xoves, 12 de agosto de 2021

 O ROMÁNICO NAS COMARCAS DA ULLOA, ARZÚA, DEZA E LUGO :

 (parte 1ª)

Iniciamos unha nova sección na que imos ir amosando o amplo e interesante patrimonio románico nas comarcas lindeiras, constituído por igrexas románicas dunha gran beleza artística e fonda pegada histórica.

Existe un grande patrimonio de igrexas románicas nesta zona. O Románico da Terra de Melide xa foi estudiado e publicado por Xosé Manuel Broz nos boletíns do Museo. Pero se conservan moitos máis exemplos nas veciñas comarcas da Ulloa, Arzúa, Deza (aínda que desta última nos centraremos so en Agolada) e Lugo (xa que no Concello de Guntín atopamos exemplos interesantes). Así amosaremos igrexas dos concellos de Palas de Rei, Boimorto, Agolada, Guntín, Arzúa, Monterroso e Sobrado dos Monxes.

Case todos os exemplos que imos amosar responden ás  pautas do Románico rural, amosando fundamentalmente elementos decorativos sinxelos como canzorros, capiteis figurados, tímpanos labrados e portas de medio punto ou de mochetas, mais tamén pode ser rico e nalgunhas ocasións incluso excepcional, con algún exemplo destacado como a Igrexa de San Xulián de Ventosa ou a de Santo André de Órrea (ambas en Agolada) ou San Martiño de Ferreira de Negral (Palas de Rei) ou Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín) entre outras, que destacan polo seu soberbio repertorio iconográfico e estilístico. Aínda así compre indicar que na súa totalidade foron obxectos de reformas en séculos posteriores, desvirtuando en gran medida, en moitas delas, a súa fábrica románica. Noutros exemplos conservouse máis ou menos en bo estado a estrutura orixinal aínda que cos consabidos engadidos das sancristías a partir do século XVII e XVIII.

A continuación deixamos unha escolma das igrexas románicas das bisbarras veciñas da Terra de Melide e que iremos publicando en diferentes entregas:

 

 1.- Santo André de Órrea (Agolada)

É o único elemento que se conserva dun antigo mosteiro de monxas bieitas fundado no século XI. Se aprecian na súa estrutura moitos elementos románicos: destacan as dúas portas (occidental e norte), que presentan unha decoración semellante á de Santa María de Melide coa diferenza de que estas de Órrea non teñen decoración nin símbolos no interior dos casetóns. Todo o aleiro exterior está decorado cunha banda con motivos en rombo e baixo este se conservan canzorros en todo o seu perímetro, e tamén destaca a ábsida semicircular na que se acoplan pilastras con capiteis con decoración floral.

A espadana é un engadido do século XVIII, como acontece na maioría das igrexas deste tipo.

Un magnífico exemplo do románico dos séculos XI e XII.

                     

  2.- San Martiño de Curbián (Palas de Rei)



Trátase da igrexa parroquial de San Martiño de Curbián, Románica, do século XIII que conserva os canzorros tanto na parede norte como na sur. Destaca a reforma efectuada na ábsida da igrexa que eliminou a anterior fábrica románica (descoñecemos se semicircular ou cadrada), e que actualmente lle confire un aspecto de torre, que non é outra cousa ca un presbiterio elevado . Inserida nesa novo presbiterio atopamos unha fiestra de arco de medio punto e con decoración de bolas reaproveitada da anterior construción.

A porta principal está bastante modificada igualmente, conservando as mochetas decoradas e dous capiteis de figuración xeométrica. A porta lateral norte tamén reformada, conserva un lintel decorado cunha roseta ou roda radiada.

O máis interesante desta igrexa se pode atopar no interior, xa que conserva un interesante conxunto de pinturas murais (en precario estado de conservación), que gardan moitas similitudes técnicas e artísticas coas de Vilar de Donas ou San Antolín da Capela (Toques). Non adxuntamos fotos das pinturas, xa que a igrexa se atopa pechada e non puidemos acceder ó seu interior.

Destaca na contorna unha casa con porta medieval situada xusto enfronte da igrexa e o singular conxunto de Vía Crucis, que dende a aldea leva á igrexa.

 

3.- Santa María de Marzá (Palas de Rei)



Trátase dunha pequena igrexa románica que destaca pola súas liñas sinxelas e pola fermosura da paraxe na que se atopa.

Foi edificada a comezos do século XIII sendo propiedade do Mosteiro de Vilar de Donas.

A mediados do século XX foi obxecto de reformas que modificaron a portada principal ata facela desaparecer, así como os canzorros da parede sur.

Nesa reforma conservouse a ábsida semicircular e os canzorros do lenzo norte, figurados, e que representan na súa iconografía varios aspectos relacionados cos pecados capitais como a avaricia (moucho ou curuxa, difícil de identificar) ou a luxuria, co fin de moralizar e educar.

Destacan, recolocados na fachada oeste e no lenzo norte, dous sillares que presentan senllos dragóns ou animais fantásticos gravados. Estes elementos foron recolocados tras a reforma efectuada na igrexa, xa que un deles (o da fachada principal) está posto do revés). Estas representacións de animais mitolóxicos son máis propias de estilos posteriores (Gótico), e temos un exemplo semellante na portada da Capela de San Roque de Melide procedente da desaparecida igrexa de San Pedro de estilo Románico de transición.

Interesante é o conxunto de pinturas murais que conserva no interior, repartidas entre a ábsida e a nave, así como o arco triunfal con capiteis figurados. Non temos fotos das pinturas nin do interior, xa que estas igrexas rurais atópanse pechadas e non podemos acceder a elas para fotografalas.

 

4.- Santiago de Bidouredo (Monterroso)

Neste Concello tamén podemos atopar numerosos e interesantes templos románicos espallados polas súas parroquias.

Nos achegamos nesta ocasión a Bidouredo, situado moi próximo á capital do concello, na estrada que conduce a Palas de Rei.

Trátase dunha igrexa de estilo románico edificada na segunda metade do século XII. Está edificada con sillares de granito ben armados. Conserva varios elementos interesantes como os canzorros de escasa figuración ó longo dos muros norte e sur. A ábsida, de planta cuadrangular, amosa unha estreita ventá saeteira. Na fachada norte podemos ver unha pequena porta con mochetas e outra ventá saeteira con derrame interno. Tamén destacan os apoios sobresaintes e aínda conservados na fachada, dun pórtico que tivo nalgún momento.

A fachada principal destaca pola porta en arco de medio punto sobre a que destacan as arquivoltas, apoiadas en dous pares de dúas columnas a cada lado. Unha das arquivoltas está decorada con casetóns similares ós que podemos atopar na igrexa de Santa María de Melide, pero no caso desta de Bidouredo están baleiros e carentes da decoración e símbolos que adornan o templo melidao. Os capiteis que sosteñen ditas arquivoltas están decorados con motivos florais, pero o interior do lado dereito ten representada unha cabeza dun home. O tímpano é unha peza de granito semicircular decorada cunha cruz gravada.

Esta igrexa destaca pola súa sinxeleza, aínda que conserva o caracter do románico rural tan característico destas terras do cerne de Galicia.

No camposanto parroquial situado no muro do adro (pola súa cara exterior norte) desta igrexa está soterrado o párroco de Melide, Antonio G. Mourelle, xa que esta é a súa parroquia natal.

 

5.- San Xusto de Repostería (Palas de Rei)

Templo de orixe románica de mediados-finais do século XIII, pero que foi obxecto de importantes reformas ó longo do tempo, as últimas no século XIX.

Conserva da súa fábrica orixinal varios canzorros situados nos lenzos norte e sur, sendo practicamente todos de motivos xeométricos e vexetais, aínda que destacan dous no estremo leste do muro da nave, amosando a representación dun paxaro (pomba?), e un home en cuclillas e que sostén a cara entre as mans. En ambos lenzos murarios se conservan tamén dúas pequenas ventás saeteiras.

Destaca a portada principal que conserva unha portada e narco de medio punto da que destaca o tímpano que amosa un gravado dun crismón (moi usual nas igrexas da Ulloa e dos que xa falaremos noutra entrada). A chambrana e a arquivolta son lisas, carentes de decoración, mais o cimacio presenta unha decoración sinxela de bolas, que anuncian xa un románico tardío.

Os capiteis das columnas que sosteñen a chambrana están decorados con motivos florais, e as xambas da porta rematan en mochetas decoradas igualmente con bolas.

Perdeu gran parte do porte románico, xa que a ábsida actual de planta cuadrangular veu a substituír á orixinal, daque descoñecemos a forma.

Na contorna, na zona exterior do campo da festa, anexo á igrexa, atopamos unha fonte cuxa pía é un sartego antropomorfo. Posiblemente procedente dunha anterior e primitiva igrexa desaparecida e que foi substituída pola actual.

Destaca na aldea un fabuloso conxunto etnográfico composto por un grupo de hórreos, palleria e unha casa medieval que conserva dúas portas antigas, unha delas con mochetas. Pero lamentablemente en pésimo estado de conservación.

Comentar que este lugar non se atopa actualmente no trazado do Camiño de Santiago, pero o nome da parroquia, 'Repostería', leva a relacionalo con esta ruta noutros tempos.

 

 6.- Santa María de Ciadella (Sobrado dos Monxes)



Templo de orixe románica, que non pertence ás comarcas mencionadas no título, senón que administrativamente situaríamolo na bisbarra da Terra de Melide.

Santa María de Cidadela atópase ó carón do campamento romano que leva o nome da aldea, polo que se trata dun emprazamento constituído por un conxunto patrimonial de enorme valor histórico, artístico e arqueolóxico.

Este templo data da metade do século XIII aínda que con total probabilidade existiu unha igrexa anterior á actualmente conservada, xa que o campamento foi ocupado en torno ós séculos V e VI d.C. polos suevos. Na actualidade conserva elementos románicos visibles como os canzorros repartidos polos lenzos norte e sur, a excepción da parte que ocupa a sancristía de construción posterior. Estes canzorros están decorados case todos con motivos sinxelos (proas e nacelas) aínda que destaca un que representa unha cabeza bastante sinxela.

Na porta principal, situada no lado oeste, podemos observar un arco semicircular, e que pode ser o que se conserva da anterior porta, agora remodelada, xa que as xambas non presentan ningún tipo de decoración e carecen de mochetas. Destaca igualmente a espadana situada no lado esquerdo da fachada, construída como un campanario adosado.

No lateral sur podemos ver outra porta de arco de medio punto con grandes doelas, sobre ela e á súa esquerda obsérvase unha pequena fiestra saeteira e os sillares que sustentarían un pórtico cuberto.

A ábsida é cuadrangular e no centro tamén conserva outra fiestra saeteira, nesta ocasión tapiada. No piñón da ábsida destaca por riba de todo unha cruz antefixa, elemento característico das igrexas románicas que soen ir colocadas sobre cordeiros, aínda que neste caso está sola.

No lado norte podemos observar polo exterior o espazo que ocupa a sancristía sobresaíndo da harmonía do conxunto.

Destacado é tamén o cruceiro que atopamos algúns metros antes de acceder ó adro. Trátase dun cruceiro decorado (posiblemente do século XVIII, descoñecemos o dato pero as súas pautas estilísticas así parecen identificalo), no que sobresae a cruz na que se ve a Cristo no anverso e á Virxe no reverso (mirando cara á igrexa). Ó seu lado unha pequena capela das Misións pedagóxicas.

Todo o entorno presenta un conxunto etnográfico relevante: hórreos, lavadoiro e unha casa medieval que conserva aínda a porta alintelada e con mochetas.


7.- San Martiño de Ferreira de Negral (Palas de Rei)

Trátase dun dos exemplos visualmente máis sobresaíntes do románico no Camiño Primitivo, ó seu paso polo veciño concello de Palas de Rei, dada a maxestuosidade da súa porta sur, e das grandes dimensións do templo.

Situado en pleno trazado da ruta orixinal a Santiago, esta igrexa parroquial está datada a fins do século XII, cuxa advocación (San Martiño), xa é reflexo da súa antigüidade.

Nesta igrexa destacan sobre todo a portada sur, magnífico exemplo de arco de medio punto con tres arquivoltas decoradas. A exterior, en dentes de serra, acubilla outra moldurada con casetóns similares ós que atopamos na igrexa de Santa María de Melide ou San Miguel de Esporiz entre outras, nesta ocasión con profusión de caracteres e símbolos. Destaca igualmente o tímpano cun crismón (moi frecuentes nas igrexas da Ulloa), baixo o cal figura unha inscrición coa data da fundación. Significativo é tamén o arco trilobulado da porta de acceso decorado no intradós con flores e espirais. As columnas tamén están labradas e decoradas e cada unha descansa sobre unha basa indivudual, destacando tamén a proliferación de imaxes simbólicas nos capiteis que sosteñen. Toda esta fachada sur reflexa o románico orixinal da fábrica medieval.

No resto da igrexa consérvanse canzorros no lenzo norte, así como un pórtico cuberto nese lateral, e no que se poden ver marcas de canteiro gravadas nos sillares.

A cabeceira é cadrangular, pero posiblemente foi reformada, xa que carece de elementos decorativos románicos.

Tampouco conserva a portada principal, no lado oeste do templo, amosando agora unha posterior obra de fins do século XVIII ou inicios do XIX. Con total probabilidade a portada oeste debía ser espectacular tendo en conta a monumentalidade que podemos observar na porta lateral conservada. A espadana é contemporánea.

Esta igrexa está situada en pleno Camiño Primitivo, moi próxima a ela podemos ver a ponte de Ferreira, tamén chamada "ponte romana". Aínda que puido ter reformas posteriores, o feito de conservar a plataforma plana indúcenos a pensar que conserva bastante ben a súa orixinal fábrica romana, a diferencia das pontes medievais do Leboreiro (Camiño Francés) ou a desaparecida ponte de Mera (Camiño Primitivo), que tendo similitudes arquitectónicas presentan unha plataforma semiesférica seguindo o trazado do arco (típico nas pontes medievais). Esta ponte salva o río de Ferreira neste punto, xa que se trata do trazado da antiga ruta de comunicación coñecida como Vía XIX e que unía Lugo con Braga, que posteriormente, na Idade Media, seguíu sendo utilizado e que na actualidade se corresponde co Camiño Primitivo a Santiago.

Un magnífico entorno a visitar unha tarde de domingo.

 

8.- San Martiño de Ramil (Agolada)


Trátase dun modesto templo rural do veciño Concello de Agolada, que non debemos confundir coa parroquia de igual nome do Concello de Palas de Rei, e que ademais son lindeiras.

E queremos destacar a enorme riqueza patrimonial que agochan e conservan estas comarcas veciñas da Terra de Melide, que no caso das igrexas románicas, sobresae o amplo repertorio que se pode visitar constituído por moitísimos exemplos dunha calidade excepcional.

A orixe deste templo románico rural de San Martiño de Ramil está datado no século XII, aínda que segundo varias fontes existiu un anterior templo prerrománico do que conserva algún elemento na súa construción (pero que non se observa).

A igrexa é de reducidas dimensións, presentando unha planta rectangular, con ábsida cuadrangular e a sancristía adosada ó muro norte, ó lado do presbiterio, froito dunha reforma posterior.

Aínda que conserva elementos románicos apreciables na fachada, resulta evidente que sufriu reformas posteriores, xa que tan so conserva canzorros no muro sur do presbiterio e a portada oeste. Igualmente se pode observar como o lenzo norte foi obxecto de modificacións xa que a porta de acceso de forma rectangular, así como a fiestra que se abre sobre ela, son de tipoloxía contemporánea (posiblemente do século XIX).

Destaca neste templo a portada principal ou oeste, enmarcada por unha arquivolta lisa e sostida por columnas con capiteis figurados (o da esquerda con entrelazos e o da dereita con figuración de animais fantásticos). O tímpano tamén é liso, non sabendo se na súa orixe xa foi así, ou perdeuse en posteriores obras. A espadana é de estilo Barroco cun so van para albergar a campá.

Pero un elemento destacado que nos fala tamén da súa orixe son os canzorros do lado sur. Todos eles de motivos sinxelos, lisos ou de proa, sobresaíndo sobre eles o do ángulo sureste, que representa unha cabeza humana.

No interior conserva elementos protogóticos (varios capiteis).

Esta igrexa atópase situada a 300 metros da aldea, en liña recta (seguindo a pista sobrepasa os 500 metros), nunha zona illada. Tamén é de destacar a similitude de nome e advocación coa parroquia veciña de San Martiño de Ramil do Concello de Palas de Rei, podendo significar que noutrora se tratase dunha mesma parroquia, aínda que na actualidade pertenzan a dous concellos e dúas provincias distintas e se atopen divididas polo curso do río Ulla.

 

9.- San Salvador de Merlán

Templo rural de enorme fermosura pola súa sinxeleza. Situado en pleno itinerario do Camiño Primitivo, este singular templo de orixe románica destaca polo seu pórtico.

A orixe desta igrexa parroquial podemos levala ata fins do século XII, pero sufriu importantes modificacións no século XVI que lle fixeron desaparecer a súa portada orixinal, ó mesmo tempo que se lle engadiu nesa época o pórtico que o fai tan especial. Da fábrica orixinal foron reaproveitados varios elementos que hoxe forman parte da decoración, como son os dous perpiaños colocados a modo de capiteis das xambas da porta de entrada (en arco de medio punto), e que locen decoración de bolas. Tamén as columnas que sosteñen a estrutura do pórtico son reaproveitadas, pois obsérvase nelas a fábrica antiga.

Destaca no lado sur a decoración da porta lateral, decorada con mochetas con canzorros de proa e cun lintel decorado cunha cruz de entrelazos e flanqueada por dúas ramas ou árbores cun claro significado de resurrección e vida.

Na ábsida, cadrada, destaca unha fiestra orixinal da fábrica románica que presenta dous capiteis diferentes: un floral e outro de palmas, e coroada por unha arcada semicircular de medio punto, na que destaca unha pequena chambrana decorada con billetes.

Conserva os canzorros polo exterior, a ambos lados da Capela Maior, sen máis artificios xa que todos son ou ben lisos ou ben de proas e nacelas, destacando dous no lateral sur con bolas insertas en aspas. Dita cabeceira destaca pola súa baixa altura.

A espadana é dunha soa troneira.

A singularidade deste templo radica na súa sinxeleza artellada na súa elaborada edificación, é dicir, o pórtico da entrada (posiblemente do século XVI), diferencia a esta igrexa doutras da contorna, ofrecendo unha imaxe de templo rural, de orixe románica, e cun concepto fondamente relacionado coa peregrinación, xa que tal elemento entre outros usos servía para acoller ós camiñantes.

Merece fondamente a pena unha visita a este enclave.

 

10.- San Román da Retorta (Guntín)

Aínda que Guntín pertence á Comarca de Lugo, pola súa proximidade á Ulloa e porque por esta parroquia pasa o Camiño Primitivo de Santiago, incluímola nesta lista.

A igrexa parroquial de San Román da Retorta dátase no século XII. Trátase dun pequeno templo rural, construído con sillares graníticos e que conserva parte da nave e paramentos orixinais, sendo a súa cabeceira unha obra posterior, do século XVII. Obra que se distingue perfectamente no exterior observando a diferencia de construción dos muros.

Da súa orixe en estilo románico conserva a porta principal (oeste) e a porta norte, ambas de decoración sinxela e similar, en arco de medio punto cunha chambrana en baquetón na portada principal e con decoración de billetes na norte. As columnas de ambas portas son lisas e os capiteis decorados con motivos vexetais e de follas. Os tímpanos carecen de decoración en ambos casos. Conserva tamén varios canzorros nos aleiros norte e sur, carentes igualmente de decoración. A cuberta da nave é a dúas augas, conservando a súa estrutura orixinal, mentres que o presbiterio e a cabeceira están a catro augas, froito das reformas posteriores. O destacado da cuberta é que está elaborada con lousa, a diferencia das que atopamos pola Ulloa, Terra de Melide, Arzúa ou Agolada que se cobren con tella.

A espadana situada na fachada principal, é sinxela e cunha soa troneira.

Destaca no entorno da igrexa de San Román da Retorta a réplica dun miliario romano atopado moi preto do lugar onde se atopa exposto. Está datado en torno a inicios do século I da nosa era, no mandato do emperador Calígula. O orixinal atópase depositado no Museo Diocesano de Astorga. Este miliario formaba parte como fito, posiblemente, da Vía XIX romana que unía Lugo con Braga, e que con total probabilidade é o trazado do Camiño Primitivo, xa que no século IX, cando se produciu a “inventio” do sartego do Apóstolo, e o rei Afonso II visitou o lugar vindo dende Oviedo, seguiu a ruta aberta séculos antes, xa que era o camiño que existía.

Este miliario confirma a existencia desta vía, ó igual que a ponte de Ferreira xa no Concello de Palas.

A igrexa de San Román da Retorta está levantada por tanto no trazado do Camiño sendo esa a súa finalidade.

Destaca neste mesmo entorno un hórreo con armazón de madeira e cuberta tamén con lousas, no que sobresae un pináculo en forma de torre ou capela.

 

 11.- Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín)

Trátase dunha xoia do Románico.

Pasou por varias fases de construción: unha primeira fundación en torno ó século IX polo conde Ero e a súa segunda esposa Dona Elvira, funcionando como mosteiro familiar ata o século XI, e pasando por diversas reedificacións ata a finalización da igrexa románica (con trazas góticas), no século XIII.

Pero as posteriores ampliacións do mosteiro nos mostran outros estilos artísticos presentes en dita edificación: consérvase no interior unha capela do século XV en estilo Gótico erixida como panteón familiar dos Taboada, e na que podemos ver dous sartegos nun arcosolio. Deestilo Renacentista é o Claustro do século XVII, e por riba de todo destaca no seu exterior a Torre en estilo Barroco, do século XVIII.

Moi interesante é tamén a ábsida semicircular onde se poden ver duas ventanas: unha no exterior de arco de medio punto de características puramente románicas con decoración de billetes na arquivolta, e outra no interior da propiedade, de arco apuntado ou oxival e con derrame exterior pronunciado.

Destacan os canzorros ó longo de todo o lenzo norte en motivos xeométricos, de nacela e proa e algún figurado: cabezas humanas, figuras e barriles, motivos vexetais,...

Soberbia é a portada que recorda o Mosteiro de Vilar de Donas cun pórtico cuberto a dúas augas. A porta principal está enmarcada nun arco de medio punto composto por unha arquivolta de triple arcada cuxos dous pares de tres columnas presentan capiteis historiados con motivos vexetais, humanos e de animais fantásticos.

Conserva parte da casa monacal na parte traseira, moi modificada, pero onde aínda se aprecian os contrafortes que sustentaban o peso da edificación.

Como é propio desta zona, a cuberta está tellada con esquisto.

O entorno tamén é interesante. Nas inmediacións, a escasos metros, consérvase unha fonte coñecida como "Fonte do Santo", por ser a súa pía un sartego antropormorfo reaproveitado para este fin (algo por outro lado bastante usual como podemos ver en Santiago de Albá-Palas de Rei, ou en Santaia de Serantes-Santiso).

Trátase este monumento, dun conxunto formidable de arquitectura monacal románica que ben merece unha visita.

Deixamos a continuación unha serie de imaxes, algunhas delas dos paneis informativos situados ó carón da igrexa, nos que ademias se pode ver o interior: o claustro, a Capela dos Taboada, o claustro e a nave.

 

12.- Santiago de Albá (Palas de Rei)




Templo de orixe románica que se atopa na aldea do mesmo nome a cal conserva ademais a feitura e encanto dos vellos núcleos de orixe medieval, onde podemos ver tamén outros elementos de interese.

A igrexa parroquial de Albá foi edificada en torno o século XII seguindo a corrente que o Camiño de Santiago introduciu en Galicia. Aínda conserva trazas desa construción medieval na súa portada principal, na do lateral sur e nos canzorros que adornan os lenzos murarios. A cabeceira foi remodelada posteriormente e agora loce cunha ábsida cadrada e presenta un tellado a catro augas. A nave, conserva a teitume a dúas augas propia da arquitectura románica.

A portada principal está enmarcada por dúas arquivoltas decoradas con casetóns, cadrados a interior e circulares a exterior, estando ambos protexidos por unha pequena chambrana con decoración de billetes, moi erosionada. As columnas que soteñen ditas arquivoltas presentan uns capiteis con decoración sinxela de motivos xeométricos e follas con bolas. Enmarcan un lintel, tamén bastante sinxelo que ten gravada unha cruz grega potenzada superposta a outra cruz, sendo moi frecuente na Ulloa atopar crismós nos linteis das portas das igrexas. A porta carece de mochetas (posiblemente eliminadas nalgunha reforma).

A porta sur tamén conserva a súa orixinalidade románica, estando enmarcada por unha arquivolta con decoración similar á que podemos ver noutras igrexas da Ulloa, como en Bidouredo ou Esporiz (que seguen modelos similares ós de Santa María de Melide). As columnas presentan capiteis igualmente decorados con follas e bolas e podemos ver nesta porta as dúas mochetas que a flanquean.

Conserva canzorros nos lenzos norte e sur, todos eles carentes de decoración simbólica e representando únicamente proas.

A espadana de dúas troneiras é de estilo Barroco.

Destaca nas inmediacións un sartego antropomorfo exento, coa característica de ser dúplice, é dicir, para soterrar xuntas a dúas persoas, xa que podemos ver nel o rebaixe efectuado para dúas cabezas, e a anchura do mesmo, o que indica a súa duplicidade. Na actualidade está formando parte do conxunto dunha fonte pública. Ata fai uns anos acutaba como bebedoiro para animais. Este sartego posiblmente proceda do entorno da igrexa parroquial, o que nos confirma a antigüidade deste templo, con total posibilidade constata a presenza dunha igrexa anterior a esta do século XII que se conserva na actualidade, xa que este tipo de enterramentos son máis propios dos séculos IX, X (non de orixe sueva como se indica no cartel que podemos ver ó seu carón).

Todo o conxunto da igrexa amosa un aspecto evocador do pasado deste lugar. Merece a pena unha visita.

 

13.- Santiago de Eidián (Agolada)

Desprazámonos ó veciño concello de Agolada, en concreto a Eidián, onde aínda se conserva este modesto templo que garda reminiscencias da súa fábrica románica.

Atópase encaixonado entre o cemiterio parroquial, e as casas da aldea, que precariamente lle deixan expresar a súa función.

A parroquial de Santiago de Eidián, datada orixinalmente a mediados-finais do século XII, trátase dunha pequena igrexa composta dunha soa nave e cunha cabeceira ou ábsida rectangular. Foi obxecto de reformas no século XVIII que se poden ver na súa edificación actual como por exemplo na súa fachada principal ou oeste, que está totalmente reformada e conta cunha espadana de dúas troneiras.

Nos lenzos murarios norte e sur, é onde se pode apreciar aínda os restos da súa época románica, xa que conserva os canzorros, a maioría deles sen decoración ou cunha moi sinxela a modo de proas e nacelas. Destaca no esquinal sueste da ábsida unha cabeza de carneiro a modo de decoración, recolocado posteriormente, pois nas reformas de época moderna aumentouse a altura da cabeceira, dato que se pode observar na diferencia do aparello empregado. O aumento da altura pode apreciarse tamén nas dous canzorros que se poden ver a media parede nos esquinais da cabeceira, que marcan a altura que tiña en orixe esta cabeceira.

Destaca no cumio da ábsida unha cruz ensanchada rodeada dun círculo (coñecida como cruz celta, xa que este é o nome que se lle da a este tipo de cruz, que leva un círculo enmarcado entre os seus brazos)).

No lateral norte conserva unha porta enmarcada cun lintel triangular decorado cun óculo central de pequeno tamaño a modo de pequena fiestra e aberto posteriormente.

Conserva tamén varias fiestras seteiras que lle darían iluminación anterior na súa orixe.

Como curiosidade compre dicir, que detrás da igrexa conservase nunha casa unha eira de mallar elaborada con grandes chantos de pedra.

Esta parroquia conserva outros elementos patrimoniais de alto valor, destacando sobre eles o Pazo de Eidián, magnífica construción pacega do século XVI.

 

14.- San Vicenzo de Ambreixo (Palas de Rei)

Fermoso templo rural que destaca pola súa sinxeleza e beleza paisaxística.

Trátase da igrexa parroquial de San Vicenzo de Ambreixo.

Descoñécese a data da súa fábrica orixinal, podendo datarse a mediados-finais do século XIII, atendendo ós detalles arquitectónicos e ornamentais da súa fachada, como é o caso do lintel escalonado da porta sur, que na actualidade é difícil de observar dada a ubicación que presenta a igrexa, pegada practicamente ó muro posterior da casa coa que linda, e salvando ambas edificacións un pronunciado desnivel.

Esta igrexa foi trasladada de ubicación xa no século XVIII. Anteriormente atopábase na aldea que levao seu nome, Ambreixo, pero nesa data mudou de lugar xunto coa Casa Grande que podemos atopar á entrada da aldea de A Viña e que tapa case na súa totalidade o templo parroquial, estando este asentado nun prado posterior, e semellando partencer á propiedade da casa.

Destaca a asusencia de camposanto, pero isto é debido ó feito do seu traslado hai case tres séculos.

En canto á fábrica románica conserva no seu exterior a práctica totalidade de elementos, destacando os canzorros ó longo da fachada cunha sinxela decoración de proas. Compre sinalar que a igrexa foi elevada en altura logo do seu traslado, e isto obsérvase na cabeceira e na ábsida, pois se poden ver as ménsulas (e canzorros) de suxección da teitume colocadas a pouco máis de media parede, e que están indicando a altura orixinal desa parte da edificación.

A portada principal é de medio punto doblado cunha arquivolta decorada con dentes de serra e que lle aportan toda ornamentación. Destaca o cimacio axedrezado ou en billetes que fai ademais a función de capitel, xa que non ten columnas e o peso do arco e do lintel apóiase en xambas elaboradas con sillares de granito. Na actualidade carece de lintel, ocupando o seu espazo unha ventá con cristal. Trátase dun dos escasos puntos de luz natural da igrexa, sendo os outros dous, dúa pequenas seteiras de arco de medio punto con derrame interno e colocadas nos lenzos norte e sur.

Conta cunha espadana dunha soa troneira en estilo Barroco, colocada sobre a portada oeste.

A beleza deste templo apréciase tanto nos seus detalles do románcio rural moi ben conservados, así como pola súa actual ubicación, nun prado posterior da casa que lle confire privacidade.

Outro exemplo máis para visitar e coñecer a riqueza artística da Ulloa.

 

15.- San Cristovo de Dormeá (Boimorto)

Trátase dunha parroquia moi próxima a Melide e pola que transitaba o camiño medieval que comunicaba Melide e Curtis.

A igrexa de Dormeá na actualidade déixanos ver pequenos retazos da súa fábrica románica, modificada ó longo dos séculos e que agora amosa o resultado das reformas sufridas a fins do século XVIII e inicios do XIX e que lle dan a imaxe Neoclásica que podemos observar na súa fachada occidental.

En orixe foi edificada en estilo románico do que apenas se conservan vestixios e que polas súas características non podemos levalo máis alá do século XIII, aínda que inicialmente esta igrexa foi parte dun cenobio de monxas bieitas fundado a inicios do século XII pola condesa Lupa Pérez de Traba filla de Pedro Froilaz Conde de Traba.

Da súa fábrica románica podemos ver na actualidade varios elementos: os canzorros dos lenzos norte e sur, sendo os primeiros mais elaborados que os segundos, aínda que predominan maioritariamente os decorados en nacelas e proas, tamén se pode ver algún exemplo con modillóns esferas, espirais ou motivos xeométricos.

Neses mesmos lenzos murarios tamén podemos ver dúas portas laterais da mesma época (a norte cegada na actualidade). A porta sur presenta un lintel liso semicircular, cuxa decoración resulta do arco que o envolve a modo de arquivolta. Flanquean a porta dúas mochetas sen decoración. Pola contra na norte so se aprecia o lintel pentagonal que coroaba a porta de acceso. Trátase do único elemento que se conserva, xa que na actualidade esta porta está cegada.

A ábsida é cuadrangular e foi aumentada en altura en séculos posteriores á súa fábrtica, como se pode apreciar polo contaforte adosado á mesma no lado sur e que alcanza poico máis de media altura do muro. Nese mesmo lenzo podemos ver outro contraforte completo, así como dúas ventás seteiras. No lenzo norte tamén se aprecian os restos de contrafortes dos que se conservan as fiadas superiores adosadas ó muro, así como dúas ventás seteiras que imitan ás do lenzo paralelo.

A fachada oeste, ou principal amosa o estilo Neoclásico co que foi reformada coroada por un campanario de dúas troneiras.

O interior conserva un arco triunfal de medio punto dobrado, sustentado por dúas columnas de cánon curto e con capiteis florais. A Capela Maior está cuberta por unha bóveda de canón cun arco faixón sustentante. Estes elementos decorativos e arquiectónicos nos poden dar unha aproximación á cronoloxía actual do templo, que aínda que existise un anterior, fundado no século XII e relacionado co mosteiro bieito, os elementos conservados falan dun románico tardío en torno ó século XIII, sen engadir as reformas da Idade Moderna.

Como todas as igrexas parroquiais rurais da nosa contorna, ben merece unha visita.

 

Texto e fotos: Museo da Terra de Melide

 

 

 

 

  SIMBOLOXÍA, MITOS E RITOS NA TERRA DE MELIDE A BALANZA DO CRUCEIRO DE MELIDE Certamente o Cruceiro de Melide, o decano dos cruceiros gale...