunha tradición popular: a de subir á Pena Moura, a ese lugar
onde se xungue pasado e presente e que coa súa forma caprichosa, amósanos,
reconfórtanos ou xúnguenos coa propia natureza. Deste xeito podemos indicar que
é frecuente ver, aínda a día de hoxe, ofrendas votivas, depositadas por
“devotos” a unhas crenzas que tentan mitigar unhas penas que cada quen leva
consigo, sempre dentro desa relixiosidade popular ou supersticiosa que
representan este tipo de enclaves. A Pena Moura, xa o seu nome o indica; a súa
ubicación a sitúa; e todo o patrimonio arqueolóxico e natural que a rodea
amosan, representan ese punto onde o imaxinario popular segue vivo.
AS PÍAS DE SAN XURXO DE MOURAZOS.
Na aldea de San Xurxo, pertencente á parroquia de Mourazos (Santiso) sitúase a ermida do santo homónimo. Esta antiga parroquia foi agregada á veciña freguesía de Santaia de Rairíz a finais do século XIX, polo que o ente parroquial perdeu consideración de tal.
A aldea érguese sobre un
outeiro, proxectado sobre o curso do Río Ulla. O emprazamento presenta unhas
condicións de defensa e dominio visual favorables, polo que é considerado como
emprazamento dun antigo castro, ademais de ser aceptado como unha das posibilidades
máis viables e lóxicas da ubicación da desaparecida torre de San Xurxo ( torre
medieval fortificada, propiedade do conde Don Sancho de Ulloa, derrocada na IIª
Revolta Irmandiña).
Na actualidade, ademais
das referidas referencias orais non se perciben elementos que permitan
concretar algún de ditos supostos: castro e asentamento dunha fortificación
medieval.
O que se pode ver no
presente son boas mostras de arquitectura rural, o cruceiro do século XIX e o
templo de San Xurxo, do século XVIII, nun escenario axeitado como área
recreativa onde perviven exemplares de castiñeiro centenarios.
Tamén podemos observar ó
carón da igrexa, pola banda norte, a unha distancia de 2,80 metros, uns
afloramentos de gneis, que levantan unha altura de 1,50 metros respecto á
superficie do terreo. Neses afloramentos, que non se poden examinar na
totalidade por estar parcialmente invadidos de vexetación, podemos observar
restos dunhas pías eminentemente artificiais.
O que máis chama a
atención de ditas pías, ademais do esmero e coidado na súa feitura, é o feito
de atoparse dun xeito semi-exento (debido a que tamén foi labrada a rocha pola
súa banda exterior, probablemente coa finalidade de enfatizalas e realzalas). Na
actualidade poden verse dúas pías pareadas e xemelgas e restos dunha terceira,
sen poder descartarse que poida haber máis no conxunto do afloramento. Tamén
chama moito a atención a existencia dun xeito de escaleira de acceso ás pías
pola banda sur da peneda, consistente nun modo de extracción da rocha
constituíndose unhas bancadas.
As pías xemelgas contan
cunha separación de tan so 13 cm. A situada máis ó sur conta cun diámetro de 44
cm e unha profundidade de 26 cm. A súa parella (a da banda norte) conta con 40
cm de diámetro e un fondo de 27 cm. O conxunto, pola súa cara externa presenta
unha altura de 35 cm, o que da lugar a un aspecto realzado e prominente. A unha
distancia de 1,30 metros ó norleste aparecen restos do arco dunha terceira pía,
coa súa banda exterior igualmente resaltada. O arco conservado conta cunha
dimensión de 37-38 cm e un fondo de 11 cm, levantando pola súa cara exterior un
total de 18 cm.
Xa dende o punto de vista
do folclore e da tradición oral as referencias recollidas aluden a que se trata
dunhas pías, traducidas en bebedoiros, nas que se lles daba de comer e beber ós
cabalos dos mouros. Descoñecemos realmente o uso das citadas pías, pero cabería
a posibilidade de estar ante algún elemento concibido para prácticas de culto
asociadas ó ritual cristián.
Xosé Manuel Broz Rei, en
“Santiso na Terra de Abeancos” (2016) recolle a seguinte referencia “... alí os
arrieiros, e os mouros dábanlle de beber e comer ós cabalos... por alí, á beira
do río, hai unha pedra cun burato que lle chaman a Pena Furada, que era onde
prendían a corda para poder pasar coa barca dunha beira á outra, porque non
había ponte...”.